Domingo, 6 de xaneiro de 2008
Que mellor regalo de reis que unha tregua climatolóxica, despois das chuvias das vésperas, un feixe (pequeno pero escollido) de amigos, e un sendeiro bonito para sementar as nosas pegadas. Pois todo isto trouxéronos os magos, e algo máis, un comedeiro bonito en Ponte Bora, onde o río Almofrei xunta as súas augas cantareiras cas do río Lerez. Neste punto xeográfico, onde comezaron ou remataron algunhas das miñas aventuras acuáticas, intentamos reparar os excesos da noite, que do dicir que intentei, porque dos catro que nos xuntamos para comenta-los regalos, fun o único que andiven de can, como nos vellos tempos, ou case.
O Pilaro é unha casa solarenga, de pedra centenaria, convertida en tapería con moi bo gusto, e gozamos da súa cociña ó calor da lareira. O menú era para resucitar a un morto: quesadillas de polbo, ensalada templada de gambas e cogomelos, patacas con queixo e touciño entrefebrado, e chipiróns encebolados, e de sobremesa torta San Marco e a curiosidade da casa: torta de augardente con marmelada de moras. E o morto, ou sexa eu, resucitou das súas doenzas e da falta de sono, grazas á comida, á compaña, e ás fotos de fin de ano, que me trouxeron, coa tecnoloxía dixital, a miña metade.
Todo eran saudades, de aqueles días en que navegaba polos cauces veciños, e pola xente que non teño ó meu carón, e por iso escollemos un sendeiro que dan en chamar “A lembranza do lobo”, no veciño concello de Cotobade. Ata a casa consistorial, no lugar de A Chan, desprazámonos, baixo un ceo que ameaza con romper augas sobre nós, e unha vez alí preparámonos coas nosas roupas hidrófugas para resistir no caso de que finalmente se precipite a tormenta.
Ós poucos metros atopamos un panel con un detalladísimo mapa do noso itinerario, que é obra da Asociación Cultural Canon do Almofrei, e da Asociación Xuvenil Pedra Novas, que fixeron realmente un traballo ben feito. E xa nese punto de partida descubrimos unha pequena mostra da arquitectura popular: un fermoso pombal en moi bo estado, varios canastros feitos totalmente en pedra (ata o tellado), e algunhas casas de indianos, comidas polas silveiras.
Como xa eran preto das catro da tarde e tiñamos dez quilómetros de andaina por diante, non demoramos máis co tempo necesario para orientarnos na boa dirección, e collemos pola estrada de Rebordelo e Pozo Negro, que ós poucos metros levounos ata unha ponte sobre o río Almofrei, onde trocamos o asfalto por un amplo sendeiro.
Por este fermoso camiño é polo que accedemos a un área recreativa, preto de dous muíños rehabilitados e, seguindo río arriba, tamén ó pouco tempo, pasamos por unhas piscinas fluviais, polo salto de auga da presa de derivación dos enxeños hidráulicos e xirando á dereita enlazamos con un pequeno tramo asfaltado que se afasta do cauce fluvial. A proliferación de marcas non nos deixa lugar a dubidas, e deseguida enlazamos con unha congostra alfombrada de follas de carballo, encaixada entre paredes de terra onde crecían diferentes musgos, ombrigos de Venus e fentos.
A pesares de que puidemos observar a presencia da colonización do eucalipto nesta fraga, que se salvou milagrosamente das queimas de fai dous veráns (o concello de Cotobade foi declarado zona cero), ás beiras do túnel polo que deixábamos as pegadas das nosas botas estaba totalmente arborada con especies autóctonas: carballos, castiñeiros e unha cantidade apreciable de acibeivos.
No camiño atopámo-las ruínas dunha casa grande, engulidas pola vexetación exuberante, que transforma este lugar en algo inquietante, e nese mesmo sitio atopamos o desvío a Sabugueiro que leva a Ermida de San Brais. Non tiñamos tempos para aires, así que continuamos ascendendo lixeiramente o carón de muros fanados, mentres, debido á bonanza climatoloxía, entramos en calor e mesmo tivemos que desprendernos de algunhas pezas de roupa.
O desnivel non é importante, e ademais os poucos metros que gañamos os perdemos con facilidade ó chegar a aldea abandonada de Arufe, onde visitamos os restos doutra casa, que debeu ser importante no seu tempo, xa que conta con dous canastros e un amplo palleiro, ademais da vivenda, con dúas entradas, por onde votamos unha ollada o seu interior. Dentro das súas paredes só hai fantasmas, cuncas e botellas valeiras, pisos fundidos e mobles estragados, testemuñas mudas dun pasado esplendoroso que xa non volverá. A única nota de cor é unha laranxeira, que aínda resistía o abandono, e onde Miguel rapiñou un pequeno botín.
Seguindo o camiño vimos máis vivendas no mesmo estado, algunhas totalmente cubertas pola maleza, e tentábamos imaxinar como debía de ser a vida dos seus habitantes, cando polas congostras que pisamos se escoitaba aínda o rexer das rodas dos carros. Non nos atrevemos a dicir si eran mellores ou peores os días en que estas estancias estaban habitadas, pero si que eran diferentes.
A baixada levounos ata a estrada de Augasantas e A Lama, onde atopamos outro cartel descritivo da ruta, e despois de cruzala descendemos por unha corredoira de pedra, ata unha zona de pastos en socalcos, por onde escoitamos outra vez o río.
Entre as leiras dos veciños da próxima poboación de Loureiro chegamos outra vez ó Almofrei, que cruzamos por unha pontella soterrada baixo unha superficie de cemento, cousa habitual neste país onde o feísmo rematará por soterrarnos a todos, e camiñamos un anaco de superficie asfaltada, onde nos espera unha simpática sorpresa. Entre un campo de millo, as beiras do leito fluvial, divisamos dous paisanos, que supoñemos afanados en algunha faena agrícola, máis o acercarnos constatamos a súa inmobilidade: son dous espantallos, si, de eses que xa non quedan, sobre todo pola irrupción dos discos compactos, que polo de agora non pagan canon á SGAE.
Atopamos tamén a un parroquían que nos conta que tamén el confundiu os monecos cos donos da finca: señor Manolo e señora Pilar. Eu saltei ó campo para fotografar a parella: ela con longa melena, roupa colorida, colares e gafas de sol, parecía unha jipi, mentres ca el con gran bandullo, camisa de raias e careta de ex-presidente dos Estados Unidos ¿Nixon? ¿Carter?, a verdade é que tiña pinta de ser o curmán de Cuiña, que o señor teña na gloria. O tipo que nos contou o parecido dos espantallos cos propietarios viña con ganas de parola, e a piques estivemos de quedarnos outro rato con el, pero o tempo apremaba e despedímonos do paisano.
Volvemos camiñar ó carón do río, nun tramo de gran beleza que nos conduciu ó Muíño dos Pasos, o cal tivemos que sortear, xa que a saída de auga anegaba parcialmente o sendeiro, e impedíanos o paso. Non sabíamos aínda que de aquí en diante teríamos que pisar máis dun camiño asolagado, o que faría mías miúdo o noso avance.
O certo é que a auga foi a protagonista indiscutible do percorrido, e a estas alturas xa non sabíamos cantas eran as veces que levabamos cruzado o río, aínda que aquí o fixemos por unha fermosa pontella de grandes lousas que, nesta caso, librouse do revestimento de cemento, grazas a estar alonxada da estrada.
Os poucos fomos aloxándonos do río, pero pouco, tan só para gañar algo de altura e contemplar a súa silueta de serpe, debuxando curvas entre a fraga de carballos e os pastizais. Sorteamos os regatos de Codesás e Cabadas por senlleiras pontes, e preto delas observamos os restos dos Muíños de Pelino e Banzadas, testemuñas mudas de outros tempos.
Daquela os camiños estaban vivos todo o ano, e non só cando catro ociosos coma nos viñan pisalo, sen máis ánimo que movelas pernas e contempla-las súas paisaxes. O certo é que esta parte do sendeiro, xa atractivo de por si, ten un encanto especial, e máis cando cruzamos o regato de Portalaxe, que desemboca no Almofrei ós nosos pés. Aquí están tres muíños formando un triangulo, o de Portalaxe, o de Rezada e o Batán do Liño, onde mazaban os tecidos para a confección.
O bo sería ter o tempo para mirar todas estas marabillas, pero o sol xa desaparecera, e as sombras comezaban a estenderse con rapidez, e Ramón xa vocalizaba o que pensaba o resto do grupo: que aínda non fixeramos a metade do itinerario e que en nada era noite pechada.
Alixeiramos o paso, outra cousa non podíamos facer, aínda que os camiños anegados seguían ralentizando as nosas pegadas, e iso que máis de un xa tiña mollados os calcañares. Menos mal que Miguel, ca súa pequena guía na man, conducíanos acertando as marcas, que por outra parte non daban lugar a dubidas, e que Yuka metera un par de lanternas na mochila, por se acaso.
Chegamos así ó Ponte Serrapio, onde lle demos as costas ó río e comezamos a ascender, abandonando tamén a fraga de amieiros, bidueiros e carballos, por un camiño desarborado, ata onde chegou o alento infernal do verán do 2006. Parecía que remataba a festa, a luz minguaba por momentos, aparecía a choiva, por momentos miúda e por outros, teimuda, e o terreo empezaba a inclinarse, e aínda nos quedaba un treito do carallo para chegar ó coche.
A cousa pintaba mal subindo o Couto Moniño, pero os noso rastreadores seguían atopando os sinais que confirmaban a nosa dirección, ata coroar o pequeno outeiro, onde o camiño descende o carón dun muro de pedra que intuímos era o comezo do Foxo do Lobo.
Xa de noite chegamos a un regato e temos que prende-las lanternas, aquí perdemos as marcas pero non temos moita dubida e o cruzamos, seguindo o muro que, efectivamente, levounos ó remate da trampa, onde os que remataban eran os lobos. Este muro conecta con outro, en forma de uve, e conflúen nun pozo circular, onde se consumaba a masacre. Por unha pequena abertura nas pedras continuamos un sendeiro que desemboca no Chan das Latas, preto da estrada de Caroi. Nesa chaira aínda atopamos, despois de remexer na mais completa escuridade, un feixe de marcas, pero despois dun tempo esvaecéronse e tivemos que tomar unha decisión de emerxencia: saír ó asfalto e tentar de enlazar coa estrada que leva a Carballedo dende alí.
Parecíamos ánimas en pena, camiñando polo asfalto, en medio da noite e da nada, e aínda é sorprendente que lograramos parar un coche para que nos confirmara se íamos na boa dirección. Íamos, si, e non faltaba moito, claro que non son as mesmas distancias a motor que a pata, ou son pero non parecen. A min fíxoseme eterno o tramo de piche, e menos mal que a chuvia deunos unha tregua e que non facía demasiado frío. Debemos andar como unha hora, antes de acadar as primeiras casas de A Braña, e dende alí aínda nos levou outros bo anaco chegar ó coche. Eso si, fixemos a promesa de volver, con máis tempo, claro, para completar o anaco que a noite non nos deixou facer.

No hay comentarios:
Publicar un comentario