E154 Trilho de Tibo (Arcos de Valdevez)




Domingo, 27 de decembro de 2009

Os meus ollos estaban famentos deses rabos de nube que se espallaran polas serras arraianas e que albiscara dende o alto dos Padrosos no retorno do Nadal da miña aldea de Abellás, pese a que a primeira montaña do meu imaxinario particular, o Penagache, recibira máis sarabia que folepas. Mesmo o día anterior, no transcurso da magnifica ruta que fixera cos Nómadas polas fragas do Morrazo, comprobara dende a cruz de Érmelo que, aínda que se incrementaran as temperaturas, resistía unha ampla liña branca perfilando os cumios da Peneda e do Soajo.

Así que unha vez máis conseguín contaxiar o meu soño a un feixe de eivadiños, e vencer o sono que aínda persistía nas súas pálpebras, porque desta non era eu o que viña cos síndromes típicos, xa que me deitara a unha hora prudente, senón Patri e Isabel, que estiveran de troula ata máis ala do que aconsellable polo adianto horario da convocatoria. Xacobe e Fany, algo máis descansados, completaban a expedición na procura dun algo de neve que nos dera, polo menos, para facer un monicreque e tirar unhas bolas.

Outra vez recalamos en Puxeiros, que está a converterse nun clásico, para aprovisionarnos de tortilla e empanada, e tamén para almorzar, xa que poucos eramos os que tomaramos un café na casa. E dende alí collemos rumbo cara a fronteira, onde o Xaco (querémolo igual) deu por coller o itinerario máis longo, o da autoestrada que vai cara as serras da Arga e Amarela e, aínda que dando unha volta fenomenal, cara o Soajo, e dende alí, a Peneda, onde tiñamos previsto facer a ruta que sube cara a lagoa.

O chegar o miradoiro de Tibo fixemos unha parada precipitada, xa que Isabel viña un algo mareada polas sucesión de curvas, e constatamos que nas montañas que nos arrodeaban non había máis rastro que nuns cumios afastados, probablemente preto de Pitoes das Junias, e que convíñanos pornos a andar o máis pronto posible. Así foi como mudamos o trilho da Peneda polo de Tibo, que tiña gravado na memoria por habelo feito no mes de xullo con Zalo e Georgia.

Deixamos alí mesmo o vehículo e baixamos cara o río Leboreiro, que ollabamos ó lonxe enchendo o vaso do encoro de Lindoso, internándonos nunha paisaxe que espertou exclamacións de admiración en tódolos que descoñecían a existencia deste anaquiño do paraíso, que non ten nada que envexar as que se poden contemplar en Pirineos. Tanto era así que tiven que botar un par de berros para imprimir un bo ritmo dende o comenzo, xa que tiñamos as horas de luz xustas para completala ruta que deseñara o de Paramos.

Nun primeiro momento tiven algunhas dificultades para atopar o camiño, pero de seguida me orientei e descendemos polas abas da serra, sorteando algúns regueiros e tramos anegados onde o Xacobe puña a proba a súa patiña, aínda non moi convencida da empresa que tiña por diante. O certo é que o camiño, que as veces desaparecía no medio dunha vexetación exuberante, tiña o firme bastante irregular, e había que estremar as precaucións para non mancarse.

Chegamos sen novidade á aldea de Varzia, afastada do mundo e onde o tempo parecía detido, aínda que non para nós que loitabamos contra o tempo, e nos detivemos o imprescindible para tirarlle un par de fotos os curiosos peches deste lugar: portas de coche ou de neveira, aquí o dos somieres xa pasou de moda. Os campos dispostos en socalcos, as viñas cubrindo os camiños empedrados, os soutos e as carballeiras, dispoñen unha paisaxe máxica, acentuada pola proximidade do rabo do encoro de Lindoso, que fai a ilusión dun río de entidade semellante o noso Minho.

Enlazamos aquí co GR que conecta o Soajo coa Peneda, e avanzamos pola beira do Leboreiro, a montante, por un sendeiro fermosísimo, que nos ofrece as panorámicas máis impresionantes do itinerario. Pero non todo foi un camiño de rousas, xa que tivemos algún momento perigoso cruzando un ribeiro que tributaba no encoro, e mesmo Isabel tivo un pequeno accidente e caeu de cu nunha rocha mollada. Non se mancou pero tivo que facer o resto do traxecto ca roupa enchoupada.

De tódolos xeitos este resultou sen dubida o treito máis amable, xa que ás vistas espectaculares do río, uns metros baixo os nosos pés, e das montañas que se inzan sobre el, as da outra beira xa no territorio da Galiza, hai que sumarlle o suave desnivel e a temperatura agradable. Tanto foi así que decidimos facer unha parada sobre un penedo e dar conta das provisións que colleramos en Puxeiros: empanada e tortilla, que xa vai facendo tradición, e tamén probamos as lentellas que preparara na véspera Fany.

Con forzas renovadas retomamos o camiño e non tardamos en chegar a Mestura das augas, onde converxen os ríos Leboreiro e Peneda, para avanzar a montante por este último. Aquí comezamos un ascenso suave, co río ruxindo nunha sucesión de saltos de auga nos que se alternaba a escuma nívea coa esmeralda dos remansos.

Tivemos que loitar contra as silveiras que penduraban nalgunhas partes do camiño, e menos mal que diante levabamos unha brigada forestal experta nas labouras de desbroce, cruzamos un feixe de regueiros que anegaban o camiño e pasamos ó carón de muros vestidos con espesas capas de musgo, e nun paso angosto, un chisco despois de que comezara a chover, atopamos un feixe de barrosas que facían unha barreira estática que non había xeito de atravesar.

Despois de varios intentos para que as vacas tiraran para adiante ou para atrás, Patri e Fany inzáronse ó muro e lograron partir en dúas a manada, xogándose o tipo fronte ás enormes cornamentas, e xuntos, mulleres, homes e bestas, fixemos o derradeiro tramo que nos separaba do pobo de Tibo, no corazón do val da Peneda.

Aquí quedaron Isabel e Patri, alertadas do enorme desnivel que tiñamos que sortear na última etapa para chegar ata o coche. E partimos o resto a “ritmo eivadiño”, escalando pola aba da montaña por un estreito sendeiro que, conforme gañabamos altura, nos daba unhas boas panorámicas da aldea e do canon polo que avanza o río da Peneda para sumar as súas augas o Leboreiro.

A chuvia se intensificou nos últimos quilómetros, nunha costa infame que puxo a proba a recuperación da patiña Xacobe e que a min deixoume algo mancado do xeonllo, aínda que non detivo o ritmo dos tres eivadiños que fixeron unha subida épica, impecable... bo, non tanto, xa que preto da estrada tivemos que sortear un monte de merda de vaca que traspasara o cercado dunha granxa e anegara parte do camiño.

Rematou aquí a nosa ruta, que nos levou unhas cinco horas a bo ritmo, e para celebralo o Xacobe lle ensinou o cu a uns seareiros mentres mudaba a roupa mollada. Recollemos ás rapazas e emprendemos o retorno á metrópole, sen máis anécdota que as moitas veces que o noso Industrial se perdeu no medio da noite arraiana, aínda que a culpa, como sempre, a tiña eu, por ir medio adurmiñado entre os novos fichaxes do noso grupo. Pois será...

3 comentarios:

  1. Déronme ganiñas de por as botas de goma e sair airada a un "gran paseo visual". Pero..estaba sóa e sentir perguiza, así que visualicei todo a través dos teus ollos. bicos

    ResponderEliminar
  2. Agradecemoste que puxeras as botas para nos acompañar, as nosas xeografías, as emocionais e as que ignoran as fronteiras, tamén teñen esquinas de tenrura. Quizáis un día desbotes a preguiza e nos guies polas túas terras...Bicoliños

    ResponderEliminar
  3. Pero home, o de que os eivadiños camiñamos pola merda non se dí; hai que buscarlle un xeito de contalo máis épico

    bicos

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores