Sábado, 10 de abril de 2010
Conta Cervantes qué ó mais célebre fidalgo da Mancha deulle volta a cabeza cos libros de cabalerías. Ó noso Anxiño, a luz dos Eivadiños, ultimamente cando pecha os ollos escoita os cascos de 4 cabalos e ve ó fin do mundo e o seu propio por todas partes. Non sei si foi que leu o Apocalipses e tornoulle o sentido, ou que co recente cabo de ano da morte de Kurt Cobain anda por aí o seu espírito buscando ánimas pra un concerto no inferno. Esperemos que estea nun proceso creativo e que todo sexan ensoñacións; haberá que segui-los relatos do blog do Angelonero.
Este grupo de nómades dos camiños, ten na súa esencia as caídas dos pexegueiros, dos cantís de Monteferro, e mesmo eu acabo de torcer un pé por enésima vez antes de escribir esta crónica. Se non estivese eivado, non ía eu estar aquí estomballado na area e abrasándome co sol, no mesmo escenario onde onte marchaba polos carreiros. A ver se esta paraxe á que onte lle arrinquei unhas fotiños, hoxe me inspira pra escribir aljunhas palabras.
Hoxe non temos cabaleiro que nos guíe, pero aquí estamos dous dos escudeiros pra percorrer os montes e manter vivo este xerador de historias; pena que pra algúns sexa só sendeirismo. Convencín ó Panete pra saír a patear e as súas tendencias naturistas nos levaron a praia de Barra pra dende alí iniciar a volta á costa da Soa Vela. Comezamos cun baño iniciático que case nos deixa na area prostrados todo ó día, pra recuperar ó sol a enerxía que as xélidas augas arrincaron do noso corpo.
Iamos lixeiros de provisións e un boliño que mercamos de camiño e unha barra de chourizo foi todo o noso sustento. Un plátano a medias e un peladillo deron o toque doce antes de arrincar dende Cabo Home cara ó Facho.
Neste lado norte da sombra, sopraba unha brisiña que fixo agradable o camiño baixo un sol cenital que non deixaba unha mínima sombra que dera contraste ás fotiños que ía tirando.
Algún papanatas que non aprendera a andar, pasou por nós levantando nubes de pó que amargaron o regustiño que traíamos na boca tralo xantar. Aínda por riba pretendendo que nos apartaramos pra deixarlle o paso libre e o seu mega coche non batera nos baixos. A súa acompañante era das que se perden polos mamalóns cun deportivo vermello, pero sejuro que non habería de empurrarlle polo cacharro como rachara o cárter nun penedo.
Na sombra do monte Facho, e tras unha espesa barba unha personaxe extraña observábanos dende uns ollos profundos; pasamos a súa beira pero o saúdo non provocou nin sequera o seu pestanexo.
Chegados ó alto e unha vez mais abraiados polas vistas, pousámo-lo cu pra escoita-lo silencio, ata que unha concentración moteira se congregou por alí e empezaron a facer barullo e a mirarse os escapes os uns os outros. Deixamos atrás as bestas vestidas de coiro e volvemos cara a Barra onde tras varios intentos de descargar enerxía abrazando ós árbores, o Panete atopou o lugar onde liberar o estrés.
Mentres nós, na praia, lle dábamos merecido repouso ós nosos músculos, o Anxiño buscara paz pro seu corpo nas urxencias do hospital, onde as fadas da farmacoloxía fluían pola agulla e se fundían no torrente do seu sangue.
Compañeiro: non sei moi ben porque non deixas bulir máis a miúdo esa prosa fresca, agarimosa e retranqueira, quen non ten nada que envexar as que soen aparecer nestas páxinas, máis ben o contrario. Fixéchesme sentir canda vós, a pesares de que para min foxe unha xornada de dor e de soidade. Non esquezo que ó remata da xornada fuchedes na miña procura, e que xuntos demos boa conta dunha fonte de churrasco no Eido Vello, na boa compañía de María, que a ver cando se anima a dar un paseiño con nós ¿será que non ten ningunha eiva?. Pois o dito: unha cousa fantabulastica. Grazas, amigo.
ResponderEliminar