A3 Sendeiro das Ribeiras (Vigo)

Mércores, 3 de maio de 2006

Comezamos o percorrido na Bouza, pequeno pulmón do barrio obreiro de Coia, polo que tanto tempo loitaron os seus veciños. Situado na parte do solar das antigas cocheiras da compañía de tranvías, nos anos oitenta foi obxecto de desexo por parte dos especuladores, que crían insuficiente o terreo gañado para urbanizar. Finalmente, tras unha loita que incluíu non poucos enfrontamentos co goberno municipal e coas forzas de seguridade do estado, foi declarada zona non urbanizable e nela inzouse o parque que disfrutan agora tódolos coiotes, como se denomina popularmente ós habitantes desta pequena cidade dormitorio.

Dende esta zona verde dirixímonos cara ó estadio municipal de Balaidos. Aquí, xunto á pista de atletismo, comeza o derradeiro tramo do sendeiro do Lagares, que o acompaña ata súa desembocadura. Mentres pola ribeira esquerda do río discorre a estrada paralela ó complexo automobilístico da zona franca, pola dereita discorre un paseo de grandes lousas sombreado por carballos, sabugueiros, salgueiros, acacias e outras especiais arbóreas propias destes humedais.

Á nosa dereita, cubrindo os muros que separan o paseo da zona urbanizada, atopamos espléndidos murais dese arte moderno e gratuíto que representa o graffiti, con mostras de gran orixinalidade. Non levamos nin dez minutos andando e nos saen ó paso as primeiras aves acuáticas, unha pequena bandada de parrulos, e ó longo do traxecto vemos bastantes exemplares desta especie, así como algunha garza solitarias.

Na primeira ponte que une ambas beiras saen tamén ó noso encontro as inconfundibles marcas amarelas e brancas dun PRG que nos acompañaran ata o mar. Tratase dun tramo do sendeiro panorámico de Vigo, que circunvala a cidade dende os seus montes e praias, para ofrecernos unha visión completa da metrópole.

Cando xa levamos avanzado un bo tramo atopámonos coa Avenida da Florida, que sorteamos por unha pasarela soterrada. Ábrese o camiño ó traspasala, con pequenos prados que nos separan da zona industrial, aínda que non podemos evitar a contaminación acústica, outro dos inconvintes da proximidade dunha gran cidade.

Seguindo o noso camiño, sempre sombreado polas nobres especies de ribeira, cada vez máis frondosas, atopamos o Humidal de Goberna, que se nos antolla como aqueles pantanos das películas nas que intrépidos exploradores remataban engulidos por areas movedizas ou grandes serpentes. Non deixa de inquedarme aínda hoxe este paisaxe de carrizos e augas estancadas, e penso na miña infancia. Venme a mente “O corazón das tebras”, a novela de Conrad que reflexa como ningunha outra a conquista dos territorios .

Outra vez temos que sortear a estrada por un paso soterrado, neste caso a estrada da costa e a autoestrada de Baiona. Aquí estamos na parroquia de San Paio de Navia, que nos derradeiros anos sufriu un proceso de urbanización brutal, en certo modo pola proximidade das praias. Sen embargo aínda se pode disfrutar dunha certa paz no tramo final do río, e constatar que con boas intencións e inversións máis boas, este paraxe natural é recuperable para a natureza e para o disfrute dos cidadáns.

Chegando outra vez á estrada despedímonos do PRG, para cruzar outra vez o río, preto de que verta as súas augas na ría, por un vello pontillón de pedra que nos leva á polémica depuradora e, deixándoa á nosa esquerda, internarnos na Xunqueira do Lagares. Coa marea baixa, como nesta ocasión, a degradación deste paraxe singular é evidente, e os limos arrastran capas de betún.

Cando o mar a foz transformase nun lugar de gran beleza, con unha variedade importante de aves acuáticas, como garzas, parrulos, gaivotas, corvos mariños, etc... inundando o labirinto de canais que compoñen esta extensión verde que no século XVIII formaron parte dunhas salinas das que aínda quedan algúns muros visibles. Cando visitamos este lugar atopamos dúas mulleres escarvando coas mans no limo negro que o mar deixa na súa retirada, e preguntámonos que carallo poden atopar no fondo desta fochanca negra.

Deixando atrás a Xunqueira chegamos ó barrio da Carrasqueira, na parroquia de Coruxo, e atravesándoo chegamos ó mar, sorteando outras das aberracións urbanísticas típicas dos anos setenta, que estaría máis en sintonía coa costa levantina. Dende este punto observamos outra construcción totalmente agresiva con entorno, na illa de Toralla, cara onde nos diriximos atravesando o Areal do Baluarte, que fai pouco foi conquistada para o nudismo, e a praia do Vao, un extenso areal que pouco a pouco está gañando terreo á invasión do asfalto e das lousas das últimas décadas.

Atravesamos a ponte que une a illa ó continente, algo imposible fai tan só dez anos, xa que o acceso era restrinxido. Grazas á lei de costas agora calquera pode disfrutar das dúas diminutas praias, unha delas de area branquísima e transparentes augas. De regreso observamos o inmenso areal que recorre, máis ou menos de xeito continuo, dende aquí ata a praia de Samil, un dos sinais de identidade da cidade olivica.

Volvemos sobre as nosas pegadas sobres os areais do Vao e do Baluarte, e atravesamos tamén as praias da Fontaiña e do Funchal. Esta última castigada pola desembocadura do Lagares, que durante décadas arrastrou ata aquí todo tipo de vertidos e residuos. Tamén aquí atopamos unha urbanización, afortunadamente de escasa altura, construída nos anos setenta, como ninguén era quen de alzar a voz contra este tipo de agresións á natureza. Grazas á marea baixa podemos rodeala, xa que no caso contrario deberíamos subir á estrada.

Subimos a ponte que cruza o final do río e sorteamos o campo de fútbol para chegar o areal de referencia en Vigo, a praia de Samil. Esta extensa porción de costa é tamén a que mostra maior degradación a nivel de infraestructuras, pois estaas coméronse as dunas que fai menos de trinta anos configuraban unha riquísima paraxe natural. As dunas quedaron debaixo do paseo marítimo, dos restaurantes, das piscinas e parques infantís, dos merendeiros. Por eso preferimos camiñar sobre a area, moi preto das olas, para chegar ás pequenas praias da Fonte e do Pincho do Gato, afastadas por formacións rochosas dende onde nos observan corvos mariños e gaivotas.

Chegamos así á praia de Alcabre, chamada antigamente do Matadoiro. Este é o maior exemplo de recuperación da costa, pois de onde se vertían os residuos que chegaban a tinguir de vermello as augas, agora temos fondos cristalinos, e o edificio que albergaba o sacrificio das reses foi convertido en Museo do Mar. Tamén foron derribados os muros dunha gran finca que limitaba co areal, configurando definitivamente a rexeneración deste entorno privilexiado.

Ao rematar o recorrido polas beiras de Alcabre debemos rodear a finca de Roade, que invade totalmente a costa, para chegar por un paseo de recente construcción á parroquia de Bouzas, antigo concello agora anexionado a Vigo, e á súa diminuta praia. Atravesando o casco urbán deste núcleo mariñeiro, e adentándonos no barrio do Rocío, volvemos novamente á Bouza, para finalizar a nosa ruta ribeirega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores