Domingo, 14 de outubro de 2007
Nova incursión dos “Eivadiños” na serra da Arga. Escasa concorrencia pero con figuras reseñables: Anxo, Salomé, Zalo e Xacobe. A presencia do comandante sempre é unha bendición pra continuidade dos camiños, pois por onde pasa non volverá crece-la herba; pois virán tras el, Camiñantes, Rillamillas, ... A presencia do noso líder e fundador, Anxo de Lavadores, dálle caracter oficial a esta convocatoria fronte a outras aventuras paralelas de eivados que foron cazar culebras e buscar novas rutas.
O Stop, lugar habitual de encontro e degustación do arroz malandro estaba pechado, o que nos levou a descubrir outra das delicias gastronómicas do norte de noso amado Portugal: “Arroz ó Tamboril”, enriquecido con nobres mostras de peixe sapo e langostinos. Política, relixión, medio ambiente, presente e futuro amoroso do noso caro amigo Anxo, etc., foron temas de conversa que animaron o xantar.
Alá polas dúas e media hora local, sen a sagrada siesta pero coa a bendición de St.º Antão, comezamos a camiñar na “Arga da Cima. Salomé intentou, á saída e novamente á volta, tira-la capela do bendito, sen lograr movela un ápice por moito que empurrou. O camiño levounos por unha sucesión de “moinhos” con contundente tellado de laxas perfectamente conservados. Mesmo a través da porta ouvimos como moía o de Baixo. Sómente cunha nariz educada en Paramos poderíamos ter gozado do arume da fariña recén moída, pero os criados preto da cidade precisamos dun estímulo maior.
Preto de alí deixáramos a solemne Ponte de Porto Carro, que non mereceu a atención dalgún que perdeu os ollos nun deportivo vermello, ostentoso e pouco práctico pros veciños do cercano lugar de Varciela. Falando de especies intrusas, cabe mencionar que o somier aínda non fixo presencia nesta rexión, que mais ben está nun paso evolutivo anterior á cancela, pois nas mais das leiras o peche estaba feito de laxas.
Poucas mostras do outono atopamos no camiño e os mais dos castiñeiros aínda teñen os ourizos verdes; non así as peras e mazás que encheron as nosasmochilas. Como é habitual nas últimas semás, un tempo soleado acompañounos toda a andaina. Baixo a Ponte das Traves, chapuzón e escalada nudista para o sector masculino e baño de sol para o sector feminino.
A estas horas xa regresaban as ovellas de pacer, baixo a atenta mirada dende o outeiro, dunha pastora ataviada de chaleco e gorro de palla, como fixeran dende anos as veciñas do lugar de Gándara. Nesta aldea, unha viña de veira a veira do regato da Fraga, levou a imaxinación de anxo a vendimar dende a piragua. Pouca enerxía deben deixar na zona os modernos aeroxeradores que escoltan ós aínda operativos Moinhos da Gándara. A electricidade non ha de chegar para un moinho eléctrico. Finalizámo-lo percurso tras cruza-lo Pontâo do Lobo, que non foi difultade para o noso canciño retirado, que pasou lixeiro e ouveando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario