E59 Sendeiro Costeiro de Areamilla (Cangas do Morrazo)


Xoves, 6 de decembro de 2007

Levo un par de horas dándolle voltas, e mesmo reviravoltas, a como iniciar esta crónica, e enchín a pantalla do ordenador dun feixe de verbas que, cando chegaban á ducia, máis ou menos, desaparecían, como se fosen a proa dun barco que naufragaba nada máis saír do estaleiro.

Pensei en facer unha exposición de motivos polos que me levantei nun día festivo, cunha resaca notable, e saín á rúa navegando nun mar que quixera ser océano, de bandeiras. Comentar os artigos que tiven que memorizar de esa lei que pecha o noso ordenamento xurídico, e cales deles rexeito e porqué, pero parecíame que non era nin o momento nin o lugar máis axeitado para facer unha crítica política.

Así que me limitarei a sinalar que o Zalo e máis eu estivemos na manifestación convocada por Causa Galiza para mostrar o noso rexeitamento á Constitución española, e para berrar a prol da liberación social e nacional da nosa patria. Tampouco quero convencer a ninguén das miñas razóns, que este é un país libre para que calquera pense como queira... ou non, porque ó final da protesta foron detidos cinco mozos por exercer o seu dereito á liberdade de expresión, que tan bonito queda no artigo vinte.

Así que non falarei máis do tema, que hai mellores plumas ca miña para facelo. O certo é que saímos con fame do evento, e nos diriximos á península do Morrazo, á parroquia de Coiro, na compaña de María, Habibi e a Criatura, que aínda que non se sumaran ás protestas tiñan tanta fame coma nós.

Pedimos unha boa provisión de manxares: empanada de croques, polbo á feira, calamares rebozados, tortilla de patacas con queixo e unha fonte de churrasco de porco cunha abundante ración de patacas fritas, acompañado dunhas botellas de Godello da casa. Coma sempre en Casa Piñeiro estaba todo exquisito, e todos rillamos coma cans nos pratos que nos puxeron diante, agás María, que comeu coma un pitiño. Comemos e rimos, porque Habibi e Zalo tiñan a súa regueifa particular, e competían por face-los comentarios con máis retranca, na mellor tradición da nosa terra.

Aínda nos custou levanta-lo cu, porque sumábanse os cafés e os xarutos, mentres que os licores de café multiplicábanse, invitando a unha desas sobremesas longas, que chegan ata a noitiña.

Menos mal que son un home teimudo, e que, despois de varias tentativas, conseguín que os meus amigos abandonaran o comedeiro para aproveitar un pouco a tarde, xa que non quedaban máis que dúas horas de luz. Eso si, tivemos que desbotar o plan orixinal do río da Fraga, e o secundario da Fraga de Coiro, e buscar un máis axeitado ó estado das tropas, que viñan eivadiñas de máis.

Achegámonos a Cangas do Morrazo, onde deixamos os carros de ferro, e sumásenos Salomé, para exercer de guía, xa que estamos no seu territorio. A bo paso lévanos polo camiño que bordea o litoral costeiro e que se dirixe á antiga factoría baleeira de Massó, que xa leva unha morea de anos en ruínas (estivo activa dende 1955 ata 1985), por onde pasa a fume de carozo con Habibi, que leva gasolina súper, mentres o resto da manada cheiramos un chisco nas vías dun vello esteleiro, convertido en improvisado cemiterio de gamelas, ou nos restos da gardería infantil, onde se atopa unha curiosa escultura de peixes e nenos. Tamén lemos un curioso mosaico que di así: El mar es camino para todos, fuente de vida, fecundador de la tierra, tesoro de los pobres. Pescador que empleas explosivos, trabajas contra quien te alimenta. Nuestro respeto y nuestro amor para el mar, con quien Díos nos enseña fortaleza y libertad.

Con esta ensinanza damos as costas ó enorme edificio en ruínas e camiñamos ao carón da Praia do Salgueirón, ameazada por escuros intereses urbanísticos que esperemos que o concelleiro de urbanismo da ACE, e por extensión o pobo de Cangas, sexan quen de deter. Os que non nos detemos máis somos nós, porque temos o tempo xustiño para completar o itinerario con luz, aínda que cando alcanzamos a Salomé e a Habibi, este xa ten montado o seu novo trípode, para quitar unhas panorámicas da Ensinada do Rei e do múelle e a Praia da Congorza.

O certo é que a beleza deste lugar, protexido das correntes mariñas e noutros tempos moi utilizado polos mariñeiros para resgardar as súas dornas e gamelas, pide a gritos que disparemos as nosas cámaras, pero aínda estamos ó comezo, así que seguimos adiante, esperando que o noso amigo siga a nosa estela. Vémolo por última vez dende a Punta Fanequeira, tirándolles fotos e pedras ás gaivotas, e perdémo-la confianza en que nos siga, como así foi.

Con esta baixa nas nosas tropas internámonos na Lagoa de Congorza, que debería estar cuberta por unha capa de lentellas de auga (lemma minor), en vez do manto de merda onde, alleos á contaminación, recalan os ánades reais (anax platyhynchos), os cisnes (cygnus cygnus), e o merlo acuático (cinclus cinclus).

E para que vexades que me teño aprendida a lección, direivos que a vexetación que rodea a charca, son carrizos (carrizo phragmites australis), xuncos (juncus scirpus), loureiros (laurus nobolis), amieiros (alnus glutinosa) e zarzais (rublus ulmifolis), aínda que a última verba sobre o tema o ten a Criatura, que neste tema é a nosa autoridade.

Antes de abandonar o complexo lacustre botamos unhas risas cun feixe de cativos ciclistas, que instrúen a Zalo sobre os usos e costumes nese lugar: nin tirarlle pedras nin patadas ós parrulos, e ir sempre co casco posto por se te caga algún na cabeza...

Volvemos ó sendeiro que bordea a Praia do Medio, ata acadar a Punta Borneira, onde abandonamos toda esperanza de que Habibi se decida a segui-los nosos pasos, mentres Salomé vainos instruíndo sobre a toponimia local, que para iso é a nosa guía, e que si cometo algún erro na transcrición dos nomes me corrixira, sen dubida. Pasando preto de pequenas calas, das que a memoria non me acada a nomear, chegamos a Praia de Areamilla, da que somos advertidos do seu perigo, xa que o mar bate bastante aquí e algún xa levou un susto e estivo a punto de afogar.

Por se acaso, deixamos unha mensaxe na area para Habibi, por se non chega ata aquí, xa que iniciamos unha variante do sendeiro, en vez de continuar ata o Barrio do Outeiro,onde se atopa un área de descanso con varios muíños ben conservados, internámonos nun longo túnel escavado na rocha, do que ignoramos a súa utilidade, e que nos leva a Ensinada do Fornelo, tamén chamada Ensinada do Cantón.

Esta é a parte máis aérea do itinerario, sobre unha sucesión de cantís verticais que, sen embargo, sorteamos con facilidade, xa que o sendeiro é para tódolos públicos, e tanto porque vemos xentiña vestida de domingo que mira con curiosidade para as nosas mochilas, como se os raros fósemos nós. E seremos, non digo que non, cada un ca súa rareza particular, da que non vou dar detalles.

O que é curioso é o espectáculo que nos ofrece a natureza ó pasar Punta Salgueira, xa que alí existen dúas furnas, enormes buracos no monte que se comunican co mar, un cento de metros máis abaixo, e onde a Criatura imaxina as almas en pena dos que, durante séculos, caeron por erro ou por forza, por estes abismo. O que dicía antes, que cada un ten o seu aquel, e algúns teñen máis aquel que outros.

De tódolos xeitos non é difícil imaxinarse os nosos devanceiros facéndolle un sacrificio humano ós deuses ou ós demos que se crían habitantes destas simas, como nos celotes mexicanos. A verdade é que mete medo só de pensar na caída por esta porta aberta ó inferno.

Será polo ambiente que, á volta, xa cando caen as sombras sobre nós, danos por falar de películas de medo, como as de Jaume Balagueró, que algún vimos recentemente, ou de outras máis clásicas como O resplandor, O home que tiña raios X nos ollos, A invasión dos ultracorpos, O exorcista, ou as contemporáneas Hostel ou Saw. Cada quen ten o seu pesadelo favorito, que ata en eso somos xente de gustos diversos.

En fin, deixando as furnas atrás chegamos a tempo de ver a Praia de Santa Marta coas luces do crepúsculo, nese momento que damos en chamar entre lusco e fusco, aínda que non nos atrevemos a achegarnos á veciña Praia de Liméns, porque inda nos queda todo o camiño de volta e non é cousa de enredar.

Cando camiñamos sobre as nosas pegadas, cunha luz que mingua máis rápido do que nós avanzamos, facemos apostas sobre onde atoparemos a Habibi, un di que no areal de Areamilla, outro na lagoa de Congorza, outro en Punta Fanequeira, preto de onde o deixamos, e algún atrevese a sinalar que debe levar rato no primeiro bar que atope, porque hai xente que desconfía de que o noso amigo ande na nosa procura a estas alturas do partido, será que non se lembra dos viaxes que fixo este explorador polos continentes americano e asiático, sorteando toda a clase de aventuras.

Pouco teño que dicir do regreso, porque as paisaxes foron esmorecendo cando o sol desapareceu baixo as illas, e apurámolo paso para que non nos collera o frío, so que cando chegamos ó túnel había a mesma luz dentro que fora, e que María e Xaime puxeron banda sonora a travesía soterrada.

A primeira co Cascanoces en versión Tim Burton, e o segundo cunha melodía moi axeitada de Ataraxia, só nos faltaban as velas para parecer a procesión da Santa Compaña.

E si, ou non, nin en Areamilla, nin na Congorza nin no quinto carallo atopámo-lo rastro de noso amigo cociñeiro, e ata chegar ó casco urbano de Cangas non confirmamos as nosas sospeitas: estaba no primeiro bar, esperando o noso retorno.

Tomamos refrescos varios mentres lle contabamos a nosa andaina a Habibi, i el contábanos a súa, porque a verdade hai que dicila, e andar andou, pouco, pero suficiente para un home que non é amigo dos ximnasios, como algúns dexenerados dos que nos acompañan, e ademais inda está convalecente do catarro que incubou o in de semana.

Fora como fora, deixamos o Morrazo, pero non todos porque Zalo e Salo (hostia, ata o de agora non me decatara da coincidencia) quedan a agarimarse no seu acubillo, e regresamos á metrópole, que temos que percorrer por mor dunha botella de butano. E así foi, máis ou menos, e así volo conto, e si tendes que engadir, que subliñar ou corrixir, xa sabedes, amiguiños...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores