E90 Sendeiro do Baixo Lérez (Pontevedra)

Domingo, 21 de setembro do 2008

Outra vez espertei con gañas de matar. O primeiro impulso que tiven no derradeiro día da semán foi abrir a fiestra, coller o fusil e disparar coa precisión dun francotirador soviético no sitio de Stalingrado. E non, por esta vez non tiña areas na gorxa, nin teas de araña nas pálpebras, nin ningún outro efecto secundario de unha noite de troula. Na véspera, sen que sirva de precedente, portarame como un bendito, e ó saír do traballo fora dereitiño para casa, e nin enredara de máis co trebello de internet, o xustiño para agarimar a miña metade, deixar un conto na bitácora e ler un par de artigos de Rebelión.

Así que durmira as miñas horas, e durmíraas ben, que ata tiven un deses soños que non se poden transcribir, pero antes de que o espertador cumprira a misión encomendada xa tiña un son molesto e insistente entrándome polas orellas. Saquei medio corpo espido pola fiestra, e sacaría tamén un fusil si o tivera, ou un lanzagranadas, calquera cousa para que aquel son deixase de tocarme os collóns. Era outra vez o mesmo neno xitano, desocupado e madrugador, que vive no edificio de enfronte, e que ten a puta costume de apostarse na miña aceira e asubiar como se estivese contratado polo concello. Sete días á semán, de luns a domingo, ó mozo dálle por asubiarlle ós cans, ás rapazas, ás pombas, ós coches, ás nubes, á puta que o pariu.

Que conste que non teño nada en contra desta raza, e ata algúns dos que viven no meu edificio cáenme simpáticos, pero o deste elemento tenme comida a paciencia, xa non podo máis. Así que como non teño ningún fusil ou similar a man, e xa sei que é inútil dicirlle nada ó pequeno cabrón, vístome a presa, envelénome un pouco máis cunha boa dose de café, metro catro trapalladas na mochila e saio disparado da casa.

Na rúa espérame o meu veciño, fita para min sorrindo e asubíame, como se eu fose un can, unha rapaza, unha pomba, un coche ou unha nube, e si as miradas matasen non me faría falla un fusil, porque o xitaniño estaría morto, e ben que mo agradecerían. Así que fuxín, porque unha retirada a tempo din que é unha victoria, aínda que sei que o que gañou foi el, que conseguiu que me erguera cos síntomas da resaca e sen probar unha gota. Case envexaba ó meu compañeiro de piso, que o día anterior seica que empinara o cóbado de máis e quedara no seu refuxio cortando troncos con motoserra.

Para esquecer a tortura á que fun sometido nos primeiros momentos do día, ó sentarme ó volante da miña máquina prendín o aparello reproductor de discos compactos e, si, agora si, a voz de Jonas Renkse, soando sobre as guitarras de Anders Nyström e Fredik Norrman, a batería de Daniel Liljervist e o baixo de Mattías Norrman, si home si, outra vez tirando cara onde sexa coas melodías de Katatonia, esvaecendo asubíos ou disparos, se os houbera. E o rumbo era outra vez cara as terras de Pontevedra, onde tiña dende fai algún tempo un percorrido pendente, as beiras do río Lérez.

O certo é que na véspera fixérame a idea de facer o Trilho da Peneda, que tamén lle teño ganas, pero no derradeiro momento cambiei de opinión por razóns puramente loxísticas: estaba lonxe de máis para tal día como este, no que traballaba de noite, ademais do gasto de combustible, e aínda máis porque non tiña ningún comedeiro decente controlado pola zoa. En troques todo eran vantaxes no itinerario do río: estaba relativamente preto, co que tamén reducía o consumo de carburante e, ademais, tiña boas garantías de comer como é debido nunha xornada dominical.

Como ía con tempo de sobra decidín saír da autoestrada o cruza-la ría, e tomala carreteira de Vilaboa para non engordarlle máis os petos ós accionistas de Autopistas do Atlántico, que xa deben ter a viga a punto de rebentar, a pesares de que estiven a piques de me arrepentir porque un bo tramo estaba en obras. De tódolos xeitos non había moito tráfico, así que fun a modo, recreándome coas boas vistas da Enseada de San Simón, testemuña muda de moitos crimes cometidos polos fascistas nos anos que seguiron á guerra.

Nestas estaba, dándolle voltas á memoria histórica, cando preto de San Adrián, mirei un cartel de madeira no que, sinalando cara un túnel que pasaba baixo a autoestrada, líase: Sendeiro dos Petroglifos de Cobre, PRG 103. Non tiña noticias deste percurso pedestre, e decidín botar unha ollada, por se acaso pagaba a pena cambiar de plans outra vez. É o bo das saídas en solitario, que só tes que decidir ti, para mal ou para ben, e podes darlle as voltas e reviravoltas que queiras, máis ou menos como as que tiven que dar polas estreitas canicoubas polas que me mandou o sinal. Atopei un segundo cartel e despois máis nada, e rematei preguntando a unha paisana que me mandou cara o monte, onde ó parecer había unha casa de turismo rural que facía de punto de partida. Así que subín e subín, ata que din coas primeiras marcas.

Atopei tres marcas recentes, unha nun poste a carón do asfalto e dúas que invitaban a internarse en camiños de terra, pero a pesares de atopar o establecemento hostaleiro non fun quen de dar cun cartel que me indicara o inicio. Así que voltei a preguntarlle a dous tipos que descargaban unha furgalla chea de cápachos cheos de lavadura, que respondéronme con marcado acento sudamericano que non sabían nada de petroglifos nin nada parecido, e que preguntara na casa de turismo, que estaba so a uns metros.

O recinto estaba pechado e xa ía dar por rematada a investigación, cando ollando por riba do muro mirei no chan un gran panel indicativo, con mapa e todo tipo de detalles, do sendeiro que buscaba, así que chamei á porta mosqueado. Máis mosqueada parecía a vella que me contestou, de malos modos, que o asunto aínda non estaba inaugurado, así que marchei co rabo entre as pernas, coma can apaleado.

Volvín á carreteira e non tardei en cruzar Vilaboa, e dende alí collín a estrada nacional que vai cara Pontevedra para, antes de chegar á capital provincial, coller a que vai na dirección de Ourense. O chegar onde o Almofrei suma as súas augas ó Lérez, ou sexa en Ponte Bora, parei o motor do meu carro, e outra vez cambiei os meus plans inicias, que eran os de comer un bocadillo, e unha vez que entrei en Casa Pilaro decidín comer de plato, para non perder as boas costumes.

Pedín unha cervexa fresquiña, unha tortilla pequena de patacas e cebola, e tapa de calamares á romana, e mentres esperaba que me serviran intentei descifrar as claves da derradeira crise de Walt Street que parece que alterara o orden financieiro mundial. Joseph Stiglitz, premio Nobel de Economía sinalaba que “para o mercado equivale á caída do muro de Berlín”, mentres que o presidente George Bush xustificaba a intervención dicindo que “actuouse para evitar o descalabro total”, e Hank Paulson, o seu Secretario do Tesouro explicaba que “a alternativa é o desastre”. Arre demo, o imperio derrubándose e eu preparándome para encher o bandullo.

E ben que o enchín, porque a tortilla era máis grande do que me lembraba, e os calamares tamén eran abundantes, tanto que non fun quen de rematar nin o un nin o outro, nin de saborear os ricos postres deste comedeiro, pois só me quedou o sitio xustiño para un café con xeo. Non quedaba outra que buscar a sombra dun carballo para botar unha soneca.

Pero non, quizais estaba chegando o fin do mundo, polo menos eso dicían os expertos en economía, así que non podía deixalo para outra, e levanteime, paguei os once euros que me pediron polo banquete, e saín camiñando á estrada, para buscar o sitio mías axeitado por onde comezar a miña aventura. Así que collín a dirección do río e a poucos metros atopei un camiño cheo de reclamos para o meu arquivo dixital.

En primeiro lugar unha casa de pedra invadida polas silvas, que debeu ter a súa importancia nos seus días, a xulgar polo seu tamaño, e nunha das súas paredes un peto de ánimas tallado en granito, fronte a este os restos dun cruceiro, e cruzando un pequeno regato unha ponte dun só arco que completaba o conxunto. Magoa que máis ala non se podía avanzar, xa que había un anaco de campo desbrozado e despois un canaval bastante pechado, polo que era imposible avanzar.

Din media volta e seguín avanzando, e crucei a Ponte Bora, por onde vai a estrada que leva ás parroquias de Santa María de Xeve e Santo André, e detívenme un intre a ollar as augas embalsadas e o xogo de espellos que facía ca fraga, cas casas e cas nubes. Ó cruza-la ponte tamén vin como os seus dous arcos tiñan un reflexo, idéntico e inverso, nas augas, e nestas estaba cando, sen ter que avanzar máis polo asfalto que se aloxaba do río, din cunha baixada que levaba a unha senda de pescadores, que parecía axeitada para levar os meus plans a bo fin.

O estreito camiño tiña trazas de ser algo concorrido, seguramente polos afeizoados á pesca da troita, cos que nalgunha ocasión tiven algún que outro intercambio de insultos, naqueles tempos nos que remaba por estes leitos fluviais. Precisamente foi aquí onde recibín o meu bautizo de espuma, nun día frío de decembro no que o nivel das augas non o facían moi aconsellable, pero puideron as ganas ou o non ter nin puta idea de onde me estaban metendo aqueles rapaces de Pontevedra que me facían de guías.

En fin, xa falarei diso máis tarde, o que importa agora é que o sendeiro estaba en boas condicións para avanzar, en medio de bosques de ribeira compostos por freixos, bidueiros e salgueiros, aínda que ía un calor húmido e pegañento, como o dunha película porno. Non levaba nin dez minutos camiñando a carón do río e xa estaba buscando un sitio onde darme un baño, ou polo menos refrescarme un pouco.

De tódolos xeitos non era este o máis idóneo dos tramos fluviais para ceibarme da canícula que estaba caendo, nin era tampouco o mellor momento, co bandullo cheo da paparota no Pilaro, así que seguín avanzando polo estreito sendeiro, deténdome a retratar os fungos que brotaran coas últimas chuvias, e a variada e espesa cobertura vexetal que crecía baixo os árbores autóctonos.

Non tardei en chegar así á primeira e máis importante presa do tramo final do Lérez, de onde se derivan as augas cara a tubaria que sorte a factoría de Ence, en Lourizan, e punto de partida do meu viaxe iniciático no kaiak alpino. Lembro como se fora hoxe ese picor inconfundible no cu, que me anunciaba un bo subidón de adrenalina, como me sucedeu en tódalas situacións nas que vin perigar o meu pelexo, nestas catro décadas que levo de existencia.

O nivel das augas nesta estación era ben diferente da que atopei aquela primeira vez, tanto que nesta ocasión sería dificilmente navegable esta parte sementada de croios, e mesmo con algunha pequena illa de herba e area, onde unha garza curiosa chiscoume un ollo, antes de abrir as súas maxestosas ás e marabillarme co seu voo elegante. Como sucedía tamén naqueles descensos, voltarei a atoparme con esta amiga, que irá abrindo o río para min.

Seguindo o curso fluvial, confirmando xa que o sendeiro ten continuidade e que ademais atopasé en bo estado, cheguei ós restos dun muíño onde son ben visibles os efectos das crecidas nas estacións máis chuviosas, xa que unha mestura de terra, pedras e areas acabou de encher o interior, ata a altura dun home, polo que supoño que en máis dunha ocasión tivo que estar somerxido polas crecidas. Aínda así resiste esta testemuña do noso pasado, cuberto de hedras, de silveiras, e mesmo creceulle unha árbore no muro de pedras desgastadas que se mantén mirando o leito do río.

Detívenme un anaco neste punto, xa que dende o enxeño hidráulico sae unha presa de cachotes, onde tamén creceron, dun xeito orixinal, xa que o fixeron en diagonal, dúas árbores de troncos retorcidos que son bo motivo para unha postal. Ademais no extremo da presa hai un roto, un canal que abriu o impetu das augas e que recoñezo deseguida, xa que alí tiven o meu primeiro naufraxio, motivado por equivocar a manobra e levantar a pala mentres saltaba, en vez de buscar a escuma coa culler para equilibrarme. O que daría agora por reeditar aquelas aventuras, aínda con naufraxio incluído, pero teño que conformarme con conservar as pernas para seguir o camiño.

Pois si, xa non eran tempos de navegacións e naufraxios, pero aínda as miñas pernas eran quen de seguir avanzando, e seguín ata alcanzar a seguinte presa, un caos de pedras esnaquizadas, anacos de cemento, terra e troncos arrastrados pola corrente, un deses pasos difíciles de negociar, máis non para min, xa que o sendeiro afástame das augas e levoume a continuar a carón duns campos, separándome unha ducia de metros do seu bulir cantareiro.

Tamén teño que sortear un regueiro xeitoso, que imaxino problemático para repetir o itinerario nos tempos no que vai crecido, por o antiquísimo sistema de saltar de unha pedra a outra. Mentres que constato a variación na masa forestal que me cobixa, xa que neste tramo é maioritaria a acacia, especie endémica da que non se libran as terras de Pontevedra. E tópome cos restos doutro muíño, practicamente enterrado nas silveiras, coa súa presiña cruzando dunha beira a outra, esta si, enteiriña.

Cando xa levo un bo treito recorrido atopo o inicio dun paseo fluvial, que me leva ata un pequeno afluente do Lérez, o río Fontáns, que cruzan dúas pontellas de madeira de recente construcción, e que forman parte, sabereino despois, dunha senda habilitada polo concello de Pontevedra. Doutro lado deste río esta o lugar de Couso, e quizais por eso atope neste punto os primeiros camiñantes, aínda que polo seu aspecto penso que máis intención que a de achegarse a desembocadura, ou a praia de area que está o seu carón.

Deixando atrás este fermoso lugar chego a unha curiosa estructura metálica que cruza o río, unha tubaria suxeita por unha especie de uve invertida que ten por riba unha pasarela, a modo de ponte, e que leva a antiga estación de bombeo. Eu subo a ve-las panorámicas e a tirar catro fotos, pero sen cruzala, xa que o meu propósito, si se pode, é baixar pola marxe dereita e subir, de volta a Ponte Bora, pola marxe esquerda.
Inda así, non tardo en divisar as ruínas da estación, e fronte a elas a Presa de Monteporreiro, da que tamén teño un par de lembranzas. Tecnicamente é un infranqueable, en termos piragüisticos, ou sexa de porteo obrigatorio, xa que so ten un paso posible, unha salmoneira de cemento cun feo roto nunha esquina e, por riba, cunha pedra afiada como un coitelo na base. Na primeira vez un dos meus guías quixo probar sorte e levamos un bo susto, xa que tivo unha aparatosa caída, e díxenme: esto é o que non debo facer nunca xamais.

Claro que a segunda vez que naveguei este tramo, despois de combater en outros ríos e xa cunha certa confianza no manexo do kaiak, tamén eu probei sorte nesta trampa, e so por sorte saín sen máis novidade que o picor característico alí onde non podía rascarme. Son esas cousas que ten o medo, que a veces faite valente so para probar se podes vencelo.

E a saída do paso é unha pedreira que se estende polos seguintes cen metros, ata que o Lérez fai unha curva onde as augas socavan unha profunda poza. Eu camiño o carón da tubaria, polo mesmo sendeiro onde a prudencia levoume a facer o meu primeiro porteo e esta, despois de darlle as costas á Estación de Bombeo, volta a cruza-lo río nunha estructura idéntica á que me atopei pouco despois da desembocadura de Fontáns.

Despois de outra breve ollada dende a curiosa ponte continuei polo sendeiro de pescadores, que se afastaba unha ducia de metros do leito fluvial, entre un espeso canaval, para pasar preto da Cola de Cabalo, unha fervenza producida polo desaugue dun pequeno regueiro que, no inverno, é un dos maiores espectáculos deste tramo final do río, antes de chegar á cidade. Precisamente, pola proximidade do burgo cambia o terreo e a paisaxe, o sendeiro transformase nunha ampla pista de terra, apta para a circulación de bicicletas, e o bosque de ribeira trócase por unha fraga de carballos, loureiros e mesmo castiñeiros que xa están a dar os seus saborosos froitos.

Non é de estrañar que o entorno fora declarado Lugar de Importancia Comunitaria e integrado na rede Natura 2000, e que algunhas especies valiosas de flora e fauna fosen obxecto de protección pola Lei de Patrimonio Natural Galego e integradas nos Catálogos de Especies Ameazadas, tal é o caso do Picapeixes, a Londra e a Garza Real. Neste tramo tamén vin unha gran concentración de parrulos, e conforme fun avanzando tamén atopei as primeiras colonias de gaivotas.

O cauce vaise abrindo, anticipando a Ría de Pontevedra, e antes de pasar baixo a gran ponte do ferrocarril observei na outra veira un feixe de escavadoras e unha gran superficie do río acotada. Son as obras para a creación dunha praia artificial, que tentará dotar á cidade de outra gran área de esparcimento, enfrontada a Illa das Esculturas. Esta gran extensión, situada preto das Xunqueiras do Lérez, é unha das apostas do concello para o lecer dos seus cidadáns, e era a primeira vez que a visitaba.

Agora non son consciente de como cheguei á illa, quero dicir que non lembro pasar ningunha ponte nin nada parecido, e o primeiro que me chamou a atención foi unha feixe de árbores cortadas, con troncos negros entre un metro e cincuenta centímetros, baixo unha formación de eucaliptos, e cando cheguei canda eles comprobei que non eran de madeira, senón de pedra.

No amplo paseo de terra que vai á beira do río ata a primeira das pontes da cidade, tamén cunha curiosa arquitectura de ferros retorcidos, puiden admirar outras catro intervencións escultóricas: unha pirámide con pirámides máis pequenas en cada unha das súas caras, unha sucesión de bancos de granito con diversas inscricións, un monolito de case tres metros e dúas xigantescas “eles” ocas en medio da vexetación da xunqueira. Por ningunha parte vin indicación ningunha co nome da peza ou do autor, aínda que o axeitado sería un panel explicativo do conxunto para os neófitos coma min.

Como non tiña máis motivos para determe, e ademais o ceo cubrírase por completo no traxecto e xa estaban a caer unhas pingas, crucei o Lérez pola ponte ferruxenta, para iniciar o camiño de volta. Doulle as costas á cidade, e camiño a bo paso pola Avenida de Bos Aires, por un paseo fluvial apto para a circulación de bicicletas e mesmo me atopo con media ducia de patinadores, e deseguida paso baixo o Parque do Miradoiro, onde están a facer as obras de recheo para a praia fluvial.

Pasei tamén baixo a ponte metálica do ferrocarril, e baixo esta atópome o primeiro indicador da Senda Fluvial, que vai ata Ponte Bora por esta ribeira do río, o que me dá a confianza de que o avance vai ser máis rápido. No panel pouca información adicional teño, agás a mención a Frei Martín Sarmiento que grazas a “riqueza vexetal sen igual desta paraxe fixo este un dos seus lugares predilectos para o inicio do estudio científico da botánica e a lingua galegas”. Nin distancia quilométrica do sendeiro, nin desnivel, nin cartografía, eso si, por aquí pasaron homes ilustres ¿non si? que terra de poetas...

Tralo letreiro comeza un deses percorridos de madeira que tanto gustan ós cidadáns de Pontevedra e ós da Galiza enteira que, curiosamente, discorre paralelo a outro itinerario de táboas que, dez metros máis abaixo, vai pegadiño órío. Mesmo, dende arriba, puiden ollar as marcas amarelas e brancas características dos PRG, e lembrei de camiñar por alí facía centos de anos, quizais facéndolle compaña o Frei Martín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores