E101 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)





Domingo, 10 de xaneiro de 2009

Hoxe xunteime cos meus compañeiros do metal, co Cachorro, co Ozzy e ca Criatura (ou se preferides o nome do seu bautizo cristián co Alex, co Pablo e máis co Xaime) para facer algo diferente ás noites de troula e de tralla, ás que estamos acostumados cando non hai un concerto decente que sumar ás nosas nóminas (os de onte de BuenosAires, Martynez e Essenia, non foron dos mellores, non), aínda que ás veces aos concertos súmanselle noites de tralla e de troula, é ademais conseguín que espertaran antes do mediodía, cun sol de primavera que puña a proba a súa fama de vampiros.

Tamén este sol atípico debeu animar á irmá do Alex, Esther, que pese a ser xemelga naceu cun ano de diferencia e non se lle parece moito; a Flores, que está eivadiña de máis para aguantar as andainas do CdC é busca refuxio nos nosos talleres; e a Georgina, esa rapaza que me sorrí cos ollos, aínda non sei moi ben grazas a que estraño feitizo, e que decide darme unha mostra máis de confianza.

E só quince minutos despois da mediodía xa estabamos na autoestrada, gastando roda cara a Península do Morrazo, para chegar sen máis contratempos a Praia de Menduiña, un deses anaquiños do paraíso onde decidiramos, sete votos a favor, ningún en contra, facer unha paradiña de aprovisionamento. Como era cedo de máis para xantar de prato, como soemos facer nas nosas incursións no territorio luso, conformámonos cun bocadillo.

Algúns almorzaran xa, e protestaron un pouco, así que púxenme capitán é lles dixen que pediran o bocata, e o que non o quixera comer agora que o metera na mochila para despois. Así que pediron todos un de xamón asado con queixo, menos o Cachorro que se decidiu por un de zorza, e todos comeron o seu, polo menos a metade (algún decidiu gardar para máis tarde, xa sabedes: o que algo garda, sempre ten).

Comentamos cos novos algunhas anécdotas doutras convocatorias, para que perderan o medo, e o que fixo desaparecer a zorza nun tempo record démoslle o titulo de veterano, xa que esta era a súa terceira saída, como premio ó seu entusiasmo. O Ozzy laiábase de que o trazado da ruta non fose máis radical, e tiven que prometerlle que a próxima ía a ser de agarrarse os machos, pero esta tentaba de enganchar fichases para a próxima temporada ¿non si?.

E sen perder máis tempo en cafés ou en outras caralladas que podían levar a despistar as tropas sobre os nosos obxectivos, voltamos ás estradas labirínticas do Morrazo, adentrámonos na parroquia de Hío, e buscamos un lugar que case se sae do mapa, un puntiño a punto de caer no océano, enfrontado as Illas Cíes, a un tiro de pedra delas: o pobo de Donón, abríndonos a porta a Costa da Vela.

Estiramos no aparcadoiro onde deixamos os vehículos, e quitamos unhas fotos de grupo no caracol metálico, para ensinar un día ós nosos netos e que vexan que nós tamén estivemos “ó fío do imposible”, e cando xa deran as dúas comezamos a internarnos no núcleo rural, que xa estaba colonizado por unha tropa de xentes vestidas de bonito que ían enchendo os comedores locais.

Seguimos as marcas do Roteiro Ecolóxico do Morrazo, hoxe descatalogado, dándolle ós poucos as costas á pequena aldea, do que a imaxe que me levei foi a dun burriño fariñeiro que pacía tranquilamente alleo ó noso paso. Xa nestes inicios había quen tiña dificultade en seguir o ritmo, así que encarguei ó Cachorro que coidase da retagarda, ou sexa que tanguera o rabaño, e a Criatura tentaba por disputarme o papel de guía, turrándome das orellas ó menor despiste.

Fronte a nós debuxábanse os contornos do complexo dunar do Areal de Barra, movidos imperceptiblemente polos ventos a través dos séculos, hábitat natural de gran variedade de especies vexetais, ata 140 diferentes, condicionada polos carbonatos procedentes das conchas dos moluscos e pola salinidade que lle proporciona o preto que está o mar.

Pero non nos internamos no areal, senón que camiñamos o carón dun regueiro, agora moi minguado, onde crecen xuncos e carrizos, e que serve para aportar a humidade necesaria ós campos de millo ou de pasto para o gando. Tamén atopamos un feixe de viñas, a maioría delas abandonadas, e un pouco máis adiante un denso canaval que desemboca nun camiño que discorre por un piñeiral onde incluso vemos un pequeno mamífero: un esquío que voa entre as árbores, e que levantou o entusiasmo da tropa.

Pero o que realmente lles gustou, a miña primeira baza para convencelos, foi cando chegamos á Praia de Barra, quizais a máis bonita do mundo (e reto a calquera a demostrarme o contrario), máis bonita se cabe cando está practicamente deserta, como cando aterramos nela.

Como ninguén ten intención de mergullarse nas xélidas augas do Atlántico, e tampouco aperta tanto o Lourenzo coma para espirse a vernizarse co seu alento, estamos só uns instantes na praia e rapidamente collemos subimos por un rochedo pegado a costa, onde se inicia un estreito sendeiro, entre toxos, silveiras e xestas, polo que avanzamos. O certo é quen non lle viña mal un desbroce a este carreiro, pero aínda está practicable, a pesares de que se escoiten algunhas queixas (que son ignoradas) no grupo.

No camiño atopamos algún carballo illado, pero máis que nada eucaliptos, que pouco a pouco o van colonizando, e nós imos facendo pequenas paradas para admirar a panorámica da Ensinada de Barra, que algúns como o Alex non coñecen (e confunde a veciña Nerga con Aldán ¡manda, carallo!). Para completa-la súa formación leveinos á antiga Fabrica de Salgado, xa moi arruinada, da que non teño datos, pero sobre a que prometo investigar. Alí o grupo fixo unha parada algo máis longa, e axudámoslle a Ozzy a remata-lo seu bocata e a Flores a rematar ca tableta de chocolate que mercou pola maña, mentres facemos unha improvisada sesión de retratos.

Deberíamos de dar volta sobre os nosos pasos, como ben indicaba a Criatura, pero decidimos (decidín) continuar cara á aventura, pasando o carón dunhas fincas que, de seguro, estaban a incumprir a Lei de Costas, xa que estaban tan pegadas o mar que, nun momento dado, non deixaban nin paso. Aínda que a grandes males grandes solucións, e rematámolo problema abrindo unha cancela, invadindo unha propiedade e apertando o cu, non fora vir un can que nolo mordera. Non foi tal, e conservámolo cu, pero máis de un respirou ó saír da finca, onde estaba aparcado un coche, ou máis ben abandonado.

Quedaba aínda outra pequena sorpresa, xa que ó subir unha pronunciada costa medio cementada nos atopamos cunha verxa de máis de dous metros que era imposible rodear, e tivemos que trepar por ela e chimpar o outro lado, onde nos esperaba un letreiro que puña: “Prohibido o paso. Cans soltos”. Menos mal que a advertencia tiña pinta de caducar fai tempo, e que outra vez os nosos cus saíron indemnes.

O Alex, que estaba especialmente gracioso, soltou un discurso para que nos uniramos a un grupo de sabotaxe contra as verxas que impiden o paso ó monte, porque o monte é de todos ¿non si? e inda que o diga en broma todos fantasiamos con derrubar estes atrancos de dubidosa legalidade.

Uns metros despois de superar este obstáculo chegamos a unha ampla pista de terra, que circunvala toda a Costa da Vela e que nos meses de calor ten soporta un tráfico incesante, tanto é así que as autoridades están pensando en limitalo (aínda que eu son máis partidario de prohibilo), e por ela chegamos rapidamente ó facho de Punta Subrido, dende temos unha boa panorámica das praias de Barra, Viñó, e Nerga, co pobo homónimo ó seu carón, da metrópole de Vigo fronte a nós, a embocadura da ría e os xendarmes das Illas Cíes, e moi pertiño de nós a praia de Melide.

Facemos unha paradiña baixo a sinal marítimo, e aínda hai quen bota un xaruto, como o Ozzy que ten pulmóns de sobra para estas andainas de eivadiños, ou quen, coma eu se entretén en ler as mensaxes de amor que escribiron nas paredes circulares do facho, como un ben bonito que dicía: “Paiasiño e Monxiña”. Cando dou por rematada a pausa e poño a tropa en pé, Flores ten un momento campión e quita unha botelliña de licor café, de ese rico ó que é imposible resistirse, co que gaña tres puntos extras na clasificación.

Descendendo con esta poción máxica nos beizos baixamos cara o areal de Melide, un dos lugares fundamentais no imaxinario particular da Criatura, que asegura coñecer cada árbore, cada pedra, cada recuncho, onde pasou algún dos seus momentos máis felices, quizás fai catrocentos anos, cando era mortal. Eu tamén teño os meus, algún recentes como unha ferida mal cicatrizada, e os gardo para min, mentres busco a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, mentres as olas furiosas me berran ó oído os meus pecados.

Despois de cruzar a praia case deserta, só un par de pescadores, media ducia de cans e un par de parellas, subimos outra vez a pista de terra, pola que avanzamos cara o segundo dos fachos, o de Punta Robaleira, e no camiño atopamos a dúas parellas de velliños coas que parolamos sobre a polémica noticia do día. O tema é que a administración ten previsto incluír a Costa da Vela no Parque Natural das Illas Atlánticas, e controlar de algunha maneira o número de visitantes, os usos dos terreos e as construccións existentes, e os vellos xa están a tremer expropiacións co gallo do ecoloxismo. Sempre a mesma ignorancia, que nos condena a ser un pobo sen conciencia de seu. Prefiro os contos sobre naufraxios que me referiu un deles, xa no facho e encarados as Illas, rememorando a súa xuventude no mar.

Deixeille que as tropas se relaxaran outra vez perdendo a vista nas Illas Cíes, a tiro de pedra, ou na inmensidade do océano, mentres lle disparo catro fotos ó faro vermello, para desquitarme da derradeira vez que o visitei no que quedara sen memoria, e cando vexo que xa están relaxados de máis, bótolles un berro para que se ergan, e nos poñemos en marcha cara o derradeiro facho, moi preto deste, o de Punta Vixía, o máis grande dos tres, que garda o Cabo Home. Dende aquí temos as mellores vistas desta franxa litoral, a máis accidentada das Rías Baixas, con cantís que acadan gran altitude. Esta costa xurdiu como consecuencia dunha fosa tectónica que discorre en dirección norte-sur e a que se contrapón un grande bloque, formado polas serras de A Madalena, Coiro, Poñente e Donón.

E despois de gozar desta paisaxe enfeitizante puxémonos outra vez en marcha cara o pobo, emprendendo unha lixeira ascensión por un camiño entre toxos (ou non tan lixeira, se facemos caso a certos comentarios) que nos levou a enlazar outra vez coa pista de terra. Recuperando a horizontalidade Flores nos deleitou cun par de anécdotas certamente escatolóxicas que podería relatar se tivese autorización, que non a teño, e botamos un feixe de risas ó vento, mentres o mar batía con forza na Punta Basadouriños, xa un cento de metros baixo os nosos pés.

Sen máis novidade que o feixe de coches que tentan enchernos de po ó seu paso, chegamos a Donón, e alixeiramos peso no aparcadoiro antes de face-la derradeira etapa da nosa ruta: a ascensión o Monte Facho. Non resistín a tentación de visitar a zoa de escalada de Outeiro Batente, moi preto de onde estaban os coches, e de relatarlle ós meus algunhas das batallas que librei nestas rochas, e mesmo subín ata o cumio do rochedo con Alex e Flores, e ata me puxen xogantín e lle peguei un pequeno susto á última. Na cara norte estaba unha parella escalando e a piques estiven de chorar, así que reunímonos co grupo e seguimos pola pista ata chegar á calzada romana que inicia a subida ó facho e o poboado prerrománico do seu cumio, que se alza a 184 metros sobre o nivel do mar, iniciando a Costa do Ruído.

Na pequena ascensión topamos un gran número de persoas que veñen co reclamo de Berobriga, o castro descuberto fai algúns anos, e que aínda está en proceso de escavación. Dábase a coincidencia de que no noso grupo tan so Xaime e máis eu subiramos ó Facho, para o resto era a primeira vez.

Cantos fantasmas habitando o carón do facho medieval que alertaba das invasións viquingas e mouriscas, paseando entre nós, berrándome tódolos abismos e tódolos naufraxios, tantos eran que por un momento desexei que fose para min tamén a primeira vez, que aínda fose aquel inocente que, vinte anos atrás, camiñara sobre o poboado soterrado, alleo ós designios do destino. E tiven que enviarlles o Anxo Exterminador, ese que sempre vai canda min, para poñelos en fuga, e poder fabricar un sorriso para quitar a foto do grupo, unha ducia de ollos asombrados polas pedras milenarias e pola inmensidade do océano, que se estendía ós nosos pes como unha alfombra máxica.

Alí quedaron ósque pedían beber ó sangue da miña gorxa, mentres descendía cara o pobo de Donón cos meus camaradas, alleos ós meus pensamentos, e outra vez tiven que agarrar a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, pero agradecendo que me sorría cos ollos para que non me venzan as tebras. Mentres o Ozzy facía plans entusiasmado pola saída dominical, e arrincábame a promesa de facer unha incursión en territorio portugués, para sementar pegadas polos seus sendeiros ou para reeditar outra noite de tralla e troula, que a todo me podo apuntar.

Cando chegamos ó aparcadoiro xa pasaran catro horas dende que comezamos a camiñar, e a algúns se lles espertou a fame ¿non si, Cachorro? Así que decidimos voltar á praia de Menduiña, para recompoñer forzas mentres esperabamos o crepúsculo. Mandámoslle outra ronda de bocadillos, esta vez de calamares, sen máis disidencia que os que o tomaron sen queixo, e baixamos unhas xerras de cervexa coa premura do que ten sede, mentres repasabamos o álbum fotográfico da xornada e algunhas anécdotas.

A única nota negativa foi na despedida, xa entre lusco e fusco, cando Georgina quixo recuperar a carteira da mochila de Alex e nos decatamos de que caera polo camiño, quizais no facho de Punta Subride ou no aparcadoiro. Así que fomos Flores e máis eu a tentar a sorte, e o único que conseguimos foi amolar a unha parella que tentaba buscala súa cos asentos reclinados, primeiro nun sitio e despois en outro, mentres nos alumeabamos para tódolos los lados buscando, sen éxito, a documentación e os cartos desaparecidos.

E así foi, e así volo conto, coas ganas de volver a xuntarnos nalgún camiño.

2 comentarios:

  1. ajora creo que si vai!!. Pois contradecindo o dito polo Ozzy, onte á noite, sigo pensando que esta clase de tesouros non os teñen eses Gates, Trump, etc. da vida por muitos ceros que acompañen ós numeros da sua conta corrente. es debe ser o valor das pequenas-grandes cousas que nos regala a vida. regalarnos os sentidos con esas vistas, olores, sensacións ó fin ó cabo... e sempre ca millor das compañías, a do tesouro mais grande que toda persoa debería experimentar ó menos algunha vez na vida, a dos amigos sen condición.
    Arriba o Eivadinhos Clube!!
    Apertas Angelo.

    ResponderEliminar
  2. Esta foi a miña primeira saída, ainda ke ia con un pouco de medo pasouseme deseguida e foi mais doado do ke pensaba, pasamos catro horas andando, invadindo espacios nos ke nunca estivera ou quizas de habelos visto antes carecian do encanto ke amosaban nese momento. Acostumada a ke os domingos pasen diante do TV comendo frutos secos e esperando a ke remate a resaca do finde nocturno, esta experiencia ven a presentarme unha maneira máis ke fermosa, de enfrentarme as portas dun luns, haberá ke repetir, non sí?

    ResponderEliminar

Seguidores