E162.2 Xacebáns-Abellás (Verea-Quintela de Leirado)


Domingo, 21 de febreiro de 2010

O cansanzo acumulado da véspera fixo que cando me erguín da cama xa estivera todo o mundo en pé, e que algúns xa almorzaran e estiveran con gañas de novos camiños, como Zalo que demandaba que cumpriramos os horarios pactados e que puxeramos unha ruta enriba da mesa, facendo a un lado o pan tostado e a manteiga, para rentabilizar o noso fin de semana nas terras do Laboreiro.

Como xa teño experiencia para improvisar, e esto xa se vai convertendo nunha sinal de identidade dos Eivadiños, propuxen a opción de completala ruta do día anterior, facer o tramo perdido dende Xacebáns e dende alí baixar a Quintela de Leirado, onde remata o PRG-31, e dende alí continuar ata o noso campo base de Abellás. Tiñamos o inconvinte de tratarse, outra vez dunha ruta lineal e de dispor só dun coche, pero o Alex xa manifestara que non ía acompañarnos nesta ocasión, pois andaba doente dun xeonllo, e contabamos con el para acercarnos ó punto de partida.

Convencín con esto a Zalo, que pensaba así na posibilidade de facer unha ruta axeitada para traer ós seus acólitos do CdC, e Fani asentiu co seu entusiasmo irreductible, co cal so nos restou apurar o almorzo e encher as mochilas con algo de froita e roupa de abrigo, xa que planeabamos estar de volta para xantar todos xuntos na miña aldea.

Saímos pois os catro ata San Pedro de Xacebáns, baixo un ceo realmente primaveral, aínda que salpicado de nubes brancas, e alí despedimos do noso Cachorro, que quedou encargado de arranxar o xantar co que sobrara da noite. E sen máis atravesamos o pobo e buscamos o último sinal do sendeiro que ven do Penagache. Atopámola de seguida, e comezamos o descenso atentos ó posible desvío, que se presentou un cento de metros máis abaixo, nunha baixada á dereita onde se agochaba a seguinte marca que confirmaba que, agora si, estabamos no camiño certo.

Este levounos ó río Deva, que cruzamos por unha fermosa ponte dun só arco, que semellaba medieval, de onde saía un camiño carreteiro que ascendía internándose nunha carballeira frondosa que nos facía sentir optimistas. Tamén axudaba que o sol estaba a acariñarnos durante o traxecto, e que conforme gañabamos algo de altura descubríamos unhas boas panorámicas das serras cércanas: da Basteira, do Aguillón, do Castelo e do Caúño, aínda sen poder asegurar moi ben onde estaba situada cada unha. Eu fíxenme a promesa de volver para un recoñecemento máis exhaustivo destas montañas que delimitan os concellos de Quintela de Leirado e Padrenda.

Pasamos por riba de Retortoiro, e a cada paso estabamos máis seguros da nosa empresa, pois ata o de agora non tiveramos ningún problema para continuar polo PRG-31, aínda que este estivera desaconsellado pola FGM, os camiños estaban en boas condicións e o trazado era ben xeitoso. Pero ó chegar á estrada as cousas mudaron, a última marca atopámola no lugar exacto onde deixaramos o coche na véspera, no cruce das estradas a Mociños, Xacebáns e Leirado. Como tiñamos que continuar nesta ultima dirección avanzamos polo asfalto, aínda que atentos a calquera desvío posible.

Démoslle unha e mil voltas ó mapa, e ó final resignámonos a seguir pola estrada, aínda que fixemos unha derradeira tentativa subindo por un carreiro que vai ó carón do Rego das Fraguas, e cando este morreu, seguindo por unha levada que nos conduciu novamente á estrada.

A piques estivemos de rendernos ó chegar a San Pedro de Leirado, xa que dimos cos fociños, diante da casa do concello, co panel do sendeiro, onde sinalaba o seu remate, e tamén onde confirmaba que o ultimo tramo era asfaltado, ou sexa, que viñeramos pola ruta correcta. A rendición foi escenificada no Miradoiro, onde tomamos un vermut e, visto o éxito que tiveramos, decidimos chamar a Alex para que se nos sumara e rematar o pateo. Pero a cobertura en Abellás non é moi boa, e tivemos que seguir cos plans iniciais.

Puxémonos outra vez en marcha, cun ceo que se pechaba por momentos e que refrescaba a atmosfera, e baixamos a carón da igrexa parroquial, por un camiño cementado no que Fani colleu o relevo na tarefa de engrosar o noso arquivo fotográfico, cousa que sempre é de agradecer. Chegamos entre campos e viñas ata o lugar de Lavandeira, no que nunca estivera, e onde non vimos a ninguén, pese a que algunhas casas semellaban novas, seguramente porque xa ía sendo hora de xantar. Alí colleunos un chaparrón e refuxiámonos baixo ó abrigo dunha casa, mentres lle mandabamos unha peza de froita.

Escampou e seguimos baixando cara Quintela de Leirado, onde chegamos ó pouco. Dende alí víamos Abellás, a nosa terra prometida, dende onde o Alex xa conseguira chamarnos para que lle désemos unha estimación do tempo que tardariamos en chegar para ter quentes as lentellas. Eu calculei, a ollo, unha media hora, pero fixen as contas pola distancia, pensando que non tería problemas para atopar o camiño, porque polo menos no mapa estaba. Pero nada máis baixar cara a Corga do Río Pequeno, que eu sempre coñecín como Río San Francisco, me decatei de que a tarefa non ía ser sinxela.

O camiño estaba totalmente cuberto de maleza, e aínda así dimos chegado ó río, no lugar exacto onde de cativo bañábame cos meus primos, unha pequena fervenza que remata nunha pequena poza onde nos refrescábanos nos veraos abrasadores. Máis de trinta anos facía que non estaba nestas paraxes e unha certa morriña me invadiu, aínda que a cousa non estaba para lembranzas, porque o descenso e o cruzamento do río tiñan algo de perigo. Aquí estivo campiona Fani, que non é desas mulleres que se achantan ante ningún obstáculo, sexa auga, pedra ou besta.

Unha vez na outra beira chimpamos polo monte arriba, xa que o sendeiro estaba totalmente cuberto de silveiras e toda clase de vexetación, e despois de gañar algo de altura dimos cun camiño bastante amplo que nos fixo abrigar esperanzas de estar no certo. Aínda que a dirección que marcaba a lóxica era a dereita, nós, que somos ben retorcidos, viramos á esquerda, por aquel de tentar chegar novamente ó río e dar co antigo camiño cara Abellás, e rematamos outra vez loitando contra as silveiras e as xestas e tendo que agatuñar por un souto onde, agora, si, dimos cun camiño que xa me era familiar: o que leva cara a minicentral do Deva.

Por aquí marquei o ritmo eivadiño, intentando recuperar o tempo que perderamos no cruzamento da corga, e ó pouco divisei as viñas de Forno Telleiro, que pertenceran ó meu avó, o que me deu azos para incrementar o paso na subida á viña grande, xa fronte ó Casal de Abellás. Chegamos así ó remate da nosa aventura, recibidos por un balbordo de cans, Osete e Manchitas, ós que tamén lles cheiraba a comida que o Cachorro tiña disposta na mesa para nós.

Xantamos os catro coma se fosemos cinco, reducindo á mínima expresión as racións de carne asada (que non se queimou de milagre), de arroz e empanada de bonito e, como non, do que quedaba das lentellas. Unha cousa fantabulastica, que diría o Zalo, á que só lle faltou un café, que se nos resistiu por non sei ben que problema loxístico. Tomámolo despois, cando recollemos e deixamos pechado o noso refuxio, en Freáns, cos chupitos de licor café de rigor, e celebrando o remate da nosa saída eivadiña cun campionato de futbolín no que, como era de esperar, gañamos todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores