E291 Polo corazón da Selva de Irati (Val de Salazar)


Mercurio, 25 de setembro de 2013

No terceiro amañecer na Casa Grande de Murillo espertei coma se na véspera levara unha boa tunda, pois as oito horas empregadas na conquista do Castelo de Acher semellaran talmente iso, polo menos para min, xa que os meus compañeiros da expedición galaica semellaban non acusar o esforzo, seica estaban pedindo a baixa dos Eivadiños, e xa estaban facendo plans na cociña entre pan torrado, bolachas, zumes e cafés con leite.

A min o corpo non me daba máis que para mandarlle un café máis negro cos meus pecados, e para botar unha ollada ós mapas que se espallaban pola mesa, para conquerir algún destino amable, e menos mal que acertamos cunha proposta axeitada para non esgotar todas as forzas, pois decidimos ir cara á Selva de Irati, un lugar ben coñecido polos meus fantasmas, xa que dende a miña primeira visita, fai vintecinco anos, foran moitas e con diferentes circunstancias nas que camiñara polo maior faial de Europa.

Saímos cara Otxagavía, marabillados pola bonanza climatolóxica, eu coma case sempre cos ollos pechados, quizais afectado pola picadura dalgunha variante navarra da mosca tse-tse, e unha vez alí visitamos o centro de interpretación do Irati, de onde saímos cun par de exemplares das revistas Euskalherria e O Mundo dos Pirineos, fantásticas publicación adicadas a estas terras, e cunha completísima guía da Selva, con vintecatro rutas moi ben documentadas, que Miguel tivo o acerto de mercar. 

Visitamos tamén alí unha interesante mostra micolóxica, que espertou os desexos do noso experto, que devecía por unha colleita clandestina, e despois fixemos algo de compra nunha tenda de ultramarinos, onde unha rapaciña ben xeitosa fixo que se activara o radarlove, e mesmo mercamos unha botella de xenebra para celebrar pola noitiña o regreso do noso mugalari.

Media hora despois estabamos desembarcando no corazón da Selva de Irati, preto da caseta de información onde pagamos a tasa por aparcar e onde nos fixemos cun mapa da zona e nos informamos das rutas que saían dende alí. 

No mesmo aparcadoiro dimos conta das provisións que mercaramos en Otxagavia, en un tristras papamos cadanseu bocata de xamón e queixo, pois xa ía sendo hora de almorzar, e aínda houbo quen repetiu e incluso lle mandou unhas noces para acompañar. Non, de fame non íamos morrer.

Decidímonos pola que vai río arriba, cara o pequeno encoro de Koixta, seguindo o sendeiro local, herri bidea na-69, seguindo as marcas verdes e brancas, internándonos nun faial espeso que semella non ter fin. A pesares de que cruzámonos cun GR ó pouco de comezar o Camiño vello de Koixta non ten perda, grazas á sinalización abundante, que nos leva polas abas do monte, nun estreito sendeiro entre abetos e faias, e variedade de fungos e cogomelos, como o matacandil, empregado en tempo para obter tinta para escribir. 

Seguindo sempre a montante o río Urtxurria, con abundantes subidas e baixadas, algunhas das cales arrancan as miñas primeiras maldicións, pois comezaba a constatar que os doce quilómetros do sendeiro íanme custar algo máis do que tiña pensado a priori. 

Non deixa de asombrarme a riqueza que agocha esta fraga, pois de cada especie vexetal quitou, o longo de séculos, beneficios en forma de tratamentos medicinais que agora semella que son patrimonio das farmacéuticas: a cetraria islandica, un lique común, se empregaba como antibiótico, a pulmonaria officinalis como expectorante, a euphorbia era empregada para curar verrugas, e da herba ignis, outro lique, facíase un remedio contra a tosferina.

A pesares de que o desnivel semella sempre positivo o meu corpiño o entende máis ben en negativo, máis que nada pola insistente dor instalada dentro das miñas botas, que semellaron encoller varios números, aínda que non se me ocorre protestar, xa que síntome privilexiado por estar camiñando por este recuncho do paraíso. Un océano de faias e de abetos, onde sentímonos pequenos exploradores, xa que non atopamos máis vestixios humanos que os propios sendeiros e as marcas que dirixen a nosa direción, as veces tan estreitos que se nos fai difícil imaxinar en que condicións se aproveitou a riqueza forestal do Irati, xa que non son moitas as pistas que cruzan a selva.

Saímos finalmente a unha delas, que a pouco lévanos ó encoro de Koixta, co monte Orhi ó lonxe, e as súas augas exercen unha potente atración para nós, tanto que non dubidamos en buscar unha beira segura onde espirnos e deixar as roupas, e mergullarnos nas fresquiñas augas o Urtxuria.

Demoramos o xusto para nos refrescar, mandarlle unha peza de froita e darlle un respiro ós nosos pes (os meus ben o agradeceron), e puxémonos outra vez en marcha, para emprender o camiño de regreso pola ribeira oposta a que empregaramos na ida, que nos recibiu cun desnivel que foi crecendo ata volver a cubrirnos de suor.

Outra vez no corazón da Fraga, onde non me estrañaría toparnos a Tasio facendo unha carboeira, seguindo de preto, aínda sen que fosemos moito tempo á par, os meus compañeiros, buscando o punto máis alto da ruta, con algo máis de trescentos metros de desnivel acumulado, onde ábrese un claro, prodigo en lepiotas e outros micelos, que nos leva, tomando un pequeno aire, ata o miradoiro de Akerrería, un magnifico balcón onde contemplamos a Selva de Irati en todo o seu esplendor, aínda que se non fixo imposible nin tan sequera intuír a liña do noso sendeiro, tal é a espesura desta fermosa fraga.

Dende aquí aínda restaban tres quilómetros e medio, xa de baixada, o que en principio aledounos, a pesares de que despois os nosos xeonllos sufriran nos tramos en que esta era máis pronunciada, e onde imaxinamos o perigoso que debe ser afrontar algún tramo en inverno, co firme máis ben esvaradío, xa que incluso nesta estación seca tiñamos que estremar as precaucións para non dar cos nosos cus no chan.

O derradeiro tramo é unha senda temática, onde uns carteis van ilustrándonos sobre as diversas especies que se atopan nesta fraga: faias e abetos máis que nada, pero tamén carballos, teixos, aciveiros, tsugas, bidueiros, e un feixe de arbustos diversos.

A Ermida da Nosa Señora das Neves sinalo o fin da ruta, e nos devecemos por celebralo algo máis abaixo, onde está o refuxio, no lugar de Casas do Irati, máis o atopamos pechado e tivemos que conformarnos con saciar a sede baleirando as cantimploras. Aínda nos restaba facer algo de compra en Otxagavía para a cea, e saímos sen moita demora, so a precisa para estirar e mudar a roupa e o calzado, para tomar unha cerveciña alí. Os días eran longos, e ben aproveitados que estaban, máis tiñamos ganas de que non rematara, pois era moito o que nos estaba dando o camiño.

Algo máis cansos do que prognosticaba esta xornada sen grandes desniveis que atacar, desfixemos os quilómetros que nos separaban de Otxagavía, onde fixemos algo máis de compra, pois o olfato levounos ata as portas dunha carnicería onde nos fixemos cuns bos chuletóns de tenreira para agasallar ó noso caseiro pola noite, tamén mercamos pan e a prensa abertzale, pois sempre é bo constatar que hai outro xeito de contar as noticias que non sexa a folla parroquial ou a caixa tonta. Con este botín recalamos nunha terraza a carón do río, cadaquén cas súas teimas, o Miguel fedellando no móbil, Xacobe co libro electrónico, i eu pescudando nas follas do Gara no seu suplemento de montaña, mentres baixabamos unhas canecas de cervexa, que xa era tempo.

Regresamos a Murillo, pouco antes de que chegara Iosu, e xuntos fixemos a cea, a base de chuletóns, arroz con froitos secos e ensalada, mentres facíamos quendas para utilizar o baño e mudabamos de roupa, pouco tardamos en sentarnos á mesa, e dar boa conta de todo o que estaba sobre ela, mentres lle contabamos ó de Burlata da nosa incursión na Selva do Irati. 

El tiña planeado levarnos alí ó día seguinte, máis por outro lado, por Orbaizeta, para recorrer as beiras do Pantano de Irabia, e con algo de sorte chegar a tempo para xantar nun restaurante dun coñecido seu, onde fai un feixe de anos comeramos os dous despois de ascender ó Anie. Rematando a xornada cos gin-tonics saborosos do noso anfitrión, con sesión de fotos e non poucas risas, e ata lle abrimos unha conta de fesibuc ó Iosu, que aínda non daba feito co teléfono novo, e con estas e con outras pasámo-la medianoite, e fomos camiño dos soños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

Archivo del blog

Seguidores