E35 Trilho da Boulhosa (Paredes de Coura)



Domingo, 10 de xuño de 2007

Como consecuencia lóxica do comezo da semana de vacacións, déixome arrastrar polo entusiasmo e na véspera desta convocatoria entrégome novamente ós excesos da noite.
Axúdame a complicidade de Tesorito para compartir unha botella de Mencía, unha tapa de xamón e unha tortilla no San Amaro; os acordes do blues dos rapaces do Bukowski Trío, a pesar da súa escasa erudición literaria en materia tan sensible; as contorsións de Habibi na pista da Fábrica de Chocolate, axitando o licor café que lle corre polas veas; os sorrisos amables de Nuria e María, a quen arrastro outra vez a un concerto sen informarlles previamente das súas características; e a enerxía de Petete, que aguanta as miñas confidencias ata altas horas da madrugada, cando se mesturan, como un cóctel letal, tódalas sustancias inxeridas polos labirintos tóxicos do meu corpo.

Todo isto podería levarme a outra consecuencia lóxica, desas que colecciono dende tempo inmemoriais, e que transcribo nestes informes con bastante frecuencia: a un deses domingos nos que amañezo cun exército de formigas pastando na miña cabeza, ou sexa, cunha resaca monumental. Pero non, esta vez non me ergo nese estado lamentable, que me fai cuestionar sempre as vésperas, senón que me ergo levemente ebrio, e non precisamente de trementina e longos bicos, como no poema daquel comunista universal.

A todo esto teño que engadir que non atopo ós pantasmas habituais acubillados nos pregues das miñas sabas, porque no día anterior os enviei polo desaugue da lavadora, e ó regresar a casa non estaba en condicións de poñer un xogo limpo, nin de xogar a nada, polo que esperto embutido no saco de durmir, improvisando unha acampada solitaria.

Precisamente por todo isto, que non son máis que unha sucesión de consecuencias, me refuxio outra vez nas miradas dos meus seres queridos, que non teñen tantas adicións perigosas como as que me posúen, e con eles nos diriximos, conformados novamente como un pequeno continxente guerrilleiros, cara as terras portuguesas. Outra vez descontando quilómetros cara a nosa terra prometida, onde os nosos espíritos se reconfortan e se curan as feridas que o cemento nos imprime nos días de xornadas obrigatorias na metrópole.

Fago inventario dos que volvemos sentarnos en torno ós potes fumeantes de arroz malandro, para continuar con este exercicio de memoria: Tesorito, antigamente coñecido como Nacho (o sinto, non son capaz de asumir o trauma), comandante en xefe dos seguidores do xarope de arce; Miguel, repartindo como aquel os derradeiros días da semana entre o océano e a montaña, con idéntico entusiasmo; Isabel, a Brujita, que ven de soportar as críticas canallas ás que acostuma este cronista a verter ós camiños alternativos, como os que nos propón Jorge Bucay.

A este heteroxéneo grupo únense Yuka y Ramón, que aínda non teñen claro si acompañarnos ou face-la guerra pola súa conta para non perderse a carreira de fórmula un, e que finalmente son convencidos para compartir a nosa ruta; e Zalo e Salomé, que xa decidiron facer a sobremesa nas terras do Rosal, seguindo o rastro dos muíños do Folón, para por a proba a perna rebelde do noso emperador.

Así que, despois de encher os depósitos de malandrinas e outras herbas, dirixímonos cara os obxectivos previstos, no noso caso o Trilho da Boulhosa, un dos poucos percursos pedestres da rede municipal de Paredes de Coura que nos quedan por recoñecer, e no traxecto caio nun soño espeso, como consecuencia (outra máis) dos caldos amables do viño alentexano, para que os meus amigos tamén descansen dos lostregazos que sofren os seus oídos coa miña lingua de serpe.

Engalanada para a ocasión recíbenos a freguesía de Insalde, xa que o sendeiro arranca da súa igrexa, e apenas temos tempo para deternos a admirar a súa arquitectura, nin para acometer os estiramentos oportunos, xa que os seguidores do piloto asturiano arrancan sen escoitar o pistoletazo de saída, e Tesorito, proclamado guía da xornada, tamén parece ter presa e ameaza con non esperar ós rezagados (ou sexa, a min).

Por fortuna, en canto atravesamos o núcleo rural de Cidade, topónimo que deriva de cividade, e que delata a antiguedade do asentamento, e mentres as nubes preñadas ameazan con precipitar a súa incontinencia, comezan as primeiras dúbidas sobre a dirección correcta, e volvemos reagruparnos para acometer a ascensión por unha pista de terra e pedras, cara unha zona descampada que serve de pasto a amplos rabaños ovinos e bovinos. Aínda que Yuka e Ramón volvan insistir na súa táctica automobilística e, como se tivesen alas nos pés, comecen a incrementar as distancias co resto do grupo.

Aínda que volvamos coller ós fieis do piloto asturiano, nun cruce confuso situado no Cabeço da Ramalhosa, debido a que os sinais están agochados, e retrocedamos na súa compaña, deseguida nos abandonan, esta vez definitivamente, para continuar a súa carreira aloucada cara o cumio, mentres vai desaparecendo o bosque conforme gañamos altitude. Tamén se multiplican as ameazas do ceo, aínda que a temperatura siga sendo agradable, e apuramos un pouco o paso ante as miradas atónitas dos rabaños de vacas barrosás.

Esta especie bovina de raza autóctona do norte luso, caracterizada polas súas grandes cornamentas, asusta a Isabel, que non se fía das miñas actitudes para o toureo, e decide abandonar o camiño para aloxarse dos seus pastos. Aínda lle intimida máis o meu empeño por retratar a estes pacíficos rumiantes, aínda que recoñeza a beleza destas imaxes bucólicas e, certamente, pastorís.

Estamos recorrendo as siluetas redondeadas que conforman a Serra da Boulhosa, xunto ós límites que separan Paredes de Coura e Monçao, que garda nas súas entrañas vestixios dunha antiga necrópole megalítica, mámoas e antas que foron completamente destruídas pola incontrolable avidez dos ciprianistas que, en busca de ouro, foron responsables da destrución de gran parte do patrimonio arqueolóxico destes municipios.

Conforme debuxamos as nosas pegadas nestes desolados territorios, acadando as maiores altitudes do sendeiros, no lugar de Casela do Lobo, onde temos unha ampla panorámica do recorrido realizado, comezan a derramarse sobre nós as primeiras gotas, e case sen darnos tempo a reaccionar se desata sobre nos un pequeno temporal, en forma de vento, raxadas de auga e sarabia que, en poucos minutos, nos deixa totalmente enchoupados.

Por sorte para o noso reducido grupo é so un chaparrón, e non tardamos demasiado en acadar a estrada que nos conduce ás ruínas da cooperativa agrícola da Boulhosa, de onde saía a famosa e apreciada pataca coñecida polo nome da serra, e no que aínda observamos algún rabaño illado de cabras, aínda que non vexamos nin rastro de presenza humana. Miguel enreda entre as ruínas imitando a un francotirador serbio, e a verdade é que parece que estamos no escenario dunha batalla, nunha desas aldeas de Bosnia onde medían as súas forzas chetniks e ustachas, rivalizando nos seus intentos de limpar eticamente o territorio conquistado, cousa que en certo modo lograron.

Dende aquí podemos apreciar a bela paisaxe envolvente da freguesía de Insalde, rodeada de bastas áreas de pasto de montaña e por carballeiras que, ó longo do ano, lle confiren diversas tonalidades. Tamén podemos apreciar a distancia que nos quitan Ramón e Yuka, a quen divisamos como dous afastados puntos ó outro lado da estrada asfaltada que rodea os campos que se estenden ós pes do complexo agrícola.

Aproveitamos que o ceo ofrécenos unha tregua para despoxarnos das nosas roupas enchoupadas e pornos todo o que levamos de abrigo na mochila, que tampouco é demasiado. Incluso Miguel insistía pola mañá, saíndo da cidade, en buscar un sendeiro preto do río para refrescarse, ignorando os azares que nos deparaba esta meteoroloxía caprichosa que confirma a negación das estacións ós que nos somete o cambio climático.

Sempre dirixidos por un Tesorito que se toma moi en serio o seu papel de vangarda, avanzamos pola estreita estrada, descendendo cara unha espesa masa forestal. Despois de dubidar brevemente, ata que retomamos os sinais vermellos e amarelos característicos deste tipo de percursos, entramos un túnel vexetal polo que acedemos a un bosque de carballos, castiñeiras e mimosas, que se alternan con áreas de carrasco constituídas por toxos, urces e xestas.

A Fraga da Boulhosa é un terreo radicalmente distinto ó que deixamos atrás, e en ocasións é tal a espesura da vexetación que temos que facer esforzos para descubrir a dirección correcta. Pensamos na parella que nos precede e nos preguntamos como puideron avanzar sen un mapa que os guiase, pero aínda así non dubidamos da capacidade de Yuka para orientarse.

Isabel aproveita algunha pausa para sorprendernos coas novas posturas que aprendeu nas clases de ioga, antes de abandonar o camiño e internarnos no estreito pasillo esmeralda que nos conduce ó corazón da fraga, onde camiñamos con certo temor a eses animais que se arrastran entre as herbas, un deses medos atávicos que, seguramente, se remontan á noite dos tempos.

Mentres, o descenso faise cada vez máis abrupto, descontando os metros que gañamos ó ceo cando este nos botou algúns caldeiros de auga que lle sobraban. Se antolla demasiado breve este tramo que conflúe con unha pista forestal dende a que intuímos o que pode ser un pobo.

Despois de atravesar estes territorios enfeitizados, e á vez que se despexaron os vapores etílicos que cubrían a miña cabeza, volve a pecharse a ameaza do ceo sobre nós e, á altura dun peto de alminhas que anticipa a entrada no núcleo rural, entre as últimas árbores da espesa masa forestal, comezan a caer anacos licuados de nube.

Cruzamos o Regueiro do Fojo, e as súas augas fan de fronteira natural, e así as áreas de matorral son trocadas por zonas de pasto e campos de cultivo, e o camiño de terra é mudado por un camiño empedrado, que nos leva ó lugar de Souto da Torre. Este enclave da freguesía de Insalde está cheo de primavera, xa que os seus habitantes acostuman engalanar as súas casas cunha variada selección de flores, que espertan a cobiza da nosa meiguiña boa.

Esto motiva que cando por fin o ceo decide derramarse en forma líquida sobre o pequeno grupo, este xa está dividido en dous, e Isabel máis eu nos refuxiamos nunha marquesiña de bus, próxima a outro peto, onde entoamos unha pregaria para que o sol se abra paso entre as nubes e nos permita completar o noso trilho.

Para nosa sorpresa, entre a cortina de auga que está caendo, aparecen Miguel e Nacho, eso si, motorizados, xa que estamos moi preto de onde empezamos a debuxar o círculo que, de algún xeito, se pecha. E podemos considerarnos afortunados porque agora si que está a desatarse o temporal, e mentres discutimos sobre o asfalto, camiño de Paredes de Coura, non atopamos mellor destino para secar os nosos osos que Dosselandia.

Chegamos á vila atrapados polos ecos da música folclórica, e mentres aparcamos empezamos a ver grupos de seareiros ataviados con traxes rexionais, polo que decidimos aprazar a nosa visita obrigada ó local onde teñen prohibida a entrada os diabéticos.

Así que, seguindo os acordes courenses e as súas coloridas roupas nos atopamos coa praza maior ocupada por unha auténtica festa. Unha feira de produtos gastronómicos e de artesanía, que nos dispara en varias direccións. Isabel desaparece curiosa entre o labirinto de postos para informarse das súas propostas, o señor Panette e o señor Betanzos se refrescan con senllos finos, confundíndose coa tropa local, e eu marcho a retratar ás belezas locais.

Volvémonos agrupar, como se aínda estivésemos acometendo un tramo do sendeiro, obrigados polo diluvio que finalmente se desata, cumprindo a ameaza que durante todo o día víase nos tons escuros do ceo, e os nosos estómagos non son inmunes á visión de tantos manxares dispostos antes nos, polo que nos rendemos a esta invitación ós sentidos.

Ocupamos unha das poucas mesas que atopamos valeiras, xa que parece que dende tódolos pobos do val acudiron as xentes a esta romaría, e a choiva tamén axuda a estimularnos para a merenda.

Da nosa se ocupa a Brujita, que utiliza a súa maxia boa para conseguirnos unha botella de viño alvarinho, un prato de presunto, outro de embutido e unha especie de boliños de bacallao, dos que damos boa conta mentres observamos os diversos tipos humanos desta parte da xeografía lusitana. Sobre todo chama a nosa atención un paisano, notablemente influído polos caldos courenses, que non para de lamentarse porque “aquí non canta ninguem”.

Para a súa sorte e para a nosa rapidamente atopa un par de acólitos cos que arrincarse cuns cantos serráns, un fanado que manexa un pequeno instrumento de percusión, algo parecido ás tarrañolas, e un bigotón que toca, con bastante acerto, un acordeón.

Botamos de menos a Yuka e a Ramón, que seguramente disfrutarían esta festa que non estaba nas nosas previsións bastante máis que as carreiras de fórmula un, cousa que confirmaríamos despois, e tamén a Zalo, que sempre gusta destas demostracións da cultura popular, máis aínda nas súas vertentes gastronómico - folclóricas. Para uns e outros tiramos un feixe de fotografías, aínda a risco de fomentar o pecado capital da envexa. Nós satisfacemos outro, o da gula, e brincamos baixo a incontinencia dos ceos para regresar os nosos cuarteis de inverno, agora que desapareceron as estacións.

Volvemos á metrópole, outra vez con este cronista entregado ós brazos de Morfeo, porque sempre hai que deixarse querer, coa mel nos beizos doutra xornada amable nesta topografía que levamos gravada no corazón e, certamente, no estómago. Cada quen a súa cova, a soñar novas aventuras, novos camiños nos que se confunda, hasta non saber quen de nos as sementou, as nosas pegadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores