E51 Sendeiros dos Ancares

Isto debeu ser polo 21 a 23 de Setembro do ano en curso.

Arrancamos de Vigo a iso do mediodía e fomos xantar ao Xantar que é un sitio a onde nunca queren ir estes salvo cando non quero ir eu que nese caso é o único sitio ao que se pode ir. Tal vez cando sexa maior entendereino. Alí despedímonos de Mónica e iniciámo-la andaina (en coche) que nos levaría ao noso destino na Campa da Braña nas primeiras horas da noite malia a seguridade que os meus amiguiños tiñan de que nos sobrarían as horas diúrnas.

Aínda paramos polo camiño a tomar un café nun lugar frío e impersoal do que non irei facer propaganda.

Nesta ocasión o reparto era curto: O Xurxo en calidade de peticionario, o Nacho en calidade de realizador de fantasías alleas e eu mesmo en calidade de que estaba alí.

O que sempre pasa na casa de Mariló e Pedro é que encontras moita mais xente coñecida que no mercado de Bouzas o Domingo. Desta vez tamén, así que cumprimentamos a media Cig-ensino e algúns outros, ceamos e fomos durmir.

Pola mañá saímos a unha hora razoable, o que demostra que é posible e aínda non foi antes porque o chiringo do almorzo non abría cedo, cara o Tres Bispos. Subimos a tren e eu vin a boa forma na que está o Nacho deixados atrás os problemas co xeonllo que tanto traban a este que sería un andarín pura sangue se non fose iso. Tamén o Xurxo ía pletórico. A verdade é que daba gusto velos.

Chegados ao Tres Bispos seguimos cresteando ata que nos pareceu que o noso camiño nos levaba cara abaixo seguindo en parte as indicacións que a noite antes nos deran na taberna e en parte os mapas. Así que aos pes do Corno Maldito demos en descer por unha pedreira facéndolle-la competencia aos rebecos asegundo os meus amigos que deben entender destes bechos tanto coma min, nada.

Cando pasadas as lagoas de Burbia, moi esmirradas pola escaseza de auga, ao lonxe vimos o tellado do refuxio soubemos que estabamos no bo camiño. Así foi como chegamos sen atranco ningún ao noso destino. Quixo a providencia que o tal destino estivese ocupado por catro persoas. Como a capacidade é aproximadamente para dez a cousa non ía mal se non aparecía ninguén mais que ben podía suceder pois aínda era ben cedo. O suficiente como para que pasaran un grupo de chicas que se encontraron cos meus amiguiños cubertos pudicamente cunha toalla de mans ou coas mans mesmo. Unha foto.

Como era cedo aínda pensamos en ir cear a Burbia. Puxémonos a elo pero equivocamos o camiño (ou mais exactamente non collemos o mellor camiño) e volvemos á base.

Tivemos que ser corteses e departir cos nosos compañeiros de refuxio para non aparecer coma uns cabestros e ceamos mais ou menos. Despois puxémonos a ver as estrelas, as mesmas estrelas que días antes en Soutelo. O que mais vimos foron avións.

Logo comezou a parte mais bonita. Fomos durmir. Acabamos por durmir fora. O día a seguir o camarada Betanzos declarou que había un que roncaba e non deixaba durmir. E habería.

De mañá, algo cansos -ao menos eu- pola falta de sono, iniciámo-la volta o que nos permitiu perfilar mellor a ruta para sucesivas ocasións. Volvemos competir coas cabras, eu nunca tiña visto tantas, e aínda chegamos a tempo de xantar na casa de Mariló. Xa sabedes como son alí os xantares.

Despois volvemos e a media tarde xa estabamos na casa.

E así foi o conto. Parece que esta será unha próxima saída de CdC onde o Nacho nos conducirá.


ZdP. Outubro 2007

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores