E50 Sendeiro do Alto Lérez (Forcarei)

8 de setembro de 2007

Forcarei

Un soneto me manda hacer Violante,
vive Dios que nunca me he visto en tal aprieto.
Catorce versos dicen que es soneto
Tira tirando ya va el primer cuarteto

Cito de memoria a Lope de Vega porque me encontro nunha tesitura parecida ao fulano do poema que tiña que facer un soneto e non tiña nada que dicir. Teño que facer dous informes por encargo de Anxo (e porque os demais pasan) e o certo é que pasaron tanto tempo e tantas cousas que non me lembro cabalmente. Tratarei, pois, de refundilos en un só documento e que saia o sol por onde queira (o sol é o que ten, sempre sae por onde quere e sempre quere polo mesmo sitio. Gajo porreiro, o sol).

Isto debeu suceder o finde do 8 e 9 de setembro (corríxase o que non proceda) do ano do Noso Señor do 2007. Consonte o seu costume o Xurxo e o Nacho cambiaran varias veces a proposta, o sitio, a data e todo o que quixeron ata que por fin desembarcamos un sábado pola mañá nun lugar chamado Casanova perto do núcleo urbano da capital do concello de Forcarei. A casa na que nos iamos aloxar chamábase ‘Cassanova’ coma se ese ‘s’ engadido a dotara dun pedigree que non fose quen de acadar por si mesma.

Mal feito porque o lugar era unha antiga cerería, cousa que eu non tiña visto nunca, e valía a pena aínda que solo fose por iso sen precisar do engadido do ‘s’. Pero explicounos o dono que ese ‘s’ dáballe un punto italiano que a el lle puña. Pensei eu que estaba ben xa que os nosos amigos andan nunha xeira italianizante desque o Xurxo os paseara polas terra rivelenses se o xentilicio é correcto.

As personaxes, non se me debe esquecer, desta historia son: Xurxo en calidade de alma mater e director espiritual; Nacho en calidade de sherpa e director técnico; Yuca, Ramón, Salomé e mais eu en calidade de personaxes de reparto. Coma personaxes invitadas para este episodio: Concha e unha fotógrafa da que non lembro o nome (póñase no lugar destas últimas palabras o nome da fotógrafa)

O primeiro que fixemos, ao menos que eu lembre, foi ir a Acibeiro á procura dunha ruta que xa en pasados tempos intentamos facer con CdC e acabamos metidos entre as silvas e sendo evacuados en taxi que é unha maneira pouco elegante, mesmo vergoñante, de resultar vencidos. Non, agora lembro, iamos buscar unha que asegundo Nacho nos levaría á Groba. Como non a atopamos acabamos nun chigre tomando polbo a prezo de percebe despois de térmonos infiltrado entre os fregueses nunha misa.

Logo, xa cando o sol caía, comezamos a pateada Lérez arriba nas proximidades da nosa Cassanova residencial. Alí foi onde se nos uniu unha amiga de Xurxo... que resultou ser tamén coñecida miña e aínda de Nacho. Aquilo de que o mundo é un pano cheo de mocos cada vez é mais certo. A Concha deulle colorido ao choio co seu bolsiño e o seu foulard, o certo é que ela pensou que unha pateada que empezaba ao anoitecer non podía ser grande cousa e acertou, claro.

Rematada a pateada que fixemos seguindo as correctas explicacións do noso hospedeiro e sob a batuta de Nacho, algúns decidimos aínda irnos bañar. Xa era noite pecha e os catro homes machos masculinos debiamos parecer a Santa Compaña en pelotas naquel río escuro e sen lanterna. Unha tristeza de xuventude estragada.

Despois a nosa común amiga Concha organizounos unha cea de manda carallo en Soutelo de Montes, comemos croca, cousa brava iso da croca, e logo fomos dar unha volta polos arredores a ver estrelas que se ve que é unha cousa que lle pon ao amigo Xurxo. Alí foi onde coñecemos á fotógrafa da que falei antes. Tipa interesante.

Salomé e mais eu retirámonos unha vez inventariadas as estrelas que había e mais as que non había, o resto continuou aínda un tempo.

Xa pasara un día e o suposto plan de ir andar cumprírase só nominalmente. Técnica Eivadinhos.

Chegou o domingo e o primeiro que fixemos, claro, foi almorzar. En Cerdedo. Logo o Betanzos conduciunos a Pedre e guiounos con pulso firme a ánimo afoute polas silvas e os toxeiros ata chegar de volta a Cerdedo onde nos obsequiamos cunha xantarada como Deus manda ao tempo que viamos unha carreira de fórmula1 que digo eu que xa que está tan de moda e se fai tanto españolismo barato co rollo do tal Alonso podíana declarar festa nacional e así aforrarnos a vergoña de que polo mundo adiante non só nos chamen españois coma que dean por suposto que amámo-las touradas.

Soltado o espich que me proía o corpo, continuo: acabados de xantar desandamos o camiño andado e o Nacho reintegrounos sans e salvos a Pedre. Alí Salomé e mais eu despedímonos dos nosos amiguiños que ían ter con Montse e eu estaba certo de que irían seguir paparotando malia eles aseguraren que non.

Con isto, Anxo, cumpro coa metade do encargo.


ZdP. Outubro 2007

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores