E86 Ruta Ríos e Montes (Ponteareas-Mondariz)



Domingo, 27 de xullo de 2008



Capitulo Primeiro
Do que aconteceu dende que o espertador nos tirou das orellas ata que empezamos a move-las pernas o carón do río Tea

Un dous, tres, catro, cinco, seis berros mecánicos que me asolagan con ferro os oídos, batendo nas bolboretas que aniñan no meu estómago, lostregando as durezas que a saudade, e tamén as ganas de ouriñar, fabricaron pola noite entre as pernas, arrincando as teas de araña que as pantasmas teceron durante unha, dúas, tres, catro, cinco e case seis horas, nas que percorrín o xardín segredo dos meus soños. E agora son outros, porque tamén son quen de perseguir soños esperto, e por eso érgome con ledicia outro domingo máis, desprezando as ameazas que o ceo, nada máis asomarme á fiestra, envíame en forma de escuros neboeiros.

Os meus xestos son lentos pero decididos, mentres percorro as miñas catro paredes recollendo a roupa que hei levar na mochila, e máis a toalla, as derradeiras crónicas, a carteira, as chaves, o teléfono. Xa está todo, así que boto unha carta breve á rede mentres lle mando un café máis negro cos meus pecados e, xa pretiño do mediodía, dispóñome a saír de casa cando escoito dous pitiños sinalándome que teño unha mensaxe no móbil.

Como é costume, algún que acordou a última hora. “Bos días, ¿vas a patear?”, pregúntame de xeito breve María, e como xa estou saíndo cara a rúa chámoa e contéstolle que si, e ademais dígolle con quen, cando e cara onde imos, porque sei que, as veces, tamén estes datos inclinan a un lado ou o outro a balanza nestas convocatorias. Aínda está a espertar, así que doulle un tempo de marxe mentres me reúno co Zalo no Concheiro que, na véspera, mandoume tamén outro brevísimo mensaxe: “¿Mondariz-A Freixa, mañan?”.

Pareceume ben e contesteille cun máis breve aínda “Ok”, porque tampouco son moi amigo do xénero literario do esemeese, e cando chego ó lugar da cita xa me espera en boa compaña, porque Isabel, coa que falei ¿cando foi, o venres?, decidiu proba-la fórmula máxica que o meu amigo de Paramos me legara, non sei se inconscientemente, nas terras que pisaron os combatentes da Travanca. Organizamos o asunto do transporte, porque a pesares de ser lineal o percorrido contamos ca infraestructura da Casa Padín, para retornar.

Recollemos a María no seu acubillo, e decidimos o lugar onde xantar, pese á oposición da sección feminina, que xa almorzou e non está pola labor de seguir tradicións. Pero non estamos nunha democracia, así que atallamos rapidamente a insurrección e diriximos a nave ata un deses comedeiros habituais onde aínda podemos mandarlle unhas racións de bo, bonito e barato, mentres a Chinita cóntanos as súas andanzas pola capital do reino, na súa tarefa de interprete para uns frikis que intentan vender aceite vexetal para facer biocombustible, pero sen ter nin un só litro no almacén. O certo é que a historia ten tódolos ingredientes para escribir unha boa novela, ou polo menos para empezala, porque non se sabe moi ben como vai rematar.

O caso é que chegamos ó Eido Vello a eso da unha, e polo menos eu xa tiña fame dabondo, así que ocupamos unha mesa e pedimos unha de calamares, dúas de empanada de bonito, unha de pementos de Padrón, e outra de churrasco, a pesares de que o único que tiña intención ou antollo, chámalle como queiras, de rillar nos osos do porco era eu. As mozas comeron como pitiños, ou coma señoritas dicían elas, e nos como homes machos masculinos, ou coma... ¿entón non están os animaliños neste mundo para comelos?.

O Zalo queixase das patacas conxeladas, pero o godello estaba fresquiño, é suavizou a queixa. Ademais, de postre, metémoslle unhas boas racións de colesterol, das que tanto gusta o meu amigo, en forma de tarta de tres chocolates, de piña ou da aboa, e por riba café e chupitos para todos. ¡Arrebientame vida! Que diría o precursor dos atrapacontos.

Menos mal que Isabel levou o meu cochiño (que non é un cocho pequeno, aínda que está ben porco) e conduciunos cara as terras do Paradanta, mentres eu agóchome no asento traseiro tentando de facer a dixestión, ou sexa, de votar unha boa soneca. Teño que facelo por fascículos, para indicarlle o camiño á camiñante, xa que non coñece os atallos de Mos para chegar á autoestrada, porque o Zalo está pendente da lectura e non é cuestión de que se despiste, que non están os tempos para seguir perdendo lectores. Chegamos á Freixa ás tres da tarde, cos ollos tinxidos de soños, polo menos os meus, que se pecharon definitivamente en Cans, co ceo cuberto e unha temperatura moi agradable, se non fora polo exceso de humidade. E despois de baleirar ou encher as mochilas, e de facer uns breves, brevísimos exercicios para quentar os músculos, collemos un pequeno carreiro río arriba.

Capítulo Segundo
Dalgunhas conversas e sucedidos entre a Praia da Freixa e o Muíño de Bugarin, do gang bang, das augas bravas, e dalgúns pantasmas que xurdiron no camiño

Xa vai tempo que o Zalo deixou atrás a súa eiva, e agora aproveita estas saídas dominicais para asegurar algúns tramos que sumar ás súas convocatorias do CdC, e por iso sae disparado, coma un can de presa, mentres Isabel e María inician conversa sobre as oposicións o ensino secundario, ou sobre as particularidades das empresas onde traballan, eu estou, como un xoves no medio, disparando as primeiras fotos de rigor, por se un día me fraquea a memoria, como os peixes.

Este primeiro treito, bastante emporcallado por estar próximo á estrada, está franqueado por salgueiros, carballos, bidueiros e amieiros, e o sendeiro é unha fenda sementada de follas aberta entre a herba, e pasamos ó carón dalgunhas plantacións de millo ou de patacas, e tamén dalgúns campos que xa levan tempo sen cultivo. Debido á presa da Freixa as augas do Tea parecen detidas, e como consecuencia nas súas beiras xerminan carrizos e mesmo espadanas, e algunha árbore debuxa cas súas raíces anacos dalgún paisaxe tenebroso.

A pouco que avanzamos o sendeiro pechase un pouco, e Zalo fai labores de desbrozamento para que os seus acólitos non enganchen ningunha silva e retraten a marcha dese singular exército de camiñantes.

Aproveitando os seus esforzos doulle alcance para que me faga unha pequena crónica do día da Patria, que me perdín un pouco por preguiza e un moito por desgana. Sempre é quen de contaxiarme co seu optimismo pola terra e o tempo que nos toca vivir, dende aquelas primeiras conversas nas terras de Sanabria, onde comezou a nosa fructífera amizade.

Tamén nos alcanzan as mozas cando chegamos a unha extensa poboación de canas de bambú, xa que o avance polas galerías que a atravesan ten algunha dificultade, especialmente para min, xa que ó pisar algún cañoto torzo o pé que teño escarallado dende a caída de Monteferro. Saio do canaval botando maldicións e coxeando, pero apreto o cu outra vez e sigo cara adiante, que remedio, xa que estou aquí non me vou achicar por un esguince mal curado.

Cruzamos a desembocadura de pequenos regatos, atravesamos algunha carballeira bonita e algún prado illado, mentres Isabel e María lembraban as súas experiencias en diversos contacontos, e incluso a primeira ofrecíase a organizar o próximo no seu piso, esto da lugar a varios equívocos, máis ou menos intencionados, cando nos relatou a vez que meteu a cinco nakianos, todos de sexo masculino, no seu acubillo, e das queixas dos veciños polas súas alporizadas disputas sobre asuntos de traballo. Nada que ver co gang bang, xénero cinematográfico no que unha muller se enfronta, con boas dotes de organización, a máis de dous homes, sexan ou non da mesma profesión.

Botando unhas boas risas co tema chegamos ó primeiro dos saltos de auga onde comecei a miña breve vida de piragüista, e aparecen as pantasmas de vellos amigos, como Anxo Bimbo, co que subín por primeira vez este río, nunha embarcación dobre de fibra, que tiñamos que portear nestes tramos, ou como Mario, que fora campión estatal de K-2, e con quen percorrín unha ducia de tramos de augas bravas, e con quen incluso participei no descenso do Sella, e tamén nas manifestacións acuáticas contra os encoros do Ulla e do Lérez. ¿Que será deles? Penso mentres observo os pasos por onde sorteabamos con certa pericia as pequenas presas que cruzan o Tea. Que días felices aqueles, nos que era outro corpo o que me sostiña, e non podo deixar de pensar que, nese caso, calquera tempo pasado era mellor. Acompañado por estes pensamentos sigo ós meus compañeiros, alleos ós meus barrenes, e non tardamos moito en atopar a seguinte zona onde era quen de probar as miñas habilidades na navegación fluvial.

Un longo muro de pedra vai cara o dique, salpicado de plantas acuáticas, que ten case tres metros de altura, e non podo facer outra cousa que determe, e deixar que me envolvan as lembranzas das veces que, en calquera estación do ano, baixaba por este tobogán con dentes apertados e remando con tódalas forzas que tiña, evitando o naufraxio. Non sei o que daría por baixar, aínda que fose unha última vez, por estas pedras tinguidas pola escuma...Neses lamentos estou cando me decato de que o resto da tropa desapareceu, e volvo ó sendeiro, deixando atrás un feixe de pantasmas que me berran que xa non son nin sombra daquel que fun. Outra vez ca compaña dos meus, as pantasmas esvaecen, polo menos momentaneamente, porque na seguinte parada, no Muíño de Bugarín, espéranos unha agradable sorpresa, sobretodo para mín.

Capítulo Terceiro
Do cruzamento dos Pontes de Bugarín, do baño nas Pozas de Pías, e da lembranza do rescate dun bombeiro

Do Muíño de Bugarín aínda quedan en pe as súas paredes, e as grandes moas de pedra, mentres que o teito e os rodicios xa fai tempo que desapareceron, e del sae o muro dunha presa que cruza ata outra ribeira do río, e que so ofrece un estreito canal, tardei o meu tempo en descubrilo, para atravesalo cun kaiak.

Aquí a fenda de auga pártese en dúas creando unha pequena illa no centro, no que desembocan un feixe de pequenas fervenzas, creando un lugar de unha beleza incontestable, polo menos para min, porque os meus compañeiros pasan por aquí sen deterse, nin tan sequera cando descubrimos unhas curiosas construccións de madeira que cruzan o río.

Bótolles un berro para que se deteñan, e aventúrome por unha sucesión de pontes colgantes, que comunican as dúas beiras. A primeira que vai dende o muíño a un vello carballo que crava as súas raíces na illa, é unha plataforma feita de tablóns suxeita por unha corda ó árbore. Dende alí sae outra ponte, composta por catro series de tablóns e unha intricada pasarela de cordas, é baila baixo os meus pes cando avanzo por el. Certamente tratase dunha obra de inxenieria caseira ben curiosa.

Despois de pisar a illa descubro que aínda hai unha terceira ponte, máis rústica se cabe, un feixe de táboas cravadas sobre dous longos troncos, que me levan a outra beira. O certo é que non podo agochar a ilusión que me fai cruzar estas efémeras pontellas, que non teñen aspecto de aguantar un inverno, porque o Tea, como a maioría dos ríos galegos, ten a crecer de máis coa estación das chuvias.

María tamén aventurase a cruzar, mentres o resto da tropa decídese por armarse de paciencia e sentar un rato a parolar, para constatar que seguimos sendo xentes diversas e que cada quen ten a súa maneira de camiñar, de ver ou de sentir, incluso de lembrar.

Tiro catro disparos ó lugar, non sexa que tarde de máis en volver e xa non estean as pontes, e regresamos ó sendeiro, internándonos nunha fermosa carballeira, outro deses lugares con encanto, con maxia, dos que van quedando poucos na nosa terra, e dos que só parece que tomamos conciencia cando desaparecen. Somos así.

Ó pouco o sendeiro estréitase, ata que por momentos desaparece e temos que avanzar pegadiños á beira do río, ata que divisamos a Ponte de Bugarín, por onde pasa a estrada que comunica Mondariz con Pazos de Borbén. A escasos metros dela temos aínda máis dificultades para avanzar, porque atopamos algunhas árbores derribadas, e temos que avanzar entre as súas ramas, para despois sortear un desnivel que nos leva ó firme alcatreado. Imaxínome cando, dentro dunhas semanas, pasen por aquí os integrantes do exército camiñante, botando maldicións e queixas para o organizador do evento, aquí presente.

E máis cando en vez de seguir polo sendeiro nos leva cara unha pista inhóspita pola que o sol de agosto pode facer un bo feixe de baixas. Pero o Zalo xa ten todo controlado, non é a primeira vez que pisa este terreo, e para acalar as miñas obxeccións vira cara o río, internándonos outra vez na fraga de ribeira.

A pesares de que o ceo segue estando parcialmente cuberto xa son moitos os calores e alédome de que despois de outra sucesión de carballeiras, canavais, e cruzamento de pequenos regatos, cheguemos ás Pozas de Pías, onde hai un feixe de rapaces coa mesma intención que nós: a de refrescarnos. A sección feminina, que seguen sendo unhas señoritas, só mollan os pés, mentres o Zalo e eu espímonos a presa e saltamos a profunda poza, con máis ou menos estilo (eu sen ningún estilo e tragando auga polo nariz).

A temperatura é a ideal, e dou unhas brazadas ata o Tubo, un estreitamento natural do río, onde fai un millón de anos, ou quizais máis, improvisei o rescate dun bombeiro. O Manu, meu compañeiro dos últimos anos de navegación nas augas bravas, era un tipo afable pero teimudo, e aínda estaba convalecente do shok producido por quedarse pechado nas bodegas dun mercante, durante un incendio, e de verse a piques de morrer, pero no río non lle tiña medo a nada. Nin tan sequera ó Tubo, que en tempos de crecida era ben perigoso e xa dera algún que outro susto a outros que pasaran antes que nós.

Aínda así decidiuse a probar fortuna, mentres eu desmontaba do meu kaiak e apostábame nunha rocha cunha corda de salvamento. Tiven que usala, porque entrou mal no paso e rematou empotrando o seu barco contra unha marmita, coa proa mirando o ceo e medio corpo metido na espuma. A pesares de que conseguín mandarlle a corda, de achegarme ata el e lograr atala á asa de porteo para facilitar a manobra de desatraque, non puiden evitar o naufraxio, despois de quince minutos de loita, sen máis consecuencias que un bo susto.

Capítulo Cuarto
Dunha recollida de pelotas (de golf), da festa do mexillón e dun accidente de autobús en Cans

Sigo na lembranza dos naufraxios despois de vestirnos e volver ó sendeiro, pasando ó carón da pequena Praia de Pías, moi frecuentada pola rapaciada da zona, e avanzando polas beiras do Labirinto, un paso especialmente delicado para a navegación, xa que o río espállase en varias canles, nun caos de pedras e vexetación, e máis dunha vez errei o camiño e rematei debaixo do kaiak, aínda que por sorte non sufrín máis feridas que na honra.

Os meus ollos aínda debuxan nesta amalgama de árbores, pedras e auga, os camiños polos que asegurar un descenso feliz, a pesares de que teña o triste convencemento de que xamais volverei pasar por eles.

Saíndo deste lugar cheíño de saudade, chegamos ás inmediacións do campo de golf, precisamente onde se atopa o derradeiro muro, que tamén tiña o seu aquel para baixalo, xa que fronte á canle máis idónea para negocialo hai unha gran pedra e un rebufo cabrón, polo que o descenso ten que facerse en diagonal para non bater contra ela e volcar.

Si, tamén aquí teño caído algunha vez, porque como dicía o Manu, eu remaba coa táctica dos sherpas: máis ben como podía, sen máis técnica que aperta-lo cu e tirar para adiante, confiando na sorte. Acabóuseme, e agora teño que ver todo esto dende a barreira, como un toureiro xubilado, e por riba coxeando.

Así que, para que non me sigan pesando as lembranzas, concéntrome en buscar polo chan algunha pelota de golf para agasallar ós meus sobriños, atravesando máis canavais na estreita franxa que vai dende o río ata a alambrada que protexe os golfistas dos golfos coma nós.

Ata chegar ó paseo fluvial de Mondariz Balneario non me decato de que alguén máis espabilado xa fixo a recolleita: o Zalo xa ten sete pelotas no peto. Un tipo con pelotas, si. Coma as que tivo o alcalde cando decidiu construír este paseo nas ribeiras do Tea, que para min é de dubidoso gusto, a pesares de que entre os nenos e os xubilados sexa bastante popular. Popular tamén é o tipo, que xa se conta entre os caciques, quero dicir alcaldes, que máis tempo levan de mandato ininterrompido no noso país. Hei de abrir unha botella de Condado o día que...

Non, botella non abrimos desta vez, pero si un feixe de latas de cervexa para mesturar con gaséoa na Casa Padín, onde rematamos, despois de tres horas e media, o noso percorrido. Estamos sedentos de máis, e tamén temos o bandullo baleiro, uns máis que outros claro, e aproveitamos o viaxe do patriarca á festa do mexillón para darnos unha boa paparota con eles, cocido ou en empanada (rica, rica de verdade), con xamón curado ou asado e con pementos recheos de tortilla.

Relaxámonos ata o exceso, mentres Isabel, que leva aproveitando tódalas pausas do camiño para ler algunha das derradeiras crónicas, fai unha critica detallada delas, desas que non acostumo a escoitar porque o máis común é que os meus lectores calen, non sei se por non ferir a miña susceptibilidade ou polo temor de que non os invite a ningunha merenda máis. Xa teño medo dos seus comentarios se teñen a curiosidade de visitar o meu blog...

Xa cheíños coma necoriñas imos o Zalo máis eu a recoller o coche á Praia da Freixa, e volta a Mondariz a recoller as mozas, que están facendo a dixestión, como señoritas, eso si. No regreso á metrópole topámonos cun cento de vehículos que regresan da ponte do vintecinco e collemos o primeiro desvío para fuxir da caravana, e este lévanos ó pequeno pobo de Cans, onde dende fai catro anos realizase un curioso certame cinematográfico.

Aquí detémonos para ver o monumento erixido onde o avó de Zalo, e unha trintena de persoas máis, perderon a vida no ano 1955, nun accidente de autobús, cando este volcou nunha curva pechada que hai na entrada da aldea. O nome do seu antepasado está case borrado na placa de granito, non así na súa lembranza, e dende agora na nosa, que non esqueceremos o pequeno monumento funerario ó pasar por aquí, quizais na próxima edición do Festival de Curtos.

E despois de atravesar o Porriño, a estrada dos Valos, e diversas parroquias de Mos, chegamos ó aeroporto de Peinador, onde seguen os postos de rosquillas e melón, para os curiosos que se achegan ata aquí para ver despegar e aterrar os avións. Hai xente para todo. E así foi, e así volo conto, un pouco resumido, eso si, porque non é cuestión de aburrir ó persoal cun montón de historias que nin lle van nin lle veñen. Eso si, si queredes, na próxima prometo seguir contándovos esas cousas que acontecen polos camiños...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores