E93 Trilho do Urzal – Ciclo do Pâo (Arcos de Valdevez)







Domingo, 12 de outubro do 2008

Descripción do percurso e mapa

A véspera foi unha desas xornadas nas que me invadiu a asertividade, esa incapacidade para negarme, para dicir que non a tódalas propostas lúdico-festivas, a tódalas invitacións dos colegas, simultáneando eventos e conversas, como se estivese vivindo o último dos días. Tocoume a quenda de mañá, e a pesares de que me facía boa falta botar unha soneca para resarcirme da semana de madrugóns, non fun quen de resistirme a toma-lo café con Nuria e Habibi na Praia dos Olmos, aínda sen facer a dixestión duns cogomelos con xudías coas que alimentei as miñas bolboretas nostálxicas.

Facía o calor típico de finais de verán, estando xa a principios de outono, e as terrazas estaban cheas de ociosos coma nós, mangas curtas e pernas ó aire, salvo o cociñeiro que é inmune ás altas temperaturas. Café non tomamos, e pola miña conta caeron tres estrelas, que nin caídas do ceo, e botamos toda a tarde a escoitar e contar as anécdotas das semanas que pasaron dende a última. Tanto foi así que cando chegou a Criatura xa estaba o sol a derramarse tralas Cíes, e baixamos á area por aquelo de dicir que estivemos na praia, e para mandarlle un xaruto deses que dan risa. E si, rimos coma parvos mentres as sombras ían cubrindo a ría.

Entrounos a fame e marchamos cara a cidade os catro, que parecíamos ós da canción do gato metido nun saco, pero cando chegamos pareceunos cedo e aínda lle mandamos un par de cervexas máis na terraza do Choco, porque xa era noite pero seguía facendo calor. Falamos de todo e de nada, e por máis que o intente non son capaz de lembrar cales foron os temas que puxemos enriba da mesa, e o raro sería que fora ó revés, que me lembrara, porque a esas alturas xa dixera que si media ducia de veces.

Non é que fagan falla máis detalles, pero cando rematamos as patatillas, os manises e as olivas xa tiñamos o estómago con ganas de algo máis contundente, e marchamos ó Rin-Ran. Eu, coma sempre, mandeille un deses bocatas especias con lombo fresco, pementos de piquillo e ovo frito, e entre todos baixamos unha ración de patacas, mentres decidíamos que facer das nosas vidas no futuro máis inmediato. E inmediatamente, despois de rematar a paparota, Habibi e Nuria marcharon para casiña, e a Criatura máis eu, canciños sen dono, despois dun momento de indecisión, tiramos cara a Fábrica.

Tivemos sorte na porta porque o Paulino viunos dubidar e deixounos pasar pagando só unha entrada, que custaba dezaoito pavos, e xa lle chegaba porque o concerto xa comezara, e ademais o grupo asturiano Avalanch non os valía. A sala estaba chea de máis de seguidores da banda metaleira, coreando as súas penosas letras e suando a mares, porque o aire acondicionado non estaba, unha vez máis, en condicións. Fixérame efecto a mestura da media ducia de cervexas e dos trócalos (aquí non levaba a conta), a atmosfera asfixiante do local, os gritos do vocalista jevirulo e as horas que levaba sen durmir, e mantívenme nun estado catatónico nas interminables horas, segundos e minutos que durou a sesión de tortura dos nosos primos.

Cando rematou o sufrimento conseguín convencer ó Servo de Satán para cambiar de aires, e seguíronnos dúas tipas sen moita gracia pero con ganas de que llas descubriramos, e na porta da Iguana a piques estivemos de perdelas de vista porque o Cesar deixounos pasar, pero elas quedaron fora, ata que as vacilou un pouco e viñeron outra vez canda nós. Tampouco é que despois falaramos moito máis con elas, e xuntámonos co Alex, que estaba cun par de compañeiros de Aphonic, vendo o concerto dos N.O.T., unha formación local de black metal que non tiñan a súa noite máis afortunada. Aínda así era un descanso para os meus oídos que cantaran, ou berraran máis ben, en inglés, porque co recital de poesía barata dos Avalanch xa me chegara.

¿Pero, porqué carallo estou contando todo esto? Ah, xa me lembro, por a miña asertividade, esa costume que me fai dicir que si cando teño que dicir que non. E non dixen que non cando rematou esta nova sesión e o Alex e o Xaime, e máis os colegas do primeiro decidiron continuar de troula, primeiro nun local con pinta de puti-club cutre (pero con copas baratas en sen rapazas medio espidas), e despois, xa sen o Alex, noutro onde non tiñan música e había máis fume que nos incendios do dousmilseis. Alí deixei os restos do naufraxio, iniciando a durísima ascensión cara o meu refuxio, ás tres e media da mañá, pero coma se fose moito máis tarde. E todo pola miña inclinación natural a dicir que si, sempre que si.

Pasou logo a noite, mesturando desexos e soños, e cando estaba no mellor sonou o teléfono e arrincoume as teas de araña de súpeto. Era xa mediodía e o Alex, despois de un feixe de intentos infructuosos, inquiríame para sumarse as miñas camiñatas dominicais.

Pois si, a véspera foi unha desas xornadas nas que me invadiu a asertividade, e aínda amañecín co síndrome, ou máis ben cos síndromes, xa que ademais de espertar con outro si na boca tamén saín do territorio dos soños con cara de pesadelo, esto é: cunha espantosa resaca. Carallo co Peter Pan, sempre vivindo no país de nunca xamais, e cando se ve ó espello non atopa a outro que non sexa o Capitán Garfo, e a pesares das formigas pastando na cabeza e das areas na gorxa e todo o resto de síntomas aínda ten ganas de encher a mochila con catro trapalladas e saltar pola fiestra en busca de máis aventuras.

E saín ó punto de encontro baixo un ceo primaveiral, sen tempo para facerlle un chequeo previo ó pé que escarallara nos montes marsicanos, sen ter nin puta idea do itinerario que podíamos seguir despois da comida, en fin, improvisando unha vez máis. Menos mal que alí estaba o Zalo para quitarme do apuro, e foi reunirme con el no Concheiro e xa me propuxo unha ruta de nome suxerinte: o Trilho do Ciclo do Pâo, ou Trilho do Urzal, situado no concello de Arcos de Valdevez, que debería levarnos tres horas, máis ou menos. Cando se nos sumou o Alex estabamos decididos, e subimos ó seu coche para buscar a fronteira, mentres o de Paramos púñame ó día das derradeiras e próximas convocatorias camiñantes.

Tivemos mala sorte para o bautizo do novicio na congregación eivadiña, xa que o Stop, o noso templo gastronómico, estaba pechado, e non lle puidemos dar a probar a malandrina, a nosa poción máxica, e trocamos o comedeiro mítico por o Marco de San Pedro, moi preto do primeiros, onde pedimos frango a brasa e arroz de marisco. Outra vez erramos, xa que neste local teñen o costume de chamarlle marisco ó surimi, e tivemos a desagradable sorpresa de atopar os pauciños de cangrexo (que seguro que non son de tal) cunhas ameixas e gambas bastante ruíns. Menos mal que o Alex é de bo dente e non protestou, dando boa conta do frango, das patacas e dunha boa ración de arroz, e ben seguro que aínda comería máis se lle puxera diante.

Non sería o mellor restaurante da zoa, pero cando marchamos estaban tódalas mesas ocupadas, e aínda había xente esperando. Nos xa tiñamos presa por chegar ó noso destino, así que de postre devoramos uns cantos quilómetros de asfalto, ata chegar a Paredes de Coura, e dende alí collemos a dirección cara Arcos de Valdevez, ata chegar a unha desviación que nos levou ata a pequena freguesía de Río Frío.

Estacionamos a carón da estrada, algúns metros antes do bucólico lugar de Grijó, e despois duns brevísimos estiramentos e de valorar o que pagaba a pena cargar a chepa, iniciamos o trilho ás tres da tarde, por un camiño agrícola de laxas, que comezaba descendendo. O Zalo xa nos anotara, cando subiamos cara esta aldea de montaña, que tiñamos que sortear un desnivel considerable, pero xa non tiña remedio, os estreito carreiro ía descontando metros de altitude, os mesmos que despois teríamos que gañar para volver ó coche.

A medida que camiñamos, sempre descendendo, vamos observando unha paisaxe peculiar, na cal se destaca o Vale de Urzal, o noso destino, e máis lonxano o Vale do Vez, así como unha extensa malla de campos armados en socalcos, onde se practica unha agricultura tradicional de subsistencia, destacándose pola súa importancia o cultivo de variedades rexionais de millo, branco ou amarelo, cos cales se produce a famosa Broa de Milho Tradicional de Arcos, mesmo o Zalo ten noticias de que na comunidade rural que deixabamos ás nosas costas aínda había quen cocía este rico e nutritivo pan.

Tamén nos indicou que o camiño, que xa non era a primeira vez que recorría, tiña algúns tramos con bastante maleza, así que tanto el como Alex armáronse con un bo pao e tornáronse na vangarda para ir abrindo camiño. Este non tiña perda, porque as marcas eran ben recentes, e o noso guía non tiña demasiadas dubidas, e ó pouco fomos internándonos nunha fraga na que era predominante o castiñeiro, sementando o chan cos seus ourizos, cunhas castañas pequeniñas pero saborosas.

Conforme íamos descendendo mudou a paisaxe, perdemos de vista os campos e avanzamos por unha densa mancha forestal de carvalhos-alvarinhos, onde puidemos observar e sentir o esplendor deste ecosistema, o nivel dos seus estratos principais: arbóreo, arbustivo e herbáceo. Presenciamos, ademais dos carvalhos, amieiros (alnus glutinosa), azevinhos (ilex aquifolium), gilbardeiras (ruscus aculeatus) e fentos. Esta diversidade de especies vexetais incrementábase conforme nos acercabamos as augas cantareiras do Río Frío, que da nome a toda a freguesía, e a posibilidade do baño facíanos posicionarnos a favor ou en contra. Mentres baixabamos cara o leito fluvial puxemos ó día ó novo das nosas costumes, pero nin así logramos convencelo, é so de pensar en meterse na auga botaba a espirrar de forma convulsiva, aínda que tiña outros motivos.

Zalo máis eu vimos dunha antiga tradición, de cando militabamos xuntos nunha célula marxista-leninista-nudista, e mantiñamos a disciplina de partido coa inmersión en canto río, regato, lagoa ou fochanca atoparamos ó noso paso, e por iso en canto chegamos ás Fervenzas de Grijó non dubidamos en espirnos e mollar as nosas vergoñas nas xélidas augas do pequeno río, que xa avisa co seu nome. O entorno é un dos principais atractivos desta ruta, aínda que hai que ter coidado de non caer nas esvaradías laxas das súas beiras.

Despois desta sesión improvisada de hidromasaxe, xa temos o corpo a unha temperatura ideal para sumar esforzos, e voltamos ó camiño do Carvalhal, que suaviza un pouco o desnivel, adentrándonos cada vez máis no val, seguindo o curso das bravas e cristalinas augas do afluente do Río Vez pola súa marxe esquerda. A paisaxe vai mudando conforme nos afastamos do leito fluvial, e nalgúns tramos as especies nobres son trocadas por esa praga que coñecemos moi ben o outro lado do Miño: os eucaliptos, que aquí denominan como “área florestal de produçâo”, ¡manda truco!.

Tamén pasamos preto de algunhas minas de auga, escavadas na terra, e mesmo dunha fonte, e nestes puntos formase no chan algún lameiro que temos que sortear a modo. O camiño descende despois abruptamente por unha canicouva, un camiño escavado na terra na que fomos atopando grandes penedos de granito, onde non tardamos en atopar un “aire”, un ramal do sendeiro que indicaba a dirección duns muíños.

O noso guía aléntanos para tomalo, non vaia ser que nos quede corta a saída dominical, e ademais ¿que carallo de Ciclo do pan imos facer se non visitamos os enxenios hidrográficos? A forza motriz dos ríos e regatos que conflúen no val puxeron en funcionamento un impresionante complexo de muíños, en outro tempo fundamentais para a subsistencia da pequena agricultura familiar.

Ó final do ramal chegamos a un deses tesouros etnográficos que dan un valor especial a esta ruta, á carón do Río Frío, no lugar de San Vicente, e mesmo podemos visitar o interior dun “moinho de rodizio”, onde visualizamos as diferente partes que o constitúen e onde, seguramente, os máis cativos descobren os segredos das técnicas de moer, transmitidas de xeración en xeración a través dos séculos. Despois de tirar catro foguetes dixitais o Zalo lévanos cara a aldea, ata que nos cruzamos cun paisano ao que o noso guía interroga sobre a dirección a seguir, aínda que a ten bastante clara.

O lugareño, vestido de domingo e armado cun legón, cóntanos que leva vinte anos na emigración, en Suíza, e laiase dos tapados que están os camiños, por falta de uso, e ofrecese a guiarnos ata o sendeiro. Pregúntanos de onde vimos, quen somos, onde vamos... as eternas preguntas da humanidade, e cando o camiño empeza a ascender muda de opinión, xa que imos demasiado a presa para el. A min dáme magoa que non nos acompañe, porque eu xa vou medio esfurricado, pagando polos meus excesos da noite anterior, e agora todo o que temos por diante e unha subida do carallo. Vou suando tódalas cervexas que bebín na véspera, mentres os meus amigos detéñense unha e outra vez a esperarme, e ademais noto como se me inchou o pe dereito, no que teño a tendinites italiana, que aínda que non me doa moito é ben molesta.

Ó chegar ó comezo do “aire” tomamos a dirección do lugar de Vila Franca, enlazando estreitos carreiros empedrados nos que se alternan os carballos e as mimosas, e sempre en sentido ascendente imos chegando a unha ampla zoa de campos de cultivo, sempre dispostos en socalcos, onde se destaca o cultivo de milho, una actividade laboriosa e dotada de varias fases: preparación do terreo, sementeira, sacha, rega, colleita, desfollada e seca nos tradicionais espigueiros. Aquí podemos observar tamén os magníficos exemplares de razas autóctonas en pastoreo libre, destacando os bovinos da raza barrosá, que chaman a atención coas súas grandes cornamentas, os caprinos da raza bravía e os ovinos da raza bordaleira, que se estenden nas rexións comprendidas entre o Douro e o Minho.

Unha vez que chegamos a esta comunidade rural espertamos tamén o interese de nenos e cans, que ladran ou calan, según sexa a súa natureza. O interese do lugar e sobretodo o seu emprazamento, salpicado de bolos graníticos polos campos, xa que agás unha pequena capela nada ten que esperte a nosa curiosidade. Dun destes penedos, caeu o Nacho, e aínda tivo sorte de caer para o camiño, porque senón a pancada ía ser boa ¿quen carallo lle mandaría subir alí?. Gradualmente fomos perdendo de vista o pobo, ata atopar o punto que une o sendeiro formando un círculo, e en pouco tempo alcanzamos Grijó, tres horas despois da nosa partida. O camiño de volta agachou unha sorpresa final: o Alex deleitounos coas novas melodías de Aphonic, que van pola terceira gravación, e que venceu as miñas reservas ó cambio idiomático, e mesmo o Zalo tivo algún comentario favorable. So queda dicir ¡Longa vida ó metal!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores