E94 Trilho da Senhora do Minho (Viana do Castelo)





Domingo, 9 de novembro do 2008

O meu capitán é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e síntese inmortal como calquera rapaz de vinte anos, aínda que xa lle caeron enriba os corenta, e cando lle receitan repouso sábelle a aceite de rícino, toma unha cucharadiña e volta outra vez a brincar. Dálle igual que o diagnostico sexa unha fastitis ou una tendinites, e que eu esté inchado e vermello coma un roxón, o tipo non pode pasar sen a súa ración semanal de monterío, e volve a pecharme dentro dunha bota cheirenta, e veña: a facer quilómetros. Despois anda a laiarse de que si está eivadiño, e non vai estar señor capitán, que se non anda de troula pola noite, que tamén, anda a sortear penedos como hoxe, e que non aprende, non.

Cando estaba eu no mellor, soñando con acariñar a unha branquiña de unllas pintadas de violeta, botoume fora da cama, aplicoume un pouco de analxésico para que non berrara e, sen darme nin un remollo, mandoume a pisa-las rúas. Non preciso ollos para saber que o ceo estaba con ganas de tormenta, porque o ar era húmido de máis, e parecíame a min que algo había de mollarme. E máis aínda cando se xuntou con outros tres gastabotas, que aínda son peores que o meu capitán, porque gustan de facerlles sufrir ós meus conxéneres un día si e outro tamén, pisa que te pisa pola accidentada xeografía portuguesa.

Aínda fun algo adormecido no traxecto que fixemos en coche, antes e despois da comida, e ben quedaba alí a durmir senón fora porque non había maneira de zafarse. Comeron os catro cadansúa dose de arroz malandro ca súa provisión de panados, mentres eu parolaba debaixo da mesa cos da miña quinta das terras de Soajo ou de Marsico, cada quen a súa historia, os oito a esaxerar as súas fazañas, e máis que ningún o meu irmán esquerdo que sempre conta algunha anécdota picante cando nós estamos a falar de cousas serias.

Non sei moi ben como foi o conto, porque cando chegamos á freguesía de Montaria, no concelho minhoto (do Alto Minho, hai que subliñar) de Viana do Castelo, eramos só seis os que soportabamos os corpos do capitán e máis dos seus acompañantes, que respondían ós nomes de Ramón e Yuka. E que os hai con sorte, porque deseguro que os disidentes xa estarían botando unha soneca desas que dan en chamarse de pixama e penico, e non coma min, confiando en que o goretex fora quen de protexerme das inclemencias do tempo, que as previsións non pintaban precisamente ben.

Mentres os seus colegas embutíanse en roupas hidrófugas o capitán lía un cartel no que estaba escrito: Percurso Pedestre / Trilho de Montaria – 10 km / Cascata do Pincho – 4.5 km., sinalando en dirección a unha penedía de unha altura considerable, e o moi cabrón cuspía ó meu carón, como dicindo, imos probar colega, a ver como te portas e caralladas polo estilo. Eu sentía o arrecendo da Serra d’Arga, e dábame calafríos, encollía os dedos como enfurruñado, e lembraba que tiña máis partes vulnerables que aquela que nomeara un heroe grego.

Mentres os outros quentaban nós fomos dar unha voltiña polos redores da igrexa parroquial, por aquelo de se os santos tiñan a ben axudarnos, e atopamos un feixe de pintadas con consignas tan poéticas como “Viva o comunismo”, “Morra o capitalismo”, “Abaixo o fascismo”, algo borradas polo paso do tempo que conviña, como as marcas do sendeiro, en remarcar coa que está caendo.

As tres menos cuarto, hora galega, iniciamos unha sucesión interminable de pasos, dereito, esquerdo, dereito... eu sempre primeiro claro, tamén con ganas de probarme, de demostrar que todos os camiños que levaba pisados non eran en balde. Abandonamos o enclave montañés por un estreito carreiro empedrado, e os poucos xa empezamos a pisar terreo enchoupado, e a coroza sintética que me cubre empezaba a humedecerse, anticipando o que sería a tónica normal da xornada. Preto de dous muíños en ruínas o meu capitán e os seus amigos comezaron a dar voltas e reviravoltas, e mareeime un pouco, ata que decidiron cruzar un regato e atoparon outra vez os sinais medio borrados do trilho, que nos levou a unha estrada alcatreada que circunvalaba o pequeno pobo.

Nunca me gustou pisa-lo piche, pero polo menos deixabamos de pisar charcos e de vagar sen un rumbo fixo, estabamos avanzando, e parecía que máis ou menos xa tiñan claro a dirección correcta. O meu capitán volveu ler outro letreiro que indicaba un feixe de destinos: Estradâo do Rali / San Pedro de Arcos / Cerquido / Estorâos / Cabraçao, pero ningún deles era o noso, así que abandonamos a estrada e internámonos no monte, todo urces, toxos e pedras, cara a serra, outra vez con coidado de non pisar os numerosos regueiros que cruzaban o planalto.

A cousa das marcas parece que non estaba fácil de atopar, e cada par saíu nunha dirección, buscando o rastro coma cans de presa, e cando atopamos unha outra vez tiñamos que buscar a seguinte. Non parecía que o paseo tranquilo que nos prometeran, pero non ía ser eu quen quedara atrás.

A agulla do campanario da igrexa de San Lourenço de Montaria quedaba ás costas do meu capitán e ó seu fronte a encosta sul da Serra d’Arga, por onde camiñabamos os tres pares na procura das sinais do trilho, que xogaban os agochados entre os penedos, mentes a parella discutía sobre a interpretación do cativo plano no que se debuxaba a ruta, e intentaba distinguir no horizonte as referencias indicadas: uns viveiros forestais onde non había máis de catro piñeiros, o río Âncora que sei que había que cruzar, cando xa vadearamos tres pequenos regueiros que non merecían o tal nome, ou unha levada de auga que desembocaba nunha velha azenha que ven podía ser a que atopamos o principio... neso estabamos cando a que levaba o número de botas máis pequeno caeu da burra, é un dicir claro, e sentenciou que estabamos a facer o camiño do revés, a verdade que a min tanto me daba, o que quería era que rematara todo canto antes e, a ser posible, sen mollarme moito.

Polo de agora sentíame quentiño e con forzas de sobra para seguir o paso do meu irmán esquerdo, así que lanceime ó recoñecemento deses sendeiros case invisibles que discorrían entre uns toxos bravos que trababan coma cans rabiosos, e axudei a topar varias das franxas vermellas e amarelas, aínda que vir non as vin, claro, pero levei os ollos do capitán canda elas. Dimos outra vez voltas e reviravoltas, despregados como unha desas partidas de guerrilleiros das novelas de Bento da Cruz, ata que atopamos unha vía empedrada pola que empezamos a zafarnos dos fochancos, regueiros e pozas que salpicaban todo este territorio incerto, e comezamos a ascender cara a serra, agora si, xa con un retraso considerable pero, criamos, na boa dirección.

Despois dun bo treito pisando unhas lousas que tiñan un rumor centenario, saímos a unha chaira, onde tivemos que reanudar o rastreo, aínda que dunha maneira xa máis axeitada, porque os seis iamos en formación, cunha certa seguridade, e so nos detiña algunha curiosidade, tal como o improvisado vivac agochado debaixo dun gran penedo de granito, protexido por un rústico muro e ata cunha fiestra, e que o capitán non dubidou en fotografar dende tódolos ángulos posibles.

Xa levabamos máis dunha hora de camiño e eu ía tranquilo, confiado nas miñas forzas, sen que o carallo da tendinites, ou o que fora que me andaba a foder a planta, se fixera demasiado evidente, tan so un rumor, un ruxe ruxe que non me impedía desfroitar outra vez destas saídas montañeiras, e xa me ían pasando as ganas de quedarme a botar unha contundente soneca dominical.

E menos mal que estaba esperto porque despois de deixar atrás o vivac dos pastores, e de cruzar unha chaira de urces, toxos, carrasqueiras e pedras, e un regueiro ou rebeiro, como dan en chamalo por estas terras, chegamos ó cumio dun outeiro, ¿quizais o Outeiro das Cabras que estaba indicado no mapa?, a un centenar de metros sobre a freguesía de Montaria, e os sinais indicaban un abrupto descenso polos penedos que xa de normal tiña un algo de perigoso, pero coa poalla que estaba caendo facíase case suicida, sobretodo para min, que non viña nas miñas mellores condicións, é que só faltaba torcerme agora, para rematar a faena.

Así que baixamos a modiño, para non esvarar polas lousas molladas e non levar un susto, e as veces eramos ata doce os extremos que tentaban en manter os corpos do capitán e dos seus amigos, que maldicían e mentaban os antepasados de aqueles que deseñaran ese itinerario que, segundo as informacións previas, estaba catalogado como fácil.

Foi unha baixada que levou o seu tempo, e cando xa pensabamos que non había maneira posible de que empeorase chegamos a un regueiro, este si que podería ser o río Âncora, e para atravesalo había que votarlle un valor que xa minguara moito. A pontella que atravesaba o leito fluvial estaba formado por grandes laxas de granito, esvaradías como pista de patinaxe, aínda que o digo de oídas porque nunca estiben nunha, e ademais a do medio movíase. Para máis coña tocoume a min descubrilo, porque ó pisala sentín o temblor, e xa me sentín saltando cara o río, pero a fortuna sorriume unha vez máis, e nin eu nin os que me acompañaban sufrimos ningún contratempo, só foi un medo pasaxeiro.

Pasado este apuro chegamos por un camiño xa máis horizontal ata unha coutada con dúas enormes sobreiras, preto duns depósitos de auga, e avanzamos pegadiños ó seu muro de pedras, outra vez gañando metros cara non se sabía moi ben onde. Ós poucos chegamos a unha segunda coutada, aínda máis grande que a anterior, e dela saían dous camiños, un de seguro tiraba cara o pobo, que xa mirabamos, quero dicir miraba, quen podía, preto de nos, e o outro subía por unha calzada empedrada cara o monte, que se perdía nunha néboa mesta que viñera asociada á poalla que non paraba de caer.

Houbo conclave e decidiuse, co meu voto a favor, que seguisemos cara arriba, aínda que xa non quedaba moito tempo de luz e, ademais, os colegas do meu capitán seguían a darlle voltas a un mapa que, a estas alturas do campionato, xa non tiña nada máis que dicir, non coma min, que falo sen precisar de boca.

Polo vello camiño de pedras desgastadas polo paso continuado de bestas, homes e carros, imos distanciándonos do pobo, con rumbo incerto a pesares de que estamos a seguir as marcas que, aínda que están medio borradas, seguen sendo abundantes, e os colegas do capitán seguen mirando o mapa do dereito e do revés, sen lograr pórse de acordo se estabamos no sitio de Devesas ou na Encosta da Branca, mentres os do Ramón quéixanse de que as súas botas non son todo o hidrófugas que requirían tal día como hoxe, co terreo enchoupado pola poalla persistente que aínda se intensificaba máis.

Conforme ascendíamos ía mudando a paisaxe e internámonos nunha fraga de coníferas, sempre pisando o firme empedrado que, nalgúns tramos, facíanos extremar as precaucións, non foramos escarallarnos e perder a confianza que nos outorgara o capitán traéndonos ata aquí.

Despois de atravesa-la compacta masa de piñeiros poderíamos facer unha avaliación do terreo, aquelo de onde vimos, a onde vamos, pero a néboa foi cubrindo pouco a pouco a paraxe, ata eu podía sentilo a través da miña coroza de goretex, e o único salientable do camiño foi o encontro cun rabaño de dúas ducias de ovellas que o detectarnos ficaron paralizadas, semellando una fotograma dunha película de Buñuel, aínda que non se puñan de acordo co titulo, e non espantaron ata que chegamos a uns metros delas.

Chegamos así a unha estrada alcatreada, onde un cazador pechaba un par de cadeliños en cadansúa gaiola, nunha furgoneta na entrada dun camiño, e Yuka preguntoulle ó do traxe mimetizado se era quen de indicar no mapa a nosa situación, e o tipo non foi demasiado claro, ou estaba tan alucinado como o que dende as súas botas militares movíase de esquerda a dereita en sinal de desaprobación, como dicindo: ¿pero onde ides con este tempo?.

Aínda así, o capitán e os seus colegas, tipos teimudos, decidiron seguir polo camiño empedrado, como si non tiveran bastante poalla, neboeira, pedras esvaradías, incertidumbre. Eu, pola miña conta, xa estaba a piques de protestar, e notaba como aumentaba a inchazón dese nervio que teño rebelde, pero non era o momento, así que seguín subindo polo camiño adiante, ata que os que me precedían paráronse, consultaron novamente o mapa, e fixeron unha nova consulta popular que, neste caso, saíu no meu favor.

Así decidiron dar a volta e recuar polo mesmo camiño que subiramos. Volvemos cruza-la estrada e outra vez atopamos o rabaño de ovellas que, véndonos de retirada, decidiron acompañarnos, tomándonos polos seus pastores. Criaturiñas!

E así, seguindo os pasos de un cento de pezoñas ovinas, fomos descontando os metros que gañaramos, ata chegar á zoa das coutadas, onde o Ramón intentou un novo itinerario para chegar cando antes ó pobo, que xa se miraba ala abaixo, pero o resto da expedición rebelouse e insistiu en baixar ata os depósitos de auga, polo camiño que viñeramos, e dende alí, seguindo un estreito sendeiro, chegar ás primeiras casas de Monteria.

Chegamos de noite, e saímos xusto detrás da sede da freguesía, moi preto do parque onde deixarámolo vehículo, xa intensificándose o orballo, transformándose nunha chuvia xeada que animaba a muda-la roupa. Coma sempre o capitán non pensou un chisquiño en min, e cambiou camiseta e forro, pero tivo que quedar co pantalón algo mollado, e lamentei que non se lembrara, cando menos, meter uns calcetíns limpos na mochila, porque mollado non estaba, pero si húmido e cheirento.

Os seus compañeiros si que foron máis precavidos e ata de botas cambiaron ¿que envexa!, e eu tiven que conformarme co calorciño do coche, e de votar unha sonequiña mentres íamos acercándonos outra vez á fronteira. Antes de cruzala acordaron parar en Vilanova da Cerveira, a repoñer forzas nunha pizzería que seica tiña boas referencias.

Deume un pouco de vergoña chegar coas botas molladas e embarradas, e fixen esforzos para non coxear e que non se notaran as miñas doenzas, porque o sitio estaba cheo de parroquians con zapatiños de domingo e botas de pel.

Comeron os nosos unha pizza cunha éstrana combinación de chourizo, espinafres e gambas, mentres baixo da mesa os seis sufridores seguíamos a parolar das nosas cousas, dos novos camiños que teríamos que afrontar, ou dos períodos de inactividade que, no meu caso, traía o chollo do meu capitán.

Aínda que xa devecía por estar outra vez na peceira, pretiño da estufa, mentres os dedos xogaban sobre o teclado do ordenador a fabricar estas lendas, estas escolmas que xa van cara do número cen. E agora que estou en esas, xa está o capitán a soñar con abrir novos camiños, sen prestarlle outra semana máis atención ás miñas dores, pero que lle queredes, xa vos dixen que é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e o mes que ven xa lle van a caer os corenta e dous.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores