E122 Trilhos das Lagoas de Bertiandos (Ponte de Lima)

Domingo, 17 de maio do 2009





A paisaxe protexida das lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos é un deses territorios que xa constitúen, por dereito propio, o imaxinario colectivo de esto que demos en chamar, precisamente alí xurdiu o nome (grazas a María Chinita), Eivadiños, e non me importa insistir nos seus sendeiros cos novos integrantes desta sorte de grupo heteroxéneo, iconoclasta e politicamente incorrecto, que me quita o sono para perseguir os meus soños.

E se son Alex e Georgia, as pezas máis valiosas da miña cobertura emocional, aos que levo a internarse nos secretos agochados nas marxes do río Estorâos, aínda máis teño que agradecer o consello que me deron, sentados fronte a un caldeiro de arroz tamboril, os meus amigos do Casal de Sistelo, que tan arreo traballan por abrir novos camiños nesta parte do noroeste peninsular.

Así que uns marcharon cara a Serra Amarela, e outros cruzamos Ponte de Lima para achegarnos ás Lagoas, e deixamos o coche a carón do Centro de Interpretación Ambiental que, para facelo máis difícil, atopamos pechado. Digo esto porque desta xeira viñamos sen mapa, e sen saber moi ben por cal dos cinco trilhos sinalizados comezar, así que outra vez tiven que improvisar un recorrido axeitado ás nosas circunstancias a golpe de memoria. Os tres primeiros percursos sinalaban na mesma direción, así que non tiven dubidas para dirixirme cara a Lagoa de San Pedro de Arcos, uns dos habitats máis representativos do húmidal e tamén un dos máis espectaculares.

Subímonos a un posto de observación ornitolóxica dende onde temos a primeira e privilexiada panorámica dun anaco da lagoa, pero non conseguimos distinguir a ningunha das especies características da avifauna acuática que aquí habita: a garza real, o parrulo, o garda-ríos ou a galiña de auga. Escoitamos, eso si, os seus chíos ó noso paso cando pisamos as pasarelas de madeira que nos permiten avanzar cara o corazón da Lagoa, recurso sen o cal sería case imposible camiñar por este terreo enchoupado.

Entre a vexetación envolvente do acuífero, carballos, amieiros e bidueiros, que constitúen a súa faixa de protección, observamos a súa superficie salpicada por violetas de auga, lirios amarelos, xuncos, nenúfares u utricularias, onde xa vemos as primeiras aves dende varios postos de observación que está sobre as augas, cada un co seu panel informativo.

Neles están as características da súa flora e da súa fauna, así como sobre os usos de aproveitamento tradicional dos habitantes das freguesías de Bertiandos, San Pedro de Arcos, Estorâos, Moreira da Lima, Sá e Fontao, que son os que abrangue o parque natural.

Non tardamos moito en completar o percurso da lagoa, o primeiro da lista, que ten unha lonxitude de 1,6 quilómetros e que remata outra vez no Centro de Interpretación, pero como non vimos de tal lonxe para tan pouco recuamos un pequeno tramo e enlazamos co segundo percurso, chamado das tapadas, onde predominan as actividades humanas como a pecuaria e a silvicultura, caracterizadas pola existencia de bosquetes en expansión de árbores autóctonas, con a finalidade de compartimentar, permitindo limitar o aceso de gando ás propiedades veciñas e constituíndo unha importante fonte de leña.

O ceo segue ameazante, pero esto non desanima ós meus amigos, e non me custa convencelos para enlazar co percurso da agua, o número cinco, que deixa os confíns da paisaxe protexida por momentos, saíndo pola Porta de Bertiandos e avanzando polo interior do núcleo rural da freguesía homónima.

Dous son os principais atractivos deste tramo, un deles, o máis evidente, a enorme Quinta, o Solar de Bertiandos, que se estende ata a estrada nacional 202, cun belo pazo en bo estado de conservación no seu interior, que contén un marco miliario e unha torre erixida en 1566, e o segundo, a carón do primeiro, un bar onde tomamos uns cafés con leite que nos saben a gloria.

Grazas a esto encaramos mellor a aparición da chuvia, que nos acompaña ata a saída do pobo, aínda que esvaecese ó chegar novamente á Porta de Bertiandos, onde collemos unha calzada empedrada, seguindo as marcas do percurso nº 4, para coller outra vez o nº 5 no cruzamento do Río Estorâos, na ponte da Freixa. Si, xa sei que parece de tolos esta mestura de sendeiros, pero tirando da memoria non me saíu nada mellor .

Seguimos o río a montante, por unha zona que, con outras condicións atmosféricas, invitaría ó baño, e non tardamos en darlle as costas para avanzar, por unha extensa mancha de amieiros, cara á Lagoa das Tapadas do Mimoso, outro dos valores notables deste conxunto hidrográfico. O lugar, obviamente, é para pórse cariñoso, e uns fano en directo, e outros por vía sms (aínda que este leve todo o camiño mandando cariños polo satélite).

O punto de observación desta lagoa permítenos gozar da paisaxe e serenidade deste espacio á vez que apreciar a grande diferencia entre as dúas lagoas, nomeadamente no que respecta á particular e impoñente mancha de vexetación autóctona, xa que xunto ós citados amieiros tamén son maioritarios os carballos.

Xunto a estas especies arbóreas medra un extenso catálogo vexetal, das que están inventariadas cincocentas plantas diferentes, e que lle confiren a está zona un aspecto case selvático, e non nos sorprendería (so un pouco) ver un crocodilo entre as augas pantanosas ou unha anaconda baixando entre a espesura da turbeira (aínda que tamén nos houbésemos conformado cunha cobra de auga ou unha lontra, que seica habitan neste lugar).

De tódolos xeitos saímos do percurso da lagoa, o nº 5, e voltamos ó percurso das tapadas, o nº 2, xa en dirección ó Centro de Interpretación, co ánimo de pecha-lo noso círculo rodeando a parte máis fermosa do parque natural. O tempo acompañara, e finalmente a ameaza da tormenta desaparecera, o ceo abría grandes claros e invitaba a alongar a xornada.

Mesmo pensei en darlle unha voltiña máis á zona, pero non quixen tenta-la sorte, a ruta saíranos bastante axeitada para as nosas forzas, e era cousa de celebralo. Así que fixemos unha pequena incursión no Centro, unha vez que chegamos a él, aprovisionándonos de libros e mapas para próximas visitas, e metémonos no coche con ánimo de facer unha parada en Ponte de Lima para tomar uns cafés antes de volver a casa.

E tomamos café e uns doces para recuperar a perda de azucres, dimos unha volta á que se nomea como a vila máis antiga de Portugal, presa dunha actividade propia dos domingos, cunha grande afluencia de visitantes, e preguntámonos que tarde terían os amigos do Casal de Sistelo na Serra Amarela (despois enterariámonos de que alí atoparan un tempo desapracible e que finalmente remataran nas terras da Peneda). E con estas collemos camiño cara Vigo, satisfeitos por outra nova incursión no territorio luso, e con ganas de volver a compartir sendeiros, verbas e sorrisos.



1 comentario:

  1. Creo que foi nesta incursión onde nos falaches do paxaro ese que facia buracos nos eucaliptos,
    ¿Cómo foi que o chamaches? “Picaliptus”. Crimos ata velo.
    Foi un momento moi divertido.
    Ata fixeches unha exhibición dos seus andares.
    Rinme moito e tomáchenos ben o pelo…
    Biquiños meu.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores