Berra o espertador anunciando un novo día, e durante uns segundos non sei moi ben que facer, non atino a adiviñar que obriga teño que cumprir, se teño que erguerme para traballar ou se teño algún compromiso que atender, por non saber nin tan sequera sei que día é. Ai carallo, son as once e media dun domingo, entón si, entón toca saír do abrazo das sábenas sen nostalxia, vestido de sorrisos, e encher outra vez a mochila de motivos, desas teimas que me levan outra vez a xuntar amigos, xantares e sendeiros.
Alédame que Zalo, con que non pateo dende fai tres meses e un día, me confirmara na véspera que contara con el, porque sempre é bo gozar da súa compaña e da súa conversa, e que se nos xuntaran os rapaces do Casal de Sistelo, Ramón e Yuka, que a pesares de que esta fórmula dos eivadiños xa lles queda pequena, decidiron agasallarnos a última hora cunha proposta para visitar a Serra Amarela.
O encontro tamén serve para limar asperezas entre eles, xa que Yuka está molesta co de Paramos porque na derradeira crónica do CdC non tivo a ben facerlle a mención de honra que se merecía, xa que foi ela quen deseñou a ruta, e todos os parabéns dos camiñantes foron para quen non fixera máis traballo que guialos por entre os camiños que lle descubriran. Ser como fora, todo quedou solucionado fronte a unha ración de arroz malandro e a un robalinho grelhado, nese sitio que xa sabedes de San Pedro da Torre.
Aínda que, solucionado esta disputa, xurdiron outras, como a de cal sería o itinerario a seguir unha vez chegado a Ermida, que nesto había consenso. Ramón quería levarnos cara a serra, para gañar en perspectiva e ter unha boa panorámica da zona, mentres que Yuka prefería conducirnos por unha cota máis baixa, entre fragas de ribeira e pozas enfeitizadas. Gañou el, pero só porque ela deixouse vencer, aínda que non por eso se deixase convencer.
A min tanto me ten, e aproveito o viaxe cara Ponte da Barca para botar unha sonequiña, imitando o Zalo, que para algo é o mestre. E tamén é el quen me esperta, cando pasamos sobre o Río Vez, collendo de seguida a estrada que vai cara Lindoso, advertíndome que abra ben os ollos, porque as paisaxes que viñan a continuación, remarcadas por un ceo ausente de nubes, pagaban a pena.
E teño que darlle a razón, porque subindo a montante polas beiras do Río Lima xa é un todo un espectáculo o que está a debuxar a primavera, pero chegando a Entre Ambos Os Ríos, e adentándonos no canon do Río Froufe as panorámicas adquiren cores que non virá nin en soños.
Na Ermida remata a estrada, a civilización, o mundo, e comezan outros camiños, outras culturas, outros mundos. E non existe mellor xeito para descubrilos que botar pé a terra e poñerse a camiñar, por eses camiños centenarios que aínda conservan as lousas asucadas polas rodeiras dos carros, e facémolo, comandados con firmeza polo Ramón.
Nada máis comezar, preto dun curro, saen ó noso paso media ducia de vacas cachenas, de grandes cornos e corpos pequenos, ceibes polo monte en procura de pastos frescos. Nós tamén andamos na procura da frescura da sombra, cas cantimploras recen enchidas, polo menos para acometer sen abafar os primeiros metros de desnivel.
Pero os poucos, pasando o Châ do Meio, van desaparecendo os carballos, os piñeiros e calquera árbore que puidera agocharnos do sol, e camiñamos entre carrascos, uces, xestas e carqueixas, que tinguen as nosas pegadas de amarelo, violeta, vermello e esmeralda. Subimos polas abas dun dos outeiros que pechan o canón aberto polo Ribeiro de Carcerelha, deixando un regueiro de lágrimas de sal detrás de nós.
No Vidoal láiome de non apoiar suficientemente a Yuka na súa proposta, e so espero que Ramón cumpra as súas promesas e que a subida non sexa demasiado esixente, mentres pasamos o carón de levadas, valados, corredoiras e un feixe de xestas queimadas, que confiren ó entorno un aspecto desolador, aínda que sexa so por momentos.
Porque, a pesares de que conforme ascendemos non hai sombra que se apiade de nós, os ollos non deixan de abraiarse coa paleta dun pintor delirante, esa natureza sorprendente que, con cada primavera, explota dun xeito excesivo, rexenerando a terra dos abusos do home. Esa mesma natureza que non se manifesta só nas cores que emerxen da terra, senón tamén no espectáculo dos poldros cativos, chuchando do peito de eguas altivas que nos miran desafiantes, como autenticas donas da serra. Facendo caso do Ramón non me achego demasiado cando atopamos a unha grea de equinos no lugar de Lundâs, e como recompensa o noso guía decide facer un alto no camiño.
Descansamos preto dunha cabana de pastores, á sombra dunha pequena agrupación de bidueiros que medran grazas a un pequeno regueiro, e podemos quita-las botas, refrescarnos e comer algo de froita para repoñernos da ascensión, que non foi dura de máis polo desnivel senón polo calor. Xa recuperados volvemos ó camiño, dándolle as costas ós cumios máis sobresalientes da Serra Amarela: o Muro (1345 metros), xa nos límites do Parque Nacional de Peneda-Gêres, onde nos atopamos, e o Louriça (1359 metros), onde os meus amigos prométenme levarme outro día.
Guiándonos polas mariolas que sobresaen entre os carrascos, ou máis ben pola memoria de Ramón, descendemos cara á Branda de Bilhares, en medio de xestas e toxos ben crecidos, tanto que as veces fáisenos difícil a tarefa de atopar o sendeiro. A paisaxe vai mudando e aparecen piñeiros e amieiros diseminados, mentres adquirimos unha boa panorámica do enclave no que se atopa o pobo da Ermida, e ós seus pés o Val do Lima, na distancia.
Chegamos á branda, casas senlleiras con tellados metálicos a un lado, e un mosaico de pradairos separados por valados de cachote ó outro, e no medio unha fenda de terra, unha pista forestal pola que, sen tan sequera facer unha incursión na aldea serrana, nos afastamos dela. O noso obxectivo, entre unha autentica sinfonía de cores espallados polo monte, é atopar un sitio axeitado para darnos un bo baño.
O noso guía sábeas todas e nos leva ata á Laje do Porto, onde se atopa unha impresionante pontella que cruza o Regueiro da Cova, onde temos pozas para escoller, tanto é así que ata Yuka se anima a mergullarse, ó non ter que compartir a piscina natural que, sen pensalo dúas veces, declaramos nudista. Líbrase así a nosa amiga palentina da visión das nosas carnochas, desa competencia de bandullos que delatan a nosa afeizón á gastronomía local, pero non dos nosos berros, xa que a auga está fresquiña de máis.
Despois de refrescarnos volvemos sobre os nosos pasos, e pasamos por detrás da Branda de Bilhares, por un camiño laxeado que discorre pegado ós seus valados, seguindo a profunda fenda que abre o Río Porto, cen metros debaixo nosa, onde podemos albiscar varías pozas que tamén son axeitadas para o baño, pero de difícil acceso. E Ramón, Yuka e Zalo debuxan un feixe de sendeiros posibles que están desexosos por recorrer, mentres eu devezo por acompañalos para que me descubran os secretos desta serra.
Por este sendeiro aéreo, que nos ofrece algunhas das panorámicas máis atractivas da xornada, sumando unha gama de cores que volve tola a nosa memoria dixital, chegamos ó pobo da Ermida, un enclave montañés de rúas estreitas, por onde aínda bule un certo xeito de vida, tal é así que os seus habitantes están a tomar a solaina na praza, fronte a un pequeno bar onde nós, sedentos como estamos, non dubidamos en entrar. Aténdenos un home cego, que nos pregunta polo noso país (aquí Yuka está campiona e dille que somos galegos, non españois) e ponnos unhas cervexas fresquiñas, que baixan pola gorxa facendo unha fervenza de cóxegas, certamente agradables.
Nesta freguesía atópasé unhas das pegadas máis importantes da ocupación romana, a Pedra dos Namorados, unha figura dunha parella en baixo releve, que se atopa exposta no seu Museo etnógrafico. Magoa que estea fechado por obras e que non poidamos visitalo, así que decidimos completar o recorrido e darlle as costas á aldea serrana, chegando ó curro, a carón do cal está o noso coche (bo, é un dicir: o coche e de Ramón).
Para rematala xornada decidimos tomar un café en Ponte de Lima, onde o reloxo anda a berrar que xa son horas de volver a metrópole, sobre todo porque este humilde cronista tiña a quenda de noite, e xa ía un pouco xustiño de tempo. Eso si, eu e mailo Zalo aproveitamos os quilómetros de asfalto para botar unha boa sonequiña, un deses sonos reparadores que non teñen prezo. Tampouco teñen prezo os nosos amigos, que me descubriron un novo anaco de esta xeografía lusitana que forma o noso imaxinario colectivo. Grazas, Yuka e Ramón.
Proba, a ver como vai isto. ZdP.
ResponderEliminarAjora a ver como vai sedo socio do choio este
ResponderEliminarAsí me gusta rapazinho!!
ResponderEliminar