E119 Sendeiros de Borbén (Pazos de Borbén)

Domingo, 26 de abril do 2009

Hola, holita, amigüitos e amigüitas, bos días teñan vostedes, permitídeme que me presente: eu son o rei tolo, a besta que berra desafiando o paso das idades, que bótalle pulsos ós diaños, xa teñan cornos de castrón ou tetas de tenreira, o monicreque das tesoiras que non lle treme o pulso para cortar amarras, capaz de erguerse cun sorriso durmindo menos de catro horas, de almorzar un feixe de síndromes, dixerilos mesturados con cadeas de pantasmas, e expulsalos con catro peidos campións, facendo tremer as paredes de toda a veciñanza.
E aquí están os meus, os herdeiros deste reino de tebras, de verbas e de sendeiros, os que entenden ou entenderan algún día: á miña destra o Cachorro, mestre das percusións contundentes, precisas e aditivas, grande e nobre coma un carballo, expandindo as súas raíces por eses lugares comúns, territorios insólitos de topónimos en relevo, a quen a palabras Amigo quédalle curta, compañeiro, cómplice, irmán; á miña sinistra algo mais que sangue do meu sangue, o Sam, tamén chamado Cinco minutos, coa fatiga do que tódolos días ten algo que descubrir, rapaz que vai crecendo en nobreza conforme suma accidentes xeográficos, melodías de ferro que os seus ollos tingue de cores, enredante, xogantín, equilibrista tolleito, que tanto camiña cara atrás como quere mimetizarse cas pedras, hábil para enxordecer ou para entender as medias voces, e cando quere ata os silencios.
Podíamos ser máis, pero os que estamos somos. E na mesa unhas porcións xenerosas de empanada de zamburiñas, polbo e mexillóns, e unha fonte grande coma a nosa fame, cas costelas dun porquiño que bendiciu o lume, facendo a parte da crónica canalla que non é pertinente transcribir, non polo que pasou senón polo que puido pasar, algúns maldicindo por quedar no seu refuxio e outros maldicindo por saír ás rúas, e para que o café non sexa demasiado amargo, unhas galdrumadas típicas do Eido Vello que axudan a programar os pasos que debemos dar a continuación e que, se non están xa esgotados de escoitarnos, imos relatar.
Prognóstico meteorolóxico: reservado. Sol e nubes, ameaza de treboada e chuvias ocasionais, ou sexa que pode pasar un pouco de todo ou todo o contrario. A realidade: chegamos a Pazos de Borbén baixo unha poalla fodida.
Cóllenos o frío antes de facer a dixestión, temos algunhas débedas da véspera no bandullo, ou os nosos corpiños se cheiran que a cousa vai ser seria, o caso é que antes de comezar temos que bota-lo medo fora, un detrás de outro, no reservado do bar fronte ó que aparcamos. E xa, máis lixeiros de equipaxe, botamos a camiñar pola estrada, despois de dubidar un pouco en que dirección, tirando desa cousa que as veces sirve para algo máis que contar batallitas: a memoria.
A nosa intención é face-lo tramo do PRG-26 ata Xunqueiras, e alí enganchar o GR-58, o sendeiro das Greas, para volver a coller o PRG-26 no seu inicio, no Santo Aparecido, e dende aquí novamente ata Pazos, e debuxar un recorrido circular, e pómonos a escrutar nos quitamedos, nos postes da luz e na sinalización de tráfico as cobizadas marcas brancas e amarelas, para confirmar que empezamos con bo pé. E damos con elas, por suposto, somos seis ollos, máis ou menos, a tarefa.
Se nun principio collemos á dereita, pola estrada comarcal PO-253 que vai cara Ponteareas, afastámonos dela tomando un camiño asfaltado á esquerda, que se interna no barrio de Aitero. A sinalización do sendeiro deixa moito que desexar, pero aínda así non temos demasiada perda entre o feixe de casas do lugar, e ós poucos imos deixándoas ás nosas costas, cambiando o piche por un firme laxeado que nos leva, entre campos de labranza e de pasto, cara o Río Borbén. Aquí temos que utiliza-los superpoderes, unha vez máis, porque as marcas agóchanse, esvaécense, desaparecen. Menos mal que o cruzamento do río, por unha pequena pontella, non ofrece dúbidas, e o camiño a seguir tampouco: é o único que atopamos.
Como recompensa, avanzando por unha fraga de ribeira que tingue o chan de algodón e danos a ilusión de camiñar polas nubes, atopamos un deses exemplares en perigo de extinción que tanto respecto me infundían na miña nenez: un espantallo. Agora rímonos dos seus pantalóns remendados, da súa chaqueta acolchada, o pano negro e o casco de motorista (por certo, a primeira vez que vexo un espantallo con casco), pero non había de ser así de atopalo pola noite.
Por estes camiños que levan séculos de pegadas, chegamos ó lugar de As Muras, onde volvemos atopar, despois de dar algunha volta en balde, os sinais do PRG, que atravesa o núcleo rural. Alí agárdanos outra sorpresa.
Pasando diante das derradeiras casas do pobo, espertando a unha caterva de cans da sesta e levantando un balbordo de ladridos, sorpréndenos un ola! ola! ola!, un saúdo insistente que sae dun patio onde non vemos a ninguén. Bo, non vemos a ningún human, porque os berros non proveñen de tal, senón dun enorme corvo negro engailodo, que frea en seco o noso avance. E non é para menos, xa que ningún dos tres víramos tal cousa.
Dez minutos despois, co corvo atrapado nos nosos arquivos dixitais, internámonos nunha fraga de piñeiros e carballos, algún deles deitados literalmente no camiño, e vémonos na obriga de facer algúns esforzos extras para sortear estes obstáculos inesperados. Conforme nos internamos no monte as xestas, en plena floración, ameazan con tapar o sendeiro e danlle folgos ó Sam para unha nova batería de protestas ¡seica está guionizado así!.
Teño que chamarlles a atención sobre a beleza que, pasados estes apuros, nos rodea: un bosque caducifolio que se estende polas ribeiras do Rego do Pozo, onde poderíamos, de ir caladiños poderíamos escoitar os ferreiriños, estreliñas e gabeadores, que se desprazan en bandadas buscando alimento entre a casca dos árbores. Pasamos a carón de muíños centenarios, cruzamos o rego por pontellas de lousas co rastro de miles de pegadas, e na calzada pétrea que segue ata Xunqueiras vemos as cicatrices que deixaron o constante paso dos carros.
Atravesando a fraga por congostras, canicouvas e corredoiras, chegamos a unha zona de pradarios separados por valados de pedra, anticipando o pobo onde remata o PRG-26. Xa no lugar de Xunqueiras, baixo un inoportuno chaparrón, andamos ás voltas para localizar o enlace co GR-58, o Sendeiro das Greas, é como o que busca sempre atopa nós, que non imos ser menos, atopámolo.
Aquí atópanse as mellores casas de Pazos de Borbén, con fachadas señoriais e fermosas galerías de vidro e ferro, con escudos que pregoan a súa fidalguía e cans feros que defenden os seus muros, pero nós non temos tempo para admirar repousadamente estas arquitecturas, porque aínda nos queda moito camiño que andar. Así que volvemos internarnosno bosque, onde priman os piñeiros, e algo máis adiante os eucaliptos, e o estreito sendeiro transfórmase nunha ampla pista forestal, un tramo sen máis alicientes que as distantes vistas da Serra do Suido.
Cada un entretense, a falta de outros alicientes, nas súas teimas: o Cachorro facendo visible a sinalización agochada entre as silveiras, ou endereitando os postes tirados no chan, o Cincominutos facendo equilibrios cun pau que colleu de mascota (hai xente para todo), e eu rifando con eles para apertar o paso, e deixar canto antes estre tramo noxento, que non sei con que criterio foi escollido para avanzar cara ó Val do Borbén.
Case nos sentimos aliviados de pisar asfalto, ó chegar a estrada de Cuartos de Borbén, pasando diante de igrexas, petos de ánimas e cruceiros, pero nos dura pouco a ledicia porque as marcas volven agocharse, e por máis que damos voltas na súa procura non somos quen de atopalas, polo que non nos queda outra que avanzar polo firme alcatreado cara o barrio de O Mosteiro, mentres o Alex faille tentadoras propostas ó Sam, para atopar a súa vocación musical (por facilidades que non sexa). Mentres, eu ando a voltas co mapa, e ó final temos que preguntarlle a unha velliña que atende un rabaño de ovellas pola dirección correcta, e grazas ás súas indicacións volvemos atopa-la dirección correcta e a sinalización, que nos afasta da estrada.
Por estreitos carreiros, entre veigas que antes producían o cereal que se moía nos muíños e que agora convertéronse en pasteiros enchoupados polo abandono das vellas canles de rego e dos sucos de drenaxe, chegamos ás ribeiras do Río Borbén, onde tamén queda latente o abandono das actividades agrarias, a vizosa vexetación propia das ribeiras esparéxese desdebuxando a pegada humana. Cruzando o seu cauce por unha fermosa pontella enlazamos corredoiras enlousadas, aliviadoiros en épocas de chea, que nalgúns casos teñen pasais que permiten ir a carón do camiño, por onde pasaban antano os carros, sen mollarse.
De tódolos xeitos atopamos o camiño cara Sequeiros bastante enchoupado, cando non anegado por completo, e temos que facer equilibrios entre as pedras para non molla-los pes. O certo é que chegamos ledos ó pobo, e aínda quitamos unhas fotos o carón dunha vella fonte, ignorantes do que tiñamos que afrontar nos próximos quilómetros.
Porque dende aquí nos resta unha forte subida cara a Serra do Galleiro, unha subida esixente, constante, infernal, primeiro entre casas e despois, enlazando cunha pista forestal, entre piñeiros e eucaliptos, e máis arriba aínda, entre xestas e toxos onde o Samu se gaña a pulso o apodo de Cincominutos.
O tema é o seguinte, non nos queda outra que aperta-lo cu e tirar para arriba, e o ceo estase a tinguir de nubes de chumbo, así que non podemos parar cada vez que algún de nós estea tentado de renderse ós dores das costas ou das pernas, así que se impón marcar un ritmo e seguilo, seguindo as liñas zigzageantes da pista, casa sen darlle importancia ás impresionantes panorámicas que estamos adquirindo. E grazas a esto chegamos onde a pendente se suaviza, para facer o derradeiro esforzo, ata chegar ó Santo Aparecido, capela, miradoiro e cruceiro, e botar unha boa ollada ó val dende alí, xa con cara de trunfo, ou case, porque neste punto, mentres esperamos a chegada de Sam para reunifícanos temos que buscar os sinais do PRG para que nos leve, na última etapa, ata Pazos de Borbén.
Como non atopamos sinalización e non queremos baixar pola estrada, subimos cara o monte, e no primeiro desvío á dereita internámonos nel, seguindo un camiño estreito no que a vexetación tenta ralentizaro noso avance, non só pola súa espesura, senón pola cantidade de eucaliptos tombados sobre o chan. A pesares de todo esto atopamos unha marca, só unha, pero suficiente para confirmar a nosa dirección, aínda que non estaría de máis que tamén estiveran sinalizados os Petroglifos de Chan das Teixiñas, que si están indicados no mapa. Xa está preto o noso fin, pero temos que rillar uns quilómetros de monte desarborado, toxos, urces e breixos, para chegar preto do núcleo urbán.
Como seguemos sen ver ningún tipo de sinalización, optamos por botarnos á estrada, e non tardamos en acadar as primeiras casas, onde recibimos a chamada de outros eivadiños, inquedos por se nos daría tempo de chegar a sesión inaugural do Festival de Cine de Redondela. Como non queremos perdernos a cita, deixamos o Cincominutos que descanse o carón do asfalto, e facemos os últimos quilómetros, agora si, pola estrada comarcal. Non sei porqué, pero sexan cinco ou vintecinco, sempre me sobran estes últimos, que aproveitamos para facer un primeiro balance da ruta: tivo de todo, a fraga do Rego do Pozo, e as ribeiras do Borbén, o máis fermoso e repousado, a subida ó Santo Aparecido, unha matada desas que quitan afección.
Ó final chegamos á inauguración, vimos a actuación dos Trasnos de Moscoso, uns hiphopeiros da zona, e algún corto salientable: “Porque hai cousas que nunca se esquecen” de Lucas Figueroa, ambientado no Nápoles de 1950, foi sen dúbida o que máis aplaudimos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores