E118 Senda de Belate – Ascenso al Saioa (Valle de Ultzama)

Xoves, 16 de abril de 2009





A 823 metros de altitude atopase o Porto de Belate, e preto del deixamos o coche, xusto fronte ó cartel que reflexa o itinerario do GR12, o Sendeiro de Euskal Herria, que ten unha lonxitude total de vintecinco quilómetros, dos que aproveitaremos os primeiros para aproximarnos ó noso obxectivo, polo que non pasa a ruta, aínda que está ben próximo, o cumio do monte Saioa, seiscentos metros máis arriba. A mañá está fresca, pero o sol anda a loitar por desfacer as nubes e xa é quen de bicar as copas das faias, que compoñen o groso da masa forestal, mentres nós tentamos de quecer os nosos músculos, de tensalos, de acariñalos para saír con ben da aventura.

Internámonos no Parque micolóxico de Ultzama, aínda que non sexa tempo de apañar cogomelos, seguindo un camiño no que non hai perda posible, xa que abundan as marcas do GR, e ademais non é a primeira vez que o Iosu fai este recorrido, e ós poucos metros sucédense as pedras e arbores cubertas de veludo esmeralda, que xunto a alfombra dourada que teceu a follasca durante as estacións frías, forman un conxunto dunha beleza indescritible.

Camiñamos entre a sombra do Azkenatz, de 1169 metros, á nosa esquerda, e as cantareiras augas do Arotxurika Erreka, á nosa dereita, pisando unha terra salpicada de fragmentos de caliza, e cando levamos pouco máis dun quilómetro saímos a unha zona desarborada, onde se atopa un gran mosteiro, hospital de peregrinos en tempos, e a Belateko Ermita, cun gran prado ó seu carón delimitado por un valado de pedra.

Cúmprenos o tempo, así que deixamos para outra a visita monumentalistica, e seguimos ascendendo (ós poucos xa levamos cen metros gañados ó ceo) polos restos dunha calzada romana ata Urdanbidegi, onde facemos un aire para admirar os crómlechs que plantaron alí, como testemuña dos seus ritos pagáns, os vascóns primixenios.

Pouco a pouco vainos cubrindo a espesura da fraga, onde ben poden agocharse criaturas como Unai, o home oso que pastorea o gando; Gaueko, o xenio da noite que rapta ás mozas; o as Eilalamiak, sereas que gustan de enredar ós homes; un feixe de seres máxicos que compoñen a corte de Basajaun, e que sobreviviron, como tantas tradicións que se perden na noite dos tempos, á invasión castelán de 1512.

Aínda non chegou a primavera a este faial enfeitizado, e o meu amigo descríbeme con tal entusiasmo as cores que tinguen estas terras ca retirada das últimas neves, que xa me está tentando para que programe unha nova viaxe as terras amables de Nafarroa.

Cando chegamos preto das augas do regato Arotxurika o camiño torna nunha pendente pronunciada, faise máis angosto, obríganos a economizar as nosas verbas e arráncanos os primeiros suores, parece que a cousa ponse seria, e aínda máis cando chegamos a unha campa herbosa, na aba do Gartzaga, que xa ten unha altura de 1220 metros. Pasamos ó carón dunha cabana de pastores, dun refuxio e duns currais para o gando, e saímos a un balcón natural, un collado dende onde temos unha visión panorámica dunha cordilleira montañosa que se estende ata os Pirineos.

Tamén aquí atopamos os primeiros neveiros, as nubes anuncian a tormenta e un vento frío fainos buscar abrigo dentro da mochila, pero esto non nos arreda das nosas aspiracións, e seguimos o rastro do GR, sempre en ascenso, dándolle as costas ó Gartzaga e encarando ó monte Okolín. Conforme gañamos metros sumamos vistas, neve, nubes e vento, ata que, algo máis de cinco quilómetros despois de iniciar a ruta, coroamos os 1.358 metros do seu cumio, alfombrado por un manto níveo, onde quitamos as pertinentes fotografías que testemuñen a nosa, modesta si, conquista.

Aínda que a conquista vai en ambas direccións, porque tamén esta atalaia privilexiada pasa a formar parte do meu imaxinario particular, outro territorio onde volver nos meus soños, onde agochar os fantasmas ou desactivalas, onde refuxiarse cando a sorte nos dá as costas. Tan só estamos uns minutos na cima nevada, seguindo cos ollos a liña branca que segue polo cordal ata o Saioa, pero son uns minutos preciosos, nos que sentímonos como eses montañeiros que, algúns miles de metros de altitude máis arriba, sorrín para as portadas das revistas de montaña.

Un trío de mozos dannos alcance e deixámoslle a maxia do cumio, comezando un breve descenso por unha lingua de neve, seguindo sempre as marcas do GR, ata que este desvíase cara o veciño Sagardegi, do que nos separan nada máis que dous quilómetros. Nos afastamos do sendeiro para iniciar unha forte ascensión ata o cumio do Saioa, o noso obxectivo, que se iza altivo ós 1418 metros, mentres un vento do demo nos azouta sen piedade.

A empinada pala converte os derradeiros cen metros nun verdadeiro calvario, tentando manter o equilibrio en medio dun furacán e boquexando coma un peixe deitado nun peirao, non tardan os mozos en rebasarnos e tomarse a revancha do anterior cumio, pero finalmente coroamos todos os 1423 metros do Saioa onde, curiosamente, hai menos neve que no máis cativo Okolín. Baixo o vértice xeodésico buscamos acubillo, mentres os rapaces, espantados polo vento, descenden, e papamos unhas pezas de froita para recuperar forzas.

Tampouco nós estamos máis de dez minutos no cumio, aínda que as vistas ben pagan a pena, as vistas e as explicacións do meu guía, o Iosu, con quen xa soño en coroar algún deses montes que temos diante nosa. O descenso non é fácil, porque ademais da inclinación temos que ter bo coidado co vento que sacúdenos coma monicreques e tenta con arroxarnos ó abismo.

Por elo decidimos non subir outra vez ó Okolín e rodealo pola cara sur, a máis protexida, na que creceu unha pequena fraga de faias, alfombradas pola neve, seguindo un pequeno carreiro. Por efecto do manto níveo este pérdese e baixamos de máis, perdendo bastante tempo en atopar outra vez a dirección correcta, unhas ducias de metros máis arriba. Volvemos sobre os nosos pasos cara o Gartzaga ou case, porque o colega decide baixar a escachapexegueiros e tirar en liña recta cara as cabanas de pastores, desbotando as marcas do GR, e como consecuencia acabamos tendo que cruzar un terreo enchoupado onde pomos a proba a impermeabilidade das nosas botas. Dende aquí xa vemos parte do camiño de regreso, internándose no espeso faial, e ó fondo do val a Venta de Belate, preto do fin do noso recorrido.

Seguindo outra vez o curso do Arotxurika Erreka, co sol vencendo o abrazo das nubes e internándose entre as copas das árbores, deixando atrás a neve e o vento, facemos un balance intenso da situación política, emocional e física das nosas xeografías respectivas, ese parolar tranquilo que da o saber que xa temos gran parte do traballo feito. Descendendo, e por efecto dos raios solares, a fraga adquire tonalidades que a volven máis enfeitízante, e penso outra vez nos seres da mitoloxía vasca que, en calquera momento, poden saír do seu agocho. Non tardamos moito en chegar a Urdanbidegi, as lombas herbosas onde repousan os crómlech, e outra vez baixo a ameaza da chuvia, as inmediacións do Hospital de peregrinos e da Ermita de Belate, e dende alí en unha carreiriña de can, ata o coche.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores