NO MONTE DA FROUXEIRA



Aquel día de xullo do 2002, o astro sol non daba tregua, caía a plomo de xeito abafante. O coche non tiña máis ventás para abrir. Polo camiño preguntámoslle á xente onde quedaba o Monte da Frouxeira, e por onde tiñamos que ir, a resposta máis dunha vez foi “todo monte arriba, pero alí non hai nada, só pedras, van a perder o tempo, o que contan dese sitio só son contos”. Nos seguimos monte arriba entre pinos e eucaliptos. As rodas do coche quedaban marcadas na estrada pois o piche da mesma faltáballe pouco para derreterse, quizais porque era o mediodía. Ao chegar o descampado onde xa non se podía seguir, pois alí remataba a pequena estrada, semellabamos ananos dentro dun cráter rodeados de pedras descomunais, non mirábamos máis nada, e o sol seguía sen ter piedade de nos. Aínda buscamos un pouco, saltamos por aqueles penedos, pero os corpos xa non estaban para máis trotes, entón prometemos volver unha vez que xa sabíamos o camiño.

En outubro dese mesmo ano, fomos a dar unha volta pola Mariña, e como non, achegámonos ao Monte da Frouxeira. Nesta ocasión subimos polos penedos e atopamos os restos da fortaleza na que Pardo de Cela se atrincheirou hai uns centos de anos contra os Reis Católicos, a mesma onde foi traizoado polos seus vasalos. Toquei aquelas pedras da fortaleza inexpugnable, pois era imposible acceder a ela, aquel home so podía ser derrotado da maneira que foi. Aqueles anaquiños de muros gardan parte da nosa historia, quizais incluso de noite se escoite o bater de espadas...

Dende a Frouxeira, rodeado daquelas pedras que semellan mundos, un encóllese, faise pequeno. Aos pes do monte aparece o Val do Valadouro como unha fermosura desbordante, si o paraíso existe, este é un anaco del, e no medio daquelas campiñas verdes, levántase esplendorosa a Torre de Pardo de Cela, con un pequeno cemiterio ao seu carón. Sentado naquelas pedras milenarias da Frouxeira, e coa vista perdida polo val, recordei o poema de Ramón Cabanillas, o poeta da loita continua: “Validos de traidores, /a noite da Frouxeira/ a patria escravizaron uns reixes de Castela...”

Entón tremín e sentín rabia, pois aqueles versos, hoxe seguen case que coa mesma vixencia de entón. Aquel colonialismo está presente, os cidadáns, uns acomodámonos, outros seguimos loitando pola soberanía nacional. Queren que desapareza a nosa fala, desprezan a nosa cultura, a nosa bandeira, o noso himno, do que din molestarlle algunhas estrofas. Somos semente da que deixou Cabanillas, Castelao, e outros, por iso seguimos loitando contra os inimigos de Galiza, contra aqueles que aínda queren facer a noite máis longa.

Estas cousas xurdiron aquela mañá de outono no Monte da Frouxeira na compaña de Isabel.

Sempre en Galiza

Luís Chapela Bermúdez

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores