26 de Xullo do 2009. Tibo
O dia a seguir do Dia da Patria deste ano no que un ano mais fómonos manifestar a Compostela e tivemos a sorte grande de ser acompañados por un numeroso grupo de túzaros da súa maxestade El-rei pagados por nós e que estaban no Toural pacificamente armados ata os dentes para nos protexer. O día a seguir, digo, acudín á saída eivadinha.
Mentres se cumpría o sacramento da deglución do arroz malandro nese santuario que o Stop é para a secta eivada, os tres expedicionarios que desta vez nos tiñamos presentado ante a mesa comentabamos as posibilidades, os pros e a as contras das diversas opcións que o noso sherif nos puña sobre a mesa.
Comentabamos? Non. Unha das expedicionarias estaba á espreita coa esperanza de que os outros dous tivesen un pouco de siso e non se embarcasen nunha viaxe de resultado incerto.
Ao cabo dun tempo de descartes e desbarres múltiples parecemos centrar a nosa atención nunha descoñecida ruta polas terras de Caminha que pola información da que dispuñamos parecía que podía cumprir as nosas expectativas. Pero, ah!, tiña a súa cousa. Un desnivel considerable que xunto á respectable lonxitude non a facía especialmente apta para unha tarde calorosa como se prometía. Con todo parecía que podía ser. O xefe, para manter as aparencias democráticas, preguntaba se nos parecía ben. Ao cronista parecíalle estupendamente. A terceira comensal non quería dicir que non, pero tampouco quería dicir que si, de maneira que se instalou nun elocuente silencio. Nin si, nin non senón todo o contrario.
O noso amado lider deuse conta de que aquilo non estaba certo de todo e nisto foi que mudamos de parecer e decidimos ir a Tibo.
O cronista pensaba que estaba ben porque había baño e os días nesta altura do ano son longos polo que non había presa. Grande erro porque resultou ser que o noso patrón tiña que regresar cedo por motivos laborais pero naquel momento non lle pareceu que tal información tivese importancia e non dixo nada.
Así que enfiamos a estrada que nos achega a Melgaço e logo intérnase na Peneda cobregueando por estas terras que nos alimentan o espírito e nos esfolan as canillas dende hai anos.
Chegados que fomos ao miradouro de Tibo e para eu aprender algo novo din en facer a ruta do revés. Así que aproamos cara Varzia e puxémonos a baixar por un camiño que os fentos tiñan desfigurado e que tiven que reinventar ou redescubrir nalgúns tramos. Pero o vello camiño que unía Tibo con Varzia estaba alí, escondido, esquecido, pero unha vez mais facíase presente cando o precisabas.
Tamén se fixo presente un xabaril ao que espertamos abruptamente da súa sesta e fixemos dar un chimpo, o mesmo que el a nós.
Navegando ás veces, mais que andando, polo mar de fentos o trío avanzaba baixo o sol de Xullo. Pasadas As Ínsuas e cando chegabamos ás primeiras casas da aldea de Varzia virei á esquerda para aprender un pequeno tramo que descoñecía, o que nos aforraba cruzar a aldea e tamén pasar a carón dunha lixeira a ceo aberto que os veciños daquela terra teñen a ben ter na beira do encoro de Lindoso onde antes era o río Leboreiro.
Fora boa idea o cambio de dirección porque estabamos pasando as horas de mais calor baixando e agora entrariamos en terreo arborizado polo que a subida última ficaría para cando o sol xa estivese a esmorecer.
Debeu ser por aquí cando o Anxo fixo saber que el tiña que regresar cedo. Así foi como todo o tema dos baños demorados quedou nunha boa e irrealizable idea. Así foi tamén como tivemos que lle dar un pouco de caña ao ritmo. E así foi como Georgia tivo que sufrir un pouco. Pero con dignidade. Non había moito que facer posto que é un camiño sen alternativas. Ou segues ou cómente os lobos, non hai atallos.
Aínda con todo topamos ocasión para tomar un rápido baño non no lugar previsto pero si nunha das moitas pozas coas que o río Peneda obsequia aos caminhantes ao longo desta ruta do Contrabando como algúns lle chaman.
Estivemos a punto de lle poñer un pé en riba a unha cobra de considerábeis dimensións e topamos tamén un deses sapos que non sei se son dunha variedade distinta ou é que alí os alimentan mellor porque teñen un tamaño incomunmente grande. O Anxo tiroulle unhas fotos mentres o animal turraba por desaparecer da nosa vista. Vese que non son xente amante da publicidade e o papel couché.
Case a trote cochinero enfiamos por fin Tibo para alegría de Georgia que decidiu quedar alí a onde xa podiamos ila recadar en coche.
O Anxo mais eu subimos aquela costa infame a fume de carozo e en cousa de media hora estabamos arriba onda os coches, ofegantes, suorosos.
Aínda tivemos ocasión de tomar unha cervexa en Rousas e volvemos para a metrópoli que outro día será outra vez e haberá outros carreiros.
ZdP. Xullo de 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario