O SOÑO DA NOITE

Camiñaba polo peirao,
baixo un ceo cheíño de estrelas,
respirando o forte cheiro a mexillón,
salitre e algas, era a vida,
ía mirando a paisaxe con calma.

Un cadelo durme enriba
dunha dorna sen mar.
Entón o medo ventureiro
paralizou a súa alma
naquela noite de agosto.

Ao amencer, cando os borrachos
escriben con pingas de marmaña
a verdadeira historia do mundo,
xusto a esa hora, el bailaría
unha cantiga de amor.

O soño dura e dura,
e o tempo segue sen deterse.
Na taberna, na frescura da noite,
a xente soña bailar con Venus,
por encima das cordas que
amarran as gamelas.

Luís Chapela Bermúdez

1 comentario:

  1. Camiñando entre soños ou soñando camiños, escribindo os pequenos sucesos, os que pasan desapercibidos, a historia da xente que sementaba o millo corvo ou que era quen de convertelo en gran nun muíño de pedra, engaiolando os versos que saen do corazón das fragas, despois de nomear cada congostra, cada regato e cada pedra, porque a palabra e o que nos diferencia das bestas, a palabra e a memoria, e nesa tarefa de afastar o fantasma do esquecemento anda o meu amigo Luís, o mestre Chapela, que é dos bos e xenerosos, que sabe escoitar á terra, porque é estirpe dela. Grazas por compartir con nós as lembranzas dos soños e dos camiños.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores