E151 Ruta do Xabriña (Covelo)







Martes, 8 de decembro de 2009

Seméllaseme que ás veces non son precisas as palabras para que me escoiten, e que os meus son moi capaces de atopar nos meus silencios o berro agochado, a materia gris que sementa de tebras nos meus soños, e que nos últimos tempos me levou a reflexionar sobre o futuro desta teima que seguimos chamando Eivadiños. E así, cando se me fan inapetentes os horizontes, e a ambición de novos camiños se esvaece, acoden a min homes e mulleres inzando novas razóns, bandeiras de enganche para que as miñas pegadas sorrían e recuperen a súa vocación de confundirse con outras, deseñando unha coreografía novedosa na que se suman os valores de cada bota.

Así, nestas horas nas que a tentación do fin me cerca, xorden un feixe de eivadiños para darme desinteresada cobertura, aínda que adiantaramos un par de horas a convocatoria, e fanme repasar algúns momentos marabillosos da nosa modesta biografía. Ademais de Zalo, alento e motor principal desta historia, e de Salomé, ca que establecín complicidades máis alá dos camiños, xurde un daqueles cos que compartín a pateada iniciática nas carballeiras de San Xusto de Sacos, Xurxo, e que durante moito tempo foi un dos activos fundamentais desta película.

Súmanse Ramón e Yuka, ós que non me chegarán os días para agradecerlles os segredos que me foron desvelando pola xeografía portuguesa, e Georgia, que me revela outros segredos e outras xeografías, aínda máis tenras, e que amabiliza as miñas horas para que deixe de invocar ó Apocalipses. E Xaime, Miguel e Alex, pilares sobre os que sosteño algo máis importante que este feixe de crónicas, o combustible que alimenta os meus días, máis que amigos: Irmáns. E para engadir novos pulos que me devolvan as ganas de erguerme domingos e festivos, unha nova incorporación, a de Fany, que dende o primeiro momento é quen de contaxiarme ca súa vitalidade desbordante.

Facía tempo, se descontamos a anterior conxunta cos Camiñantes, que non eramos tantos os que saímos do Concheiro, e penso que aínda fomos bastante lixeiros en arrancar, aínda que xa se sabe que “nunca chove a gusto de todos”. Desta non chovía, e ben que o agradecíamos, así que unha hora máis tarde, despois de aprovisionarse no alto de Puxeiros, chegamos ó noso punto de partida, situado na parroquia de Paraños, pertencente ó concello de Covelo.

Enfundados en roupas hidrófugas, por se finalmente o ceo estoupaba e as nubes daban en romper augas sobre nós, atravesamos un pobo de casas nobres, en bo estado ou reconstruídas con certa elegancia, unha mostra de que é posible, de que existe un xeito de conservar as estruturas do pasado e dotalas das comodidades de hoxe, e de integrar todo esto nun conxunto harmonioso. O que non debía harmonizar era o párroco a quen dedicaban un enorme cartel colgado fronte a igrexa que, ó carón do debuxo dunha vella axeonllada nun confesionario, rezaba: “Señor cura, mentir é pecado”, e unha mosca que dicía: “Venial, roubar si é pecado mortal”.

Dándolle as costas ó pobo internámonos nunha fraga na que se mesturan castiñeiros e carballos, e conforme imos acercándonos ó río, amieiros e bidueiros. A diversidade dos bosques da ribeira do Xabriña é un dos seus principais atractivos, e tamén atoparemos abeleiras, salgueiros, loureiros e mesmo concentracións importantes de acivros. Pero a verdadeira protagonista da xornada é a auga, xa que a derradeira crecida, que tan só fai dous días nos faría imposible pensar en facer esta ruta, descubriunos unha paisaxe de una beleza, nunca mellor dito, desbordante.

A temperatura era agradable, e o ceo non ameazaba, os camiños estaban limpos, era unha auténtica marabilla camiñar a beira dun río que era unha sucesión de saltos de auga, e creo que todos estabamos enfeitizados co espectáculo. Descendemos un pequeno tramo, ata o lugar de A Lagoa, onde cruzamos por unha ponte de madeira para cambiar de dirección, e seguir a montante, descubrindo os primeiros muíños, outro dos atractivos do sendeiro. Son máis de trinta, aínda que moitos deles están en ruínas, atópanse limpos de maleza, e todos teñen un carteliño co seu nome. Camiños dourados de follasca seguindo o manto níveo que cubre a práctica totalidade da conca fluvial, mentres o grupo confundía, unha vez máis, pegadas e palabras.

Á altura do lugar de O Outeiro cambiamos outra vez de ribeira por un pontillón de pedra, longo e estreito, que de seguro leva aguantadas unhas cantas crecidas, aínda que confirmamos a dirección: sempre cara arriba, na búsquea das súas fontes. Neste cruzamento Yuka tivo a mala fortuna de meter un pe na auga, e tivo que mudar o calcetín, onde se confirmou que hai que ser previsores, e non deixar toda a muda no coche, como fixera a maioría. O Zalo anotaba este e outros retrasos (para coller castañas, acariñar a unha cristalina ou para tirar fotos a unha fervenza) con preocupación, pois o ritmo non era o axeitado para completa-la ruta. Non lle faltaba razón, pero así somos nós: imos ó ritmo do máis lento e non deixamos a ninguén atrás.

Algo máis adiante cruzámonos co Camiño da Franqueira, moi preto da area recreativa do Roupeiro, e volvemos cruza-lo río. Nese lugar atopase o muíño da Feixa rehabilitado que é utilizado como aula didáctica, e o sendeiro discorre por unha levada a carón de fermosos saltos de auga, ocasionados por pequenas presas coas que se desviaba parte do caudal para o servicio dos muíños. Para completa-lo fermoso conxunto unha pontella de lousas atravesa o Xabriña douscentos metros máis adiante, aínda que nós non fagamos uso del.

No Pozo do Demo reagrupámonos, xa que ata aquí fomos partidos en dous grupos, e afastámonos do río nun tramo que discorre encanonado, para saír á estrada nacional 505, que cruzamos preto do lugar de Portaseixas. O camiño devolveunos ás beiras do río, as fragas enfeitizadas e a unha sucesión de senlleiras pontes de madeira por onde sorteabamos un feixe de regatiños que tributaban o Xabriña.

O máis importante deles é o Azal, que seguimos a montante internándonos na carballeira das Millariñas, se cadra aínda máis exuberante que os bosques de ribeira que deixamos atrás. Estou certo que esta paisaxe atopase embelecida polo incremento do caudal deste río, que normalmente non leva tanta auga como para ser merecedor dese nome, e que este día era o máis axeitado para recorrelo.

Por unha pequena ponte de madeira, ó carón dunha fabulosa fervenza, cambiamos de ribeira, e descendemos cara o punto onde o Azal desemboca no Xabriña. Unha vez alí, co grupo ó completo, afastámonos algo do río principal, aínda que seguindo paralelos a el, por un camiño carreteiro que se interna en outra carballeira impoñente, no lugar das Chozas. Ata aquí case non nos decatamos de que estabamos a ascender case dende o principio, pero aquí empinase un chisco máis o camiño e algúns xa están a reclamar o xantar.

Volvendo ó encontro co río atopamos un novo problema: o paso de poldras polo que é obrigatorio pasar está baixo as augas, e temos que descalzarnos e remangar os pantalóns para cruzalo. Algúns, como Zalo e Miguel, son máis ousados e atravesan o cauce en calzóns, e mesmo hai valentes como Xurxo que se ispe e mesmo aproveita a situación para mergullarse, recuperando unha das vellas tradicións eivadiñas.

Ramón e Yuka non o ven moi claro, e deciden seguir pola outra beira buscando un xeito de achegarse a Ponte Folón, onde por forza temos que pasar tamén nós. Cando chegamos alí non atopamos nin rastro deles, e despois dun bo rato decidimos continuar, por si saíron máis adiante. Xuntámonos con eles na entrada ó Prado da Canda, onde nos urxe tomar importantes decisións.

Xa advertira o Zalo que o noso ritmo non era o axeitado para completala ruta, e que si emprendiamos o ascenso cara o lugar de A Lamosa era bastante posible que baixaramos polo camiño de volta de noite. Así que tiñamos dúas opcións: a de incrementar o noso paso para evitar o regreso entre tebras ou facer o aire que recorre o conxunto etnográfico que se espalla por toda a aldea, e atopar un sitio agradable onde xantar. Acordamos a segunda alternativa, e pasando fronte a fermosos petos de animas, cruceiros, canastros e casas solarengas, detémonos as beiras do río Azal, fronte as ruínas dun muíño e dunha ferrería, e damos conta das nosas provisións.

Trala abundante inxestión de tortilla, empanada, pasteis e outras viandas volvemos a atravesar o pobo, e non tardamos en pasar sobre as nosas pegadas, baixando ata a Ponte Folón, onde sen demasiados problemas enlazamos co tramo da ruta que ven da Lamosa. Un sendeiro que avanza algo afastado do Xabriña deixándonos, ás veces, unhas boas panorámicas da sinfonía de cores que o outono debuxa nunha fraga enfeitizada. Aquí volveuse a romper o grupo, e Zalo decidiu face-la guerra pola súa conta, canso de ter que agardar con esta pandilla de eivadiños preguiceiros.

Camiñando outra vez polas beiras do río avanzamos fragmentados en tres grupos: o guía fuxindo en cabeza, tras del Georgia, Alex e Salomé, e o resto nun pelotón que, as veces, tamén se esnaquizaba. A pesares de estar a transitar polas mesmas paisaxes que na ida, dende este lado adquiría todo un novo prisma, e en ningún momento nos resultou monótono, xa que a beleza de auga, terra e árbore enchíano-los sentidos. Mais aínda chegando ó Pozo do Demo, onde pasamos sobre o estreito canón que forma o Xabriña, unha fenda na que se sucedían un feixe de fervenzas, a cada cal máis sorprendente.

O derradeiro tramo fixémolo afastándonos definitivamente dese río que tantas imaxes belísimas nos dera, avanzando por congostras que se abrían entre a fraga e por corredoiras que discorrían entre campos. Xa en Paraños tiven un pequeno accidente, xa que quixen capturar as ultimas postais nun regato que se derramaba en un feixe de atoles, e pisei na area pensándoa firme e resultou movediza, e acabeille soterrado ata case os xeonllos. Yuka, despois de rir un bo anaco, aínda me quitou unhas fotos para que os que non estaban no momento tamén riran.

E colorín, colorado, así demos rematado.

1 comentario:

  1. Haberá que voltar para facela enteira en canto crezan os dias... ou poderemos pasar unha saturday's night sen matar o corpo e erguernos cando asome o Sol Invictus ? Jeje, polo de agora vou buscando un fondo musical musgoso e de connotacións acuáticas para facerlle compaña ó texto...

    Bicos húmedos e noites insomnes

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores