E160 Sendeiro de Aciveiro-Candán (Forcarei)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 31 de xaneiro de 2010

Seguindo a dinámica de anteriores convocatorias, xuntámonos un bo feixe de Eivadiños no punto de reunión habitual. Había os que durmiran pouco, os que durmiran a perna solta e os que viñan case de reenganche. Coma sucede a miúdo, entre os primeiros estabamos Georgia máis eu, que enlamaramos, unha vez máis camiñando polas tebras da noite metropolitana, e entre os segundos Xosé, Miguel, Ramón e Yuka, aínda que estes últimos seguiran a sufrir a contaminación acústica dun garito situado nos baixos do seu edificio. O que viña case sen durmir, coma sempre, era o noso Cachorro, e fíxonos esperar case vinte minutos que, de sabelo, houberamos invertido nun café con leite, churros e lectura do dominical. Iolanda saía dende Vilagarcía, e quedamos con ela en Tomeza, preto de Pontevedra, para saír dende alí ás terras de Forcarei, que eran as elixidas para explorar neste día.

Preto do lugar onde se suman as augas dos ríos Pintos e dos Gafos agardamos a nosa amiga, mentres, agora si, tomabamos café con leite, algo para mollar e lle dabamos unha volta ó mentireiro. Iolanda non se fixo esperar moito, e ademais tivemos unha recompensa inesperada: un folleto ilustrativo do sendeiro fluvial do río dos Gafos que nace en Figueirido, e despois de percorrer algo menos de once quilómetros xunta as súas augas coas do Lérez, na ría de Pontevedra. A ruta é pequena, pero é para ter en conta, xa que ten un bo feixe de atractivos, e como curiosidade dicir que o río muda ata unha ducia de veces de nome, dependendo pola parroquia ou barrio que pasa.

Unha vez almorzados e desinformados volvemos á estrada, e fomos dereitiños ata Forcarei, guiados polo tóntón de peto do Alex, que ía todo emocionado dos detalles que lle brindaba o satélite. Así semella que te podes aforrar o de mirar pola ventanilla do coche: o mundo cabe nunha pequena pantalla e nós somos un circuliño azul que avanza lentamente cara ó obxectivo fixado. Era o que lle faltaba ó noso amiguiño que xa leva a miúdo o móbil pegado á man ou á orella, como se fose un apéndice natural da súa anatomía.

Ó chegar ó núcleo urbano xa nos agardaba o resto do grupo, e Miguel, que tomara en serio o de organizar a saída, xa localizara un sitio, o París, onde xantar. Tiñamos previsto mandarlle uns bocatas, pero el negociou para que nos deran algo máis e ninguén chistou, a pouco estabamos á mesa para tomar un caldiño ben rico e unhas boas racións de croca de tenreira, acompañadas de patacas, pementos asados e ensalada. Todo rico, rico, e na sobremesa o que triunfou foi a torta de queixo que pediu Yuka, que sempre ten bo ollo para as lambetadas.

Con estas chegamos un pouco enriba da hora sinalada para a saída ó mosteiro de Santa María de Aciveiro, actualmente restaurado e convertido, parcialmente, en hotel. Pensamos en dar unha pequena volta polo exterior do edificio, pero estando neso Iolanda atopouse cunha das empregadas do establecemento hoteleiro, que se atopaba aínda pechado, e conseguiu que esta nos ensinase as dependencias interiores e nos ilustrase sobre usos e prezos. Perdemos un tempo precioso para a nosa andaina, pero pagou a pena este comezo.

Saímos apresuradamente do recinto e puxémonos en marcha dispostos a despachar os quince quilómetros da ruta, e tanto entusiasmo lle puxemos ó arranque que atravesando o barrio de O Cotiño decatámonos de que estabamos a facer o camiño do revés. Despois dun breve conclave decidimos continuar, xa que non tiñamos tempo para perdelo dando marcha atrás.

Non tardamos moito en enlazar con un sendeiro de pescadores que discorre ó carón do río Lérez, no que quizais sería o traxecto máis fermoso do sendeiro, e aledámonos do noso erro, pois nos permitiu camiñar por unha espesa fraga de ribeira mentres o sol conseguía vencer a ameaza das nubes e arroxarnos os seus cálidos alentos, tinguindo río, fraga e eivadiños dunha luz especial. Por momentos pensei se sería idóneo este terreo para Iolanda, pero bastoume ver como se manexaba cos seus pauciños e o seu sorriso para tranquilizarme. Mentres Alex rivalizaba comigo quitando fotos co seu teléfono súperferulitico, e mesmo Georgia quería facerme a competencia coa súa cámara nova.

Pasamos ó carón de vellos muíños, algúns deles co rodicio aínda en boas condicións, e de cativas pontellas, que non tivemos que utilizar xa que todo este traxecto o fixemos pola marxe esquerda, a montante. Nas pedras de muíños, pontellas, e as que delimitaban o sendeiro estaban cubertas de brión, das que existen un centenar de especies o longo de toda a conca do Lérez, e mesmo a cortiza dos amieiros estaba cuberta destes organismos que precisan dun ambiente hiperhúmido.

Tamén están húmidos e enlamados os camiños do barrio de Andón, que nos desvían un chisco do río, e forman pequenas baixantes polas que facemos equilibrios para non empapar as botas tan cedo, pois aínda queda moito que camiñar. Estas corredoiras lévannos a Ponte Vella, construída no século XV, por onde cruzamos o Lérez, dándolle as costas para dirixirnos á serra. Esta ponte foi erguida por orden do abade de Aciveiro, para comunicar o mosteiro co Val de Ulla e con Compostela, e por aquí tamén pasa outro PRG, o dos Pontes do Lérez, que so no concello de Forcarei acadan o número de vintetrés.

Según a lenda habitaba aquí unha moura chamada Loureiriña que se peiteaba os cabelos baixo a ponte, utilizando as augas como espello. Aínda que eu conformaríame con ver a verdadeira raíña do río, a lontra, tarefa case imposible pois este animal é de hábitos nocturnos, e polo día permanece agochado nas súa toba. Máis non tivemos tempo para deternos a buscar nin píntega rabilonga nin tizón esmeralda, outras dúas protagonistas destas paraxes, porque as agullas do reloxo avanzaban máis rápido que nos, así que Miguel e máis eu convimos en darlle outro empuxón a “ritmo eivadiño”, para que cundira o exemplo.

No seguinte tramo mudou a paisaxe e a fraga ribeirega deixou paso a un monte colonizado polos carrascos, uces e carqueixas, polo que non había perda, xa que, como na totalidade da ruta, está estaba convintemente sinalizada, ás veces incluso semellaba que de máis. Por esta matogueira iniciamos un ascenso non moi pronunciado, pero que logra arrincarnos os primeiros suores e mesmo algunha peza de roupa, pese a que un vento xeado azouta as partes máis altas da serra, preto do lugar de Mouro Negro.

Mentres subimos animo a Xosé, que aínda non está afeito a subir as costas a “ritmo eivadiño”, pero que ten intención de non retrasar o grupo, penso que vai ser unha boa fichaxe para a nosa cuarta temporada. O certo é que estou ledo das derradeiras convocatorias, nas que dunha forma máis ou menos regular están respostando os vellos e novos valores deste invento que demos en bautizar como Eivadiños. E, tamén hai que dicilo co pulo que está tomando a nosa bitácora, grazas á inxente tarefa, sobre todo, de Xacobe e de Zalo.

Abandonamos a serra por un pequeno tramo asfaltado, o carón de grandes extensións de pasto, enfrontados ó monte de Seixiños Brancos, que sobrepasa os novecentos metros, no límite do concello, e deseguida enlazamos cunha pista de terra enlamada. Nela atopamos a tres rapazas que nos advertiron que o terreo estaba en moi malas condicións ¡pobriñas, non sabían con quen estaban falando! o certo é que o seu calzado non era o máis axeitado, pero houbo a quen non lle importaría facer un anaco do camiño con elas, e que celebrou o encontro cun salto que me lembrou a Vickie o viquingo, cando estaba entusiasmado.

Atravesamos outra vez a estrada, e algo máis adiante un regato e, case sen decatarnos, chegamos a Lamasgalán de Abaixo, unha pequena poboación onde agás de levantar un balbordo de cans non houbo nada que nos chamara a atención. Neste punto collemos un camiño carreteiro que enlaza este pobo co seu homónimo, Lamasgalán de Arriba, e facendo honra ó seu nome o terreo estaba ben enchoupado, tanto que ás veces tivemos que botarnos ós campos para non enlamar de máis.

Ó darlle as costas á ultima aldea, atopamos un panel informativo, dos moitos que existen por toda a ruta, na que nos ilustraba sobre a existencia das Neveiras de Masgalán. Construídas polos monxes no século XVI nas abas da serra do Candán, consistía nunha serie de cámaras subterráneas onde fabricaban xeo aproveitando as nevadas do inverno, e so se conservan, dos tres grupos que están documentados, as de Casarellos, xa que cando caeron en desuso se aproveitou a súa pedra para outras construccións. Din que era tan rentable o comercio do xeo que incluso chegaban a vendelo en cidades tan distantes como Madrid.

Agora son outros os aproveitamentos do monte, e camiñando cara o Alto de Penadoira internámonos nunha pista de servicio dun parque eólico, que coloniza toda a crestesía da Serra do Candán, ata o seu cumio, que sobrepasa o millar de metros. Os aeroxeradores espertan en min sentimentos contrapostos xa que son consciente do importante impacto ambiental nos nosos montes e ó mesmo tempo seméllanme dotados dunha estraña beleza, que sempre me motiva á hora de apertar o disparador. Tanto é así que quedo rezagado do grupo, xunto co Alex, decidido a seguir facéndome a competencia co seu telefono novo.

Tamén animou que xusto cando facíamos o camiño o carón dos muíños de vento (que non sei porque lles chaman así cando non moen nada), saíu o sol e iluminou a serra, o val e os pobos sobre os que tiñamos unha panorámica privilexiada. Ata en eso tivemos sorte, porque foi deixar atrás o parque eólico e empezar a cubrirse o ceo, caendo incluso algunhas pingueiras.

No lugar de A Lomba demos un cambio de sentido e comezamos a descender polas abas do Candán, mentres barallabamos coa posibilidade de chegar os douscentos pateos e de facer un libro conmemorativo da nosa historia. Moi ambicioso semella o proxecto, pero Alex e Miguel amosaban un entusiasmo contaxioso, e mesmo Yuka se pregou ós nosos reclamos para ocuparse da maquetación. Veremos en que queda todo isto.

Con estas teimas chegamos ó pobo de A Rochela, e non podía ser en mellor momento, xa que caeu un bo chaparrón que nos obrigou a buscar acubillo debaixo dun alpendre. E menos mal que foi pouca cousa, porque a luz empezaba a minguar e aínda tiñamos uns bos tres quilómetros para completa-la nosa ruta. Unha vez que escampou puxémonos en marcha pola estrada, que deseguida abandonamos para ir ó encontro do río.

Pero antes de chegar ás beiras do Lérez tivemos outra grata sorpresa, cando topamos cunha alvariza aínda en uso. Descoñeciamos que os montes do Candán contaran coa ultima poboación de oso pardo da provincia, extinguidos ó principio do século XX, e que estas construccións, erguidas con grosas paredes de pedra para protexer os enxamios domésticos, tiveran lugar nesta parte do país. Os trobos así gardados tamén se libran dos ventos fríos, á vez que a orientación cara ó nacente permite que reciba a luz do sol dende o mencer. Ademais do mel, a cría das abellas ofrece o recurso da cera, que era unha materia prima de primeira importancia, xa que constituía a base de fabricación de candeas e exvotos.

Alcanzou a luz para tirar catro fotos a presa, e sen demorarnos máis emprendemos o derradeiro tramo da ruta. O sendeiro que discorre pegado ó río fíxonos extremar as precaucións, xa que as pedras semellaban esvaradías de máis e as raíces tentaban atrapar os noso pes. Menos mal que foi un tramo pequeno e que deseguida puidemos avanzar con máis pulo por un camiño que se afastaba do río, en dirección ó núcleo rural de Vilaverde.

Neste camiño atopamos unha partida de cazadores, dos moitos que vimos nese día, e un deles levaba unha raposa colgada do rabo. Pregúntome que mal lles faría o pobre animal, e que sentido ten matar so por fachendear diante dos compinches. Nunca entendín a actividade cinexética, e nunca me gustaron os que disfrutan abatendo a nosa minguada fauna, como non entendo a permisividade que hai para darlle unha licencia de armas a calquera descerebrado.

Chegamos a Vilaverde xa á noitiña, algo mollados e cansos, pero satisfeitos da xornada. Especialmente leda estaba Iolanda, que fora quen de completa-los quince quilómetros sen chistar, e por un terreo máis que irregular e bastante enlamado en tramos. Apuramos os últimos metros ata Aciveiro pola estrada, a onde chegamos case catro horas despois da nosa partida. Gustounos esta nosa primeira incursión no concello de Forcarei, o que non tardaremos en volver.

1 comentario:

Archivo del blog

Seguidores