E175 Sendeiro do Almofrei (Cotobade)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS

Domingo, 27 de xuño de 2010

Ás veces semella que confío de máis na sorte, eu que nunca crein tela demasiado da miña parte, e a sorte, sempre esquiva, se agocha si ou si, e teño que improvisar cos escasos recursos que teño ó meu alcance. Se a esto lle engadimos que durmín a metade do aconsellado polas autoridades sanitarias, e que xa sumo catro días consecutivos de troula, é case seguro que as cousas teñan que saír, cando menos, regular.

Desta erguinme baixo mínimos, cunha desas resacas persistentes que non lle dan acougo ás dúas neuronas que tiña de servicio dominical, e non me quedou outra que confiar na farmacoloxía e nos efectos secundarios do café, mentres pregaba ó ceo para que os meus amigos do Casal de Sistelo quitaran outro coello da chistera, para quitarme do apuro. Pero tamén foi que non, pois cando nos recolleron a Georgia e a min viñan medio rebotados co seu neno, que seica tiña problemas de memoria.

Así que tiven que mergullarme na miña, e buscar un lugar onde non morreramos de insolación, pois o Lourenzo estaba pegando con ganas, e semellaba que a cousa podería ir a máis. Así que xuntámonos con Alex e Fani, que xa levaban un bo anaco agardando no Concheiro (algunha vez tiña que ser ó revés), e decidín que probaramos sorte nas beiras do Almofrei, onde a sombra e o baño estaban (máis ou menos) garantidas.

Veloces como lóstregos partimos cara Cotobade, onde tiñamos o noso punto de partida: o comedeiro que se atopa fronte a casa consistorial, onde xantaramos na nosa derradeira convocatoria, na que recorremos, por segunda vez, a ruta dos tres vales. Foi ben curioso que atoparamos, unha semana despois, os folletos informativos do sendeiro. Non tardamos moito en sentarnos á mesa e de pegarnos unha boa paparota, a base de empanada de atún e salpicón de primeira, e de segundo cada quen escolleu o que máis lle petou: pescada, raxo e tenreira. Ou estaba rico ou eu tiña moita fame, aínda que houbo a quen lle pareceu algo caro de máis (claro, están acostumados ás tarifas portuguesas).

Onde si nos cortamos, agás Fani, foi no viño e nos licores, porque non tiñamos os corpos (polo menos o meu) para moitos ruídos, e aínda así non nos erguemos da mesa ata pasadas as tres e media, algo tarde para comezar a camiñar, pero é que antes era de suicido, coa canícula que estaba caendo.

Preto do consistorio atopamos un cartel onde había un feixe de rutas, máis sen axuda do tonton (que estaba parvo de verdade), e sen un bo mapa da zona non era moi axeitado aventurarse, e aínda así o fixemos. Non por ningunha ruta sinalizada, senón sinxelamente seguindo o curso do río, en sentido descendente.

A Fani, que presumía de coñecer ben o territorio, xa que vivira nos últimos anos preto dalí, aseguraba que de alí ó Pozo Negro, de onde eu tiña pensado partir en principio, non había máis de dez minutos, aínda que por un camiño que vai algo afastado do río.

Eu fíxenlle caso a medias, e preferín a sombra dos amieiros, aínda que nos levara dez minutos máis. Non si o certo é que a neurona estaba doente de certo... Algo protestaron as tropas, pero o sendeiro ó carón do Almofrei estaba limpo, e o firme era bastante regular, Georgia e Alex acertaran levando pantalóns curtos, ou eso pensaban eles. Eu fixen o primeiro quilómetro algo mosqueado, xa que semellaba demasiado fácil, e a experiencia me dicía que nalgures íase a complicarse.

E foi, en canto perdemos de vista as últimas casas, pois a vexetación medraba ó noso paso, e pouco a pouco invadía o camiño, ata que chegou un momento en que atopamos unha levada soterrada, pola que camiñamos ata unha depuradora. Alí o paso estaba pechado, e o peche ía ata o río, polo que tivemos que seguir a alambrada ata atopar un paso que nos deixara acadar a estrada.

Non puido Alex abrir a cancela, nin Fani, nin Ramón, e aínda tardaron en liberala entre os tres, aínda que máis tempo lles levou pechala de novo. Eu fixen un pequeno tramo de asfalto tres veces, dúas de ida e unha de volta, porque non me decatei que o resto do grupo quedara intentando pechar a cerca.

Baixamos novamente cara ó río, buscando a sombra, e Ramón recoñeceu na baixada o lugar onde pacía un burro agarimoso, que viron cando pasaran por aquí co Club de Camiñantes. Xa chovera dende aquela, e as chuvias déranlle pulos á vexetación, os fentos nos chegaban ó bandullo, e as silveiras comezaron a tomar protagonismo, cebándose coas perniñas dos que decidiran (non sei moi ben por que) facer o traxecto coas pernas descubertas.

Xa pasaran dez, vinte, corenta minutos, e despois dunha hora aínda non chegaramos ó Pozo Negro. As tropas estaban a piques de rebelarse, e ademais non atopabamos ningún sitio idóneo para nos mergullar.

A cousa pintaba mal se en breve non mudaba o camiño, aparecía unha poza bonita, ou chegabamos a algures. Pedinlle axuda o noso señor Satán, que coma nós non descansa nin os domingos, pois algúns xa estaban mandándome ó inferno, e cruzando un regatiño apareceron as beiras do río desbrozadas, unha morea de letreiros que anunciaban o “sendeiro do Almofrei”, e unha chapacuña ó carón dun muíño en ruínas, formando un fermoso salto de auga e un poza que nos daba para mollar o cu. Eu xa estaba espíndome para bautizarme alí mesmo, cando Fani insistiu en que andiveramos algúns metros máis, xa que ela coñecía un lugar moi preto que superaba este conxunto.

Non mentiu, xa que non tardamos nada en chegar ó muíño dos Milagres, cunha pequena fervenza que desembocaba nunha poza ampla e profunda de augas cristalinas. O pero era que estaba ben cerca do Pozo Negro, onde se atopa a piscina fluvial e o muíño reconvertido en chiringuito, e onde había un feixe de seareiros estomballados ó sol, mergullándose e escoitando rancheiras. Non entendiamos moi ben como podían estar tan preto deste pequeno paraíso e preferir o ruído e a aglomeración, pero tampouco pedimos explicacións: a poza era toda para nós.
Así que tomamos posesión, e desapareceron os amagos de insurrección, polo menos de momento. A auga estaba boa de máis, e animaba a pasar o resto da tarde metido nela, ou polo menos deitados na herba, á sombriña, así que tiven que inventar outra argucia para que se afastaran da auga e volveran vestirse.

Unha cervexiña fresquiña, ou un xeado, quen ía resistir a tentación estando tan preto... así que nun pis pas, como diría Yuka, que estivo pendente do seu meniño todo o tempo, estabamos sentados no chiringo, onde nos foron presentadas a farmacéutica e outra rapaciña do lugar, ás que lles debemos semellar ben tolos, por facer a pe o que fai todo o mundo en coche.

Aquí as miñas neuronas xa non atendían nin os servicios mínimos, pois vendo que xa pasaran dúas horas dende que sairamos non quixen dar volta, e animei ós meus para seguir un chisco máis río abaixo, polo sendeiro que, xusto dous anos atrás, fixera co de Paramos, cando andaba convalecente da miña caída nos cantís de Monteferro.

Tampouco a oposición foi moita, xa que a chapuzada e o refresco os deixara nun estado de euforia momentánea, así que despedímonos das amigas de Fani e seguimos co noso.

Máis nos valera quedar canda elas, dar outro baño e coller o camiño de regreso, porque o que viu despois foi unha réplica empeorada do que atoparamos ata agora. Nada máis darlle as costas á civilización comezou a espesarse o bosque de ribeira, composto maiormente por bidueiros e amieiros, ademais dalgún carballo, e os fentos estaban tan medrados que, ás veces, era imposible atopar o estreito sendeiro de pescadores polo que debíamos avanzar.

Ramón e máis eu adiantámonos ata que as protestas esmoreceron entre os fentos reais, as silveiras e os toxos, que de todo había as beiras salvaxes do Almofrei, avanzando con máis velocidade cando pasabamos ó carón dun prado, e aproveitando tamén nestes tramos para asegurarnos que nos seguían, aínda a regañadentes, o resto da tropa. Non nos deixamos coller ata que chegamos a unha pontella, xusto no punto onde tiña previsto vadear o río, e despois de agruparnos collemos, xa noutra beira, o camiño carreteiro que vai cara Loureiro.

Ó chegar ó primeiro cruce de camiños viramos outra vez cara a esquerda, cando xa estamos bastante afastados do río, e temos que atravesar unha lameira onde volven rosmar os eivadiños, ós que semellaba que non estaban a pasalo moi ben. Aínda así non quedaba outra que avanzar si ou si, e o fixemos por un camiño que a poucos estreitouse ata que as xestas o cubriron, nun pequeno tramo, por completo. Eu tiven que poñer cara de Indiana Jones para afrontar todas estas adversidades, pero non convencín nin con esas.

Non tardamos moito en atopar as primeiras casas, no lugar do Facho, na parroquia de Rebordelo, e contemplar algunhas mostras características da súa riqueza etnográfica, xa que aquí vense varios canastros típicos do interior da provincia, de paredes e teito de pedra, ben protexidos para a dureza dos invernos nestas terras.

A poucos metros da praia fluvial de Pozonegro cedinlle o bastón de mando a Fani, que tiña claro dende o principio cal era o mellor itinerario para chegar dende alí ata os nosos vehículos. O certo é que pola pista forestal pola que avanzamos, bastante afastada do Almofrei, fomos descontando metros con facilidade, pero tamén perdemos a sombra do río, cando aínda o sol batía con ganas nas nosas costas.

E así foi, máis ou menos, como lembro ás xentes e ós camiños, e se alguén ten que apuntar ou desmentir algo, que o faga, que aquí hai sitio para escoitar a todos.

1 comentario:

Seguidores