Domingo, 4 de xullo de 2010
A pesar de que organizaramos esta saída con bastante tempo de antelación, para facer coincidir a estancia que lle tocara a Montse na casa rural de Ramirás coa miña axenda lúdica e festiva, non foi ata o domingo que saímos ó seu encontro Georgia máis eu, para tentar coroar, unha vez máis, o Penagache, un dos eixos centrais das lendas arraianas. Por alí seica cruzou, fuxindo das gadoupas da morte, o deputado Alonso Ríos, despois de vagar polas terras asoladas polo terror fascista, baixo a personalidade do Señor Afranio.
A pesar de que organizaramos esta saída con bastante tempo de antelación, para facer coincidir a estancia que lle tocara a Montse na casa rural de Ramirás coa miña axenda lúdica e festiva, non foi ata o domingo que saímos ó seu encontro Georgia máis eu, para tentar coroar, unha vez máis, o Penagache, un dos eixos centrais das lendas arraianas. Por alí seica cruzou, fuxindo das gadoupas da morte, o deputado Alonso Ríos, despois de vagar polas terras asoladas polo terror fascista, baixo a personalidade do Señor Afranio.
Mentres Montse, Nacho e os señores do Casal de Sistelo facían unha boa camiñata ás beiras do río Arnoia, nós estabamos a disfrutar dos derradeiros concertos do Imaxina Sons, o festival de jazz de Vigo, e decidimos en última instancia non durmir en Abellás e madrugar o día seguinte para reunirnos con nosos amigos en Vilavidal para ir todos xuntos o noso punto de partida en Outeiro das Augas.
Fixemos unha pequena parada en Puxeiros para tomar un café e coller provisións, mentres comentabamos que quizais non se cumpriran as previsións de Miguel, que prognosticaba un domingo de lume, e máis nas montañas desarboradas da Serra do Leboreiro. A temperatura era agradable ás nove da mañan, e xa chegando ó Porto dos Padrosos o ceo foi adquirindo unha tonalidade grisacea, que en principio confundimos con néboa, pero que persistiu ata que chegamos a Ramirás.
Non foi fácil chegar ata alí, xa que a ponte de Cortegada estaba pechada, xa que no mesmo día celebrábase alí un rallie e tivémonos que desviar ata Ribadavia, por onde cruzámo-lo Miño, e dende alí continuar ata Arnoia, onde enlazamos unha morea de estradas minúsculas que semellaban rematar no seguinte pobo. Aínda non sei moi ben como fomos dar a Vilavidal na hora convida, pois as indicacións eran escasas e tiven que tirar un pouco do olfacto e un algo máis da sorte para chegar canda eles.
Tanto foi a nosa puntualidade que os eivadiños aínda estaban a almorzar, e nos convidaron a un café mentres recollían a equipaxe e facían contas. Aproveitamos tamén para botarlle unha ollada ó establecemento de turismo rural, que tiña un aspecto sobresaínte e, polo que nos dixeron, o servicio tamén era salientable.
A que non se atopaba no seu mellor momento era Yuka, que tiña algunha molestia de estómago, así que mudamos os plans de ir ó Penagache (os Eivadiños somos así, non temos problema en troca-la folla de ruta), e aceptamos a oferta dun sendeiro de pequeno recorrido moi preto dali, nas parroquias de Sande e Madamas, no concello de Cartelle: a ruta dos muíños do río Gato.
Non tardamos en chegar ó area recreativa de O Toural, onde comezaba a ruta, e cando estabamos a piques de poñernos en marcha chamou unha eivadiña que non sabía dos nosos plans, Iolanda, e que pensaba en sumarse á convocatoria de mantela nos nosos horarios e lugar habitúas. Pero desta madrugaramos, xa que eran pouco máis das once cando partimos, e estabamos ben afastados do Concheiro.
O ceo seguía cuberto, e aínda había quen, como Georgia, tiñan un algo de frío, a pesares de que os nosos anfitrións dixérannos que na véspera amañecera tamén así e despois fixera un calor do demo. Os primeiros metros da ruta non eran moi alentadores, unha pista de terra entre eucaliptos e piñeiros que descendía cara o río Gato, pero conforme nos aproximabamos a el a paisaxe amabilizabase, e a fraga enchíase de carballos, bidueiros, freixos, abeleiras e ata algún acibo. Tamén era salientable, unha vez chegado á conca fluvial, a variedade de arbustos de tódalas cores e a cantidade de bolboretas, escaravellos e saltóns que bulían por alí.
Seguindo o curso do río non tardamos en atopar un aire que ía cara un miradoiro, e mandamos ós do Casal de Sistelo de avanzadilla, por se pagaba a pena, e dende arriba berraron que subiramos. O certo é que era unha magnifica atalaia para contemplar o canón do río Gato e parte do camiño polo que tiñamos que sortealo, especialmente o tramo chamado Mal Paso, un escarpado sendeiro protexido con pasarelas de madeira.
Pasamos ó carón dos primeiros muíños, o do Augardenteiro, o dos Bandes e o dos Herdeiros, e non quedou ningún sen fotografar, aínda que estiveran todos invadidos polas silveiras, cos teitos vencidos e as paredes descarnadas, porque desta eramos tres a disparar: Ramón, Nacho e máis eu. Tamén estivemos na procura da Pisada da Moura, que seica deixou a súa pegada nunha das pedras do río, aínda que non estivemos certos de atopala. O entorno era realmente fermoso e a cousa prometía máis sorpresas agradables.
O sendeiro foi estreitándose máis e máis e ó pasar polo derradeiro muíño tamén comezou a gañar altura, e agradecemos as pasarelas de madeira, polas que correteaban unhas formigas atómicas, para nos axudar na progresión, imaxinando o penoso debagar dos contrabandistas que en tempos facían este camiño agochados nas tebras para traer tabaco e café dende Portugal. Penso que serían eles os que bautizaron este tramo como Mal Paso, e da fatalidade de dalo, xa que sen as pasarelas é algo arriscado aventurarse por aquí.
Unha vez sorteado este tramo esixente dimos en desembocar outra vez no río Gato, preto das ruínas do muíño de Hermenexildo, e tivemos a recompensa ós nosos esforzos na visión dunha fermosa fervenza que daba paso a unha poza de augas douradas. Eu xa estaba cocido de máis, así que din en pórme a remollo. O resto do grupo dedicouse a fotografarme, como se fose unha especie en extinción, ¡e que xa non quedan valentes coma eu!, nin o Nacho, noutro tempo home destemido, foi quen de mergullarse comigo.
Despois do baño mandeille unha empanadilla, que tamén rexeitou o resto da tropa ¡tiñan o día espartano! que tiñan ganas de volver ó camiño. E volvemos, eu refrescado e co bandullo cheo, pasando ó carón de outros dous muíños cubertos de vexetación, un deles chamado da Ninfa, onde Ramón díxome que eu xa a levaba comigo, e certo era, porque semellaba que a Georgia non lle estaba custando andar a chimpos polo monte, quizais porque durmira (case) as horas regulamentarias. Tamén pasamos preto do paso a Montouto e Sanguñedo, unha pontella bastante tosca por onde, de seguro, debían cruzar os contrabandistas cara á fronteira.
Un chisco máis adiante chegamos á xuntanza das augas do Gato co Arnoia, no lugar do Pozo de Gordo, onde estiven tentado de mergullarme outra vez, aínda que os meus amigos me fixeron desistir, xa que semellaba que había unha corrente algo traidora. Aquí fixemos un pequeno alto para admirar a fermosura do entorno, e para coller folgos para a seguinte etapa, na que tiñamos que volver ascender e ademais sen sombra que nos dera acubillo.
O ascenso ó pobo de Sande resultounos algo penoso e accidentado. Nos primeiros metros perdémoslle o rastro a Nacho, que brincou monte arriba como un correcamiños ¡bip, bip!, e Georgia, que foi tralo seu rastro, tivo que desandar algúns metros para ir pola ruta correcta.
Tivemos que chimpar por riba dunha grande árbore que nos pechaba o paso e, xa reunido o grupo, afrontamos as Escaleiras de Matusalén, que rematamos como si tivesemos máis dun cento de anos, no miradoiro de A Peniña, magnifica atalaia á desembocadura do Gato e o Pozo de Gordo, douscentos metros máis abaixo.
Despois de recuperar os folgos coas magnificas vistas ó río, avanzamos con bo paso entrelazando congostras, carreiros e algunha pista forestal, ata chegar as Adegas de Mogos, onde se atopan unha ducia de construccións dedicadas a fabricación do viño que en tempos ocupaba unha boa extensión das terras fértiles de Sande.
Aquí atopamos a un seareiro atarefado no embotellamento do viño novo, Señor Pepe “Sancristán”, que nos convidou a probalo. Esta personaxe afable e simpática, animounos a probar unha botella do seu branco, un caldo exquisito que seica tiña parte de uva de Xerez, e do seu tinto, un estupendo Mencía que coloreaba cun chisco de Alacante. Tamén se colorearon as nosas fazulas, cando baixamos as dúas botellas, mentres Señor Pepe nos instruía sobre os procesos do viño e nos mostraba a súa adega, unha das poucas que seguen activas.
Agasallounos con catro botellas do seu mellor viño, e despois abriunos unha segunda adega, onde tiña o viño que manda para os seus compromisos de Madrid. Debémoslle caer ben, pois este non era da mesma calidade, aínda que para non facerlle un feo tamén lle bebemos outra botella, mentres as provisións que colleramos en Puxeiros desaparecían como por arte de maxia. Deunos algo de magoa despedirnos do “Sancristán”, o que prometemos visitar noutra ocasión, pero nos chamaba o camiño, e alá fomos.
Entramos algo penecos no pobo de Sande, e como a canícula semellaba apertar máis co alcohol que tiñamos nas veas dimos por tomar un refresco nun dos bares do pobo. Claro que aínda houbo algún que insistiu no bebercio e se tomou unha cervexa ¡e logo nos queixamos do bandullo!.
Quedou sen visitar o Pazo do Outeiro, a Igrexa de San Salvador de Sande, e a Fortaleza Medieval, cunha torre que se divisaba preto de nós, pero tiñamos ganas de rematar coa andaina e irnos mergullar no río. E así foi, non tardamos moito en completar a nosa pequena ruta e coller os vehículos para ir a praia fluvial de Ramirás, onde había algunha xentiña que combatía o calor ás súas beiras.
No traxecto perdemos a Nacho, que nin tan sequera se despediu, pois semellaba que tiña presa por volver a metrópole. O resto camiñamos un sendeiro de pescadores para afastarnos algo da praia e atopar un lugar máis agochado onde poder espirnos (os que non somos moi amantes de bañarnos vestidos), e onde tirarnos un chisco á sombra. E atopámolo, chapuzámonos a gusto, e mesmo botamos unha pequena soneca a beira (ou no mesmo) camiño.
Para rematar a xornada fomos visitar Abellás, onde Tete e Adolfo agasalláronos cunha merenda da que dimos boa conta ¡seica había un algo de fame no grupo!, comemos queixo e embutido, e algunhas conservas, e aínda comeríamos pedras se as puxesen na mesa... Visitamos despois o Casal dos Condes de Cortegada, a Ermida de San Bieito e as Adegas Domínguez, e alí dimos por rematada a nosa xornada lúdica e deportiva, agardando que o próximo camiño sexa tan fermoso e variado como este, e que atopemos xentes tan agarimosas como as que nos acolleron nesta ocasión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario