Aínda estou tentando deliberar en qué se queda esta saída Evadiña de hoxe no meu intelecto e na miña emoción, sentimentos encontrados pelexan por saír airosos expoñendo as súas razóns, unha parte de min, a máis cansa, me di que foi unha saída de ritmos tan dispares que sacaron de min a protesta, a outra parte, máis tolerante, me di que foi un de tantos domingos compartidos entre amigos e que todo depende do grado de cansazo ou de disposición no carácter, e se non que llo digan ás marcas que os toxos nos deixaron na pele e que todos os aventureiros Eivadiños tivemos a oportunidade de sentir.
A verdade é que tiña moita ilusión e ganas de saír este domingo cos Eivadiños, e nin curta nin preguiceira non dubidei en deixar plantados a outros amigos cos que compartía unha fin de semana nunha casa rural festexando un aniversario que me tivo esperta ata as cinco da mañá e do que amencín este domingo ás nove e dez para dar unha volta polos arredores dunha fantástica vila antiga que invitaba a pasear polos seus segredos. Pero iso xa o fixera o sábado e o que me apetecía realmente era acudir ás doce e cuarto á cita dominical no Concheiro. Sen pensalo máis e despedíndome dos festeiros que andaban pola casa a esas horas partín rumbo a Vigo para reunirme cos amigos.
Cando cheguei ao noso punto de encontro primeira grata sorpresa, a miña amiguiña Cari Goyanes tamén ía acompañarnos hoxe, había tempo que non nos mirabamos e aínda preguntaba por ela a amigos en común que estiveron na casa rural. Tamén estaban Nacho e Mónica, que traía a " golfa ", a súa cadeliña, a compartir pasos e camiños. Anxo non me esperaba no Concheiro pois o chamara para dicirlle que nos veriamos no Amaquia, en Puxeiros, pois non sabía se podería chegar a tempo. Ao pouco chegou Alex e simultaneamente os Senhores Botas. E aínda faltaban Vicki, a irmá de Cari, Emilio e o noso querido Miguel Panete. Nada máis nin nada menos que todo un pleno hoxe!!, once Eivadiños máis a cadela, doce, aínda que haberá que preguntarlle ao amestrador oficial deste día, o Sr.Botas, pois segundo el un can é un animal, un " bicho ", e non se debe personalizalos, desexando estou ler como van clasificar a asistencia de " golfa " na lista de Sudando Botas, a tenor pola conversa nada consensuada que tiñan os Senhores Botas entre eles a cousa está " por ver "......
Tras aprovisionarnos de bocatas e demais delicias ofrecidas no Amaquia a decisión foi enfiar cara a Mondariz a facer unha ruta á que Anxo lle tiña afecto, foi a primeira ruta que guiara para Caminhantes, e levara as tropas Eivadiñas máis de unha vez a percorrelo tamén, a ruta era o de Muiños de Freaza e Montes de Gargamala, e aínda que había tempo que non ía por alí a todos nos pareceu unha boa opción para pasar o dia. Así que uns na macro mega furgo de Panete, outros no coche dos Senhores Botas e outros no de Mónica, alá nos fomos todos quedando fronte ao palacio da auga de Mondariz para chegar todos xuntos ata a Igrexa de Gargamala onde comezaría a nosa andaina.
Aínda que o dia ameazaba chuvia uns tímidos raios de sol pretendendo quentar os corpos tamén estaban presentes. Eu non ía moi preparada para a chuvia pois viña tal cal da casa rural, cuns vaqueiros e pouco máis, as miñas botas sempre comigo, iso si, e na mochila que metín a derradeira hora no coche co kit básico dun camiñante para estas épocas, un paraugas pequeno, un chuvasqueiro, guantes, pucho, e un frontal. Malo sería!!. A xente estaba a facer estiramentos mentres Anxo fotografaba os arredores da igrexa, todos percorremos o seu perímetro animados por Anxo, e trás facelo empezamos a camiñar un tramo pequeno de asfalto que nos levaría a un desvío que xa nos internou nun camiño bonito e agarimoso, empezabamos costa abaixo.
Ao pouco xa atopamos a primeira sorpresa, acios de setas marabillosos que invitaban aos fotógrafos a inmortalizar a visión, parecía un xardín de setas todas moi ben colocadiñas, tan ben que non parecía obra da natureza senón dun xardineiro que deseñara o conxunto, claro que non hai xardiñeiro máis estético e elegante que a propia natureza, pero era tan perfecta a visión que case parecía artificial. Aí sacou Anxo todo o despregue creativo que levaba na súa mochila, dende un moneco astronauta ata a muller marabillas ou unha mariquita que se agarraba a calquera superficie onde a quixeras por. Tocoulle pousar ao astronauta para a sesión fotográfica. Mentres, outra parte dos Eivadiños se adicaba a recoller setas para as que trouxeran unha cesta, non!!, se hoxe por faltar, non faltaba de nada. Nacho, Mónica e máis eu seguimos facendo pasos mentres as tropas Eivadiñas se ían despregando e se ían conformando ritmos diferentes e maneiras diferentes tamén de vivir o dia que estabamos a compartir.
Empezamos a subir cara ao monte pasando por unha casa que tiña unha árbore de caquis que chamaban a collelos, pero tiña un dono vixiante que saíu en principio a bota-la bronca e que despois acabou insistindo en que nos levaramos uns cantos, non sen antes darnos unha lección da madurez dun caqui, cor, textura etc etc etc.... A Anxo entroulle a presa de repente, empezou a marcar ritmo lixeiro monte arriba para acabar canto antes o noso paso por un tramo de asfalto e chegado a un punto parou para reagrupar e para dicirnos a todos que tocaba seguir subindo monte a través e toxos de por medio. Pero qué toxos, algúns eran máis altos ca min!!, en fin!, agradecín por unha vez levar pantalóns vaqueiros. Non sei se dicir que a cadela levou a peor parte, acabaron transportándoa entre varios, de entre o xénero feminino presente nesta saída sen dúbida era a mellor considerada e tratada e a que se libraba dos toxos así, sen tan sequera pedilo. Claro, acabei dicíndolle aos transportistas de tan preciosa carga o que era inevitable: tratades mellor a unha " golfa " do que me tratades a min!!, jajajaja, e metinme con Anxo dicíndolle que se me desgraciaba tocaríalle levar algo máis co peso da cadela. Bueno...., así, entre picaduras, protestas e algunha que outra chanza todos chegamos sans e salvos ata unha pista que nos levaría ata as mámoas e ata a nosa parada para xantar, xa eran máis das tres e media e o meu estómago non piaba senón que ruxía.
Foi un bo xantar, a todos nos sabía ben o que levabamos, Alex tiña unha fonte inagotable de alimentos ricos e mesmo bombóns de chocolate. Vicki e Emilio lle gababan ao Anxo o Amaquia, e este dixo que o descobremento do sitio se debía ao noso Nacho que tamén estaba a dar boa conta do alimento escollido. Eu dende que descubrín as pizzas do Amaquia nunca deixo de levar unha aparte do meu bocata vexetal, as empanadillas non teñen desperdicio e en xeral ou ben todos estabamos famentos de máis ou realmente hai que darlle os dez puntos ao noso lugar de aprovisionamento para o camiño. Así, cun sol que quentaba e coa saía dun arco da vella case perfecto estabamos a xantar. Ata que unhas pingas de auga empezaron a caer en solitario, e diso a caer ben agrupadiñas. Tocaba erguerse e saír pitando!!. Qué frío repentino!!. Empezamos a camiñar cando miramos para atrás e vimos que o resto das tropas quedaban parados, de repente sepáranse e tres van por un lado, dous por outro e o resto ficaba no medio do camiño sen moverse. Qué pasa??......, Miguel había deixado atrás os seus bastóns!!. Creo que a miña resistencia xunto coa falta de sono me pasaron factura neses momentos, tiña o frío instalado no corpo e non había maneira de entrar en calor aí parada no medio de ningures. Pareceume interminable o tempo que tardaron en volver Vicki e Anxo cos bastóns na man, os habían atopado.
Continuamos baixo a chuvia, o meu feble paraugas non protexía, a verdade, así que cerreino non sen antes quedar esnaquizado polo vento, un máis!!, agora si que xa non me quedan ningún. Collemos un desvío que nos levaría ata unha zona na que había uns petroglifos impresionantes nun espazo de rochas planas que invitaban a parada e descanso, por enriba saíu de novo o sol e foi marabilloso tombarse e pecha-los ollos un ratiño mentres escoitaba as conversas dos amigos de fondo. Para eses momentos eu xa non pensaba, soñaba!!, cunha manta e cun colacao quente. Aínda nos quedaba facer un regreso descendente que acabou converténdose tamén en paso obrigado entre os amigos os toxos, para chegar abaixo e atoparnos con que había unha altura dun piso e que non había opción a salto, e aí, a nada, ao lado e tan lonxe, a estrada. Bueno!!, son as cousas dos camiños, ía anoitecendo e había que tomar decisións, ou volver atrás ou seguir e ver a onde nos levaba a decisión. Por sorte nos levou a un camiño de baixada, o Sr.Botas estivo fino hoxe entre os toxos, a verdade.
Xa nas inmediacións de Gargamala iamos regresando. O Nachete o o Miguel entre risas de cachondeo íntimas e que non estaban dispostos a compartir, pero non puideron evitar contaxiarnos o bo humor a Alex e a min, e mesmo ao Anxiño, que non os pariu pero coma se o fixese de tan ben que coñece de que pé coxean estes dous. Cari volverá compartir camiños cos Eivadiños non tan pronto, jajajajaja...., sempre que ven tócalle unha aventura imos dicir, atípica. Vicki un tanto do mesmo, di que cando ven sempre pasa " algo ". Emilio levouno moi ben todo, estaba contento e o disfrutou, aínda que disfrutar o disfrutamos todos, coma sempre. Mónica recibiu unha boa ración de picaduras varias e algún que outro susto coas andainas particulares de " golfa " detrás de galiñas e vacas, e os Senhores Botas ao final son os únicos aos que Anxo lles dixo que para a próxima pateada sairían eles tres solos porque os demais nos pasamos o dia protestando por unhas cousas ou por outras, jejejejeje....
Paramos en Casa Antón a tomarnos algo nunha mesa redonda e Alex e máis eu fixemos intercambio de coches para o regreso, eu marchaba con Miguel, Emilio, Cari e Vicki cara a Puxeiros mentres o resto dos Eivadiños ficaban un pouco máis a calor do bar de turno. Outra xornada Eivadiña que remataba e que quedaba no recuncho de experiencias compartidas. É verdade que hoxe estiven " protestona ", pero coma lle dixen a Anxo: déixame queixarme un pouco hoxe, que estou griposa, mimosa, e sen durmir. Non todo van ser fortalezas que as fortalezas tamén se derruban, non si??. A conclusión final é a mesma sempre, paseino moi ben e non cambiaría nada do vivido, nin picaduras de toxos nin fríos sentidos, a calor dos vosos pasos sempre sempre sempre....., compensa. Agradecida.
Salo
Mini ficha técnica de la ruta.
ResponderEliminar¡Queremos la revancha!