E186 Trilho dos Combatentes da Travanca (Paredes de Coura)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 24 de outubro de 2010

Xa estabamos afeitos a unha primaveira perpetua, cando de súpeto presentouse o outono. O ceo cuberto por unha pátina cincenta, que ameazaba con guindarnos, cando menos, unha desas poallas persistentes que parece que non, pero mollan. En ausencia do sol tamén era previsible que as horas de luz minguaran, así que semellou que a proposta dos amigos do Casal de Sistelo, de coller un bocata en Puxeiros e saír sen máis demora para o monte, era a axeitada para esta xornada.


Aínda demoramos un chisco, o que lle custou á nosa capitana abrir unha porta que quedara coas chaves por dentro, co que demostrou que, ademais da súa inclinación a pechar bares, tamén ten outras habilidades agochadas. O resto da tropa, Alex, Xacobe e Miguel, xa nos agardaba en Amaquía, para o café matutino e aprovisionarnos con xeito.


Alí mesmo decidimos o noso rumbo e, coma as previsións meteorolóxicas daban algo de melloría cara o país veciño, pareceunos axeitado o noso destino primixenio: as terras do Coura. Partimos en dous vehículos, os señores Botas no seu carriño e o resto do continxente eivadiño na Vivaracha, que xa comeza a ser habitual nas nosas expedicións.


O trilho elixido, o dos Combatentes de Travanca, tiña unha especial significación, xa que foi aquí onde naceu, aínda que non exista constancia fotográfica ou documental, o xerme desta empresa sen ánimo de lucro na que invertemos os nosos domingos e feirados.


O nome da ruta fai referencia o acontecido o 10 de agosto de 1662, onde os habitantes do Coura, comandados por Antonio Pereira da Cunha, derrotaron ás tropas españolas, durante a guerra da Restauración. Neste concello, coñecido como “celeiro do Minho” pola súa grande producción de cereais, preparábase o abastecemento do exército e dalgunhas prazas da fronteira, polo que resultaba de gran importancia estratéxica.


De importancia vital é tamén para nós este concello miñoto, sementado das nosas pegadas e dos nosos sorrisos, a onde chegamos neste día enfundados en roupas máis ou menos hidrófugas. Porque tampouco aquí o tempo semellaba dar moita tregua, así que a nosa xente deu en estomballarse na porta da freguesía de Cunha e dar boa conta das provisión que cada quen trouxera.


Papamos os bocatas nun chío, encomendámonos a nosa señora das Abróteas, xa que estabamos ó carón da súa ermida, e dende alí comezamos a nosa ruta. Xa dende o principio constatamos que as marcas do sendeiro estaban esvaecidas, agochadas ou, simplemente, desapareceran, e alédome que, aínda que pasaran catro anos dende a derradeira volta, tiña ben fixado o camiño na memoria.


A pesares de que o terreo estaba algo enchoupado, con follasca e ourizos espallados por amplos tramos do camiño, avanzamos a bo paso, aínda que a sección fotográfica, coma sempre, ocupou a retagarda. Tanto é así que Alex e Miguel, que pronto nos colleron vantaxe, trabucáronse un par de veces no rumbo, xa que nos estiveron atentos ós desvíos, e houbo que chamalos a berros.


Yuka consultaba unha e outra vez o seu gps subindo polo Monte da Coroa, e rifaba con Ramón cando este lle insistía en que xa fixeran xuntos a ruta.


Unha néboa envolveunos para dificultar a laboura de atopar as marcas, é quizais estas condicións adversas tamén influíron en que o Xacobe non quixera quitar a súa cámara da funda, salvo en contadas ocasións, e nos privara da súa visión privilexiada. Para máis se lle complicou o choio cando comenzou a poallar e abriu o paraugas, facendo equilibrios subindo cara o Alto da Travanca.


Inzámonos ata o vértice xeodexico que marca os seus setecentos metros de altitude, e como a espesa néboa non nos deixa disfrutar das vistas ó vale do Coura, apresuramos o descenso. A chuvia aumentaba e tiñamos presa en abandonar esta zona inhóspita para refuxiarnos na ampla área forestal que medrou nos tempos do Estado Novo, onde conviven bosques de especies foráneas e autóctonas. Tuias, cedros, carballos, abetos, bidueiros, e unha variedade insólita de árbores que forman unha desas fragas con encanto, máis aínda na estación que agora comezamos.


Preto da casa forestal de Cerdeira eramos catro as cámaras que insistían en retratar o estanque, onde se mesturaba a follasca dos castiñeiros coa frouma dos piñeiros. Penso que ata o Alex tirou algún disparo co seu móbil de última xeración, e todos quedamos enfeitizados coa atmosfera, aínda que ben húmida, que se respiraba no lugar. Descendendo dende o Alto da Cortelha, onde os seguidores de Salazar crearon esta curiosidade botánica, asistimos ó espectáculo que a variedade de fungos e cogomelos que trouxeron as primeiras chuvias, e pouco a pouco recuperamos a fraga mixta dos inicios, ata desembocar no núcleo rural de Penim.


Despois dun pequeno tramo de asfalto chegamos á Capela de Santo Estevâo, onde non nos detemos porque, a pesares de que chove miudiño, non deixa de mollar. Dende a capela continuamos por un camiño que sae ás súas costas, para acadar o barrio de Codeçal, que nos recibiu cunha continuación dos campos de cultivo e de pasto, onde pacían alleas á nosa presenza varias vacas barrosás. Nunha destas leiras dimos en facer recolleita dos numerosos cogomelos que había espallados nela, unhas lepiotas grandes como pratos, sen medo a errar e rematar intoxicados, grazas aos coñecementos micolóxicos de Miguel.


Tras outro pequeno tramo de asfalto, no que asaltamos as ramas dunha maceira, internámonos por estreitas corredoiras en belas e frondosas fragas autóctonas, onde reina, con toda a súa maxestuosidade, o carballo. Aínda que as forzas da nosa pequena partida guerrilleira comezan a fraquear, non deixamos de marabillarnos pola beleza deste tramo, chamado Monte de Assureira, onde atopamos muíños agochados entre a maleza, restos de antigas calzadas de pedra, e levadas por onde aínda corre cantareira a auga. Ata Xacobe tivo que renderse ó feitizo do lugar e expoñer a súa cámara para tentar atrapar a esencia de un outono que aquí estaba no seu máximo esplendor.


Saíndo da fraga chegamos a Roriz, aldea da freguesía de Infesta, fixemos os derradeiros quilómetros polo monte da Assureira, enlazando fermosos sendeiros onde nos é de moita utilidade, como noutros puntos onde xurdiu a dubida ó longo da ruta, a Sra. Botas e o seu neno, levándonos sen erro posible ata as inmediacións da ermida de onde saímos. Aínda antes de chegar as nosas tropas tomaron ó asalto un campo que estaba preto de alí, pragado de lepiotas que nos deron para xustificar unha merendola en casa do Miguel.

Ala fomos, cando xa esmorecía o día, despois de nos mudar de roupa e de calzado. Miguel, Xacobe e máis eu puxémonos a preparar os cogomelos, con xamón e allo, como manda a tradición, e un arrociño con noces para acompañar. Alex recolleu a Begoña, que se sumou á paparota en última instancia, e xuntos puxeron mesa para sete... claro, o señor e a señora Botas tamén estaban invitados, e aínda recalaron en Paredes de Coura para traer uns boliños de pan e natas para a sobremesa.


Foi un deses días bonitos nos que disfrutamos do camiño, da comida e, máis que nada, da compañía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores