E188 Ruta do río Barbantiño (Punxín)



Eivadiños en petit comité polo río Barbantiño.

Día Sol, 14-11-2010

Se quedei abraiada no seu día co roteiro do río Xabriña en Paraños, Covelo, non ía ser menos hoxe co roteiro que fixemos, o do río Barbantiño, en Punxín, provincia de Ourense. Quedou "fichado" no meu corazón, na miña retina, na miña alma e no meu espírito, absolutamente divino, marabilloso e cheo de agasallos de abundancia coa miña promesa de volver, seguir explorando e levar ás tropas Nómadas a percorrer tan singular lugar pletórico de beleza e de exuberancia en cada recuncho da súa xeografía. Dáme a impresión de que hoxe nos amosou unha pequena parte dos tesouros que hai agochados entre o seu bosque e o río.

Coma case cada domingo, tiñamos cita Eivadiña ás 12,15 no Concheiro. Desta vez o plan era xantar nalgún lugar que xa decidiriamos, facer unha pateada sinxela e volver cedo a Vigo pois o noso Eivadiño number one, Anxo, tiña que traballar pola noite. En ningún grupo se sabe exactamente cantos imos ser ata que nos atopamos todos reunidos, en Eivadiños este conto se aplica máis se cabe, tanto podemos ser once coma aconteceu o domingo pasado coma catro como resultou ser este domingo: Anxo, Nacho, Loli, que se estreaba coma membro dos Eivadiños, e máis eu. Añorei moito a Alex e notei ao longo de todo o día a súa ausencia. Sabía que os Senhores Botas non ían acudir porque onte non saíron ao camiño e hoxe lles apetecía facer un roteiro longo e había que erguerse cedo, pero eu xa había quedado con Anxo e despois da miña saída do sábado tiña carreiros percorridos dabondo como para repetir o domingo tamén cun roteiro longo.Así que enfiamos no coche de Nacho rumbo a Melón cara á casa Casal, onde xa xantaramos noutra ocasión e onde teñen o licor café máis rico que probara nos derradeiros tempos. Moito me temía que a miña abstinencia de alcohol que levo a cabo dende hai case un mes ía ser "absolta" por un día pensando nese licor café que ten máis de caramelo que doutra cousa, segura de que acabaría mercando unha botella, como así foi, para boas ocasións.

Xantamos cousas ricas e abundantes que non se puideron vencer, os golosos pediron sobremesas caseiras, e tras tomar cada un o seu café, pagamos raudos e tiramos cara a Punxín, onde empezaba o noso roteiro. A chegada xa prometía, nada máis aparcar xa nos recibían os sons cantaríns dun río de augas abundantes e de caudales cheos de forza, Anxo coñecía o lugar pero non ía por alí dende hai nove anos, pero levounos con pasos seguros cara á fervenza por un camiñiño agarimoso. Apenas chovían unhas pingas de auga, Nacho estaba contento coa decisión, díxonos de camiño que en Ourense non daban chuvias, e parecía que así ía ser a cousa, e iso que saíndo de Vigo e camiño de Ourense caeu unha boa!!, tanta auga caía que ata eu empezaba a preocuparme, non che me apetecía nada hoxe camiñar pasada por auga, e menos desas dimensións; pero efectivamente, era menos que nada a chuvia finiña que ía acompañándonos roteiro adiante.

Qué cores!!, qué bosques!!, qué luz!!. Dixen qué luz??....., QUÉ LUZ!!!, belísima, fermosa, luminosa, limpa. Non teño palabras para a claridade diáfana deste día no que a luz nos agasallaba con visións dunha natureza exultante e exposta en toda a súa fermosura. Era un pracer camiñar a carón do río entre bosque autóctono, castiñeiras, alfombras de follas outonais amortiguando os nosos pasos, o río a nosa esquerda acompañando constantemente, un ceo limpísimo e dun azul especial, de postal. O Anxo andaba extasiado fotografándoo todo, e os catro pareciamos máis guapos, máis altos, máis de todo, jajajaja..... Dende logo Loli non puido ter mellor estrea Eivadiña.

O entorno estaba coidado, os arranxos que fixeron para manter o roteiro era respectuoso co ambiente, e eu me ía emocionando en cada paso pensando en volver para seguir explorando un roteiro que ofrecía un montón de posibilidades e que non poderiamos seguir investigando nesta xornada debido aos días curtos que caracterizan a esta época do ano. Chegados ás inmediacións da fervenza, muíños restaurados casando perfectos co entorno, ata un viaducto enorme e impresionante tiña o seu lugar alí, cunha presencia incrible e a ton co ambiente, nada de máis nin nada de menos.

Seguimos río arriba tendo moi enconta que do outro lado do río tamén había opción a pasar, se apreciaba camiño despexado e eu xa estaba pensando nun roteiro circular ou en todo caso en forma de oito, non esquecía que preto de onde aparcamos había un camiño prometedor que hoxe non poderiamos investigar. Ai!!, qué bonito todo.

Pasamos por un túnel con eco e deixamos saír as nosas voces ben altas e fortes para que o lugar quedara prendado destes catro andaríns que sabían apreciar este entorno dador e que así agradecían o recibido, manifestando ledicias en forma de cantares aos catro ventos. E seguimos un pouco máis pero pensando en que había que dar volta, xa ían polas cinco da tarde e nos quedaba regresar cun foguete nos cus.

Loli non resistiu querer atravesa-lo río por un tronco e Anxo a fixo rir perdendo a súa concentración e acabando cos pés na auga, toma fresquiño!!, dixo que non estaba tan fría, e era certo, estes días as augas do río veñen fortes pero non veñen frías, todo o contrario, parece que chaman aínda nesta época a mergullarse nelas. Despois do intento de cruzar errado demos volta tentando atopar outra maneira máis doada de pasar ao outro lado dando con el deseguida, por unha ponte antiga marabillosa e acolledora, invitadora a pasar por alí.

Precioso o outro lado tamén, con un montón de posibilidades que non podiamos investigar máis pero con mágoa ao mesmo tempo de non poder facelo nese momento tan atraentes eran os camiñiños que por alí había. Aínda así baixamos por un que nos levou á vía do tren, quedamos o tempo xusto para que Anxo inmortalizara o lugar e seguir. Bonito regreso, todo bonito, miraras para onde miraras todo agasallaba con esta luz máxica e especial, todo coidadiño con esmero, pasos amplos e confundidos coa natureza, o lugar invitaba a cantar, a asubiar, a rir e a chanzas, a sacar o mellor de un camiño adiante

Xornada Eivadiña completiña, si señor. Domingo ben aproveitado. Momentos de chuvia fina, de sol, de augas cantareiras, de silencios expresivos, de voces alegres e de repousos que nutren.

Regreso a Vigo escoitando música dentro do coche e chuvia abundante fora, coma se o día estivese esperando a que estivésemos a resgardo para empezar a manar auga a mansalva. O día agasallounos cun maná de natura en estado de graza e cunha explosión de cores que non eran terreais senón divinas, absolutamente divinas.

Qué podo dicir máis que agradecida??.

Ata a próxima compañeir@s, amiguiñ@s.

Salo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores