E194 Camino natural do Baixo Barbantiño (Punxín)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Sol, 30-01-011.

Barbantiño, agasallos de augas espidas de prepotencia

Caramba carambita!!, quen me ía dicir a min cando me erguía esta mañá sen moito talante camiñante os agasallos múltiples que acabaría recollendo?, unha vez máis os misterios e as sorpresas da vidiña actuarían para que esta camiñante recibira unha boa dose de diversas emocións, desas que asentan e apousentan e que pasan aos arquivos de vivenzas gratas no camiño.

Coma case cada domingo quedamos ás 12,15 no Concheiro para compartir unha xornada tipicamente Eivadiña. Cando cheguei Anxo xa esta alí con Xaime, había moito que non viña e alegreime de darlle unha aperta e de que se dera a oportunidade de compartir pasos e camiño sen ter aínda nin idea de a onde iriamos desta vez. Mentres fun ao coche a recoller a miña mochila chegaba tamén Isa, carai!, hoxe estaba sendo un día de sorpresas pois había moito que non a vía, alegreime tamén de que decidira acudir para patear camiños e para pornos ao día nas nosas cousas. Chegada de Dalia, outra que tamén había tempo que non se pasaba polo Concheiro. Como faltaban Alex e Panete nos dividimos en dous coches, eu fun con Dalia nun traxecto que se fixo curto dada a calidade das nosas conversas, e os demais na mega furgoneta de Miguel. Os Senhores Botas e Montse nos esperaban na Casa Casal, en Quins, lugar que xa se está convertendo en costume máis que en excepción, onde teñen un cocido riquísimo e o seu incomparable e insuperable licor café.

Así que dez eran dez e dez foron os que se xuntaron ao redor dunha mesa para xantar. Eu tiña un día excesivo así que din conta dese cocido con ganas e fame, sen privarme de nada, e mesmo me permitín tomarme dous cafés cos seus chupitos de licor café acompañando, amén da botelliña que merco cada vez que paso por alí. Nese momento me importaba ben pouco que a pateada me pasara factura por te-lo bandullo cheo, adiqueime a disfrutar do xantar como había tempo que non facía, e xa vería qué facía cando chegara a quenda de camiñar!. Os dez pareciamos unha family ben avenida, con ese bo rollito que soemos ter, o Anxiño e máis eu estabamos cada un nunha esquina e de cando en vez se metía comigo e eu con el, hoxe o seu humor era excelente, a pesar de que foi de concerto chulo a noite anterior portáronse ben e non se deitaron a horas moi escandalosas e iso se lle notaba no ánimo.

Tras pratos doces e cafés erguemos os cus dos asentos, aí foi cando me enterei que voltabamos ao Barbantiño. Ahh!!, qué alegría!!, nunca me canso dese río e das súas ofertas sempre xenerosas, alegroume moito, a estas alturas podería dicir que xa somos vellos coñecidos e sabía que con bandullo enchido ou baleiro ía pasalo de fábula. Así que cara alí enfiamos desexosos de poñer aos corpiños en movemento.

Eu hoxe sentíame algo cansa e sen moitos ánimos exaltados, diso xa habían tido unha boa dose o domingo anterior, así que as miñas enerxías eran repousadas e tranquilas, pero non quería deixar pasar a oportunidade de saber da xentiña á que había tempo que non vía así que as propias ganas se foron instalando e sacáronme dese letargo entre desexoso de estar comigo mesma xunto coa comilona copiosa que estaba a facer a dixestión, para acoplarme a un intercambio de conversas nas que as aperturas se deixan sentir por dentro e por fora, acompañados deste río fabuloso e dador constantemente ao noso carón.
A pateada era amable, este era un día no que todos estabamos con todos a pesares de que cada quen andaba ao seu aire, o pelotón de dez bastante espallado, pero a un tempo facendo tamén intercambios de persoas, agora con uns, agora con outros, agora un consigo mesmo... Moitos fotógrafos hoxe!!, o día e a luz dese lugar tan especial provocábaos a disparar unha e mil veces tentando recoller as distintas emocións que lles rulaban por dentro.

Pero o que me gustou especialmente e o que máis agradecín neste día foron as dúas carantoñas que o meu amigo me fixo na cabeciña, e as fotografías que a Senhora Botas nos fixo mentres nos dabamos unha aperta na que a apousentei no peito que me acollía. Foi un momento moi especial no que a amizade se torna en algo chamado confianza e orgullo de poder abandonarse ao afecto sen pórlle palabras senón unha enchenta de sentimento. Qué sorte temos!.

Encantoume todo o que me contaba Isa de si mesma, e aínda que todos temos problemas no noso día a día, os de Isa non minguaban un talante de autoestima elevada e de bo momento persoal, tiña tódolos síntomas: ollos vivarachos e alegres, sorriso doado de deixar saír, contentura, gústame ver aos amigos así. A Xaime se lle vía disfrutar dende o primeiro momento do camiño, sei recoñecer a un camiñante e Xaime adora a Natura e sabe recoller as súas bondades. Hoxe estiven pouquiño co meu Alex, sentámonos xuntos no xantar e algo falamos, pero nese momento non parecía esperto de todo, jaja!, así que adicámonos a falar sen moitas seriedades. Cos Senhores Botas apenas algún comentario no camiño, definitivamente hoxe os habituais andabamos a nutrirnos noutras polas, os amiguiños máis queridos saben aproveitarse das oportunidades e os intercambios que se posibilitaban hoxe e foron ben aproveitados por todos. Con Montsiña un tanto do mesmo, afecto exposto e indudable pero como que hoxe cada un repartía as súas enerxías con conversas económicas, e económicas quere dicir non compartir nin de máis nin de menos. Encántame!!.

Por certo........, quen ou quenes foron os que paparon o chocolate???, porque ninguén dixo nada, claro!!, galdrumeiros!!.

Non quixera repetirme hoxe, é o que teñen as crónicas, é o que ten patear pola natureza. Se fosemos xogadores de bolos falaría con outra xerga pero vai ser que cada afección ten un léxico identificativo e acaban saíndo moitas emocións semellantes aínda que eu penso que nunca iguais. Así que é inevitable que volva a eses magníficos muíños, a maioría restaurados, impoñentes, todos moi grandes, seguramente colectivos. Esa fraga viva, exultante, verde, presenza de ocres dispostos nun manto cubrindo á terra. Das augas habería que escribir un capítulo propio de tan intensas, potentes, calmadas, serenas, activas, a borbotóns, en fervenzas, acompañantes, presentes, semellando frías e prometendo cálidas. En fin!!, sería moi impúdico dicir que é un orgasmo para a vista e os sentidos o que oferta o Barbantiño??, tenno todo!!, é un río completo, orgulloso, que se mostra, que se da, e o que lle da a quen pasa polos seus dominios produce tanta ledicia e paz interior que un se abre e admira ao Barbantiño, e así é como nunca perde a súa beleza viva. É un auténtico luxo pisa-las súas terras.

Púxenme romántica, é o que ten andar coa sensibilidade deixándose ser vulnerable, é pola confianza que teño con quen camiño, pero tranquiliños que xa se me pasou, ja!!. En fin!!, que foixe un paseiño a mar de completo. Anxo e máis eu estivemos a falar disto hoxe, o meu aprecio pola fórmula Eivadiña gaña en afecto e adherencias, teño a este modo de comunicación en moi grande estima, tremo cada vez que Anxo fala de que está canso aínda que aprendín a recoñecer cando o dí e qué outras variables están intervindo, unha moi importante é a cantidade de horas que durmiu antes dunha saída. Sempre admirei que Anxo, Alex, Panete, Xaime e algún outro e outra tiveran a capacidade para erguerse cada domingo dada a afección e aprecio que lle teñen á noite, o mundo nocturno, eu estou segura de que non podería con tanto

Tamén vexo como se converten en camiñantes en cada roteiro, o que lles aporta, o que disfrutan, iso é o que nos une a tódolos Eivadiños. E a partir diso nos unen un montón de cousas máis. É o grupo onde sen dúbida algunha hai máis confianza de todos cantos coñezo, e iso para min é impagable, moi moi valorable e o que converte a unha unidade coma é un grupo en subunidades íntegras que se chaman unhas ás outras amigo.

Tal vez un chisco curtiña esta crónica, pero creo que o deixo aquí. As veces un texto de poucas palabras é mellor, será que non necesita de tantas xa que se dixo todo o que se quería dicir. Ata vernos, amiguiños.

Salo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores