E269 Sendeiro de San Xusto (Cotobade)


Sol, 18 de novembro de 2012

Abofé que era un grupo ben curioso o que se xuntou neste día en Puxeiros, aínda que coa idéntica intención á que nos animara, fai algo máis de seis anos, a Xurxo, Nacho, e a este cronista, a internarnos nas ribeiras do Lérez, cun recorrido tamén semellante, tentando seguir, máis ou menos, o Sendeiro de San Xusto, e que dera inicio, aínda sen sabelo, a este xeito diferente, aínda que non tanto, de espallar pegadas polo mundo adiante.

O que chegou de primeiro foi o Alex, o noso Cachorro, entusiasta da fórmula Eivadiña dende que a probou nas terras do Vez, e ademais viña acompañado dunha rapaza que me fora presentada na véspera, nun deses maratóns metaleiros ós que somos afeitos, de nome Lorena, que semellaba decidida a probar sorte con nós, fora esta boa ou menos boa. O Miguel, outro dos (in)condicionais apareceu un chisco despois, cando estabamos a piques de remata-lo café, tamén acompañado do Xosé, que facía un par de anos que non nos acompañaba nas nosas andainas.

Ninguén tiña plan alternativo, así que, despois de remata-los cafés e de aprovisionarse, partimos cara as Terras de Pontevedra onde, seguindo a bacía fluvial do Lérez, a montante, dimos en chegar á parroquia de San Xurxo de Sacos,  no concello de Cotobade, onde se atopaba o noso punto de partida, nese lugar de feitizos e loitas que é a Carballeira de San Xusto.

“O conflito pola carballeira de San Xusto remontase ó 6 de xuño de 1990. Ese día efectuouse, por parte do párroco Manuel Lorenzo,  en Ponte Caldelas o rexistro deste espazo e do monte Lixó a nome da igrexa. 

Curas de trapo aforcados nas marxes da estrada nacional, concentracións ante a capela de San Xusto, suspensión de actos relixiosos, magostos reivindicativos, manifestacións e un feixe de actos de protestas marcaron anos de enfrontamento, ata que en 1997 a Audiencia Provincial ratificou a resolución ditada polo xulgado que daba a razón ós veciños, ditaminando a propiedade comunal da carballeira e do monte.”

(Cristina Barral, A voz de Galicia)

Celébrase aquí, nesta entorno incomparable, o Encontro de Comunidades de Montes da Galiza, a finais de xullo, e a principios de agosto as festas en honra ó patrón, San Xusto, aínda que a capela tamén está  dedicada a San Pastor, pois di o libro dos rezos que estes dous santiños atoparon xuntos o martirio. Na entrada da pequena hermida están ben claras (aínda que hai que tomarse un tempiño para descifralas, as instrucións para lograr o beneplácito dos ceos):

FELIZ RECORDACION A TODS LOS FIELS DEVOTS QU QUIERAN APROVECHARS D LS GRANDS PRIVILEGS Q ESIN COCEDS A EST SANTURO P E PONTIFIZ CLEMTE OBSP E AÑO DE 1712 TIENEN INDULGA PLENARA IRMISION DE TODS SUS PECADS CONFESANDO I COMULGANDO EL DIA 6 AGOST EN LA ULTIMA DOMINIC DL MISM MS LS DIAS D LA ASUMC D NRA SEÑA E DIA 8 DE SEPTIEMBRE I MS DS DL AÑO SEGN LA BULA Q ESTA EN EST SANTURO TAMBN TIENE E PRIVILEGIO PAR PONR E SEÑR MANIFSTO E DIA 6 AGOST TODS LS AÑOS

Quizais no momento os meus amigos non repararon en tal, pois a meirande parte estaba xa tentando atrapar ás primeiras imaxes, cadaquén co seu trebello, que os había de tipos moi diversos, aínda que Lorena era a que levaba o equipo máis profesional (e ben que se nota nas súas fotos). Así tiven que mandarlle un berro de atención, para que non demoraramos a partida, pois era moito o camiño por diante para tan poucas horas de luz, e xa habería motivos sobrados para disparar os nosos dispositivos dixitais.

Non había xeito de coller ritmo, pois ó chegar ás beiras do Lérez tivemos outra parada obrigada, no antigo balneario, onde aínda manan, a unha temperatura duns vinte graos,  as augas sulfurosas de benéficos efectos para a pel e o estómago. Pasamos polas ruínas do establecemento termal, inaugurado no ano 1915, e que nos seus tempos deulle un bo pulo á economía da parroquia, despois de atrapar un feixe de reflexos coloridos nas augas.

Tiven un momento de guía chipiritiflautico, camiñando para arriba e para abaixo e outra vez para arriba, olfacteando o rastro coma un can de palleiro, e cando din con el xa estaba o Miguel, coma sempre, marcando o “ritmo Eivadiño”, erguendo un balbordo de pegadas entre ourizos, follasca e brión.

As xentes que me acompañaban no meu devagar polos camiños, bos e xenerosos, desculparon as miñas torpezas na dirección do grupo, máis que nada porque non era eu o que ía na vangarda, pois as máis das veces quedaba afastado, para facerlle competencia a Lorena nos intentos de atrapar as imaxes máis características do outono.

Atravesamos soutos e fragas, regatos e lameiros, corredoiras e camiños carreteiros, gozando da palabra e do silencio, ben atentos a onde puñamos o pé, pois o chan estaba ben húmido, e as pedras estaban ben esvaradías, ás veces agochadas entre a follasca. Tamén aquí a máis nova dos Eivadiños tiña protagonismo, pois non viña co calzado axeitado, e tivo que aturar máis dunha chanza do Alex, que moito lle chamaban a atención os tenis de Lorena.

Esta tropa leva a rebeldía nos seus peitos, e ó chegar á Ponte Nova, construída no século dezaoito, xa se rumoreaba a insurrección, e todos pedían, ata o Xosé que era o máis calado, o seu bocadillo. E non lles din tregua, non fose ser o demo, e leveinos a trote cochinero pola outra ribeira, cara Fentáns, ca escusa de comer ó sol, pois xa a carón do río estaba sombrío.

Resultou ser a mellor decisión que tomei no día, tal vez a única acertada, xa que en canto chegamos ó pobo nos adoptaron dous simpáticos nativos, señora Ofelia e señor Raúl, que nos ofreceron un auga riquísima, que a señora Ofelia foi coller á fonte e serviu en xerra de cristal con cadanseu vaso, e unha boa charla sobre as súas vidas e costumes.

Sentámonos a xantar fronte a súa casa, uns no chan e outros, Miguel e Lorena, nunhas cadeiras que quitou a señora Ofelia da casa, e cando non remataramos aínda cos nosos víveres, apareceu cunha fonte chea de anacos de empanada de mazá, ben rica por certo, e por si fora pouco outra fonte chea de peras ó forno das que dimos boa conta. Prestounos a conversa, o sol, a empanada e as peras, o momento todo, tanto que nos demoramos de máis, e cando me decatei tiven que quitar outra vez o látego para subir á tropa costa arriba, cara o monte, onde se atopan os xacementos de petróglifos.

Subimos ó Outeiro do Lombo da Costa, e pese ó mal que estaban sinalizados, os nosos rastreadores, sobre todo o Miguel, deron coas Laxes das Rodas e do Cuco, onde admiramos os característicos labirintos, cérvidos e figuras antropomórficas. Aínda demoramos un tempo máis que precioso dando voltas para atopar algún vestixio máis dos nosos antergos, máis o tempo era cumprido, e iniciamos o descenso cara o Lérez, polo mesmo camiño por onde subiramos.

Cruzámo-la Ponte Nova cunha certa incerteza, xa que botando unha ollada ó mapa da ruta era fácil decatarse do atrasado que tiñamos o choio. O máis sensato sería volver sobre os nosos pasos cara a Carballeira de San xusto, más somos xente destemida (e un chisco inconsciente) e tomei a decisión de apura-lo paso para completa-la ruta, aínda que tiveramos que facer os derradeiros quilómetros ás apalpadelas.

O Xosé comezou a súa peculiar retransmisión deportiva, mentres nos adentabamos no corazón da fraga, e o alento do sol esmorecía, facendo que diminuirá tamén o noso número de disparos, aínda que Lorena, cunha óptica moito máis luminosa aínda quitou partido da carballeira.

Ó chegar a un regato tamén foi ela protagonista, pois non había outro xeito de cruzalo que chimpar, facendo equilibrios, sobre croios máis que esvaradíos. O Alex mais eu, ó vela acometer o paso co seu calzado de tela, apostamos que mollaría os pes, pero Lorena semellou que voaba por riba da auga e chegou á outra beira seca.

Non sabía ela que uns metros máis adiante, atravesando unhas leiras enchoupadas, remataría igualmente mollada, por mais que salvaramos un pequeno tramo camiñando por un valado.

Saímos, algo aliviados, á estrada de Campolameiro, no lugar de Cutiáns, e ata agradecemos o avance polo asfalto, i eu aínda tiven a sorte de roubar unha  mazá pequerrecha, que resistía en solitario pendurada dunha maceira sen follas, o avance do outono.

Unha nova incursión na fraga tróuxonos máis lameiros, regatos e congostras invadidas por un fento húmido, pero non había queixa, e se as houbo eu non quixen escoitalas.

O sol semellaba ter presa por agocharse, e botounos unha carreira que, a esas alturas do campionato, xa tiñamos perdida. 

Así chegamos ó lugar de Fontán, onde nos recibiu o seu particular e fermoso Muíño do Cubo, e onde temos algunha liorta polo liderádego, xa que o Miguel confía máis no “jipiese” que na miña memoria, e o resto decide secundalo, aínda que ó final recúen.

Pasamos fronte a igrexa románica de Santa María, xa no crepúsculo, e algo máis adiante o Pazo de Bermúdez de Castro, e nas portas da súa torre, unha rapaciña, desas que acostumo a enredar con carantoñas. Leva un bo susto pensando que lle  vou roubar  a merenda.

Quizais contribúe a elo que xa van caendo as tebras, e decátome de que o prato final, a Laxe de Rodas, cos seus labirintos, cervos e figuras antropomórficas, han de quedar por visitar, pois apenas miramos onde poñémo-los pes cando pasamos por alí.

No derradeiro tramo de xornada, dende a igrexa ata preto da carballeira, acompañounos un can, que tivo tempo de troulear cunha cadela, ladrarlle a outros conxéneres máis grandes e feros (aínda que atados), e facer que tropezaramos máis dunha vez, e lembreime do meu amigo Luís Chapela cando berraba: ¡Quero ser un can de palleiro! Coma si isto fora a liberdade máis absoluta.

Estiramos ó carón da capela, iluminada tetricamente por unhas velas, e alí quitamos as últimas fotos. Pode que non fose exactamente así, ou que quedara algo no tinteiro, máis xa sabedes que podedes facer algún comentario aquí abaixo, ou, mellor aínda: escribir a próxima crónica.

O Cachorro máis eu aínda lle puxemos un broche de chocolate á xornada, para celebrar o seu regreso ós camiños. Son moitos os que están agardando polas nosas pegadas.

1 comentario:

  1. Tan boa a ruta como a túa crónica, inda me rin un anaco. Grazas Anxo por levarnos a estes sitios tan máxicos e poder rememoralos.

    ResponderEliminar

Seguidores