E271 Trilho Corno do Bico (Paredes de Coura)






Sol, 2 de decembro de 2012

Frío e sono. A pesares de que na véspera non me deitara tarde, un caldiño francés (e algunhas verbas e silencios desafortunados), fixera por amolarme a dixestión dos soños, trocáraos en pesadelos, e fixérame erguer cunha coroa de espiñas nos miolos.

Aínda non saíra o sol e eu tiña que saltar pola fiestra, con coidado de non quedar xeado polo efecto dos escasos graos sobre cero que había neste curruncho do mundo. A familia, os da miña sangue, ás veces, poucas ben é certo, piden algún sacrificio, e hai que cumprir sen chiar.

Como recompensa teño coche novo, e o celebro escoitando “Primavera” de The Gift para rachar o xeo da mañá, algo deso consigo, e unha aperta das que funden a cefalea máis persistente e axudan ó sol a incrementar a temperatura.

Con todo recollo ó Cachorro á hora programada e troco de banda sonora, e sen saír de Portugal, troco a Sonia por Fernando, co último traballo dos seus Moonspell, “AlphaNoir”, que ben sei aledaba a mañá ó meu compañeiro do metal.

Xa estábamos a piques de coller a autoestrada cando chamou Panette, que si que tivera troula na noite, ataviado coma un rapaz de “Quadrophenia”, e non tiña clara a convocatoria, e fíxenos agardar un chisquiño por el e chegar media hora tarde á cita que tiñamos na Amaquía, co noso Xacobe.

Ás portas da cafetería de Puxeiros estaba o Industrial, acompañado polo Dúo Mecanizado: Tucho e Ramón, que xa tiñan presa por saír a coleccionar congostras e carreiros (e quizais algún cumio). 

Comezou aquí unha negociación amistosa sobre a dirección, o señor B otas tentounos convencer de marchar cara a Serra Amarela, máis a min semelloume lonxe de máis para as poucas horas de luz que tiñamos, e ademais non sabía se o meu pé, aínda ca fascia dando a lata, aturaría unha ruta “de montaña”.

Así que se falou e ninguén, agás Tucho, outro home de ferro, sentiuse con forzas para secundar ó señor Botas, así que despedimos con apertas e bos desexos, e mentres eles collían esa dirección, nos collemos a da terra onde nacemos coma colectivo: Paredes de Coura.

Acompañáronos  as melodías Moonspel, e tras eles as de DiabloSwingOrchestra, que foron a nosa banda sonora sobre a que discutimos, máis ou menos, sobre a ruta, do feixe que tiñamos documentadas, que escoller para pasar a xornada.

Tanto tiña, porque, isto quizais nos pasa só ós Eivadiños, decantámonos polo Trilho da Boullosa, aínda que rematamos por deixar o coche en Tumio, freguesía de Bico,  para facer o Trilho de Corno de Bico, un dos nosos clásicos.

De vagar partimos cara a fraga, deixando as derradeiras casas atrás, camiñando por corredoiras entre un mosaico de prados, onde pacían un feixe de ovellas coma a que nos estivera mirando con curiosidade (ou con luxuria) a Alex e máis a min, cando deixámo-lo medo nun valado.

Unha frondosa franxa de aciveira fíxonos lembrar as características tan especiais deste lugar, onde poidamos atopar unha variedade arboristica pouco habitual no outro lado da fronteira.

Pese a que non era novidade para ningún este lugar, non podíamos deixar de admirar o inicio da ruta, que a poucos no levou a un dos poucos atractivos arquitectónicos da mesma: a igrexa de Giesteira, construída en 1774.A meteoroloxía semellaba sorrirnos, e comezaron os primeiros disparos (de fogueo).

Paseniñamente damos as costas ó núcleo rural de Giesteira, pertencente á freguesía de Vascôes, e internámonos na espesa fraga de Corno de Bico, onde nos anos corenta, durante a ditadura de Salazar, os servizos forestais do Estado Novo desencadearon un proceso de revalorización forestal nun espazo que, por unha excesiva actividade pastoril, ficaba erma hasta entón.

Por congostras sementadas de follasca, ourizos e cogomelos, que o Miguel vai botando na cesta con entusiasmo, entramos nunha fraga que semella enfeitizada, cos carballos cubertos de brión e os castiñeiros tinguidos de amarelo. 
Sumamos entre os catro un feixe de lembranzas neste carvalhal, como en aquela multitudinaria saída na que nos acompañaron Xurxo e Pietro, Nuria e Habibi, e un bo feixe de Eivadiños, con cadansúa eiva, iso si.

O sendeiro da fraga desemboca nunha pista forestal, onde hai unha bifurcación cara o Alto doEspinheiro, que rexeitamos, e seguimos cara o miradoiro de Corno do Bico, nunha conversa desas que teñen os homes cando non hai mulleres diante.

Aínda rimos un chisco, agardando polo Xacobe cada dous por tres, que ven gañado ten o alcume de “Tripodeman”, e desviámonos un pouco para xantar a carón da Casa Forestal, ata onde chega, aínda que amortecido, o alento do Lourenzo.

O certo é que botamos en falta algo quente, e lembrámonos das lentellas que trouxera en certa ocasión a Fany, da que non temos moitas noticias dende que marchou ó seu exilio africano.

Para que non nos collera o frío demoramos o tempo indispensable para dar conta dos bocadillos, e volvemos encarar a pista forestal, sempre en ascenso, co Alex e o Xaco enfrascados en debates informáticos, Miguel seguindo os rastros dos cogomelos, i eu enfrascado nas miñas saudades.

Conforme gañamos altura adquirimos fermosas panorámicas do Val do Coura, ós nosos pés os núcleos rurais de Vilares, Vencemal, Seara… un espazo humano que dende tempos remotos empregou esta fraga como lugar de culto, de defensa, de liña fronteiriza, de pasto ou de refuxio.

No derradeiro tramo de ascenso outra carballeira enfeitizada, onde aínda demorámo-lo noso, con cámaras réflex, compactas, androides e iphones, pois a variedade de trebellos para atrapar imaxes é ben variada no grupo.

Dende o miradoiro situado no Alto do Corno do Bico, case novecentos metros por riba do mar, adquirimos novas perspectivas non so do Val do Coura, senón tamén dos vales do Vez e do Lima, da Serra d’Arga e mesmo das montañas máis aló da fronteira.

Coma se fosemos montañeiros de “primeira división” facemos foto de cumio, e só nos resta a bandeira para semellalo, e despois mudamos de escenario e continuámo-la sesión fotográfica na torre de vixiancia forestal, pois sóbranos tempo ou iso pensabamos, para o descenso.

A pesares de que teño claro por onde é o camiño correcto, desboto o fácil e levo ós meus compañeiros ó interior da fraga, nun descenso algo accidentado, tanto é así que o Miguel esvara e cae en riba da bolsa de fungos que apañou durante todo o camiño.

Pero semella un sinal, pois uns metros máis adiante atopa un feixe de linguas de gato, e crecendo en semicírculo un mundo delas máis, e máis semicírculos, tantas son que os catro nos dedicamos á recolleita ata encher unha bolas , e despois outra  e outra mais.

A piques estivemos de que nos dera a noite na fraga, pois non acreditabamos tal colleita coma esta. Menos mal que algo se impuxo a cordura, e volvemos coller o camiño que enlazaba ca pista forestal que nos leva ó Alto do Espinheiro,  por onde comeza-lo descenso.

Aínda demoramos algo máis, pois o Panette deixou os seus bastóns atrás, co entusiasmo da colleita, e agardamos por el admirando as serras do Paradanta e da Peneda, esta última cuberta coas primeiras neves, que xa anuncian o inverno, e na aba do monte que atravesamos, a aldea de Travassos, coas casiñas pequechas,  como un oasis de humanidade entre os grandes espazos naturais.

O sol manifestaba a intención de nos abandonar, e tomei outra decisión arriscada, a de internarme outra vez na fraga, xusto no punto onde era ben visible a marca de dirección errada, para trocar a pista forestal pola que descendiamos pola de ascenso, para atallar e coller o derradeiro ramal que nos levaría a Tumio.

A sorte sorriume, e resultou ser un tramo ben fermoso, cunha fraga onde se alternaban os carballos, os abetos e un feixe de especies máis, con regatos e, como non, cunha zona onde abundaban as linguas de gato, que remataron de completa-las nosas bolsas e que fixeron mai lento aínda máis o noso retorno.

A pesares de este feliz atranco non tardamos en desembocar na pista, xusto no desvío de Bico, e algo máis abaixo collemos o de Tumio. Polo camiño cruzámonos cunha parella que mirou de esguello para as nosas bolsas, non sei si considerando un espolio do seu ou unha tolemia nosa. Ser como fora ó chegar ó coche quitamos unha foto co noso botín, ben gardado nunha caixa, e puxemos rumbo á metrópole co ánimo de dar boa conta del, coas melodías do derradeiro disco de Katatonia como banda sonora.

Fixémo-lo en Casa Padín, onde os colleiteiros foron cociñeiros, e onde tamén se sumou a Criatura e a miña familia, que tamén tivera xornada micolóxica e sumaba rovellóns e cantarelus á paparota.

1 comentario:

  1. POR ALJO ESTE RAPÁS JANOU ALJUN PREMIO. FOTACAS!!! APERTAS EIVADINHAS

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores