E281 Trilho interpretativo de Lamas de Mouro (Monçao)




Lúa, 11 de febreiro de 2013

Non era domingo. Nin sequera era sábado. Era un día de semana do mes do entroido e como tal día, había que traballar. O único que recordo e que ía frío, moito frío e a unha da tarde na oficina, ocorréuseme que quizais estivera a nevar na Peneda. Erguinme da cadeira do meu despacho, collín o teléfono e chamei o comandante, xa que él estaba de semana de vacacións e igual lle apetecería facer unha escapada a Lamas de Mouro a pisar a neve. E así foi como se organizou esta pateada eivadinha impulsiva de luns de entroido. Saín as 14:30 de Pontevedra e dinlle zapatilla o meu carro para chegar a miña casa o antes posible, recoller ó comandante e dirixirnos de novo cara o veciño e querido Portugal. 

Como xa sabedes, as presas non son boas e si a isto lle engadimos o desgaste do debuxo das rodas traseiras do meu carro e a humidade e chán esvaraizo polo xeo na calzada, podería ter algún susto na estrada. E así foi, xa que na rotonda do intercambiador do Morrazo o meu carro cansouse de ser controlado e andibo ceibe durante uns segundos, coma si de unha peonza se tratara. Aínda así, tiven sorte e tamén, todo hai que dicilo, control e contravoante do piloto, que para algo sirve ter unha Vespa e facer equilibrios. Quedei mirando para o lado contrario do sentido da circulación e saudei e disculpeime amablemente ós vehículos que circulaban correctamente.

Unha vez iniciada a marcha, tras unhas manobras, tomei dirección a Vigo e din grazas á providencia por poder contalo. Na miña casa xa estaba a espera o comandante, ataviado con roupas idóneas para non pasar frío e coa ledicia dun neno que fora a ollar por primeira vez a neve. Collín apresuradamente algo de abrigo e aínda que se me pasou pola cachola parar en algures para tomar unhas viandas e calmar os gritos do meu bandullo que resoaba a oco, non houbo oportunidade e saímos coma lóstregos cara terras do sur, en busca da neve (que contradición, xa que semella que a neve sempre está ó norte).

Dende as proximidades de Monçao puidemos ollar o branco dos cumios das estribacións da Peneda e os nosos rostros mudaron  o seu estress semanal, cara un relax e pracer vindeiros.

Ascendendo cara Lamas de Mouros o branco da neve ia cubrindo a estrada e os montes. Ollaras cara onde ollaras, o branco cubríao todo. A miña condución requiría mais concentración e os pensamentos se me ían cara as rodas sen debuxo do meu carro, e se sería capaz de rematar a faena ou tería que deixar o  auto aparcado na cuneta.

Chegamos moi de vagar ó noso destino, cruzándonos cos vehículos petaos de neve que baixaban dos cumios da Peneda. Fronte o bar que está na entrada de Lamas de Mouro aparcamos e nos cambiamos de roupa para poder facer fronte ó frío e a nevada que estaba a caer.

Decidimos facer unha pequena ruta circular, xa que eran as catro da tarde e as horas de luz en febreiro non son moi abundantes. Avanzamos pola estrada cuberta de neve en busca da ramificación que nos levara ata o centro de interpretación do parque. Tras unhas dúbidas sobre que camiño escoller, acertamos na elección e metémonos de súpeto por un carreiro ateigado de neve que nos chegaba a cubrir as botas. Así como avanzábamos, a paisaxe era cada vez mais espectacular, o ceo estaba plomizo, típico de un día de neve e as montañas camiños e árbores  estaban totalmente brancos. 

Non era doado seguir as marcas dos camiños xa que estes estaban indefinidos  e o monte e carreiros fundíanse nun só. Os obxectivos das nosas cámaras fotográficas comezaron a parpadear sen parar, querendo captar o que as nosas retinas fixarían na memoria. Realmente estaba sendo un pateo espectacular e a busca da neve, por fin, daba os seus froitos. Calquera lado onde mirásemos tiña a súa beleza e o que nun día de sol pasaría desapercibido, hoxe tiña o seu encanto.

As colmeas aliñadas, os toxos e carrascas, as cancelas, as pedras e incluso o regato que por este lugar pasa, tórnanse distintos cubertos de neve.

Nas nosas cabezas achéganse os momentos mais inquedantes da nosa serie televisiva preferida. Parecemos estar na terra dos camiñantes brancos, como si fóramos os corvos negros que a protexen. 
Para atopar o camiño que cruzara o regato, aínda dimos algunha que outra reviravolta enterrándonos na neve. Nesta estabamos, cando en medio do árbores e medio tapado pola neve atopamos un coche abandonado. Exactamente, un coche, que non nos facemos a idea de cómo puido chegar ata alí, xa que no os camiños non son practicables para facer incursións automobilísticas. O aspecto do coche cuberto de neve, dáballe un aspecto tenebroso.

Unha vez que cruzamos o regato e abordamos o derradeiro tramo da pateada, a paisaxe tornouse uniforme debido a gran masa de neve que cubría todo. A neve virxe fíxonos disfrutar dabondo do noso percorrido ata chegar de novo o noso carro. Mentres o comandante aínda facía as súas derradeiras fotos, eu comía no bar un “bolinho” preñao con chourizo que daba un respiro ó meu estómago.

Marchamos de Lamas de Mouro, satisfeitos pola nosa improvisada andaina e aínda o destino sorprendeunos cunha manifestación de ovellas e cabras do lugar, vixiadas e protexidas por un can pastor, que fixeron deter os coches que xa con pouca luz baixabamos do nos periplo pola neve.

Quedamos satisfeitos de achegarnos eiqui. Quedamos, de novo, abraiados coa fermosura desta serra. E gañamos, un ano mais, a batalla a neve que case que se nos escapa.

Eivados, sí, pero satisfeitos. 

Panette, febreiro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores