E288 Sendeiro da Freixa (A Lama)


Estivera alí e non me lembraba. Fai anos, con outros senderistas descubrín esta ruta, unha parte dela, en concreto as fervenzas, e non me lembrei ata que ó final do sendeiro as ollei e trouxéronme moitas lembranzas: A Ruta da Freixa, preto de Pontecaldelas e A Lama, aínda na provincia de Pontevedra.

Ese día Anxo e mais eu acordamos (se cadra un pouco tarde), facer a ruta dos Eivadiños, aínda que non viñera ninguén mais. Fixemos a parada de rigor na Amaquía, con cafés e sándwichs e tiramos cara o pobo de Liñares, de onde partía a ruta. Eu penso que eran as dúas máis ou menos cando comezamos a andar, e xa cruzámonos ó comezo cunha parella xoven de domingueiros que ían de “piquenique” polo medio dos toxos. Aínda rimos pensando onde irían parar.

E pola ponte romana, cruzando o río, puxémonos xa en ruta cara á parte máis alta da montaña, camiñando polas pistas repletiñas de flores de toxo e xesta que tinguían de amarelo toda a ladeira. Fermosa paraxe. Logo dunha longa camiñata polo alto, descendemos até o pobo de Cortegada, onde aínda ía o alcalde a pegar polos farois os carteis de corte de auga e avisos varios, a modo dos tempos de antes.

Alí ollamos algo que nos sorprendeu: un pequeno santuario, preto da fonte do Xeixiño, ben coidadiño e mantido polos feligreses do pobo. Dende alí, e polo medio das casas, o sendeiro levounos ata o río e a central hidroeléctrica, da que nos apartamos para poder comer. Eu sempre digo que neses intres prefiro un sándwich nun lugar así que unha mariscada no mellor dos restaurantes (será tamén que o marisco non me enche moito). Alí, ó carón do río, mollando os pes na fría auga, co soniquete de fondo, sentados nunhas enormes pedras, comemos, tiramos fotos e fixemos unha pausa para retoma-lo sendeiro de novo.

Aínda camiñamos un ratiño por un bosque ata cruzar ó outro lado da ladeira, polo medio dun pobo que se atopaba no val e no que uns cans ameazaron con morder a Anxo por valente. E aí comezamos a subir ó alto ata o salto de auga, camiñando logo por unha levada. As vistas eran ben fermosas, unha vez arriba, e superar os obstáculos que a natureza deixou por mor da chuvia, ata resultaba divertido, aínda que a piques estiven de caer polo monte abaixo. Entre toxos e xestas que fixeron o seu nas pernas chegamos ata as fervenzas, coa súa paradiña de rigor, uns para bañarse, outros para pechar os ollos e envolverse no son da auga. Despois do descanso, no que Anxo fartouse de tirar fotos, continuamos o camiño cara ó noso destino entrando por outro lugar no mesmo pobo que horas antes nos viu saír.

Certamente rematei cansa e a ruta non fora longa, se cadra porque facía xa uns domingos que non ia camiñar. Pero aínda había folgos para facer unha paradiña en Pontecaldelas. Sorprendeunos que o pobo estaba en festas e aproveitamos para parar e beber algo antes de continuar cara á cidade.


Penso que estas xornadas poñen o perfecto punto e final a semana que remata e o punto seguido á que comeza, e sen ganiñas ningunhas de entrar na cidade despois de tanta natureza que regala as súas lindezas ós nosos ollos.

E287 Roteiro de Donón (Cangas do Morrazo)

Sol, 5 de mayo de 2013
Era unha xornada estraña porque non era presumible que saíra a camiñar tendo en conta que tratábase do día que algúns denominaron "do Corte Inglés": para min este, coma moitos outros, era o dia da nai. Pero aínda que moitas veces movéronme motivos suficientes para saír á andaina dominical aínda que chovera ou estivera dun humor de cans, hoxe tiña grandes razóns e de moito peso para comer coa miña queridísima nai. 
A pesares diso, Anxo e Panette agardaron por min amablemente, para que lles alcanzara no percorrido da tarde polo Morrazo... que boa idea tiveron! E non saben o que lles agradecín que me acolleran... rematei a sobremesa cando eles estaban co café, collín o meu coche e “planteime” tan rápido coma puiden no destino: Donón e a Costa da Vela.
O chegar alí, Anxo xa estaba coa súa cámara fotografando un enorme lagarto mentres Panette o observaba coa serenidade que lle caracteriza. Uninme ó grupo e puxemos rumbo ás dunas de Barra. A ruta, en parte, era descoñecida para min, así que estaba curiosa e ansiosa por saber o que me atoparía. 
Entramos na praia dende un conxunto de casas onde Panette pasaba gran parte dos seus veráns e relatábanos, dándonos certa envexa, as súas aventuras nesa etapa da súa vida. Fomos descendendo entre verxeis, oasis, muíños de auga fresca... todo o que ollabamos estaba en plena bulir, pola chuvia deste inverno. A flora estaba esplendorosa, así o dicían tamén os meus compañeiros, daba a sensación de estar en plena sabana, con tigres, leóns e gacela incluídos (representados tamén en cada un de nós). 
Despois de facer unha paradiña no muíño de augas frescas para tirar unhas fotos, fumar un cigarro, refrescarse ou charlar sen máis (Panette ¿en qué quedou ese concurso de facebook do que falamos sobre as preguntas e respostas que posibles interasadas/os poidan responder?), continuamos cara ó claro das dunas e as charcas que aínda estaban no camiño. 
Unha servidora xa dende o comezo mollara as deportivas, pola outra banda pouco apropiadas para unha camiñata... Pero pouco importaba porque ó fin o astro sol bendicíranos coa súa presenza. 
Despois de ver a Anxo trepar a unha árbore, e sobre todo rirnos ó ollar coma tentaba o descenso, chegamos á praia de Barra e camiñamos pola marxe da costa sobre as rocas continuando ó longo... desfrutando das marabillosas vistas desa praia de ensono. 
Dende alí chegamos a unha salina antiga onde aparte de rir, pasei o susto da miña vida... corrín coma o vento para esquivar un, en teoría, posible xabarín morto que logo resultou ser un saco de percebes tan podres coma o cheiro que podería votar o "suposto" animal. Rir, rimos un rato pero o pellizco que lle din a Panette para que me deixara pasar diante aínda debe doerlle hoxe. 
E tras ese camiño chegamos ó noso primeiro cabo e faro: o Cabo Longueiron, dende onde sacamos unhas cantas fotos da "fauna" animalohumán que alí habitaba un domingo desas características... outro bo rato para rirmos ollando a femias con tacóns e mozos sufridores tentando rescatalas das alturas entre a verde pradeira. 
Despois dunhas instantáneas e de ollar o mar con esa tranquilidade que aportan as augas ós que somos de costa, baixamos un ratiño monte abaixo cara á praia de Melide, alí fixen un repaso na miña memoria trasladándome á tempos nos que acampaba coa miña nai e meu pai, ata o meu irmán estaba alí connosco... ¡qué tempos doces e canto me gustaba pasar os días alí, pegadiña á praia! 
Logo de deixar atrás a praia seguimos cara o seguinte cabo e o seu faro tamén, o de Robaleira, e dende alí Anxo xa nos tirara fotos ó Panette e a min mentres prohibía que colleramos as plantas de namorar do monte, o que eu entendo, porque para iso están alí crecendo, pero Panette mais eu collemos cadanseu puñado a escondidas coma raparigos mentres agardamos máis que un intre polo fotografo da expedición.
E os dous tomamos rumbo ó Faro de Cabo Home e alí falamos e calamos, respiramos o ar e agardamos polo Anxo, que andaba polas rocas arriba e abaixo, nunhas curiosas formacións que o mar e o vento fixeron.
Despois todo o camiño da pista deixounos ollar ese horizonte que non se sabe onde remata e que fainos parecer pequeniños nun solpor abraiante.
Rematamos a xornada comendo un bocado e bebendo en Hío, esgotados pero ledos de compartir unha xornada máis verbas, sorrisos, pasos e confesións.

CRONICA DA TARDE, PARA DOUS PAXARIÑOS

O monte dos remedios cando non ai festa, dorme na compaña dos paxaros e fala co vento.

Mentres procuraba o atardecer calmoso ía descubrindo o vivir da xente, na parroquia de quinteiros ateigados de arbores con froita, alimento para os humanos e os paxaros.

Tiran, Tiran, que gardas para ti as lúas cheas que adornan a ardentía no mar, no teu mar farturento e cheo de penedos, berce de vellos mariñeiros.

Estaba en estas cando recordei que hoxe recibín un sobre de parte de Sonia e Anxo, dentro atopei un papeliño escrito moi agarimoso e as fotos que xa son memoria dun sábado no cal nos deixamos engaiolar pola maxia da Mangallona e da creación de Camaño, amigo de loitas e cuncas de viño.

Fotos que nos levan a Érmelo, de cumprida obriga visitar a Esculca antes de sentarnos a mesa, e revivir no padal os sabores da ría e da terra,  tradición que xa ven de vella e non iamos a ser nosoutros quen de non respectar . O que dixen fotos dunha tarde que foi vida, onde repasamos as anécdotas da rapazada nos tempos de caldeiradas, cando os cans eran familia, os gatos coellos e Berducedo un mundo.

Fotos que tamén dan testemuña de outros colegas que por bou e non bou, deixaron o barco, pero ai estabamos nos para darlle a proa o vento.    

No sobre viña un DVD , que estes amigos, perdón , estes Eivadiños dos camiños enlamados e balos centenarios, tiveron a ben de agasallarme “ O SEGREDO DA FROUXEIRA “ . Sabedes coma min que queda moita memoria , moita loita, moita historia por contar . Xa sabedes que os que andamos en algunhas lerias, temos case que todo o tempo habitado. De ai que “ ARRAIANOS “ queda para outra.

Prométovos que vou ver o DVD, que seguro se aprenden cousas, por que sempre se aprende. Agradecido xa o sabedes . Permitirme que vos diga que en certa ocasión estiven no Monte da Frouxeira, onde prenderon a Pardo de Cela, no Valadouro , Lugo. Toquei aqueles restos de historia, saltei polos penedos colosais,empapeime na nosa historia , porque so así a podemos coñecer e entender.

Despois de facer unha ducia de recados saquei o caderno e a caneta e me puxen a escribir estas letras que xa son vida, tamén parte de vos.


Xa fai fresco aquí a beira da praia do Canabal, antes aínda andaban por aquí algúns namorados e catro mariñeiros, hoxe van quedando menos románticos e que dicir dos mariñeiros si as gamelas dormen o soño eterno desde fai algúns anos, xuntas baixo un caseta so escoitan a musica do mar e o cheiro a salitre, quizais iso sexa o que non as deixan podrecer.
Xa me estou abrandando, apertas e bicos, bicos e apertas neste xoves chamado de corpus, segundo os curas . Grazas por todo, por unha tarde de sábado, pola tardiña en Érmelo, polo sobre sorpresa cheo de vida que xa nos habita os tres.

“ Agora so queda que un día me presentedes a unha chavala, ata os cincuenta e chavala , broma “. Apertas de Buxo desde Tiran.


Unha noite escoitei o grito dun neno no fin do mundo
quería unha cometa, feita coas cores do arco da vella,
saín nun barco pirata e sen luz naveguei polo mar escuro
ata a illa onde o neno agardaba, xogamos coa cometa días e noites,
o vento se volvera tolo e nos mais ou menos.          

                                               Luís da Roxa , primavera 2013, Tiran .

Chans de Cachón


Nesta estraña e fértil primavera , o cuco cuqueiro   
cantou un domingo pola maña nas Chans de Cachón ,
onde a vida corre sen presa .

Os ollos quedan abraiados o ver desde o alto o pobo ,
a ría de Vigo, as bateas de mexillón, o barco que
une a nosa vila coa cidade desde fai moitos anos .

A natureza en estado puro , foi ciscando flores brancas
cubrindo as polas das cerdeiras, cores que se mesturan con
as xestas, toxos, carrascos, estripeiros ... son as cores de Cachón .

Vellos camiños feitos polos nosos devanceiros, onde os carros
de bois deixaron a súa pisada que nos levan a través do monte
os concellos do Morrazo .

Estas chans aínda gardan vellas tradicións, ata alí van os veciños
a recoller o toxo, hoxe con maquinas para cortar e tractor para carretar ,
os carros xa dormen un sono profundo na nosa memoria .

Caneando polos nosos montes, aínda atopamos lugares
onde a natureza espárrama todo o que ten no seu interior
e o comparte con nos . Lle debemos respecto, cando menos .





                        Luís Chapela Bermudez , verán 2012 , Tiran 

Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro




Vexo contigo estes ceos,
Vexo estas brancas auroras,
Vexo estes campos froridos
Donde se arrullan as pombas,
I estas montañas xigantes
Que aló cas nubes se tocan,
E o mesmo amor,
Rosalía, lévame, lévanos,
polos pés, defender BELEZA.

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que o Galiñeiro somos nós, os que aquí vivimos, os que por aquí pasan, todos os que alentan, os que xa non son, os que están por vir. Porque non é verdade que se poida xebrar a paisaxe da ollada, o mundo do individuo, porque todos facemos parte dun magma indistinto, dunha lea confusa, dunha fusión caótica e plena. Marcados polo amor, estamos, obrigados a honrar a vida

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que nos cómpre ser razoables, que nos urxe ser, radicalmente, razoables

Contra o capitalismo planeticida

Contra a corrupción e a cobiza

Contra a estupidez humana.

Os que hoxe estamos aquí tomamos a estraña decisión de deixar de calar ante as lentas coiteladas á paisaxe, unidos para berrar NON, para cuestionármonos, coa maior honestidade posible, o modelo de sociedade no que estamos. 

Minas para que? Minas para quen? A quen aproveita? Que escasísimas mans recontarían con usura os beneficios? 

Balsas de veleno, patas de rata sobre a herba seca.

Baixo os nosos pés, baixo a codia verde, tralo manto que ser renova incesante, pemanecen silandeiros os minerais: o feldespato, o cuarzo, a moscovita e o berilo, a turmalina e a pirita, o cacoxeno e o almandino, a riebeckita … Velaquí están debaixo e ao carón de todos nós, embutidos na terra negra, velaquí estan desde hai miles de anos están, antes de que o home fose home.

Esta xeoloxía singular, esta riqueza, é agora obxecto de desexo. Nalgún despacho afastado algún directivo dunha gran multinacional comeza a matinar no expolio. Catas de prospección. Terras raras. Cobiza depredadora. Itrio e escandio para fabricar baterías de obsolescencia programada. Lixo planetario. Capitalismo planeticida.

Qué ben que a bomba ven co seu rebombio, Celso Emilio, a bomba con aramios, con formigas, a bomba con lombrices, bombardinos, vermes de luz, bombillas fluorescentes, peixes de chumbo, vómitos, anémonas, estrelas de plutonio plutocrático, esterco de cobalto hidroxenado, martelos, ferraduras, matarratos.

Luz e progreso en todas partes confundindo valor e prezo, profanando en aras dese mellor dos mundos posibles, cada vez máis cativo, máis miserento. 

Neste momento de crise mundial no que o foxo entre os ricos e os pobres se axiganta, neste momento no que a corda se tensa ata o límite da resistencia cómpre dicir NON, cómpre atreverse a rexeitar a esmola dun modelo económico voraz e insostible, cómpre plantar cara. Somos nós, os cidadáns conscientes, as plataformas cívicas os que debemos abrir liñas de combate, en nós florece xa un tempo novo de activismo e dignidade.

Horizontalizade, músculo cívico, AMOR para defender BELEZA, todos xuntos amparando a Serra do Galiñeiro, amparando a vida do carrasco da turbeira, da azulenta, da saramaganta, da rá patilonga, do cabalo do monte, do picanzo real, do pedreiro cincento. Todos xuntos honrando os lugares sagrados dos devanceiros a Cova da becha, a Lapa da Moura, a Auga da Laxe, o Chan das Moutas.

Acolá están as illas Cíes, preservadas xa como espazo natural, aquí está a serra do Galiñeiro que aínda treme e se espanta, que se degrada aos poucos ferida pola ameaza das aspas metálicas dos aeroxeradores, pola plantación masiva de eucaliptos e acacias, polos vertedoiros de lixo e entullo, polas pistas de asfalto, polas canteiras ilegais… 

Cómprenos parar esta miseria!

Cómprenos berrar NON!, é urxente, é radicalmente razoable.

A forza comunal debe dar froito, debe varrer as macilentas sombras, grilos de ferro arrastrando. Nos, os conxurados, somos unha onda que medra, que se estende e alaga, connosco vai o futuro.

Somos serra!

REXINA VEGA


E285 Sendeiro dos ríos da Fraga e do Beque (Moaña)


Sol, 31 de marzo de 2013

Non tiñamos claro se ir camiñar ou non: Domingo de Pascua, xente de vacacións... pero Anxo propuxo un lugar que facía anos queeu visitara, so nunha parte, e parecíame boa idea ollar a Fraga de Moaña e a auga que seguro corría polo río abaixo.

Puxemos rumbo ata Moaña sen falar nin de onde iamos comer, tamén sen bebida, algo que eu lamentaría logo porque a ruta complicouse mais do que pensábamos, e nalgunha vez no nosos camiño dixemos que parecía que estabamos en plena selva Amazónica. Comezamos o sendeiro dende as cercanías do Cuartel da Garda Civil cara ó monte por uns camiños encharcados de auga, lama, cheíños de silvas e todo tipo de herbas, incluídas as ortigas. 

Entre patos e pavo-patos, como lles chamei eu, esquecemos os coches, as casas, os domingueiros, a civilización e os problemas do famoso estres, tan teimados por esta cabeciña tola. Anxo, “o cameraman”, tirou levando a avanzadiña fotografando ó que se puña no seu camiño. O verde do campo, a auga máis azul, as árbores seguras, altas e a primavera que non quere chegar mostrouse en forma dun pequeno “Val do Jerte” que atopamos no camiño e que o fotógrafo non dubidou en captar co seu obxectivo. 

Non nos cruzamos con ninguén no noso camiño cara “o cumio”, algo que nos sorprendeu porque non chovía, pero nese bosque no que o rumor da auga non nos deixaba escoitar as verbas do outro, agradecemos a soidade deses intres. No medio, mais ou menos do camiño, cando xa chegamos preto dos moliños restaurados, Anxo pensou que non pagaba a pena subir ata a fervenza e que era mellor subir pola marxe do Beque. 

Un pouco antes eu collera os mandos da fotografía e xa fixera os meus “estragos” polo camiño: flores, río, fervenzas e Anxo coa súa mochila para soportar a chuvia, o vento, o sol... o que fixera falla. Tiramos camiño arriba pensando na cervexa e algo de comer no Camping e levamos un bo chasco cando, despois de trepar polos penedos e o barro esvaradizo, o camping ¡estaba pechado na semana santa! Fixemos unha pequena parada alí, bebemos algo, e collemos un atallo que Anxo coñecía. 

Ó pasar por unha aldea rural con boas vistas á ría e cabanas de madeira para aluguer, pensei que sería boa idea coller unha nuns días de verán, de seguro que viríame moi ben, pero esa idea esquecina cando vimos  o mal xestionado que estaba o restaurante responsable tamén do aluguer das cabanas. En todos os anos que levo viaxando e camiñando non vin que me trataran tan mal coma naquel lugar. Chegamos secos de gaznate e cansos ó “A de Lino” e os donos dixeron que xa pechaban (as 16:30h) negándonos ata a bebida para continuar o camiño. Aínda que pouco nos durou o noso enfado, porque case na súa porta había un potriño que deleitounos coa súa compaña e ansias de caricias, pena que non tiñamos nada para darlle de comer. 

Atallando, atallando, atopámonos no medio do camiño real que estaba totalmente inundado de auga, como se o curso do río pasase por alí. E alí rin e non parei, ollando a Anxo trepar coma Tarzán, cheíño de lianas e auga ata os nocellos. E así, pouco a pouco, chegamos ó camiño polo que subiramos e retomamos a mesma a baixada serpenteante do río Fraga. Chegamos xa até ós nosos patiños de novo, a civilización, ós domingueiros coas panzas cheas do xantar do Domingo de Pascua. E alí, onde aparcamos o coche, en pleno paseo da praia de Moaña, trocamos as roupas molladas por prendas sequiñas para ir a comer algo e sobre todo, beber. 

Tivemos sorte, pois un pouco máis adiante nunha cafetería-panadería, fixéronnos uns bocadillos que nin a mellor mariscada soubera mellor. Aínda tivemos folgos, humor e tempo para facer o “paiaso” un ratiño cunha rapariga que alí estaba e a que, pensei eu que lle alegramos a tarde.


E284 As lecións do mestre Chapela nos cumios do Morrazo



Saturno, 30 de marzo de 2013

“A memoria xurde con a exacta luz
do sol de medio día, cando se reflexa no mar
axitado polo vento fresco que trae o norte.
As palabras derrotan ó vento, sempre
como a area que vai levando a marea.
Sobrevivirei para escribir poemas
do mais profundo do corazón atormentado,
para que alimente ás almas confusas e extraviadas.
O cuarto se anima á sentir as caricias do sol,
no amplo véntano onde vexo moita neve
e rosas vermellas,
ese home con tímido sorriso, deixou atrás algo.”

“Rosas Vermellas”, LUÍS CHAPELA

O meu mestre, cronista e poeta das xentes e lugares do Morrazo, adoita alimentar a miña alma confusa e extraviada cun feixe de versos agarimosos e/ou combativos (deses que eu chamo “de motoserra”), nas mañas que partillamos no Cubillón, cos olliños cheos dese océano que busca acubillo na nosa ría, e despois do seu recitado maxistral dime:

-¿Qué, aprendiches algo?-

É moito o que se aprende con este home de rostro curtido polos ventos de afastados mares, por el escoto a voz dos últimos mohicanos, carpinteiros de ribeira, cesteiros e canteiros, e outros oficios que se van perdendo na memoria do pobo, e a memoria tamén dos fuxidos, e dos que desgraciadamente non conseguiron fuxir das gadoupas do fascismo, e escoito tamén as voces dos lugares, dos paxaros e das árbores, a sabedoría desta terra na que firmemente ten este home ancoradas as súas raíces, e que tanto lle doe ó sentir que este pobo de ananos non ten a vocación de berrar coma xigante.

Outro conto sería se a xente que rexe os destinos da nosa nación levara cosidos no seu peito unha parte dos sentimentos que o mestre Luís Chapela leva no seu, e que alimenta cos seus versos a diario, e tan xenerosamente partilla on este que deixa vagar (ou vogar) os ollos errantes pola ría, mentres no seu faro resoa a súa voz cantareira, con arume a salitre e a herba.

Moito tempo falamos de subir á Cruz de Ermelo, seguindo as congostras e corredoiras que levan a lembranza das súas pegadas dende cativo, e desta cumprímo-la promesa, aproveitando (que non sempre é doado) a coincidencia das nosas axendas, e de tal xeito quedamos citados no miradoiro da Fraga.

Eu levaba o corpo doce, aínda que non tivera tempo de almorzar, e o seu sorriso recibiume iluminando a ría dende esta atalaia natural, e despois de nos despedir do seu irmán, que o acompañara ata aló, comezamos a ascender cara os cumios de Moaña.

Moitos foron os nomes dos lugares, pois cada lugar ten o seu nome e a memoria dos bos e xenerosos está para que non se perdan, así coma costumes e lendas, recollidas durante anos por este home, a pe de horta e de canastro, falando con eses vellos que constitúen a nosa rica tradición oral.

Moitos foron as verbas, mentres camiñabamos cara onde o mundo se chama Ermelo, el lixeiro coma un rapaz, i eu suando coma un condenado, sempre dous pasos detrás del, tentando atrapar en imaxes as esencias dos seus relatos, ou cando menos os escenarios de moitas das súas aventuras, que aledan as miñas xornadas de horarios obrigados e loucura cotiá.

Seguidores