E106 Sendeiro dos Petroglifos de Cobres (Vilaboa)



Xoves, 19 de febreiro de 2009

Levaba tempo tentado de sumar novos territorios ó imaxinario común dos eivadiños, consciente de que os trilhos do norte portugués e os do interior da provincia comezaban a repetirse, as tres convocatorias precedentes foran tal, e pareceume axeitado dedicarlle unha xornada de recoñecemento ós sendeiros que abriran ó outro lado da ría, no concello de Vilaboa, que sumaban máis de media ducia. Así que pareceume axeitado o terreo para que Georgia estreara as súas Boreal recen mercadas, e se foran amoldando ó seu pe antes de darlle un pateo en condicións.

Pola pouca información recadada en internet sabía que eran todos de pequeno recorrido, aínda que polo ausencia de mapas ou croques detallados non podía precisar se había maneira de atopar algunha conexión entre eles para facer un de regulamento. Así que cruzamos a Ponte de Rande baixo un sol de primaveira, ó mediodía, e dirixímonos á sede municipal para completa-las nosas pescudas e afrontar unha ruta con garantías. A estas alturas do campionato e aínda esperando milagres, ¡que inxenuos!.

Chegados ó concello de Vilaboa unha funcionaria deu ó traste cas nosas expectativas, xa que nos advertiu que alí non tiñan ningunha información adicional, nin folletos divulgativos nin reclamos turísticos, que para eso estaba todo explicadiño na paxina web, ou sexa que fixeramos a viaxe en balde. E aínda se rebotou cando lle dixen que esa información era ben pouca para facerse unha idea do itinerario, dicindo que había un feixe de xente que se aventurara por eses camiños sen necesidade de máis. O sabor da aventura, que lle chaman.

Gustaríame saber que criterios son os da Federación Galega de Montaña para homologar estes sendeiros, xa que a practica totalidade dos que forman a rede municipal de Vilaboa teñen categoría de PRG, porque no primeiro que intentamos atopar o Sendeiro da Croa, era tan deficiente a sinalización que tivemos que desistir. Non desanimamos e probamos co segundo, o Sendeiro dos Petroglifos de Cobre, no que xa localizara, en outra expedición, o punto de partida. E alí si, un gran panel indicábanos a duración estimada, os quilómetros a recorrer, e algunhas, aínda que ben escasas, referencias toponímicas dos lugares polos que pasaba, nunha fotografía satelital da zoa.

Non daba para moito o tema, tres quilómetros e medio, que podían facerse en unha hora, así que aínda podíamos aventurarnos antes de xantar, non era cousa de pensalo máis. Así que cargamos a mochila ó lombo e comezamos a patea-lo asfalto dándolle as costas a casa rural. Ós poucos os sinais mandáronos tomar un camiño de terra que ía entre campos de millo e pastizais, onde contabilizamos un, dous, tres espantallos (aquí aínda non chegou a moda dos discos compactos ou das bolsas de plástico), e lamentei quedarme sen cámara fotográfica. Un par de cans saíronnos ó / encontro, máis por curiosidade que por facernos compaña na nosa andaina, e sen darnos conta estabamos avanzando entre piñeiros, por un chan cheo de entullo e louza esnaquizada.

A cada paso que dabamos desaparecían os piñeiros e eran os eucaliptos os que invadían a masa forestal, a paisaxe adquiría un aspecto monótono, desalentador, sen ningún tipo de encanto, e aledámonos cando chegamos a un sinal que indicaba a primeira zoa de petroglifos. Con ánimo renovado subímonos a unhas rochas que emerxían de carqueixas e toxos, e rexistramos cada centímetro de granito na búsqueda de labirintos, formas antropomórficas, cérvidos ou espirais, pero ningún gravado se fixo visible ós nosos ollos. Bótase de menos un panel onde se reproduciran os debuxos que esculpiron na pedra os nosos antergos, pero vese que o presuposto non deu para máis.

Volvemos ó camiño un pouco cabreados co inútil do noso esforzo, e uns metros máis adiante atopamos outro desvío que indica outra zoa de petroglifos, aínda que o curioso é que ó internarnos por el atopamos unha aspa branca e amarela que indica que por alí non sigue o sendeiro. De tódolos xeitos decidimos continuar ata atopar a estación megalítica, e chegamos a unha pequena carballeira, a uns campos de millo e a un cruce de camiños, pero nin rastro do sinalado así que temos que volver sobre as nosas pegadas e internarnos outra vez no bosque de eucaliptos.

Camiñamos por camiñar, sen outro sentido que probar as botas de Georgia, porque por diante temos unha travesía aburrida, monocromática, insípida, co terreo moitas veces enchoupado, onde as únicas novidades son lavadoras enferruxadas, escombros e bolsas cheas de lixo. Parece ser que tampouco lles deu o presuposto para facer unha limpeza dos camiños, aínda que si para marcar con profusión o itinerario, que non ten perda posible.

O único que rompe a monotonía da paisaxe é unha estrada que temos que cruzar, internándonos outra vez na masa forestal composta case en exclusiva por eucaliptos e por algún piñeiro illado, onde nos se escoita nin o canto dos paxaros, tal é a desolación deste entorno. Damos unha volta do carallo para chegar á mesma estrada, unha ruta turística polo bandullo da enorme plantación de pasta de celulosa, ata que nos confíns do asfalto atopamos a sinalización da cuarta zoa de petroglifos.

Así que subimos as rochas tentando atopar os gravados agochados na pedra, pero con idéntico resultado as outras veces. Ou sexa, que facemos o sendeiro para nada, porque nin rastro das pegadas dos nosos ancestros. O curioso do tema e que na beira da estrada hai un gran mapa do sendeiro, idéntico ó da saída, que non ofrece ningunha información sobre a estación megalítica que, supostamente, acabamos de visitar.

O derradeiro tramo da ruta, unha vez que cruzamos a estrada, discorre por un térreno enchoupado entre campos de millo e pastizais, onde pacen cabalos albinos e vacas pardas, e onde pomos a proba a impermeabilidade das botas.

Chegamos así ó núcleo rural onde imperan as mostras de feísmo características do país, agás un par de construccións vellas que gardan o encanto de antano, e dámonos presa para darlle as costas e internarnos outra vez no bosque. Atopamos un tramo especialmente complicado, xa que discorre por unha corredoira atravesada por unha morea de paos de eucalipto, que parecen colocados a posta para dificultar o noso avance.

Xa tiñamos bastante da nova rede sendeirista de Vilaboa, así que aledámonos de chegar a unha pista forestal rodeada de campos pola que chegamos en pouco tempo o pobo onde tiñamos o coche. Desbotamos a idea de probar un segundo sendeiro para completar, e decidimos tirar millas cara os confíns do Morrazo, ata Vilariño, onde compensamos a xornada coa boa cociña do restaurante As Lagoas.

O menú fíxonos esquecer o ingrato do camiño: Fabas con chourizo, ensalada de marisco, carne estufada e bacallao en salsa de porros, e de postre tarta de chocolate. Cousa rica de verdade. Así que, se leedes esto quitade as vosas conclusións: ¿Vilaboa ou Vilariño?.

4 comentarios:

  1. Eu Vilariño sin dudalo. Esas fabas con chourizo... xa estou cheirando o recendo. Pero hai que aventurarse nos camiños para saber onde nos levan e como. Mágoa de abandono dun patrimonio que pode ser impresionante. Eu quería saber se me podo apuntar a algunha das vosas pateadas, porque se alguén e un eivado ese son eu con diferencia, pero gustaríame coñecer rutas e penso que vos tendes kilómetros dabondo. Anxo ten o me correo e se pensades que se pode apuntar alguén mais decídemo. Saúde Eivadinhos.

    ResponderEliminar
  2. Non cho recomendo a nos ser que queiras ter un coma malandrítico

    ResponderEliminar
  3. Eu que vou dicir se estiven alí e é tal cual como o Anxo o describe. O millor de todo foi estrear as miñas botiñas, a comida e a compaña, non neste orden precisamente. Je je. Poderíamos ser máis e desta maneira quizáis algún atopara algún sinal nas rochas porque nos non vimos nadiña de nada. Foi curto e descoñecía que se ía facer crónica alguna, máis e millor así, e quedar reflexado nalgures o estado lamentable do sendeiro.

    ResponderEliminar
  4. Chuliño,
    ¿A quién felicito por la música? Veo que por fin lo habéis conseguido y que los duendes informáticos ahora bailan ;-)
    Aumentas los pasos de mis rituales de lectura: play, intento entender el gallego, selecciono y control+c, me voy al traductor de la Universidad, control+v, traducir, lo leo en castellano, entiendo lo que no entendía, y la música sigue sonando...
    Biquiños con melodía

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores