Descripción do percurso e mapa
Domingo, 26 de marzo de 2009
A pesares de tódolos síntomas engadidos na celebración da Reconquista, son quen de erguerme dos meus soños e de sorrir ás paredes ateigadas de libros que acariñei como se estiveran vivos, e as fotografías daqueles que me quixeron ou que aínda me queren, cobertura emocional que vai mudando fronteiras como un mapa africano no século pasado. Xa sei que non me van recibir multitudes, xa cubrín as miñas reservas de vanidade na véspera, pero o meu corpo demanda espallarse polos camiños, sentir os beizos do sol e do vento na cara, sementar outro feixe de pegadas co impulso aínda fértil das miñas pernas.
Alédome de non estar só nesta nova aventura, e de que Flores sorteara tamén as gadoupas do sono e engadira o seus síndromes ós meus, damnificada tamén polos excesos da loita contra os franceses, porque verbas e sorrisos fan sempre máis amable o camiño.
E para que se esvaezan aínda máis ese inventario de dores que sumei na miña efémera alcaldía, teño un encontro na ponte internacional que semellaba una cita clandestina, pero máis emocionante que nas películas de espías. O mesmísimo Sr. Kai, saído dende a noite dos tempos, cargado cun feixe de lembranzas agarimosas.
Non viña camiñar, nin tan sequera a xantar, pero tomou unha cervexa mentres Flores e eu repuñamos as nosas reservas de malandrina, e volvemos tender pontes sobre os cimentos fortes daquelas conversas cinéfilas e políticas, das tardes de escalada e de praia, de tódalas xornadas que compartimos entre libros e troulas. Magoa que desta tampouco puidera vir con nós a descubrir os encantos das terras do Coura, pero deseguro que máis pronto que tarde terá o seu bautizo eivadiño.
Non tardamos moito en chegar o noso destino, a igreja de Cossourado, e despois dun breve recorrido polo cemiterio adxacente, panteóns con cadaleitos á vista e anxos pétreos competindo con virxes con bágoas de mármore, mentres nós facemos un balance da crise económica que nos colle máis de preto: a nosa. Así, co peto baleiro de cartos e cheo de ganas, subimos a costa que nos leva ó Forte da Cidade, magnifica atalaia sobre os que vemos irmandadas as terras da Galiza e de Portugal.
Alí, estratexicamente instalada entre as bacías hidrográficas dos ríos Coura e Miño, atópase a Cividade de Cossourado, un castro construído na idade de ferro, e dominado por un forte sistema defensivo, ata tres murallas que circundan e protexen toda a área habitacional. Os traballos arqueolóxicos, iniciados nos anos noventa, revelaron a existencia de un amplo núcleo de poboación, constituído por vivendas, almacéns, talleres e cortes, o que denota unha economía baseada na agricultura e no pastoreo, xunto con outras actividades artesáns. A pesares da súa monumentalidade o poboado foi ocupado durante un período relativamente curto, entre os séculos V a II a.C., e polo tanto é anterior ó proceso de romanización.
Volvendo sobre os nosos pasos cara a igrexa, e moi preto dela, collemos unha pista forestal á dereita, atravesando o Monte da Sé, onde os toxos inundan coa súa flor amarela toda a paisaxe, creando un tapiz dunha estraña beleza, na que serve de contraste o manto estendido polo polen polos camiños. O devagar ten algo de monótono, e dámonos á conversa enlazando uns temas con outros, facendo unha nómina de adicións, dende as máis perigosas ás máis inocentes, xa que ámbolos dous sumamos unha boa colección de intanxibles, como diría unha boa amiga.
O tempo é desacougante, xa que as nubes andan a loitar cun sol máis que primaveral, e cubrímonos ou espímonos cada pouco, mentres imos acercándonos ó lugar de Antas, na freguesía de Rubiâes, onde o amarelo transmútase no verde rabioso dos campos de pastoreo, onde as vacas barrosâs pacen alleas á nosa incursión. Tampouco vemos moita presencia humana no núcleo rural, a pesares de que hai un feixe de casas que semellan habitadas, nin tan sequera ó chegar á igreja de San Bartolomeu, unha pequena ermida que ten o seu adro apoiado en dous miliarios.
Por se tendes curiosidade, estes forman parte dun conxunto de seis cilindros de pedra que indicaban as millas romanas da vía militar XIX, do itinerario de Antonino. O primeiro dos marcos, soporte do alpendre da capela, data do ano 97 d.C. e esta dedicado a Nerva; o segundo, tamén integrado no alpendre, é do ano 353 d.C., dedicado a Magno Magnencio; o terceiro, do 360 d.C., dedicado a Claudio Juliano; o cuarto marco, do 235 d.C., a Maximino e Máximo; o quinto está dedicado a Maximino II e é do ano 305; e o sexto é anepígrafo e de ano descoñecido.
Pero ademais, para engadir interese a esta lugar xa enclavado nunha paisaxe salientable, fronte á ermida atópase unha quinta abandonada, na que nos internamos para acceder a un pazo en ruínas, unha construcción maxestosa, señorial, que danos unha idea da riqueza destas terras en tempos pasados.
Con certo respecto subimos as escalinatas de pedra que dan á entrada principal, baixo un escudo que pregoa a nobreza da casa, e tras dela nos internamos nun labirinto de habitacións enfeitizadas, polas que camiñamos con precaución, xa que, a pesares de que ten sinais de algún intento de reforma, os teitos de madeira labrada ameazan con derrubarse. Chámanos a atención a cociña, con dous fornos de pedra no que aniñaron as avespas, e a bodega, onde aínda quedan toneis e un carro de madeira.
Saíndo polo patio desta casa misteriosa, damos ó Pazo do doutor Barros, que se atopa en perfecto estado de conservación e ademais ofrecese en aluguer, onde é inevitable lembrarme do noso doutor Barros, autoridade en botánica e en todo o relacionado co sector do metal, agás a construcción naval, que deseguro disfrutaría da visita que viñamos de facer os interiores das ruínas da casa enfeitizada.
Dámoslles as costas ós pazos, á ermida e ó núcleo rural de Antas, baixando cara o río por un camiño empedrado que discorre entre un valado de cachotes tinguidos de musgo, mentres seguimos facendo contas das nosas particulares crises e quitando, cada quen as súas, as solucións máis ou menos provisionais para ir chegando a fin de mes, mentres o pobo vai deixando paso a unha sucesión de campos dispostos en socalcos, onde xa vai asomando a cara máis amable da primavera.
Nestas conversas estamos cando nos mergullamos, atravesando unha profunda congostra, nunha fraga mixta de carballos e piñeiros, dende onde se escoita o son cantareiro das augas. E non tardamos en chegar as beiras do Río Coura, onde crecen salgueiros e bidueiros o carón dun fermoso salto de auga que me fai lembrar o corpo aquel que era quen de chimpar por desniveis semellantes, pero... ¡ó carallo cas nostalxias!. Atravesamos o río pola Ponte dos Caniços, e na outra marxe repousan os restos de dous muíños monumentais que nos seguen falando da importancia da introducción do cultivo do millo no noroeste peninsular, e a fartura que trouxo para amplas zonas da Galiza e de Portugal.
Despois dun breve tramo que transcorre pola estrada municipal internámonos nun monte de piñeiros por un sendeiro que se abre á nosa esquerda, seguindo unha levada que vai paralela ó río, lembrando as experiencias que cada un tivo no club de camiñantes, e ese personaxe que segue sendo a súa alma e que nos deu, dalgunha maneira, o gusto polos camiños. Tan metidos estamos na conversa que, sen decatarnos, chegamos ó final do sendeiro e temos que volver sobre os nosos pasos para buscar os sinais que nos leven na dirección correcta.
Atopámola, claro, e o sendeiro estreitase aínda máis, pegadiño ó río, aberto seguramente por varias xeracións de pescadores, onde atopamos un obstáculo co que non contabamos: un pequeno ribeiro que temos que atravesar, non tan pequeno para saltalo e sen posibilidade de rodealo, polo que non temos outra que descalzarnos, subir os pantalóns e facer equilibrios para non mollar algo máis cos pés. Dende aquí o camiño vaise afastando do Coura, ata darlle as costas e levarnos a outra fraga onde temos un encontro inesperado, unha cobra que durme ó sol debuxando unha espiral, e que leva un bo susto co retumbar das nosas botas.
Atravesámo-lo monte e chegamos ó núcleo rural de Cascos, tamén da freguesía de Rubiâes, que nos recibe cunha avenida empedrada e cuberta por grandes parras, campos con socalcos e casas solarengas, que non deixa de asombrarnos pese a ser o típico nestas terras. Por certo que a profusión de construccións rehabilitadas con certo gusto fainos pensar, máis ben a Flores que a mín (sonche urbanita de máis para pensalo en serio), que non sería este un mal sitio para vivir.
Máis monte, despois de deixar o pobo atrás, pero desta vez con menos encanto, esto é: con máis eucalipto, que a pesares de non alcanzar as extensións tráxicas do noso país tamén aquí introdúcese con forza. Por fortuna para nós éun treito pequeno, que nos leva a outro dos lugares da freguesía, o de Crasto, onde atopamos varios puntos de interese. En primeiro lugar o derradeiro dos miliarios, erguido solitario fronte a unha ermida algo agochada entre as edras, do que non hai ningunha información á vista, i en segundo lugar, despois de atravesar a aldea, unha ducia de casas e unha sucesión de campos onde pacen cabras, vacas e cabalos, a Ponte de Rubiâes, de orixe romano-medieval, pola que volvemos cruza-lo río Coura.
Ó carón da Ponte Nova pola que pasa a estrada de aceso ó lugar de Châo, internámonos nunha vía romana, a XIX do itinerario de Antonino, que vai discurrindo paralela ó río, que aquí debuxa fermosas paisaxes cunha sucesión de saltos de auga agochados nun tupido bosque de ribeira, e cando avanzamos polo seu firme empedrado o río vai desaparecendo e mudando en campos de pastoreo e de cultivo, ou en pequenas carballeiras.
E, a pesares de que nunca completara este percurso váiseme facendo coñecido o terreo polo que piso. Tanto é así que, ó chegarmos a un prado onde pace un fermoso cabalo, recoñezo o prado e o cabalo, e mentres o acariñamos e lle damos de comer algo de herba fago memoria e caio no conto de que nalgún momento enlazamos con outro sendeiro: o Trilho de Châ da Burra, e que de seguir as marcas chegaríamos a Pecene, en dirección contraria a onde temos que ir.
Así que botámonos ó asfalto e guiámonos polo campanario da igrexa de Cossourado, que xa vemos ala ó fondo. Non sei moi ben porque motivo, pero sexan dez quilómetros ou vinte, os derradeiros sempre me custan, e máis se son por estrada, e se esta é costa arriba. Menos mal que soa o teléfono e o Cachorro nos anima a facer un ultimo esforzo, xa que el non puido acompañarnos. Cinco horas despois da saída chegamos ó noso vehículo, subindo unha morea de escaleiras como penitencia final, e xa empezamos a facer plans para a seguinte...
O Sr. Kai sentiuse moi ledo de ter compartido esa cervexa convosco, non sin certa envexa malandrítica evidente pero outros plans irrenunciábeis agardaban. O reencontro soubo a pouco pero isto tivo remedio inmediato. Pero esa é outra historia que debe ser contada polo oráculo no seu debido momento. Repaso de reconquistas, lembranzas, apertas e novos coñecementos tamén novos horizontes, os anos que non pasan en balde, "Estás igual" si, igual de eivado. Non fun a patear con eles fisicamente pero estiven en Paredes de Coura nos seus ollos e estou agora camiñando con eles por estas letras que son como as pegadas que casi podo ver e tocar. Saude oráculo, xa nos vimos e xa compartimos o camiño, só fai falla contalo.
ResponderEliminar