E134 Viagem polos caminhos da pre-historia (Arouca)

6 de Agosto do 2009






Merujal – Albergaría – Castanheira – Cabaços – Mizarela
‘Viagem á Pré-História’

Descripción do percurso e mapa

Levabamos tres días calcorreando a serra da Freita e a contorna. Este era o cuarto. O equipo formabámolo desta vez: O Anxo, armadanzas e guieiro maior do pequeno exército; o Miguel, o Xacobe, que andaba un pouco eivado (facerlle honra ao nome) antes da viaxe pero na altura xa se esquecera diso, e eu mesmo que coñecía algo a zona e fun o que propuxo o lugar. Tiñamos feito algunha pateada con certo aquel que as nosas pernas aínda non esqueceran. Pola miña banda era a terceira vez que ía facer esta camiñada que me tiña gustado. A primeira vez fora hai moitos anos con Carmen, nunha viaxe inesquecíbel, logo no 2006 con Caminhantes baixo a chuvia e agora encaraba esta terceira vez con Eivadinhos. No tempo que levabamos no Merujal non tiñamos repetido ningunha das pateadas que eu xa coñecía. Este ía ser o último día e apetecíame facela porque era bonita e tamén porque non era dura, coma un presente aos meus amigos Eivadinhos por axudárenme, tamén eles, a vivir. Preocupábame un pouco a case ausencia de sombra tendo en conta que estabamos a principio de Agosto. Lembraba cando as veces anteriores tiña eu pensado en que aquilo no verán podía ser duro. Así que chegara o momento no que a maldición se tiña que cumprir. Claro que despois dalgún dos pasos dos días anteriores esta non ía ser peor.

O día de marras recibiunos un bocadiño nubrado o cal pareceume óptimo. Saímos do cámping do Merujal por volta das nove e media, oito e media hora local, a ruta comezaba mesmo na porta da casa. Pegamos no camiño que nos achegaría á Albergaría da Serra deixando á nosa esquerda o pico de São Pedro Velho que cos seus 1.077 metros tiña vixiado a maior parte dos nosos pasos nos días anteriores e tamén o había facer neste. No camiño cruzámonos cunha rapaciña empregada do cámping que ía para o choio.

O nome deste lugar era dantes Albergaría das Cabras pero seica o apelido ‘das cabras’ non lles perecía unha marca de nobreza suficiente e decidiron mudalo por ‘da serra’ que parece como mais aquelado. Vese que o asunto das marcas non é nada novo, ven de lonxe.

O caso é que o nome venlle dunha albergaría que habería aquí e que permitiría pasar a noite aos que andasen por este planalto. Mesmo contan que había quen buzinase polas noites para que os camiñantes perdidos soubesen orientarse. A onde e de onde virían tantos camiñantes como para xustificar a existencia dunha albergaría é cousa que non sei pero iso é o que se conta. Agora non hai nada diso e só resta unha pedra incrustada na parede do camposanto que da fe da existencia da tal albergaría en tempos idos.

Pasada a Albergaría seguimos o curso do río Caima para montante tomando nota dunhas esplendorosas pozas para nos bañar cando acabásemos a camiñada que non había ser moi tarde. Uns muros tirados que non estaban así na última vez que eu tiña pasado por alí fixéronme pensar en que caste de xente podía ter feito aquilo. As pegadas dos tacos das rodas dunha moto déronme a resposta. Só unha sociedade enferma pode producir espécimes así. A graza do asunto está en que moitos destes tipos dinse amantes da natureza e do patrimonio. Iso mentres enchen os montes de barullo e de cheiro a carburante e rebentan todo. En fin, é o que hai!

Cruzámo-lo río por unha pontella de madeira e pasamos pola Junqueira onde desprezamos unha das escasísimas sombras do camiño que naquel momento non precisabamos porque o ceo continuaba medio toldado. Daí continuamos polo fermoso planalto cos eólicos á man esquerda ata que no Vidoeiro viramos abruptamente á dereita.

Chegamos á Portela da Anta, unha porteliña baixa cunha anta á dereita, deixando atrás o Cabeço do Serlei que cos seus 1.091 metros constitúe un referente importante nesta serra. Fixemos unha paradiña para lle meter algo ao corpo e continuamos coa complicidade do ceo que seguía medio cuberto. Logo de cruzar un bosquete de piñeiros que nos forneceu uns minutiños de sombra fixemos outra parada nas antas do Monte Calvo para botarlles unha ollada. Estas antas son as que proporcionan a coartada para lle chamar a esta ruta ‘da pre-historia’, tamén lle podían ter chamado ‘do Caima’ ou ‘das pedras parideiras’ ou ‘do carallo vintanove’ pero a poesía de a perra gorda é o que ten.

Así que continuamos cara Castanheira onde as pedras parideiras tiveron notable suceso entre os eivados que levaron, uns mais e outros menos, ben delas para casa. Cousa prohibida por certo pero que sucede. Sei dun que aínda vai ir preso. Ver o parto dunha pedra non acontece tódolos días, haino que comprender, se un parto impresiona, canto mais o dunha pedra.

Xa o sol se deixaba ver vencendo ás nubes pero un castiñeiro amistoso permitiunos xantar á súa sombra. Comemos os restos das viandas do Xacobe mais o que tiñamos comprado o día antes. Para min que o Miguel quedou con fome. Ao fondo, lonxe, a Frecha da Mizarela, sesenta metros de caída de auga. Un luxo.

Logo dun aceno de sesta reanudámo-la camiñada cruzando a aldea no sentido descendente e pasando ante un monumento que a min sempre me pareceu extemporáneo, dedicado aos ‘compañeiros construtores’. Logo dunha parada para que o Miguel fixese un recado encarámo-la única subida da xornada que nos había de levar a avistar a aldea de Cabaços.

No alto, naquel solitario lugar, unha pedra que en tempos fora unhas alminhas, fanada, soa, perdida a súa antiga condición, continuaba afirmando a súa presenza recortándose contra o horizonte e a min pareceume que tamén contra o tempo. Sempre me emociona aquela humilde e poderosa sinxeleza. Estas cousas son as que dan sentido a isto das pateadas, se isto das pateadas precisase ter sentido.

Enfiamos pois cara Cabaços coas súas ruelas cubertas de bostas e logo aproamos cara a praia fluvial de volta na Albergaría. Cruzamos o lugar ante a indiferenza dos escasos bañistas e abordamos a aldea da Mizarela por detrás. Alí o noso… ía dicir sherif, suxeriu tomar unhas cañas así que democraticamente decidimos facer parada que tamén o tiñamos merecido. Logo unha última ollada á impresionante Frecha da Mizarela antes de continuarmos cara ao lugar do Merujal.

Pero antes da entrada na aldea unha ameixeira posta alí pola providencia deu en nos tentar coas súas riquísimas e abundantes ameixas. Así foi que vencemos á tentación polo procedemento de caer nela e enchémonos de ameixas ata fartar, mesmo o Xacobe levou varios quilos.

Poucos minutos despois acababa a ruta nas portas do Cámping pero nós aínda fomos bañarnos ao Caima para nos despedir deste río amigo. Pola noite, mentres esperabamos a que Dina nos obsequiase coas marabillas culinarias da súa cociña nós tivemos sesión de lectura comunitaria. Coma nos mellores tempos.

E así foi o conto. Como vos conto.

Zalo de Paramos. Agosto do 2009

1 comentario:

  1. FALTA QUE UTICES PALABRAS COMO GADOUPA OU GUINDASTRE PARA ESTAR PLENAMENTE NORMATIVIZADO, DE TODOS LOS XEITOS, FELICIDADES POLO TEU GALEGO NORMATIVO. A REAL ACADEMIA DA LINGUA VAICHE NOMBRAR APOSTOL.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores