Venres, 3 de setembro de 2009
Estivo chovendo arreo pola noite sobre a nosa illa, pero amenceu un ceo con nostalxia de agosto que nos fixo abrigar esperanzas sobre o que nos depararía a xornada, a pesares de que Habibi e a Criatura baixaronó pobo con prendas de abrigo, porque non se fiaban nin de Santiago Pemán. E xa no almorzo xurdiron as primeiras diferencias, non só porque uns tomaran café e outros cacao, senón porque eu insistía en completa-las rutas ó redor do arquipélago mentres o de Ameixeiras se decantaba por estomballarse nos areais de Melide. Ó final houbo desempate e o Xaime se me sumou no meu ánimo de non deixar recuncho da illa sen explorar.
Despedímonos do colega helitrópico e camiñamos pola praia de Area dos Cans, aínda deserta de bañistas, e aproveitando a baixamar aventurámonos a cruzar ó illote onde se atopa a Laxe do Crego, un sarcófago antropomórfico que data da alta idade media. Saltando de pedra en pedra conseguimos inzarnos á rocha branca onde se atopa a tumba, e so demoramos o tempo indispensable para tirarlle un par de fotos e saír pitando. Pero xa comezaba a subir a marea, e algunhas das pedras polas que pasaramos estaban baixo a auga. O Xaime quitou as botas e mollou os pes, eu non as quitei e tamén os mollei.
Volvemos ó camiño, pasando sobre a praia do Canexol, a carón das casas senlleiras dos insulares, que en 1955 censaban máis de cincocentos habitantes, aínda que hai constancia de poboación anterior á romanización, como o testemuña o castro soterrado baixo o monte que se atopa por riba desta praia. Tamén aquí existe un pequeno cemiterio, cunha capela, que non visitamos por atoparse fora da nosa ruta.
Curiosos son os canastros onde se garda o millo, que aínda se cultiva arreo nos campos fértiles de Ons, a meirande parte pechados na súa base e pintados con vivos cores. A agricultura de subsistencia constituíu o modo de supervivencia dos seus seareiros, cultivándose tamén centeo, trigo, patacas e feixóns, ata mediados do século XIX, cando a actividade pesqueira pasou a ser a principal fonte económica.
Non tardamos en chegar á Fonte de Pereiró, onde podemos refrescarnos da canícula que, a esas horas xa está caendo sobre nós, e que nos da folgos para ascender a carón das instalacións do campamento xuvenil onde vivín o meu primeiro verán na illa. Lémbrome dos meus colegas do Comando Maldito, e daquelas mozas que espertaron os meus primeiros desexos adolescentes: a Eléctrica, a Italiana...
Quizais para lémbrame a aquel que fun saíunos ó paso un lagarto das silveiras, o meu animal totémico, que nos sinalou o camiño cara o punto máis ó sur. Algúns pequenos bosques de piñeiros asómbrannos mentres nos achegamos ó Miradoiro de Fedorentos, inzado sobre a enseada do mesmo nome.
Este é un dos puntos máis concorridos da nosa ruta, xa que aquí se atopa unha magnifica atalaia sobre a Illa de Onza, que está a un tiro de pedra, e sobre boa parte da franxa costeira das rías baixas. Recoñecemos Monteferro, Punta Couso, Cabo Silleiro, o facho de Donón... é impresionante a visión que ofrece este lugar.
Volvendo sobre os nosos pasos, xa que este é un aire do sendeiro, sufrindo os lostregazos do Lourenzo que deu por desfacer a débil oposición das nubes que aínda resistían o seu embate, desbotamos a baixada ata a Punta do Rabo da Egua, e continuamos ata o Buraco do Inferno. Esta enorme fenda que se abre preto dos cantís, e que chega ata o mar, é sen dubida o destino máis desexado é aínda temos sorte de poder admiralo en soidade, xa que chegamos cando un nutrido grupo está a piques de facer o camiño de volta.
Outra vez no sendeiro principal so nos afastamos del para ter unha panorámica das Freitosas, un illote pedregoso onde se atopa unha área herbosa o suficientemente grande como para que se nos antolle habitable, un deses lugares onde fundar unha minúscula república independente. Algo máis adiante bordeamos a Enseada de Caniveliñas, onde as ondas foron labrando escarpados cantís no granito durante séculos, e que completan ó noso arquivo dixital. Xa vai facendo algo de fame, así que apertamos o paso e, por un camiño salpicado de sobreiras, non tardamos en atopar o enlousado que ven dende o Curro.
Chegamos ó bar do Checho con cinco minutos de adianto sobre a hora convida co Habibi para xantar. Hai unha morea de xente, pero nin rastro do noso amigo. Menos mal que atopamos unha mesa libre, e que o chamamos para indagar sobre onde anda (e grazas a que decidiu fai pouco pasarse a telefonía móbil), porque o moi badulaque quedara durmido nas areas de Melide. O certo é que debeu vir polo aire, porque en menos de vinte minutos xa está na mesa para continuar coa nosa dieta de empanada de zamburiñas e caldeirada de polbo (a verdade e que non había moito máis que rascar).
Pola tarde fomos os tres de volta a Melide que se atopaba ateigada de textís, lonxe daqueles tempos en que era estraño vez a alguén bañándose con “pañal”. Nós bañamos unha, dúas e ata tres veces, en coiros, por suposto, e tomamos o sol ó carón dunha serea de rastas que a máis de un lle fixo soñar con imposibles.
Pola tardiña viu Nuria nun barco ateigado de alcohólicos anónimos con ganas de non deixar durmir a ninguén pola noite. A boa fe que o conseguiron. O Xaime marchou para cumprir coas súas obrigas laborais. E eu marchei cedo para a tenda coa esperanza de que non me caira ningún intoxicado en riba. O día seguinte tiña cita cos colegas de Congostra para darlle unha volta completa á illa. Pero eso xa e outra historia...
No hay comentarios:
Publicar un comentario