Martes, 29 de setembro de 2009
Durante un feixe de anos estiven soñando un territorio sementado de lendas, un val agochado entre montañas onde os homes deseñaran estrañas xeometrías, onde aínda as bestas pacían salvaxes alleas ó paso incesante dalgúns intrépidos que se aventuraban a adentrarse en camiños e fragas milenarias. Unha vez albisquei ese soño dende o camiño dos mortos, e sentinme tan preto del que pensei que o arrecendo dos toxos que me rodeaban estábanme a secretear o rumbo cara esas terras enfeitizadas.
Non sabía o preto que estaba entón da Porta de Alvite, a derradeira fronteira que atravesar antes de ingresar nese marabilloso mundo que deron en chamar “o pequeno Nepal”. Daquela vez estaban comigo o Ramón e o Zalo, que habían de ser os meus iniciadores nas congostras do val do Vez, e despois de tanto tempo soñando guiáronme por elas con tan bo acerto que non puiden menos que namorarme de todo o entorno de Sistelo, a capital deste reino.
Tanto tempo agardando e neste mes xa era a miña terceira incursión na zona, tamén esta vez das mans de Ramón e de Yuka, que xa case poden herdar o título de vizcondes do Vez, e que están preto de coñecer cada recuncho da escarpada orografía desta réplica do sudoeste asiático. Máis desta vez non saímos, como nas anteriores, do seu centro neurálxico, senón algo máis arriba, do pequeno pobo de Padraô, onde deixamos o coche á carón das tapias do seu cativo cemiterio.
Ía calor dabondo para estar a piques de entrar no mes de outubro, e por iso botamos protector solar, collemos a toalla, e cargamos con boas provisións de auga. Deseguida démoslles as costas ó val e comezamos a ascender por un camiño carreteiro que zigzagueaba cara o ceo.
Eu, para non achicarme, a pesares de que aínda estaba arrefriado e dos efectos secundarios do concerto de Dar Baird & Homenade Sin (ex compoñentes dos Georgia Satellites), imprimín dende o primeiro momento o “ritmo eivadiño”, pese a que Ramón me advertira que nesta xornada era moito o que tiñamos que subir.
Seguindo o camiño das brandas non tardamos moito en chegar á primeira delas, a do Alhal, a 740 metros de altitude, á que se acede por unha estrada empedrada que a fai accesible incluso para vehículos a motor. A robustez, a cantidade e a boa conservación da maioría das súas casas, fai deste enclave montañés un centro importante na economía rural do val de Vez, e deixando constancia deste feito atopamos unha grande cantidade de gando diseminado polos seus campos.
Atravésavo-la branda e a piques do seu remate, tomamos un camiño á dereita, e despois de atravesar as Corgas de Lourenço e Saramanqueira entramos nunha fraga salazarista, como ben apunta Ramón, un deses sitios que de tan bonitos importa pouco se son autóctonos ou invasores. Tsugas, bidueiros, abetos, carballos e salgueiros mestúranse nesta mancha forestal, na que nos invaden as lembranzas dos primeiros eivadiños, os eternos ausentes destas xornadas de pegadas e palabras.
Tras atravesar este bosque enfeitizado achegámonos a branda do Río Covo, que se atopa nun estado de total abandono, e mesmo algunhas das súas cardenhas están agochadas entre as silveiras e os toxos. Non sei moi ben porque motivo está sinalizado tan notablemente no mapa topográfico e mesmo cunha grande sinal na entrada de Sistelo, pero espero que algún día se resolva o misterio.
Porque aínda se me presentan máis dubidas ó abandonar o trilho das brandas, e continuar por un camiño empedrado que baixa ata un regato, que non se chama Covo, senón Corga das Cavadas. Sexa como for pensamos que non era momento de resolver o enigma, e dimos por mergullarnos nunha pequena poza que hai á carón da senlleira pontella que o cruza.
Desta vez bañámonos o grupo ó completo, e unha vez refrescado volvemos ascender cara a seguinte braña, a do Baragal, ata onde nos guiaban unha sucesión de mariolas. Neste enclave sérrano, tamén en desuso, decidimos dar boa conta das nosas provisións, e repartímonos a tortilla baixo a sombra dun carballo, onde puxemos a secar as camisetas enchoupadas de suor.
Coa roupa seca e o bandullo cheo continuamos a ascensión enlazando estreitísimos pasos abertos entre os toxos e os fentos polo gando, sen máis referencias que as que Ramón gravara no seu disco duro: árbore seco, xestas altas, regueiro, penedo. Deseguro que non volvería atopar a dirección correcta eu só. Sempre cara arriba, atravesamos un outeiro pedregoso por unha portela onde fan garda un feixe de vacas de grandes cornamentas, máis ou menos (interpretando o noso mapa) polo lugar chamado Esganadinha.
O Ramón mirábame de esguello pensando que, dun momento a outro, ía pedir papas, pero a pesar do arrefriado sentíame campión nas subidas, e non me importaba seguir subindo ata onde fora. Cando chegamos á branda de Lamelas xa superábamos os mil metros de altitude, un desnivel considerable se temos en conta que Padraô está a so cincocentos sobre o nivel do mar, é ademais de senlleiras cardenhas atopamos alí enormes túmulos de pedra sinalando o cumio. As vistas sobre as serras que rodean Sistelo eran realmente asombrosas dende alí, e sentámonos un rato para descansar e admiralas.
Antes de retomar o camiño recollín a calivera dun cabalo que conservaba intacta toda a dentadura, e decidín adoptala como mascota dos Eivadiños.
Mentres Ramón e Yuka valoraban se seguir subindo o comezar o descenso. O final quedamos en baixar, aínda que tampouco era tan sinxelo, porque tiñamos que dar un gran rodeo para facelo. Tivemos que buscar un sitio axeitado para cruzar varias corgas, a máis importante a de Beai, que baixan ó encontro do Vez, para engrosar o seu caudal, e intentar manter a cota de altitude ata atopar o sitio máis axeitado para descender.
Os meus amigos do Casal de Sistelo, que xa teñen bastante experiencia na zona, non tardaron en dar co camiño que nos ía levar cara a branda do Arieiro, da que tivemos unha boa panorámica aérea para constatar a súa importancia, xa que parecía en bo uso, un mosaico de campos delimitados por valados ou por árbores e un bo feixe de construccións, a meirande parte delas en boas condicións de uso. Cara ala baixamos a escacha pexegueiros, ata dar cun camiño empedrado polo que se accedía á branda.
Ó chegar o camiño tiñamos dúas alternativas, unha delas seguir subindo máis ala do Arieiro, e outra descender cara o Alhal, e despois de botar contas das horas que levabamos invertidas na andaina e as que nos restaban decantámonos por atender ós razoamentos de Yuka e seguir descendendo cara a nosa primeira e derradeira branda, para completar o círculo e, dende aquí, continuar ata Padraô.
A bo ritmo fomos descontando metros de altitude por un camiño carreteiro que non ofrecía dubida algunha, pasando polo Chá de Alhinha e cruzando en dúas ocasións a corga do Porto Novo, e sen máis novidades que na segunda vez, xa baixando a Costa do Menjoeiro, preto da branda de Alhal a Ramón se lle antollou tomar un aire para mergullarse nunha poza que, segundo el, pagaba a pena, pero non logrou convencernos nin a Yuka nin a min.
En troques decidimos apurar o paso para chegar canto antes a Padraô, e facer en coche a distancia que nos separaba de Porta Cova, para baixar ó río do mesmo nome, onde xa me mergullara na miña primeira visita ó pequeno Nepal con Zalo e Salomé. E así o fixemos, despois de ter feito máis de seis horas de pateada, nunha desas xornadas que me animan a continuar con esta teima dos Eivadiños.
Bañámonos baixo a ponte nunhas augas fresquiñas de máis para a hora que era, xa que o sol estaba xa agochado, definitivamente, entre as nubes e pouco lle restaba para desaparecer entre as montañas.
Aínda nos quedou tempo, no camiño de volta, para tomar un café cun feixe de lambetadas na praza de Monçao, e despois para cear no Eido Vello, onde comemos todo o que nos puxeron no prato, e máis se houbera.
So me resta agradecerlle ós meus anfitrións o haber deseñado unha ruta tan interesante para este día, por compartila comigo e, por si fora pouco, por facerme un mapa polo que guiarme nesta crónica. Grazas, meus queridiños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario