Domingo 06-09-09.
En qué demos andaba pensando eu cando lle aceptei ó Anxo isto de facer a crónica desta saída de Evadiños tan especial?. Solo podo dicir ó meu favor que son unha desas que lle custa moito dicir que non ós amigos e por Anxo sinto unha afinidade especialmente condescendente, será por esa maneira súa de ser e por esa valentía que tanto me gusta del á hora de expresar os seus estados de ánimo, sempre me atraeu a xente que non oculta a cara oculta do sorriso ou dos bos momentos e se atreve a amosar tamén aquelas partes de un que non son tan bonitiñas de cara á galería. Así é como me vexo nestes momentos, como unha aspirante a cronista que sempre fuxiu destes mesteres porque o meu xeito é a percepción e o sentir, cando estou niso de patear camiños o que sae é o sentimento dos meus pasos pisando a terra disfrutando co meu avance, o aspecto dos diferentes e sempre marabillosos ambientes que se van ofrecendo e como repercuten nese microambiente que son eu mesma en sintonía cun todo sendo tan solo unha parte, pero unha parte que se torna completa e que se recoñece. A inspiración das brisas que me regalan frescura ou o impacto das calores sufocantes que inundan o meu espírito. Así que non sei que fago eu aquí tentando relatar técnicamente a nosa andaina sabendo que a miña tendencia vai ser encamiñarme por outros atallos linguísticos, amén das miñas dificultades para memorizar os lugares polos que pasamos, e a pesares de que o Anxo me ía dicindo : tomas nota cronista?, e eu alzaba o polgar confirmando que si, o certo é que, por acordar, non me acordo de tan sequera unha opción das tres que tiñamos acordado para poñerlle título a esta crónica. Menos mal que o Anxo sabe todo iso e así, coma quen non fai nadiña, envioume un correio no que medio disimulou o título, " Polas escarpas do Vez ", que si non recordo mal, que todo pode ser, era a terceira opción.
O que si podo dicir é que me sinto afortunada con este fin de semana experimentado a tope, non me quedou sabor de perde-lo tempo, non señor, senón polo contrario, un sentimento de habelo ocupado con vivencias moi saborosas e aromáticas, incluso as dos suores compartidos. O sábado celebraba cos meus compañeiros de Congostra o noso octavo aniversario e o domingo quedaba con Anxo e con Zalo para celebrar o terceiro aniversario de Eivadiños. Anxo tiña un par de roteiros elixidos, entre eles Froufe e o roteiro " entre ambos ríos ", pero o de Paramos tiña un día atípico e indeciso, non estaba pola labor de moitas calores nin de moitos esforzos, quería algo lixeiriño, pensando en baños e en pozas con augas acolledoras, e optaba por cambiar espazos aéreos por camiños con sombras que acompañaran a nosa andaina. Pero o tema non era tan sinxelo, tratábase do aniversario e iso é algo importante, o noso roteiro tiña que ter algo, algo bonito, algo especial, algo que deixara un sabor doce nas nosas memorias, e non era cousa de escoller calquera cousa.
Si hai unha zona que nunca decepciona ( polo menos a esta que escribe ), esa é Sistelo, aldea situada ó norte do concello de Arcos de Valdevez, na Serra da Peneda, lugar máxico por moitos e diferentes motivos, cada paraxe promete sorpresas á vista e aos sentidos, vales e penedos exclusivos e xentes sinxelas e de miradas francas e abertas. E ese sería o noso destino definitivo, non sen as queixas do noso querido Anxo que sentía que estaba a facerlle unha traizón aos nosos amigos Ramón e Yuka pois unha vez lles dixo que cando fose coñecer Sistelo sería baixo a acollida destes dous exploradores pioneiros da zona, grandes coñecedores de tódolos recunchos destas terras marabillosas. Pero xa se sabe que somos democráticos e por riba facemos práctica delo sempre que podemos, así que gañou a maioría e por fin puxemos rumbo cara o " pequeno Nepal " como o bautizaron os montañeiros celtas segundo nos contaba Zalo, debido ó moldeamento do terreo que durante décadas e mesmo séculos foron facendo os aldeáns para traballar a terra, formando escalóns de terra que baixan ó longo de todo o val dándolle ese aspecto tan diferente e peculiar que lle valeu ese apelativo con que todos os que visitamos esas terras nos abraiamos, un pequeno Nepal que se nos mostra impresionante dende calquera ángulo polo que fagas ascenso á montaña.
O día, moi fermoso, Lorenzo ben presente nos anunciaba compañía si ou si. Os nosos estómagos cheíños de arroz malandro e un recordatorio para Alex que estaba nun hotel o que ninguén lle gusta visitar e menos facer estancia nel, un hospital de Vigo cun diagnóstico de cólico nefrítico, ui!, cousa con mala pinta. Os nosos mellores desexos para el e de algún xeito acompañounos porque fixemos mención máis dunha vez a este eivadiño que desta vez polo menos estaba a facer honra ó nome. Sería o seu xeito de solidarizarse con este aniversario?, xa se sabe, " los caminos del señor son misteriosos e inexcrutables.... ".
Si hai algo que caracteriza a Sistelo son as súas subidas, escollas a rota que escollas comeza subindo, ascensos paulatinos e con desniveles considerables que te fan apreciar aínda máis a beleza deste entorno. Pero como o de Paramos estaba nesa especie de letargo de camiñante desganado comezamos a nosa aventura no centro mesmo do pobo, saíndo dende a súa fonte que non sei como se chama pero ben podería chamarse a fonte dos xemelgos por ter dúas saídas de auga iguais separadas por unha estrutura en pedra vertical e rematada nun círculo amplo tamén en pedra, que deixa fluír o líquido vivo e transparente co seu contido manando abundancia. Unha fonte moi fermosa e grande na que se intúen moitas reunións das xentes da aldea ó redor dela, punto de unión para diálogos e xuntanzas ao remate do día nas épocas estivais ( será a miña fértil imaxinación que gusta destes pensamentos? ). Empezamos pois en plano para ir facendo pouco a pouco ascenso ata a aldea de Padrão, aldea de xentes amables e hospitalarias, faladoras e curiosas que habitan casas que mesmo parecen suspendidas perigosamente e a punto de caer ó val que as acolle, un val cheíño de millo e de espigueiros que amosan un estilo de vida duro pero de ritmos máis acordes coa natureza propia e de todos. Por un camiño antigo e empedrado, coas pegadas dos carros incrustados nas pedras polo devir do tempo, desgastadas de tanto uso deles, recordatorio constante do que xa non temos polas nosas terras e conciencia de que somos afortunados de presencialo porque as xeracións novas para continuar con estas labores son bastantes improbables pois as aspiracións cambian ata en Sistelo. Carreiros estreitos e bonitos, rodeados de verde, de uvas sedutoras no camiño e de terras traballadas polos paisanos que habitan nelas, así íamos deixando nós tamén as pegadas da nosa propia esencia. Por moito que visite ese lugar sempre me sorprenden as distintas tonalidades de verde que presenta, e eses balcóns que lle deron o apelativo tan exótico mostrándonos un val eternamente soleado e fértil, unha paisaxe que hai que vivila pois por moitas explicacións que deas ningunha palabra pode encher todo o contido do entorno. Solo me queda visitalo nevado, iso ten que ser un espectáculo máximo.
Cruzado Padrão con parada a repoñer os nosos sedentos organismos, fixemos desvío cara o río Vez para darnos un dos baños máis agradecidos deste tardío verán. Aínda que xa estivera baixo a ponte da Estiveirinha máis dunha vez (as xentes de Padrão denominan a esta ponte a ponte dos mouros, vai tí a saber por qué!!) por fin me estreaba probando as súas augas, era moita a calor e demasiado tentador como para resistirse. Un dos moitos momentos especiais e gratos desta pateada de celebración, o tempo que compartimos nos baños quedará grabado no recordo dun precioso recordo nesta aprendiz de cronista pola cantidade de sensacións e de sentimentos que se deron en mín. Tal me parecía que estes dous compañeiro e máis eu formábamos un trío que nalgún momento se transformou en unidade compacta e indivisible sen deixar de perder por iso cada un a súa propia unidade. O Zalo foi o primeiro en mergullarse e debeulle coller o gusto porque repetiu e repetiu e repetiu...., mentres o fotógrafo " pofesional Anxo perspectiva " lle sacaba fotos de saltos olímpicos que por certo non lle quedaron nada mal. Os tres disfrutamos deses momentos de baños compartidos baixo as calores do día e dos raios do sol, que xa non parecían tan ameazadores preto da frescura das augas limpas e transparentes do Vez.
Xa se sabe, as cousas boas case sempre son breves, por iso de que non da tempo a aburrirse delas. Así que nos preparamos de novo para seguir coa nosa andaina. Decidimos seguir monte arriba, por un camiño empedrado e guiados máis que polo coñecemento pola intuición unida a unha pretendida lóxica xeográfica do lugar. O Zalo, con toda a experiencia que ten tanto dos camiños como da zona, miraba as montañas tratando de ubicarse. Dous carreiros para escoller, o da esquerda nos levaría a Paço do Monte, e o da dereita " quen sabe onde... ", e escollemos o da dereita, que seguía subindo, co cal acabamos nun cruce de camiños que as xentes do lugar chaman portela de Marcos e que vai dar o outro lado do val, e aí tocounos decidir cara onde seguíamos. De fronte o máis probable era chegar ata Arado, a pista que ía a dereita nos levaría a San Antonio, e si collíamos a esquerda volveríamos ata Portela de Alvite para baixar de novo a Sistelo, e esa foi a nosa elección. Aí naceu unha das opcións como título desta crónica, " entre ambos vales " ( ou algo así ). A min gustábame o título pero gañou o que encabeza esta aspiración a crónica. Contentos os tres por saírnos ben a cousa da nosa exploración intuitiva, non sempre se ten esa sorte, enfiamos os nosos pasos cara a esquerda facendo un regreso a Sistelo coa promesa dunha cervexa fresquiña esperando por nós. O noso fotógrafo estaba enchendo a barriga da cámara de tanta cousa bonita por inmortalizar. Atopámonos cunha grea de cabalos e por uns momentos deixámonos mergullar polo silencio que solo os que se funden co entorno poden chegar a sentir. Son ese tipo de silencios que te fan parar, ata o movemento do corpo se ralentiza, é como entrar noutra dimensión do tempo, do ritmo e do espazo. Os cabalos deberon de percatarse de que nós tamén eramos natureza porque non se molestaron nin se asustaron das nosas presenzas. Anxo puido achegarse moi preto deles e fotografalos mentres Zalo e máis eu ficabamos parados no camiño, cada un sentíndose ao seu xeito e gardando para si a súa experiencia do momento.
E de aí a pouco do rumbo elixido empezamos un descenso que nos levou directamente á Portela de Alvite e as cervexiñas que esperaban por nós, fresquiñas e deliciosas, degustadas entre a sombra reguladora da nosa temperatura e as conversas dos paisanos que estaban nas mesmas que nós. Quedábanos a derradeira etapa da nosa andaina de aniversario, cara o río Vez de novo, volvendo aos camiños empedrados, o sol que de cando en vez nos regalaba verde frondoso como alivio, ata que chegamos a unha ponte nova de madeira que anunciaba a parte de abaixo de Sistelo. Eternas escaleiras de pedra agardaban os nosos pasos andaríns, agasallándonos con restos de historia que tiñamos a fortuna de seguir pisando. Unha, dúas, dez, vinte, trinta......, non as contei pero foi un bo ascenso de escalóns mil veces pisados antes que nós, bonito, grato de subir, e.... Sistelo. Bebemos das augas da súa fonte acolledora dos nosos suores, auga rica e fresca para estes intrépidos Eivadiños de celebración. Anxo e máis eu non resistimos transgredir un pouquichiño e pedir prestadas dúas laranxas da árbore que había nunha casa que daba á estrada. E alá nos enfíamos cara a Salvaterra a agasallarnos cun xelado como colofón e bó remate de festa de aniversario. Nos xardíns de Salvaterra nos tumbamos no céspede a miralas vir, O Anxo e o Zalo moi pertiño o un do outro, tiñan unha " posturita " que había que retratar e deixar en constancia para a posteridade así que lles saquei unha foto coa miña cámara e outra coa de Anxo. Tan bonitiños eles!!!, como dúas ninfas do bosque retozando etéreas con natura. Digno de ver, esa imaxe había que inmortalizala, jajajaja...., tan relaxadamente laxos os dous, tan amiguiños.
Chegada a Vigo e o mundo cruel, que despois dun día así parece menos cruel. Repletos dun día que polo menos a esta que escribe, lle fai sentir a beleza e a realidade do propósito auténtico da vida, vivila sabendo e sentindo que a estás a vivir.
E colorín colorado, esta aventura xa ten o seu tempo contado.
Salo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario