E155 Ruta dos tres vales (Cotobade)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS




Domingo, 3 de xaneiro de 2010

Novo sangue súmase ó noso colectivo, novos alentos para que esa semente de pegadas que espallamos polos camiños siga xerminando soños, ese imaxinario compartido que nos afasta das fantasmas e que é quen de cicatrizar as nosas feridas. Despois das tentativas erradas por atopar nin tan sequera un neveiro onde facer un monicreque a quen lle por unha cenoura por nariz, e de recorrer na procura da neve no Soajo, somos convidados por unha destas promesas que lle dan senso a esta empresa sen ánimo de lucro ás terras de Cotobade, onde comezou esta aventura na que levamos embarcados os últimos tres anos.

Xuntáronse ó mediodía no punto de encontro habitual aqueles que na véspera renegaran da proposta, aducindo falsos informes meteorolóxicos, doenzas que xa eran crónicas e compromisos familiares, e xuntos traían un rumor de resaca que facía desaconsellable o embarque (eu, como patrón da expedición tampouco estaba en mellor estado): a Criatura, Miguel, Alex e Georgia. En condicións óptimas so estaba Vicki, que non se entregara ós excesos da noite, e que viña canda nós despois dunha longa ausencia das nosas convocatorias.

Puxemos rumbo ó interior da ría, e antes de chegar á capital provincial tomamos o desvío cara Ponte Bora, onde o Lérez recibe o tributo das augas do Almofrei, e seguindo este río a montante dimos en chegar a Carballedo. Alí agardábanos Fany, ese nova e entusiasta eivadiña, na súa casiña, moi preto da igrexa parroquial de San Miguel, co arrecendo dunha potaxe que estaba a quentar na súa lareira, que era dos que fan resucitar os mortos. O día semellaba primaveral, e permitiunos xantar ó aire libre, celebrando a bonanza climatolóxica, a cociña popular e os afectos sinceros.

De bo grao alongariamos a sobremesa, máis tiñamos unha misión que cumprir, e tiñamos as horas xustas para elo, así que apuramos o café e a piques de chegar as tres da tarde puxémonos en marcha, seguindo a nosa guía indíxena. Desculpábase de antemán polo escaso interese da ruta, que non podía competir en beleza e en riqueza etnolóxica coas que fixeramos recentemente en Arcos de Valdevez, pero ó pouco de comezar chegamos á Carballeira de Mos, cativa pero fermosa, e o itinerario cobrou interese.

Na carballeira atopamos un muíño de cubo, cunha grande canle de pedra, e ó carón del un sinal que nos dirixe cara o Petroglifo da Pena Redonda. Animados por atopar os vestixios dos nosos antergos, desviámonos da nosa ruta para buscar entre os penedos, ascéndemos ata a Cruz do Castro e aínda que non temos éxito na procura, si atopamos unhas magnificas panorámicas do val do Almofrei e tamén un muíño de vento en proceso de reconstrucción. Unha balsa de auga empregada nas obras dáme un bo xogo para quitar unhas boas tomas desta mostra singular da nosa arquitectura popular.

Volvemos á carballeira e alí enlazamos cun camiño carreteiro que se interna na serra, e a pouco de gañar algo de altura detémonos nun Miradoiro onde uns paneis nos indican os lugares que comprende a nosa vista. De esquerda a dereita: Carballedo, Paraños e Trabazos, e sobre eles os montes Sión, Castelo, o Coto de Paraños e o monte Valiño. Cara este ultimo diríxenos o sendeiro.

A nosa guía ínstanos a apertar o paso, xa que a ruta ten uns dez quilómetros de lonxitude e aínda nos restan oito e medio, pero son tantos os puntos de interese no seu comenzo que semella unha tarefa imposible. De seguida chegamos á Braña das Pozas Secas, contrariamente ó seu nome, está ben enchoupada e mesmo contén unha pequena lagoa natural, unha cunca que permanece apozada gran parte do ano. O chan está formado por turba que cría pastos frescos ata nos veráns máis secos, e tradicionalmente a súa contorna destinábase á explotación extensiva do toxo.

Pasando unha pequena portela pasamos ó val do Cádavo, que puidemos admirar dende o Miradoiro da Filgueira, onde atopamos o cranio dun cabalo, que espertou o interese da Criatura, sempre sensible ós murmurios dos mortos. Avanzamos por unha pista forestal onde venteaba un chisco e o ceo cobrouse de súpeto esgrimindo unha ameaza que non é quen de desanimar ó grupo, máis si de motivalo para apura-lo paso. Georgia, por esa manía que teñen as guapas, non quería saír nos retratos, pero aínda así non logrou desanimar ó fotografo, que segue engrosando o seu arquivo.

Dende o Miradoiro tamén obtivemos impresionantes panorámicas da zona, de esquerda a dereita: Vila de Arriba e, tras dela, Campolameiro e Fentáns, Parada, Dorna e o Cadavó, derramándose nunha Freixa impresionante, e nese mesmo orde os montes da Cividade e da Conla, e os cotos das Edras e das Gallas.

Non tardamos en mudar a matogueira de carqueixas, uces e toxos que crecían ás beiras do camiño, colonizando os puntos máis altos da serra, polo extenso piñeiral do Monte de Arcela, onde tamén crecen fentos e xestas, grazas á copa clara do piñeiro bravo que permite que chegue abundante luz ó chan. Nós estabamos precisos dela tamén, e Fany colleu algún atallo, a pesares das miñas protestas, tremendo non chegar antes cas tebras ó final da ruta.

A pista ata aquí estaba bastante enlamada, e Georgia enterrou unha das súas botas na lama, por esa querencia que din as malas linguas que lle ten, aínda que non é a única (na querencia, non en soterrar a bota). En tramos mesmo baixan auténticos regueiros polo camiño, provocando a algúns, como Vicki, a facer equilibrios para non molla-los pés.

Chegamos a bo paso ó Miradoiro de A Revolta, onde volvemos repasar a xeografía que nos rodea. O val do Lérez ós nosos pés, o encontro coa ría de Pontevedra, e ó lonxe Viascón e o monte Castrove. Preto de nós, o monte Castelo e os cotos dos Mosquiteiros, das Ratas e da Torre. E completando a estampa, a moi poucos metros, o Foxo do Lobo.

O Foxo é un pozo de planta circular con preto de tres metros de profundidade e dos longos muros de cachote, chamados sebes, que chegan ó quilómetro de lonxitude. Aquí utilizábase o sistema de acoso para darlles caza ós lobos, nunha práctica colectiva na que os veciños eran comandados polo párroco, unha serie de sábados sinalados. Espallábanse en dous grupos polo monte, armando ruído e acompañados por cans, acurralando á fera ata conducila ó interior das sebes, onde a súa sorte estaba sentenciada. No fondo do pozo esperáballe unha ou varias estacas afiadas para ferilo, e era rematado dende arriba.

Traspasamos o portelo por onde quitaban o cadáver do animal e quitamos algunhas fotos no interior, imaxinando a dramática escena de caza, pero non demoramos máis a marcha, xa que o a luz xa estaba minguando moito, e aínda nos quedaba un bo anaco para rematar. Quizais por esto nin Vicki, nin Georgia nin Miguel se acercaron ó foxo, e a verdade é que perderon de ver un dos maiores alicientes da ruta.

Precisamente con Miguel xa fixeramos o sendeiro da Memoria do Lobo, e pensamos que este era o mesmo que visitaramos xusto fai un ano e tres días, sen percibirnos que en Cotobade non hai un senón tres: ademais de este de Paraños, están os do Campo da Anta, na Corredoira e o da Conllosa, en Valongo.

Despois duns metros de estrada asfaltada volvemos ó monte, e temos que facer outra vez equilibrios para sortear un regato que vai cumprido, chimpando ou, coma Vicki, poñendo pedras para improvisar un paso de poldras. Aínda rimos un anaco vendo como cada quen tentaba de non molla-los pes. Este lugar, chamado Os Carreiros, tiña sinalizados varios petroglifos, polo menos no mapa, aínda que nos non atopamos ningún. O certo é que tampouco nos detivemos a buscalos, xa que, como dixen, andabamos xustiños de tempo.

A outra beira da estrada, que tivemos que cruzar, atópase o Chan da Vesada, unha zona deprimida rodeada de pequenos outeiros que está asolagada durante a maior parte do ano, polo que resulta unha boa zona de pasto. Este tipo de terreos denominase braña, e son de gran importancia non só a nivel medioambiental, senón tamén arqueolóxico, xa que arredor acostuman a emprazarse xacementos prehistóricos. Concretamente aquí atópanse tres mámoas, unha ó carón da nosa ruta e outras dúas, as do Coto da Mina, algo máis afastadas.

E dicía Fany que a ruta non tiña demasiado interese... Muíños de auga e de vento, miradoiros e brañas, petroglifos e mámoas, carballeiras e regatos, unha diversidade que poucas rutas teñen e ademais, cunha boa provisión de paneis explicativos de todo o que víamos o noso paso. E aínda nos quedaba algo máis por diante, pero como xa o sol desaparecera tralas montañas non nos detivemos a contemplalo, así pasamos polo Chan dos Muíños, onde se atopan os de Morgade e os da Costa, “bestas de tiro da economía tradicional”, como ben sinala un deses paneis, onde conducían a auga do Chan da Vesada.

Baixamos a bo paso polo Camiño da Costa, que unía Cuspedriños e San Xurxo de Sacos con Paraños, onde aínda perduran as rodeiras dos carros fendendo no pavimento, e por onde chegamos a esta ultima poboación, coa chegada das tebras.

Estas obrigáronnos, co bo criterio da nosa guía (aínda que eu rosmara un chisco), a facer o derradeiro tramo, ata Carballedo, pola estrada. As temperaturas baixaron con brusquidade, e quen máis quen menos tiña algo mollados os pantalóns e as botas, e o ultimo quilómetro foi, como adoita ser, o de maior sufrimento, polo menos para min, que andaba doente dun xeonllo e tiven que completa-la ruta apoiado nun bastón.

En casa da nosa anfitriona agradecemos o calor da lareira, cambiámonos de roupa e de calzado e asamos unhas castañas, mesmo houbo algún, como Miguel máis eu, que dimos en tomar unha cunca do caldo que sobrou do xantar. Tan a gusto estabamos que non nos decatamos de que tiñamos que regresar con prontitude á cidade para atender as nosas obrigas (polo menos Georgia, pero como somos así fixemos a obriga colectiva).

Tratáronnos ben estas terras de Cotobade, e mellor a nosa nova eivadiña, así que prometemos volver a procurar novas rutas.



2 comentarios:

  1. Vampiria, you are my destiny
    my only love and true destiny
    vampiria...

    you¹re a beast, evil one
    above your head lays a star
    in your heart is buried the jewel
    of a serpent who wished to die
    your red long tongue has her poison
    and you will spread it as you breed
    in a unique transylvanian dream
    conceiving the creed of all creeds

    vampiria, fly vampiria

    in your eye burn, defying
    all those who in silence sleep
    in a city once named desire
    dreaming with the entombed dear

    the lady has fallen in a blossom
    spread far away by undesirable winds
    to females conspiring in gloom
    hiding your pearls from the pigs

    so open your arms !
    they were shaped as wings
    a serenade of revenge draw in your lips

    the sombre hill you¹re staying in
    is now defined
    and your star had start to shine

    depart now on your bright wings
    the world envy
    the skies have always seduced you
    precious queen
    and you know your time has come
    to fly away with me, so far...

    ResponderEliminar
  2. Para comezar darlle as grazas a Fanny x acollernos e darnos de xantar e logo dicir que foi unha boa pateada para comenzar o ano. E non e que non quera sair nas fotos senon mais ben evitar que haxa que tirar coa metade.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores