E168 Trilho da Pía dos Quatro Abades (Paredes de Coura)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS


Oito amigos no camiño

Sol, 09-05-010.

Anxo sabe das miñas dificultades ultimamente para escribir sobre calquera cousa, é coma se de repente, as palabras desaparecesen dos meus rexistros máis socorridos, e estas se empeñasen en permanecer silenciosas, se negasen a saír tanto no oral coma na escrita. Estou afeita a ter unha vivencia no camiño e non acabo de chegar a casa e xa estou a escribir no pensamento a historia que pugna nerviosa por saír, coma se tivese moita presa por exteriorizar as impresións, mentres estas están frescas no sentir e na experiencia vivida, para que non se escape nada, ou polo menos, o mínimo. Pero desta vez tiveron que pasar exactamente 20 días para que lle cumprira ao meu amigo coa súa petición de plasmar os camiñares que tivemos ese domingo oito amigos, un domingo que se presentaba chuvioso, e milagrosamente, sen chuvia mentres facíamos o percorrido por Paredes de Coura, terriña de grandes rotas, e non falo da lonxitude precisamente. Así que tentarei acudir á memoria, esta memoria da que renego tantísimas veces, porque non me resulta fiable, porque a asocio a lembranzas que xa non existen, porque creo moito máis no mesmo intre en que se está a vivir, e nese intre, nese día, si que parece que agora volven as sensacións que me ocuparon, das conversas e dos silencios que mantiven, do que compartín cos meus amigos e do que estes me entregaron. Si, vai volvendo todo a este mesmo instante no que a lembranza transmútase en vivencia, outra vez.

Quedaramos no Concheiro. Esa mesma mañá chamei a Anxo para dicirlle que o recollía eu. Coma sempre con Eivadiños, non tiña nin idea de quen acudiría, e tampouco me importaba!!, sabía que estaría Anxo. Pero esa mesma mañá tamén chamaba Ramón para saber qué ía facer eu, e ante o comentario de que ía con Anxo, me dixo que el e Yuka tiñan pensado ir a Sistelo pero que en principio quedaban a xantar con nós no noso querido e saboroso Stop, o rei do arroz malandro. E non acababa de colga-lo teléfono cando tiña chamada de Xurxo, el e Maca tamén se apuntaban a un domingo de malandro e pateada. Eu tiña que volver a Vigo cedo e eles tamén, así que o plan lles pareceu bo: comida, pateada lixeira e regreso temperán á cidade.

Cando cheguei ao punto de encontro Anxo xa estaba a agardar. Uníanse Panete e Alex, e esta señorita sería a taxista, co meu coche pitando en cada curva por falta de aceite e chovendo a cántaros, se os meus amigos ían nerviosos co asunto, aí ninguén dixo nada, jajajaja...., eu lles dicía : confiade en min amiguiños!!, total!!, outro remedio mellor non tiñan, jejeje.....

Chegada ao Stop. Estaban coas carreiras de fórmula 1 e Yuka, Ramón e Panete andaron espelidos para coller posicións na mesa que lles permitira seguir a retransmisión, aos demais creo que nos interesaba máis a ración de arroz malandro que iamos papar en breve. Momento importante de negociación entre Anxo e Ramón en canto a destino de pateada, Anxo na liña Eivadiños, Ramón entusiasmado ese día con Sistelo. Os demais tiñamos claro ese día que sería na liña Eivadiños, e queríamos que Yuka e Ramón tamén se sumaran a esa opción. Yuka acabou gañando desta vez e acordamos ir todos facer o trilho Pía dos quatro Abades.

Rematada a delicia culinaria, especialmente rica ese día, non sei se porque había tempo que non a cataba ou se porque a cociñeira estaba inspirada, collemos rumbo ata a freguesía de Mozelos e ata a capela da Nosa Senhora da Pena, onde empezariamos a facer pasos e compartires conxuntos, nese momento aínda por vivir. Eu estaba silenciosa de máis tal vez, sen moitas ganas de exteriorizar elocuentemente, senón máis ben dende unha quietude interna tirando a melancólica, que non contiña tristura senón soamente quietude, ás veces se confunde, pero estaba recentemente regresada dunha experiencia de quince días moi intensa no recollemento interior e calquera ritmo me parecía excesivo, incluso esta pateada suave e que de todas todas se presentaba moi relaxada para todos. Foi empezar a patear e a chuvia que nos acompañaba cesou, agasallándonos cunha camiñada seca e amable. Diante, Panete, Alex e eu, máis atrás, Yuka, Ramón e Anxo; e máis atrás aínda, Maca e Xurxo, todos deixándose escoitar e axustándose ao ritmo que mellor lle sentaba a cada quen. Pero aínda así, aínda que non tiñamos un camiñar compacto, si que se sentía a unión dos oitos, a unidade do grupo.

Entre camiños bonitos e con vistas panorámicas da zona, chegamos a un alto cunha formación curiosa de penedos onde nos detivemos. Todos agás Yuka e máis eu foron exteriorizar o grito interior no medio deses penedos, testemuñas mudas e silenciosas da voz interna que se permite saír. Uns botaron berros que contiñan iras non exteriorizadas, outros ledicias do momento, outros un grito silenciado pola tarde. Eu......, ficaba sentada nun penedo no que me sentía a raíña do meu ser, tranquiliña e observadora das cores entre grises e verdes que natura me ofrecía, acompañando aos meus amigos na escoita dos seus explaiamentos, a miña necesidade era máis calada, solo era e estaba, nin tan sequera os pensamentos ousaban interromperme nesa tarde suave e tranquila. Yuka, detrás de min, fiel coidadora do GPS, alias "el niño", como cariñosamente lle chamamos.

E seguimos a camiñar con pasos doces nesa tarde de domingo, o ánimo xeral era de ritmos lentos e despreocupados, sen presa ningunha por chegar a ningunha parte máis que cando nos tocara chegar, sen horarios, sen obxectivos de marcas exactas, con fotos, con plasmares instantáneos de instantes que xa deixaban de ser pero que quedarían reflectidos en actitudes, rostros, paisaxes....., eternamente!!, atrapando un instante, unha vivencia, un sentimento, un respirar, unha loucura, unha cordura, un sorriso ou unha raxada de saudade.

Non levariamos unha hora de pateada e xa nos detivemos no primeiro bar que atopamos para tomarnos un cafeciño. Estaba visto que desta vez o que menos ía contar eran os pasos no camiño, que tamén!!, pero o que estaba a contar hoxe é que nos sentiamos todos moi ben xuntos, Anxo e Panete contándonos da aventura que viviron ambos facendo a mesma rota, perdidos, case de noite e non sabendo exactamente por onde andaban, falando dun cartel que anunciaba nunha festa do lugar a " señora peideira e family ", ou algo así!!...., sacando a miña gargallada e o meu humor para fora, por moi tranquiliña por dentro que estivera, fíxome rir este Anxo con tódalas ganas. Ou momento foto nese lavadoiro tan peculiar, con tantas divisións, na freguesía de Venade. Curiosa construción!!!. Momento de conversas agarimosas con Maca, tan namorada!!, ver a estes dous, tan namoradiños, con tantas demostracións de afecto, non sei se me dan envexa ou se me levantan bóchegas, aínda non acabei de decidir ou de identificar o sentimento que me inspiran, unhas veces os vexo tan melosos que me da arrepío, e outras se me quece o coraçao, agradecida de que polo menos, isto de estar namorado aínda existe, porque máis dunha vez teño pensado que iso de estar namorado e demostralo xa é algo que pertence ao mundo de utopía, así que creo que si, que é unha boa cousa e que haberá que agradecer poder contemplar a unha parelliña de ruliños facendo manitas e esas cousiñas tan afectuosas.

Camiñando camiñando, dimos cun cemiterio que non teño nin idea de onde queda colocado xeograficamente. Arrepío me deu entrar aí!!, de verdade!!, e iso que eu non son nada melindrosa para esas cousas do máis alá, e que incluso me gusta pasearme polos silencios especiais que emiten estes lugares, pero ese en concreto, tiña unha desas enerxías densas que fixeron que así cómo entrei, saín. Polo que parece non fun a única que tivo sentires enerxéticos aí, creo que Miguel e Alex tampouco ficaron moito aí dentro. Era macabro de máis, non sei, algo " raro ". Anxo no entanto, cómo Perico por su casa, oigaaa!!!, foto por aquí e por acolá. Quita, quita!!!!, e imos continuar no caminiño dos vivos e do máis acá, que a tarde estaba resultando bonitiña coma un sol, a pesares de que Lorenzo andaba ausente.

Chegados á altura dunha capela, que para non variar, non lembro como se chama, se me deu polo momento cabritiña, e fixen a rolda polo muro, facendo de equilibrista, cousa que me encanta e a que non renuncio por nada do mundo cando iso é o que o corpiño me di que faga, non importa que o muro non tivese máis dun metro de altura, a min se me antolla que estou no alto dun precipicio, que o muro é unha corda e que eu estou a pasar dun extremo ao outro, toda a miña concentración neses pasos, se me distraio podo caer ao abismo!!...., encántame!!!. Se non podemos ser coma nenos en plena natureza, onde imos selo entón!!!.

Atravesando fincas, todos demos mostras de pasar e ser os reis do mundo, escalando muros. Pero quedamos coma simples aprendices de camiñantes cando detrás de nós viña unha muller, xa entrada en anos, que saltou o muro coma quen pasa por enriba dunha pedra pequena, e seguiu o seu camiño coma se nada, deixando a nosa odisea niso, en nada!!. Lección sobre a relatividade das cousas!!. Outro momentiño fotos, posando e todo, e sorrindo!!, non hai nada como pasar unha tarde cos amiguiños, así, como estaba a ser esta tarde fermosa, co ceo protexéndonos da chuvia, coma dicíndonos : ala neniños!!, disfrutade e compartide bos momentiños, que xa están no voso haber, e coma sodes moi boiños e o estades a facer ben, eu deixo esta parte do mundo sen chuvia mentres na cidade está caendo unha de coidado para os urbanitas e os que optan pola sesión sofá.

Chegada a Porreiras e a esa fantástica Eira Comunitaria, cunha enerxía tan presente de antigos movementos aínda roldando no ambiente. Fotos, fotos, fotos......, cans ladrando, e os oito amiguiños deixándose sentir. Cando volva por aí, sei que vou seguir sentindo exactamente o mesmiño, xa debe ser a terceira ou cuarta vez que deixo a miña esencia no lugar e non me cansaría de volver contemplar eses hórreos e a mesturar as distintas vivencias e impresións do lugar, con esta xentiña e con outra que hoxe non estaba aí pero que si estaba realmente, no meu sentir, no meu corazón, nas miñas captacións antigas e presentes.

Seguimos non sen antes Anxo volver a inmortalizar, unha vez máis, un buzón super mega orixinal que solo os portugueses poden idear dese xeito sen que quede absurdo, senón polo contrario, queda instalado de forma tan natural e bonitiña, que o meu amigo é incapaz de resistirse a volver a fotografalo. Nos quedaba un derradeiro tramo, bonito e agarimoso, entre arboredo frondoso que nos ía levando pouco a pouco monte arriba, entre pinos e eucaliptos, ata chegar ao remate da nosa pateada e aos coches.

Coma se ese fose o noso tempo concedido, nada máis chegar, despois dos estiramentos, do momento despedida e de meternos cada quen nos coches para regresar á city, o ceo dixo : ata aquí!!!, e empezou a chover coma se lle debésemos cartos ou algo así, e sen presa pero sen pausa alá nos viñemos, co meu coche pita que te pita facendo o seu reclamo de alimento oleoso e a miña promesa interna de que aguantara, que lle ía cumprir coa petición.

E unha vez máis....., colorín colorado, a nosa andaina tivo o seu tempo rematado.

Este tipo de nutricións, non solo abarcan un mantemento físico, aquí nos nutrimos de máis, de moito máis. Cómo non ía ser así??. Os Eivadiños, grupo noctámbulo e camiñantes da noite, que madrugan un domingo e outro, e outro máis..... Os amiguiños de Sudando Botas, que deixan unha das súas paixóns, Sistelo, por compartir pasos lenes e relaxados, os namorados, que sen necesidade de alguén alleo ao seu sentir optan por ofrecelo ao mundo. Eu, cos meus silencios calados de máis neste día, namorada perenne dos camiños, porque estes nunca me pediron nada máis que a capacidade para saber aprecialos, namorada dos meus amigos, porque cada un deles nunca me pediu nada que eles mesmos non foran quen de dar.

Seguridade dunha cousa : seguiremos xuntándonos neses camiñares conxuntos, de milésimas de pequenas nutricións que nos fan apreciar os sentidos axeitados desta gran escola que é a andaina pola vida, pola vida que ten sentido e fundamento, a base sólida que solo poden ter as grandes construcións, as que perduran. Polo menos o tempo que nós decidamos que así sexa.

Salo.

1 comentario:

Archivo del blog

Seguidores