E181 Sendeiro circular do Baixo Tea (Salvaterra)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 19 de agosto de 2010

Non tiña previsto facer eu a crónica desta vez, a verdade, pero os Eivadiños ma endosaron a hora do xantar así coma quen deixa caer as cousas con naturalidade, e con naturalidade o recollín. Todo viu a colación dunha mensaxe que recibía Nacho na que o grupo co que saímos o sábado de andaina lle dicía que por decisión "unánime", jeje..., lle tocaba a el facer á crónica da andaina que fixemos, así que o Anxiño aproveitou e me dixo que me tocaba a min facer tamén a de Eivadiños. Pero segundo ían pasando os momentos me alegrei moito de ser eu quen a fixera, porque este domingo Eivadiño foiche un día moi bonito e especial, de moitos bos momentos compartidos, e que sexan as miñas palabras as que van a describir o día me fai sentir ben, espero que aos meus amigos lles faga senti-lo mesmo.

A idea era a de sempre, ás 12,15 no Concheiro, e a partir de aí xa veriamos.....

Eu espertaba pola mañá ás 10 cunha sensación que non tiña dende hai moitos anos : cando soou o espertador me erguín dun chimpo pensando qué??, quen son, onde estou, qué pasa aquí?????......., deitárame máis alá das catro e media da mañá e aínda tardei en durmir tras un sábado intensísimo de saída sendeirista con remate nas pozas quentes ourensáns de Outariz que me quitarían os suores pasados para irnos dereitiñas a Vigo, cear e irnos a un concerto Alféizar polos mineiros chilenos atrapados. Deixamos nesa sala novos suores e aínda nos reunimos cos compañeiros da andaina da mañá, que celebraban aniversario e decidiron vir a xunta de nós a ver a actuación tamén. E máis bailoteo!!. Nese momento pensei seriamente se mandarlle un sms a Anxo para dicirlle que non ía á saída Eivadiña, porque xa o venres me había deitado tarde para madrugar o sábado, pero puido máis a vergonza de saber que eles saen cada fin de semana, se deitan a horas moito máis intempestivas, e aínda así aí están cada domingo ás 12,15. Ás veces avergonzarse das posibles accións que podes facer está moi ben e é de sabios facer caso da conciencia porque o que acabei vivindo neste domingo Eivadiño foi unha gratísima xornada e me houbera perdido a compañía desta xentiña que me deposita os seus afectos e nos que eu deposito os meus tamén.

Así que andaba eu medio zombie tentando saber qué tiña que levar, qué roupa, qué calzado....., as botas!!, de repente acordeime de que me deixei as botas no coche de Nacho cando iamos ás pozas o día anterior. Sen apenas tempo vestín o primeiro que atopei e chamei a Nacho, o boiño me dixo que mas levaba el ao punto de encontro. O punto de encontro cambiaba nesta ocasión, en Vigo había unha carreira de coches imposibles que baixarían a toda velocidade polas rúas repletas de fardos de palla e os accesos estarían pechados, así que Ramón me chamou para dicirme que quedabamos en Puxeiros para reunirnos. Cando cheguei Nachete xa estaba a tomar o cafeciño e platicamos un rato en espera dos Eivadiños, Nacho apuntábase ao xantar aínda que non á pateada.

E aí foron chegando todos puntuáis : Yuka e Ramón, Anxo e Alex. Anxo propuxo ir xantar ao Noso Eido, en Salvaterra, porque a necesidade neste día era a de patear por sombras e con opción a baño, facía calor e polo menos o meu corpiño non estaba para moitos aguantes e moitas festas que diso xa viña de ter dabondo tanto o venres coma o sábado, así que a pateada sería Salvaterra-Ponteareas ata onde chegáramos, e despois dar media volta, o Anxo tiña quenda de noite e nos dixo que tiña que estar cedo en Vigo. Nacho na súa flamante moto azul metalizada, eu con Anxo e Alex no seu coche, e Yuka e Ramón por outro lado, enfiamos a encher os bandullos ao Noso Eido. Nós fomos os primeiros en chegar, nos ofreceron unha mesa de pedra redonda debaixo da parra que por enriba tiña un paraugas facendo de parasol, por se se colaba algún raio de sol traizoeiro. Se estaba tan ben alí á sombra, tomando un aperitivo mentres o resto dos compañeiros chegaban!!. Me encantan as mesas redondas, todos estamos con todos, non hai ángulos e ninguén queda nunha esquina, estou convencida que en mesas de estas características se dan outro tipo de interaccións, e este xantar que compartimos foi dunha harmonía insuperable. Bo humor, conversas con fundamento, sinceridade nas exposicións, naturalidade na fala, amigos sabéndose amigos e optando por mostrarse. Descubrimos gustos e preferencias nesa mesa redonda que non se poden repetir aquí, jajajaja...., e tampouco estou certa de expoñer o contido desas conversas, sobre todo cando pouco a pouco e quentando motores se ían poñendo cada vez máis explícitas e ardentes , jajajaja...., e para calores xa había dabondo cos que ofrecía Lorenzo así que nesta ocasión vou ser prudente, por min a primeira!!!, jajajaja.... O certo é que se estaba moi ben. Anxo, Yuka, Ramón e Nacho paparon unha boa fonte de peixes varios, e Alex e máis eu preferimos choquitos á grella sen que faltara unha boa ensalada de tomate, e tan boa pinta tiña que Nachete acabou pedindo unha fonte máis deses tomatiños roxos e carnosos de tan ricos. Uns treixadura e outros cervexa, non dabamos arrincado a patear!!!!!. Foi unha desas comidas nas que se está tan a gusto que queres demoralas, ningún queriamos que se acabara ese bo rollito que se estaba a sentir. Pero!!......, esta era unha saída Eivadiña, e tocaba a segunda parte.

Despedida de Nacho e os cinco Eivadiños empezamos a nosa andaina dende Salvaterra e rumbo a Fillaboa. Eu estaba contenta coa elección, sabía que o camiño ía ser amable, fresquiño, coas augas do Tea dispoñibles, e tanto rollo coas botas para o final decidir que ía ir coas miñas sandalias de treking, non me apetecía nadiña levar os meus pés encerrados nas botas, o Alex me avisou : Salo!!, que sabemos como empezamos pero non como acabamos!!, pero arrisqueime. Atopamos que a marea estaba baixa e Anxo propuxo explorar pola illa de Fillaboa, Yuka e Ramón parecían de acordo, pero o Alex e máis eu non estabamos pola labor, jajajaja...., e desta vez gañamos nós, eu solo de pensar de patear ao sol xa me daba algo, e aínda tiña recente a pateada do domingo anterior por Valença. Non non non....., Alex e esta señorita se uniron no desacordo, e debiamos de telo moi claro porque non se dixo máis, a seguir cara a Ponteareas!!!...., desta vez gañaban dous de cinco.

Qué ben se ía polas sombras pegadiños ao río!!, a tranquilidade que non me puiden permitir dende o venres por tódalas actividades que se me presentaban para o finde por fin se instalaba, ofrecendo un silencio interno que agradecín como poucas veces, me sentía fluíndo co río, coa tarde, coas árbores, cos meus amigos. E o ambiente natural ía facendo en cada quen os seus efectos. Yuka e Ramón tamén tiveran un sábado digno pateante polo Morrazo, e nesta tarde se ían deixando levar por un ritmo máis demorado, facendo os dous fotos cada un coa súa cámara, deixándose influenciar polo entorno que invitaba ao repouso, ao disfrute dos sons do río. O Anxo chegounos vestidiño de camiñante elegante, guapísimo co seu pantalón novo gris e negro, e cunha camiseta negra a xogo, tanto me gustou o pantalón e máis o prezo que vou comprar un par deles para min xa que tiven que darlle pasaporte a un pantalón que se me rompeu hai pouco nunha pateada. El e Alex ían diante de amiguiños mentres eu lles sacaba fotos, que bonitiños estaban así, de camaradas, dándose apertas e falando das súas cousas. Yuka e Ramón ían detrás disfrutando a súa propia andaina, e esta que escribe ía no medio disfrutando de si mesma. Non foi unha tarde de manternos pegados ou de grandes conversas, esas quedaron na mesa redonda, jajajaja..., estabamos unidos pero coa necesidade de estar cada un ao seu aire, ou polo menos eu o vivín así e me estaba sentando de fábula.

Pasamos por un muíño que tiña peto de ánimas, qué curioso!!, Yuka lle sacou unha foto e titulouna : "muíño mix", nos fixo moita graza o comentario. Paramos nunha árbore ao pé do río que tiña unha corda para tirarse e alí tamén nos retratamos, bonitas fotos, bonitos sorrisos, e mellores sensacións de amizade, no tacto, na aperta, momentos deses que sintes que non te falta de nada porque en ese preciso instante sintes con tódolos poros que o ten todo e que nada podería ser máis perfecto que ese momento que se está a vivir.

Seguimos andaina e chegamos a Arxén. Alí tiñamos bar para refrescar as gorxas cunha cervexiña, pero o bar estaba pechado. O noso gozo nun pozo!!, pero tampouco o tomamos á desesperada, a ruta estaba a ser tan amable e tan grata que neste día nin a falta de cervexiña no camiño nos ía afectar. Pero!!!, demos en cambiar o plan e facer a volta pola outra marxe do río. Non puidemos ter tomado mellor decisión, e esta foi unánime!. Qué bonito percorrido de volta!!, e cantas sorpresas!!!. Deste lado non pisaba tanta xente, todo era máis enxebre, máis natural, as árbores medraban sen talas e xuntaban as súas follas coas árbores veciñas, as sombras eran máis xenerosas, o camiño era invitador. É verdade que tivemos tramos máis complicados de atravesar, e algunha que outra loita coas silveiras, pero estas hoxe ata tamén estaban xenerosas en condescendencia e non nos puxeron pegas ao noso avance, aí si que lembrei a advertencia de Alex con respecto ao meu calzado e a que sabes como empezas pero non como acabas, tiven un bo corte nun dedo, pero non foi a maiores a dificultade.

Bueno bueno bueno......, tremendo espectáculo no primeiro campo de millo polo que pasabamos nesta marxe do río!!!!. En qué momento nos metemos nunha película de terror que non nos enteramos??. O milleiro tiña a modo de espantallos toda unha exposición do xénero de terror macabro digno de darlle ideas a algún guionista. Unha boneca sen bragas era a anunciante do espectáculo, alí de pé, como desafiando e invitando ao mesmo tempo a ver mellor ao teu arredor porque tiña tal presenza que se non ampliabas a visión non te decatarías do que se mostraba no medio, nas esquinas.... Caretas terroríficas, monstruosas, penduradas das ramas do millo. Había unha que parecía un jíbaro sen menguar, parecía tal cal un home ao que lle arrincaron a pele e a deixaron alí exposta como para insinuar que non seguiras adiante ou se o facías que te ativeras as consecuencias. Outra parecía saída dun comic tipo "o capitán marabillas", ou "mazinguer Z", jaja..., outra máis era un careto verde coa boca aberta, ameazante, cos ollos inxectados en sangue, en fin....., unha proxección de terror en plena natureza nun día soleado e aberto no que non te esperas atoparte semellante película. O Anxo se puxo as botas fotografando o espectáculo mentres os demais faciamos momento descanso xa que intuímos que a cousa ía para largo.

Pero é que a cousa non acababa aí!!, tras seguir camiño o seguinte campo de millo non ía ser menos que o primeiro, coma se os paisanos se puxeran de acordo para que a película tivera continuidade, e nos atopamos con algo " colgado " cunha forma rara, máis ben era unha masa informe, eu pensei que era unha gorra desfiada, pero....., carallo!!!, era un corvo morto colgado do pináculo!!!. Ao Anxo os ollos lle fixeron chiribitas e preparou a súa cámara para retratar semellante cousa para a que non teño palabras. Nese campo tamén deron en aproveitar xerseis vellos e demais roupas para colgalas coma se fose un tendal ou un expositor de camisetas con fondo de millo verde. Alucinante!!!. E no seguinte campo, como non, máis!!. Outra boneca nos esperaba colgada por un corda, eu ao principio e dende lonxe pensei que era unha boneca aforcada, de feito, nun arranque cruel, aforqueina eu mesma para volver a desaforcala que iso me puxo mal o corpo ata a min, pero cando nos achegamos a corda a tiña pola frente. Tamén houbo sesión foto para inmortalizar o que poderiamos dar en chamar "campos de millo sanguentos", todos lembramos a famosa película "los chicos del maiz", e o Anxo decidiu que esa noite laboral sería a base de sangue, zombies e demais diversións dese estilo (para quen as queira!!), como para seguir entoando o ambiente ofrecido.

Seguimos o noso percorrido por camiños caminiños, o Alex estaba empeñado en seguir por eles a pesar de que xa tiñamos dispoñible unha pista que nos levaría seguro ata Salvaterra, pero el estaba máis seguro aínda que polos sendeiros iamos chegar igual así que el era o noso guía nesta tarde exploratoria pola outra marxe do río/Tea e xa sabemos que aos guías hai que seguilos poñendo a confianza en que nos levará a porto seguro, ou non, jajajajaja!!!!...... Pero desta foi que si.

Chegados á ponte romana paramos para momento baño, a tropa dos catro non tiña pensando pero eu non me ía hoxe sen un baño, e menos sabendo que as augas estaban boísimas, así que baixamos e eles fixeron fotos e descansaron mentres eu me mergullaba nunhas augas nada limpas, estaban moi turbias, pero nunca fun exquisita neses temas que na casa hai auga e xabón e cremitas varias para solucionar ese tema. E o certo foi que estaban boísimas, nadei un pouco e deixeime refrescar e enfriar o corpo nunha tardiña que xa ía marcando o tempo e anunciando o remate do noso día, así que non fixen esperar máis aos meus amigos e vestinme para seguir andaina, xa nos quedaba pouco máis de un quilómetro.

Chegados a Salvaterra Anxo, Alex e máis eu atravesamos o parque que estaba inzado de xente, Anxo dixo que cada vez levaba peor esas aglomeracións, benvido ao club compañeiro!!. Atravesamos un macro parque infantil cheo de papás columpiando aos seus fillos, griterío, xente no céspede...., qué diferenza ao que acababamos de vivir, aí non se podería escoitar un son da natureza nin pedíndoo por favor.

Nos fomos ata Monçao a tomar as cañas no Escondidinho, e regreso a Vigo que aínda quedaba chegar a casa e decatarnos de que mañá é outro día, este no que xa é e se fai esta crónica Eivadiña.

Magnífico día compartido dende o primeiro minuto ata o derradeiro momento. Qué máis podo dicir??.... Agradecida!!!.

Coma sempre, quedarán tantísimas cousas no tinteiro!!, tantos momentos que non teñen palabras que os expliquen, porque se trata de sentires, desa cobertura emocional á que tanto alude Anxo. Como explicas unha aperta dende o corazón, ou un apoio que sentes que te están dando e que unha tamén ofrece??, como pos en palabras un momento compartido no que solo cabe o que estás a sentir nese momento?. As conversas entre dous ou entre todos, ou describir o contacto e o tacto...... A veces quedo coa sensación de que puiden expresalo mellor, e coincide sempre cando o disfruto tanto que as palabras non chegan para transmitir iso que vivín.

Quérovos.

Salo.

1 comentario:

Archivo del blog

Seguidores