Domingo, 26 de setembro de 2010
Agora semella que foi noutra vida, e de certo que aconteceu no século pasado, cando xunto cunha parella de experimentados piraguistas pontevedreses descendín o derradeiro tramo do río Almofrei, chegando ó lugar de Ponte Bora, onde este suma as súas augas ó río Lérez. Lembro que naquel outono chuvioso ía moi caudaloso, e o descenso era unha sucesión de rápidos que precisaban de moita atención e pericia para sortear os numerosos penedos, chapacuñas e ramalladas espallados ó longo de todo o leito. Por veces tiña a impresión de estar nun parque de atraccións, e aínda que os meus acompañantes tiñan bastante controlados os pasos, non por iso deixaba de decatarme do risco dun naufraxio nun entorno de aceso bastante complicado.
Agora semella que foi noutra vida, e de certo que aconteceu no século pasado, cando xunto cunha parella de experimentados piraguistas pontevedreses descendín o derradeiro tramo do río Almofrei, chegando ó lugar de Ponte Bora, onde este suma as súas augas ó río Lérez. Lembro que naquel outono chuvioso ía moi caudaloso, e o descenso era unha sucesión de rápidos que precisaban de moita atención e pericia para sortear os numerosos penedos, chapacuñas e ramalladas espallados ó longo de todo o leito. Por veces tiña a impresión de estar nun parque de atraccións, e aínda que os meus acompañantes tiñan bastante controlados os pasos, non por iso deixaba de decatarme do risco dun naufraxio nun entorno de aceso bastante complicado.
Cando Ramón e Yuka me falaron da apertura dun sendeiro polas marxes do Baixo Almofrei, partindo dende Ponte Bora, faltoume tempo para pedirlles que me levaran alí, máis planearan ir o sábado, que para min era día de escola, con Montse, a nosa entusiasta eivadiña de Pontevedra. Falei con ela e non tivo inconvinte en muda-la data, así que quedamos os catro para o día seguinte, aproveitando ademais que as previsións meteorolóxicas insistían en negar o outono e, polo tanto, que nos engadía o aliciente de nos poder mergullar nalgunha poza de augas cristalinas.
O día amenceu certamente con altas temperaturas e ceo despexado, e ó mediodía saímos os catro cara Ponte Bora, onde nos agardaban Maca e Xurxo. Tamén estaba alí Miguel, un rapazolo vasco que viña canda eles, e que se estreaba na fórmula eivadiña, e agardamos que, a pesares dos atrancos que tivemos no inicio, lle prestase tanto como para recuncar. Porque o certo é que tivemos algún problema de loxística, xa que dende que pechou o chiringo que estaba a carón da ITV, non volvemos atopar ningún lugar axeitado para xantar.
Montse tiña en mentes un restaurante en Xeve, que estaba pechado, e despois decatouse de outro en Viascón, que non daba comidas os domingos, e finalmente rematamos en Tenorio, co reclamo dunha polbeira que, ás beiras da estrada, franqueaba as portas da Casa Díos (non confundir coa casa de Díos, onde xo dan hostias). A pesares de que estaba bastante concorrida puidemos atopar un curruncho onde nos meter e pedir, ademais do preceptivo polbo á feira, un par de tapas de chipiróns, pementos e xamón asado.
Tardaron un mundo en nos servir, e a pesares de que todo era comestible non foi como para repetir. Eso si, para compensar pola tardanza e polo pouco xeito na cociña, agasalláronnos cunhas gorras militares co nome do comedeiro, por se tiñamos intención de volver. Semellabamos, agora máis que nunca, os restos do exército de Pancho Villa cando chegamos a Ponte Bora.
Era outro o Almofrei que eu lembraba, os ríos mudan de textura, de cor e de son, eu sosteño que son organismos vivos e que mesmo teñen estados de ánimo. O que levaba eu na miña memoria era vértigo, escuma branca, abismo e naufraxio, ruxido de treboada, alento ártico, velocidade e adrenalina, e agora atopaba un leito amable, que discorría paseniño, adelgazado e silencioso, como se quixera deixarlle protagonismo ó sendeiro que estábamos a sementar coas nosas pegadas.
Ramón e máis eu desenfundamos as nosas cámaras co mesmo afán que un francotirador no sitio de Sarajevo, aínda que con mellores intencións, mentres o resto do grupo nos quitaba algo de vantaxe. Eu non estaba especialmente faladeiro, así que din en escoitar o que me dicían os meus adentros, intentando reconciliar o que fun có que son, mestres atendía a toda a beleza que nos arrodeaba. Non sei quen comentou, quizais Xurxo, o incrible de que este paraíso estivese agochado a poucos metros da estrada, tan preto e tan lonxe.
Pasamos o carón de carballeiras e soutos que se alternaban ca fraga característica de ribeira, maiormente salgueiros e bidueiros, seguindo os carreiros que, durante séculos, mantiveron abertos os pescadores da zona. Moita é a vida que se agocha no leito e nas beiras deste e dos mil ríos que como veas danlle vida á nosa terra, e penso que é tarefa de todos que non se perda, porque en cada verquido e en cada encoro, en cada nova agresión a cada bacia fluvial, perdese algo noso.
Nestas reflexións chegamos ós Pasos de Portamuiños, que nin tan sequera lembraba, quizais porque cando pasei por aquí co meu barquiño estaban mergullados baixo unha nube de augas brancas. Neste punto fixemos reunión, e volvémonos deter para facer inventario dunhas imaxes que nos levan a outra época, cando unha boa parte da economía rural dependía tamén do que movían estas augas. De tal xeito que á nosa dereita saía un camiño carreteiro cara o Salgueiral, pero nos seguimos pola esquerda, despois de mudar de ribeira, polo sendeiro de pescadores, cara o lugar de A Balea.
O Miguel semellaba afeito a camiñar, xa que ás veces comandaba o noso grupo sen complexos, e Yuka alternaba o manexo do mapa co do gps, para saber en todo momento en que lugar nos atopamos, marcando os puntos de interese coa minuciosidade dun cartografo doutro tempo, mentres Maca aproveitaba calquera parada para aloumiñar o seu compañeiro ¡daba ata un pouco de envexa tanta tenrura!.
Chegamos ó impoñente e fermoso Muíño da Bouza, que se atopa totalmente restaurado, e dende aquí afastámonos algo do río, para avanzar por un carreiro que nos dá unha visión algo máis aérea da fraga de ribeira, e onde a tarefa de desbroce penso que foi algo excesiva. De tódolos xeitos este tramo é a entrada precisa para un dos lugares que máis firmemente mantiña ancorados na miña memoria, sinalado no mapa como As Fervenzas. A máis grande dela foi escenario dunha dos saltos máis arriscados que admirei na miña curta vida de piraguista de augas máis ou menos bravas.
A poza é algo espectacular, e a muralla vertical de pedra que a antecede, non da moitas garantías para unha boa recepción. Naquel día formábase un rebufo impresionante, deses que son quen de partir calquera embarcación, e o canal natural para o descenso remata nunha pedra que semella a punta dun coitelo. Puxémonos dous tipos con cordas de seguridade para un eventual rescate, aínda que o experto rapaz que se decidiu a sortealo non o necesitou. Non preciso dicir que eu baixei do meu barco, cargueino no ombreiro e descendín a pata, facendo equilibrios pola beira. Nese mesmo tramo está agora protexido cunha pasarela para facilitalo noso avance.
A nosa actividade, desta vez, foi máis relaxada, pois dimos en mergullarnos nas augas agarimosas do Almofrei. Ramón, Yuka e máis eu fixemos algúns pasos arriscados para nos mergullar na poza, aínda que ó final a nosa guía non se decidise a proba-la auga (que estaba boa de verdade), mentres o resto do grupo seguía o camiño e facía o propio no alto da fervenza. Despois da chapuzada houbo outra sesión excesiva de fotografías pero o certo é que o entorno ben o merecía.
Non semellaba que puidesemos seguir camiñando ó carón do Almofrei, e aínda que as marcas do sendeiro nos obrigaban a ascender din en investigar río arriba chimpando entre os penedos, xa que as ribeiras estaban impracticables, ata chegar ata unha chapacuña onde xa me foi imposible continuar.
Subín como puiden monte arriba, e dende alí boteilles un aturuxo ós meus compañeiros para que me seguisen, pois non era cousa de andar arriba e abaixo despois de refrescarse, ou si, pois ós poucos atopamos un aire que descendía cara o Muíño das Fervenzas, tamén rehabilitado, e acometemos o forte desnivel para visitalo. Tamén nos internamos na maleza seguindo a súa levada ata a chapacuña correspondente, onde outra vez reeditei as miñas aventuras náuticas que agora me semellan case imposibles (ou sen case).
Sorteamos outra vez a pendente pronunciada, pero desta vez ascendendo, co cal se reeditaron os nosos suores, e aínda ascendemos outro tanto máis cara un Pico Sacro que semellaba agochado nalgún punto do monte, pero que non fomos quen de localizar. Menos mal que Yuka deu orden de retirada e emprendemos o regreso por unha pista forestal que, aínda que non fose moi bonita, permitíanos ten unha visión bastante completa do curso do Almofrei que recorreramos. Como curiosidade atopamos unha teresiña, o símbolo do sendeiro, a que fotográfamos como se foxe unha modelo de alta costura, pese a que levantou as súas patas de modo ameazante, para que non a amolaramos máis.
Para amabilizar este anaco da ruta Montse contounos das súas andanzas por Costa Rica, describindo con todo luxo de detalles a riqueza natural daquel país, tan axeitado para esta actividade que nos une. Malia que nos asegurou de que as súas fotos desmerecen bastante do que rexistraron as súas retinas, agardamos que algún día teña a ben compartir esas imaxes con nós, para alimentar esa envexa que xa aniña en nós coa descrición deses paraísos afastados.
Con esas chegamos ó lugar da Bouza, na parroquia do Salgueiral, un deses enclaves rurais onde semella que se detivo o mundo, máis só é unha ilusión, pois este pobo está ben vivo como testemuñan dúas mozas de avanzada idade que están a facer equilibrios para vendimiar unhas uvas que chaman a ser probadas. E fixémolo, xa que nos agasallaron cun feixe de acios, mentres procuraban conversa con nós, ¿de onde vides? ¿a onde ides?, esas cousas que se lles preguntan ós camiñantes en calquera parte do mundo mundial.
De boa gana nos tiñan o resto da tarde a parolar, e mesmo lles axudaríamos na vendima, se non fose que aínda tiñamos camiño por facer, e que tiñamos o tempo preciso para completa-la nosa ruta. Esta levounos ata o barrio de Ameixales, na mesma parroquia, onde levantamos un balbordo de cans que inzaron as inquedanzas dalgunha que xa fora trabada noutra ocasión.
Non chegou desta a sangue o río, e nós démoslle as costas ó pobo para baixar canda el. Xa levabamos un anaco de piche, entre un barrio e outro, e tiñamos ganas de coller outra vez sendeiro. Este levounos outra vez a escoitar o debagar ledo dun tributario do Almofrei, no lugar chamado As Leiras, onde o cruzaba unha fermosa ponte de pedra deses que os veciños sosteñen que é cousa dos romanos. Estaban tolos estes romanos facendo pontes por toda a nosa xeografía ¿non si?.
Internámonos outra vez na fraga, cada quen instalado nas súas conversas ou nos seus silencios (agora non lembro quen estaba con quen ou que falaban ou calaban, e só escoito o son do instrumento musical que levaba Miguel na mochila, e que facía un tintineo agarimoso co seu andar), e non tardamos moito en acadar os Pasos de Portamuiños, onde Maca e Xurxo quedaron atrás, non sei se para mollar os pes ou para desfrutar, algo máis tranquilamente, da beleza dese recuncho enfeitizado.
A bo paso fixemos o resto o camiño que xa nos era familiar, pois era o mesmo que fixeramos na ida, mentres xurdían novas rutas, novos proxectos e algúns antigos que non foramos quen de realizar. Minguaba a luz, o alento do sol, e eu pensaba en que fora un bo comezo para a miña semana de descanso. En Ponte Bora finalizamos a pequena aventura dominical e despedímonos con bicos e apertas ata a próxima.
Algúns aínda fomos ata Carballedo, xa que Montse aproveitou para levarlle algo de alimento o seu can e, xa que estabamos alí, para ofrecernos unhas cervexas coas que refrescarnos. A min sentoume de marabilla: durmir case durante todo o traxecto de regreso a Vigo, quizais soñando con novos sendeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario