Domingo, 27 de febreiro do 2011
A piques estiven de deixarme vencer pola preguiza, e pasar o día estomballado, mastigando a miña derrota. A troula da véspera alongarase ata máis ala do aconsellable, unha vez máis, e non tiven forza de enfrontar o primeiro lostrego de realidade, aquela que me arrincou da inconsciencia, na que estaba tan profundamente instalado.
Pode ser que fosen as once, e pode ser que non levara máis de catro naufragando nas sábenas, e seguro que non pasaron máis de cinco ou dez minutos antes de que, como se fose o estralo dunha bomba de reloxería, saltase a alarma do espertador, para lembrarme de que era, unha vez máis, domingo, e que había que facer penitencia polos pecados do sábado á noite. Non fun quen de erguerme para coller o móbil, e o reloxo acabou destripado debaixo da cama, despois de rebotar contra a parede, e ata que me invadiron unhas ganas rabiosas de alixeirar a vexiga non evaluei os meus próximos movementos.
Cumpría mirar pola fiestra, por si era convinte saltar por ela ou, polo contrario, asaltar de novo ó colchón, e no mundo xa estaba instalada unha primavera que pedía a gritos desfrutala. Cumpría tamén valorar se continuaba na dinámica do domingo pasado, no que subira ó Galiñeiro para protestar contra o proxecto de parque eólico, e baixaba ata Bouzas para sumarme a protesta contra o recheo da ría, ou se lle daba un pouco de caña ó corpo e lles devolvía a chamada ós senhores Botas antes de que marcharan sen min a seguir atesourando carreiros e descubrindo anacos do paraíso no territorio máxico da Gallaecia.
Gañou a segunda opción, quizais porque non tiña o día romántico, ou porque sabía que a senhora Botas de seguro tería unha boa medicina para a miña resaca. Así que tentei xuntar un feixe de palabras para facerme entender polos amigos do Casal de Sistelo, e quedamos para nos xuntar no punto e no horario habituais. Botei os restos da preguiza, xa definitivamente vencida, polo desaugue, preparei unha mochila de emerxencia e puxen o traxe de combate e as botas novas para batallar, unha vez máis, contra a miña sombra.
Fun puntual á miña cita, e os meus amigos non foron menos. Pasaba un cuarto de hora da mediodía cando enfiamos a saída da metrópole, concretando a primeira tarefa do día: decidir un lugar axeitado para xantar, de camiño ós outros camiños que haberiamos de percorrer.
Nun tris estivemos en Salvaterra, xusto cando estaba abrindo “O noso eido”, un deses comedeiros populares que xa escasean na nosa terra onde se come ben, nun ambiente agradable e cun servicio aínda máis agradable, e todo por un prezo bastante axeitado. A pesares de eramos os primeiros clientes, a guapa e retranqueira moza que nos atendeu non tardou nada en nos tomar nota. Apuntou unhas racións de empanada de atún, recen saída do forno, e dúas racións de churrasco de porco, con patacas, críollo e unha ensalada cumprida.
A rapaza lembrouse de nós, e de que eu son bo bebedor de viño, e sorriu cando lles pedimos auga para todos, e máis aínda cando lle apuntamos que andaba de resaca. Esto motivou que non desaproveitara as ocasións que tivo, que foron algunhas, para mofarse do meu estado. Estame ben por abrir a boca... Ata na sobremesa, na que me desafiou a mandarlle un licor café. E non dixen que non.
Os vizconde de Sistelo convidou, xa que estaba de aniversario por partida dobre, xa que por unha parte cumpría aniños, aínda que pola súa forma física semella que máis ben descumpre; e por outra celebraba tamén un ano do proxecto de Sudando Botas, que xa é unha referencia imprescindible, pole seu rigor técnico e polo valor das súas propostas, na galaxia senderista de ámbolos dous lados da raia.
Moito me aledei de que contaran comigo, ou co que quedaba de min despois dunha noite de excesos, para celebrar o primeiro cabodano da posta en marcha deste baúl enfeitizado, do cal saen rutas con encanto, algunhas das cales me descubriron territorios tan máxicos como a Serra Amarela ou Val do Vez, no que xa son autoridades.
Xa comidos e antes de que a preguiza tentara de nós cara as beiras do Miño, cruzamos a fronteira para nos dirixir cara o Val de Poldros, preto de onde partía a nosa ruta, un trilho “desactivado” pola implantación dos eólicos, no concello de Monçao. Pasamos polo inicio do Caminho dos Mortos, un dos meus preferidos nesta parte da xeografía lusa, e a eso das tres chegamos a Tangil, o noso punto de partida.
Tralo ritual dos estiramentos e de dispararlle unha foto ó sinal de inicio do Trilho da Châ das Carreiras, que xa nos indicaba que pasara xa un tempiño dende que os Celtas do Minho marcaran a ruta, iniciamos o recorrido capitaneados pola senhora Botas, con mapa topográfico nunha man e GPS na outra.
Nos primeiros metros xa atopamos un peto de alminhas, e detivémonos, os tres, a fotografalo, seguindo unha tónica que se repetiría ó longo de todo o camiño. Tres eran tres os que disparabamos sen cortarnos ós elementos curiosos que atopamos neste pobo: casas solarengas con fermosos reloxos de sol, medas plantadas como “tipis” no medio de verdes eiras, viñedos que ocupan grandes extensións e, as veces, parte do camiño carreteiro, e moitos lavadoiros, fontes e pozas.
A luz era sorprendente e invitaba a queimar a batería das nosas cámaras, e cando abandonamos o pobo, polo antigo camiño que une Tangil con Modelos, aínda disparamos máis arreo, tal era o feitizo que emanaba dunha fraga polas que avanzabamos, entre valados de pedra vernizado polo brión e o couselo, como de pedra era o firme que pisabamos, alfombrado de follasca.
As cores amables dunha primavera anticipada facíanos aflorar os sorrisos, e as palabras xurdían tamén amables, mesmo tendo constancia de que non sería tarefa fácil dar coa ruta certa, xa que as poucas marcas que atopamos estaban tan difuminadas que só o olfacto do senhor Botas era quen de atopar. Non tiña medo de perdernos, xa que a nosa guía interpretaba correctamente o mapa, e co axuda do seu “meninho”, aínda que tivera algún problema de calibración.
Non cadraban as contas, porque cando chegamos a Modelos, un bonito enclave da serra alfombrado de leiras e viñedos, aínda non fixeramos tres quilómetros, cando a sinalización marcaba seis. Ata o final da ruta non caeriamos na conta de que estabamos a facer o trilho do revés.
Ser como fora o paso pola aldea foi un dos atractivos máis grandes da xornada, que tivo moitos, xa que sumaba ó encanto natural do camiño carreteiro unha boa cantidade de muíños, lavadoiros, petos de alminhas, cruceiros e ata un enorme espigueiro que cruzaba o camiño. Chamounos a atención a cantidade de elementos relixiosos que atopamos, e esto debíase a que parte do camiño coincidía coa ruta de peregrinación cara ó santuario da Peneda.
Á saída de Modelos comezou a diversión, e conforme lle dimos as costas o enclave rural o terreo púxose cada vez máis vertical. Os senhores Botas alternábanse en atopar as poucas marcas do trilho, camufladas entre o brión, a follasca e o fento. Compensaba o esforzo a fermosura da fraga que atravesabamos, sempre seguindo o camiño carreteiro que comunicaba, dende tempos remotos, o val e a serra, a inverneira e a branda.
Bromeei coa amiga do Casal sobre a súa proposta, xa que semella que canto máis escarallado viña máis penitencia me impón, e ela botou a rir coma dicindo: “ninguén te manda andar de can toda a noite”. De tódolos xeitos a protesta esmorecía fronte a beleza das paisaxes que me estaban a descubrir.
Chegamos á Branda do Outeiro tivemos unha tregua entre verdes prados, carballeiras centenarias e un feixe de construccións senlleiras, nas que as boas xentes de Mondelos buscaban refuxio no verán para o seu gando, que aquí dispuña de pastos frescos. No alto da serra daban voltas e máis voltas as aspas dos eólicos de Santo Antonio de Val de Poldros, e mesmo distinguiamos algúns trazos do seu trilho, ven próximo a nós. A nosa guía resolveu que aínda nos faltaba algo de altura para chegar, e preparámonos para o derradeiro tramo de ascenso.
Conforme nos internabamos na serra a fraga ía desaparecendo, e a vexetación mudouse en toxo, uces e carqueixa, entre os que asomaban, como icebergs, grandes penedos modelados pola erosión. As panorámicas dende aquí eran sorprendentes, e os tres falamos do ben que pagaba a pena subir ata aquí. As marcas seguían xogando as agachadas con nós, pero finalmente a experiencia dos senhores Botas sempre daba con elas.
Detivemos un chisco a enredar co esqueleto dun cabalo, primeiro a facerlle retratos da calivera, símbolo primixenio dos Eivadiños, e despois a facerme unha máscara coas coxas que xa quixeran para si os de Sangre Cavallum.
Neste punto comezamos o descenso, e aínda que eu insistín en baixar por unha pista, os de Sistelo insistiron en seguir o trazado orixinal, entre os carrascos, e outra vez tiven que darlles a razón cando atoparon un poste (o primeiro e único que atopamos) que indicaba a boa dirección.
Rematamos o descenso nunha capela de alminhas de dimensións considerables, no Cha das Carreiras, que chamou a nosa atención, xa que nunca viramos tal cousa. Non fai falta dicir que foi fotografado polos tres camiñantes dende tódolos ángulos posibles, e só nos restou subir á arbore que estaba o seu carón para facerlle un plano aéreo.
Cruzamos unha estrada, e o olfacto da senhora Botas deu ca continuación do sendeiro de seguida. Eu estaba marabillado do rápido que resolvía as numerosas dubidas que nos asaltaron no camiño, ela e o seu compañeiro forman un dos tamdem máis eficaces que coñezo na montaña ¡e non o digo por facerlles as beiras!.
Atravesamos outra fraga enfeitizada, e tras dela xurdiron os primeiros campos e casas de Tangil, cando estabamos a piques de cumprir catro horas de andaina. Quizais para algún sendeirista máis esixente lle resulte curta esta ruta, pero podo afirmar que cada metro do trilho ten o seu atractivo, ademais da posibilidade, para os que queiran alongar o pateo, de unilo ó de San Antonio de Val de Poldros.
A nosa chegada ó pobo inzou un balbordo de cans, de miradas curiosas e ata unha inspirada frautista deunos unha serenata para nos recibir. Conseguiramos volver activar o trilho que deran por morto no concello de Monçao, e os Sudando Botas puxéranlle unha alta calificación a ruta, pola cantidade e valor dos seus encantos e pola beleza do seu trazado.
Penso que foi un bo xeito de celebrar o aniversario, e alédome de que me fixeran participe del. Agardo que con esta crónica garden unha boa lembranza de esta xornada, e que non dubiden en contar comigo para o seu segundo aniversario. Adiante, compañeiros! Longa vida a Sudando Botas!.
Mágoa de non ter compartido esta xornada pero se ve que tocaba así para todos, hai palabras que teñen o poder de transportar ao lugar e deixar bolboretas de desexos non cumpridos de compartir con vos o aniversario Sudando Botas. As fotos impresionantes e reflectando os vosos pasos amigos.
ResponderEliminarAperta e parabéns querido creador de imaxes e verbas fiéis
Querido compañero:
ResponderEliminarQuisieramos agradecerte tan bellas palabras, que de bien seguro traspasan los límites de lo verdadero, natural, ordinario o justo, quizás cegadas por el velo de la amistad.
Ya han pasado algunos años desde que nos descubrieses los primeros caminos que recorrimos juntos al otro lado del Miño y desde entonces no podemos dejar de visitar.
Como siempre, es un placer y un privilegio contar contigo.
Un abrazo