E199 O Castro - Ermida da Guía - A Telleira (Covelo)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 13 de marzo de 2011

O inverno esmorecía, e eu con el, sabendo que non habería outra primavera para os Eivadiños. Pero propuxérame chegar ó bicentenario é xa estaba a piques, un pequeno esforzo máis e xa. Habería que sorrirlle ó espertador, lembrando o que foi e o que sería. Ala fora, no mundo, agardaban un feixe de cómplices para sementar novas pegadas. E na Casa Grande un rapaz que madrugara artellando o xeito de se librar das gadoupas dos seus maiores. Non puido ser, aínda que estivo ben o intento, e o Samu tivo que botarse a mochila ó lombo do seu vello tío para ir ó encontro cun destino incerto.

O certo é que estaba escrito, porque xa os senhores Botas tiñan plans e, como é costume nos últimos tempos, non había alternativa. Xunto con eles apareceu o noso Cachorro, que semellaba resistirse á desaparición da historia, e quería facer os derradeiros quilómetros aínda que foxe a pata coxa. E, xa na estrada de Ponteareas a Mondariz, nun comedeiro chamado Casa Antón, agardaban Loli e Nacho, para completa-lo grupo. Catro bicos e dúas apertas despois estabamos todos sentados á mesa, diante dunhas fontes de churrasco coa súa provisión de chourizos, patacas e ensalada. Unha enchenta que non fomos quen de reducir, a pesares de que fixemos un bo intento.

Á sobremesa uníusenos Lourdes, unha rapaza entusiasta dos camiños que, por cousas do destino, tentaba unirse a un grupo a piques da disolución. Aínda así a acollemos con simpatía no noso seo, pois ata nos derradeiros momentos damos mostras de que o importante é o noso caudal humano. Non sabíamos nese intre o seu interese por camiñantes doutra natureza, dos mortos que semellan vivos e saen ós camiños na búsquea da súa ración de carne, sangue e vísceras.

O televexo seguía cuspindo imaxes do Apocalipse, e nada me aledaba que se confirmaran os meus prognósticos de que o fin do mundo sería televisado. Gaia tremía na súa lenta agonía, e o capitalismo non era quen de deter os seus efectos secundarios. Máis aínda, multiplicaba a devastación, o sufrimento, e a incerteza sobre un futuro nada alentador. Outro dos cabalos, o da guerra, andaba a rinchar polo Mediterráneo e semellaba que non habería tregua. O mundo, despois dos Eivadiños, non pintaba nada ben.

Xantamos como se, efectivamente, chegara o fin dos tempos, e a piques estivemos de caer na tentación de botar unha sesta en Mondariz-Balneario para facer a dixestión, e irnos mergullar despois nas augas termais do Pazo da auga.

Máis a nosa comandante non permitiu a deserción, e puxo fin á sobremesa e á cerimonia dos cafés. Así que puxemos rumbo as terras de Covelo, onde nos tiña agochada unha sorpresa.

No noso vehículo escoitáronse os Spiritual Beggars e Moonspell, mentres o de Sistelo facía unha feroz crítica musical, e o Samu pensaba se sería quen de acertar con eses ritmos algún día, aínda que quizais coas baquetas e os consellos que lle agallasara Alex ía ben encamiñado.

Ó chegar a Covelo fixemos un xiro á dereita, como fan os partidos da esquerda en canto se fan cun anaco de goberno, e seguimos as indicacións, xa innecesarias para nós, da Ruta da Pedra do Lobo. Aparcamos ó carón do río do Pozo Piñeiro, tamén chamado río das Caldiñas, de onde parte este curto pero fermoso sendeiro. Na anterior visita dos Eivadiños a esta paraxe comezamos algo máis adiante, e perdémonos este tramo fluvial que, sen dubida, é un dos maiores atractivos que posúe.

Unha, dúas, tres, catro... ata cinco cámaras fixeron aparición nas nosas filas, e disparamos coma se as nosas baterías tiveran munición ilimitada, ante unha primavera que xa chegara, cargada de cores, a estas terras do Condado. Foi un tramo curto, pero de calidade, pois a fermosura do río das Caldiñas derramándose polos penedos, formando pequenas fervenzas e pozas máis que aptas para o baño, cativounos a todos.

Démoslle as costas ó río para afrontar un pequeno tramo de asfalto, que nos levou ó lugar de O Castro, un deses enclaves fermosos de casas senlleiras e veigas reverdecidas, dende onde capturamos as primeiras panorámicas do val do Tea. Aquí mostrounos a sorpresa a nosa senhora Botas, xa que non tiña pensado seguir a Ruta da pedra do lobo, senón outra do seu deseño exclusivo. Cantos camiños descubrimos gracias á súa habilidade para interpretar os mapas e o seu olfacto para buscar sendeiros agochados, carreiros esquecidos ou, o máis difícil aínda, abrir novas congostras polas que avanzar.

Deixamos atrás o núcleo rural, e en animada conversa comezamos a ascender cara o monte, colonizado por carrascos, uces e, máis que nada, toxos. Menos mal que unha pista ampla nos permitía avanzar, na vangarda coma sempre a xente do Casal de Sistelo, e na retagarda o Alex, que xa empezaba a se queixar dunha patiña, e máis eu, abafado polo peso do bandullo, dos anos e da falta de sono. Nun penedo fixemos un alto, aproveitando que había unha cadeira abandonada, pero non fixemos por nos sentar, senón que dedicámonos a retratar a Loli e máis a Lourdes facendo equilibrios enriba do penedo e (case) da cadeira.

A guía volveunos arengar e puxémonos en marcha, unha vez máis. Os ceos anunciaban treboada sobre o val do Tea, e tentaba buscar acubillo antes de que caese sobre nós, como na banda animada de Asterix. Quizais eso animouna a abandona-la pista e buscar un atallo entre os toxos, ou quizais xa o tiña planeado (eu penso que algo deso había). Así que ascendemos entre a toxería por un estreito carreiro que, as mais das veces, so existía na nosa imaxinación. O Samu laiábase de non estar en Abelláns, deitado diante do televexo ou da videoconsola, e a Lourdes lle preocupaba máis que nada atoparse con algunha alimaña, mentres o Nacho, máis afecto ós aloumiños dos toxos, entoaba unha cantiga para nos dar folgos.

Ao lonxe divisamos unha ermida sobre un outeiro, e informáronnos de que ese era o noso obxectivo, así que apertamos o paso e, finalmente, conseguimos saír a unha pista na que houbo máis dun sorriso de alivio. Volveron as conversas amables, aproveitando que rematara o desnivel e as trabadas da toxería, e non tardamos moito en chegar á Ermida da Guía, unha construcción senlleira de pedra, onde o Samu pediu praza de esmoleiro mentres o resto da tropa subía ó alto do outeiro, presidido por un cruceiro. Dende alí as panorámicas eran fantásticas, pero pouco nos relaxamos, xa que comezou a poallar e dimos en continuar o camiño.

O máis curioso do lugar era unha pequena capela, enfrontada ó templo, onde había un santo decapitado o que, a falta de cabeza, puxéranlle unha pedra no seu lugar. ¡Cousa do noso señor Satanás, seguro!. Por se acaso, priveime de botar máis aturuxos pola fiestra da ermida e puxémonos de novo en marcha.

Avanzamos por unha pista forestal con bo ánimo, tanguidos pola vara infatigable da nosa guía, ascendendo por uns montes de Covelo que se me antollaban afastados do mundo, e sen embargo tan pretos daquel que, durante un tempo, foi refuxio de naufraxios. A ameaza da treboada quedou en eso, en ameaza, e a poucos puidemos pecha-los paraugas e as carapuchas, e entramos nunha fraga de piñeiro vermello que semellaba o escenario idóneo para un filme de terror. Lourdes interesouse polo tema, e entre Alex, Samu máis eu fixémoslle un catalogo tan extenso de vísceras e sangue, gritos e lóstregos, e coitelos e motoserras, que a rapaza pediunos a lista por escrito.

Trala fraga tivemos un momento de incertidume, resolto polos senhores Botas á brava, e baixamos a escacha pexegueiros por un outeiro ata dar con outra pista que a poucos transformouse en congostra, a congostra en canicouba, a canicouba en corredoira, e así ata chegar o lugar da Telleira, cando xa o sol comezaba a esmorecer. Andivemos para adiante e para atrás, nun deses bailes que sempre se dan entre lusco e fusco, cando non son certos os camiños, e as direccións semella que teñen máis de dous sentidos.

Para asegurar fixemos un tramo de asfalto, xa que non era tempo de perderse, e non tardamos en chegar, xa coas tebras colonizando ó noso mundo, ó entorno enfeitizado do río das Caldiñas, onde nos aventuramos a retratar as derradeiras postais para esta viaxe fantástica que foi Eivadiños. Son moitas as pegadas, os sorrisos, os suores, as maniotas e as verbas compartidas, e máis que serán, sexa na fórmula que sexa, porque son moitos os camiños, pero todos levan ó mesmo sitio, a ese imaxinario no que se mesturan os lugares comúns e os seres queridos, e onde permanecen aínda que desaparezan.

Non deu para máis a xornada, a nosa historia, nin para menos. Un feixe de corazóns latindo como un só, cadaquén arrastrando a súa eiva e axudando a levar a do compañeiro, pois este foi o noso espírito, alleo a competicións, rivalidades ou envexas. Podémolo facer mellor, pero polo menos intentámolo. Sementando pegadas, verbas e sorrisos que permaneceran invisibles baixo a follasca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores