In memoriam

Duascentas caminhandas son moitos pasos. Case cinco anos, creo, calcorreando os camiños do mundo ou inventándoos, inventándose a cada paso con esa fórmula imposible que Eivadinhos foi. A fórmula que posibilitaba compaxinar noite e pateo, comida e pateo, amizade e pateo, literatura e pateo, eivas e pateo.

Por iso Eivadinhos non morre, porque é una fórmula necesaria. Desactívase a marca, está ben que as cousas teñan un punto final recoñecíbel, pero a idea continua como continúan os carreiros e os afectos.

Eivadinhos xa non existe como razón social pero permanece non só nos afectos como tamén niso tan importante e que constituíu outra das marcas constitutivas da súa cerna. As crónicas. Unha inmensa colección de crónicas, escritas e visuais, que nos permiten a todos revivir e coñecer aquilo que foi e que, pola arte desta maxia previsora, continua sendo. Moitos pasos e moitas palabras.

Porque, qué cousa somos senón memoria?. Memoria de nós. Iso é o que permanece, si permanece, unha vez que non estamos. No caso que nos ocupa a lembranza queda porque Eivadinhos foi construíndo e afortalando a súa memoria pateada a pateada, crónica a crónica. E non foi casual, foi marca da casa, elemento fulcral e identificativo.

E acontecerá que outros camiñantes eivados teñan precisión de seguir pateando na medida escasa das súas posibilidades e acontecerá tamén que algúns amantes da noite amen tamén as canicoubas. E, inevitablemente, acontecerá que alguén teña que reinventar esta cousa grande que Eivadinhos foi. E segue a ser.

O que non sei se acontecerá é que haxa un corazón disposto a partirse a alma nas mañás do domingo pelexando contra o sono por manter aceso un soño, un facho de ilusión polos camiños. Iso non sei se acontecerá. E se acontecera, dubido que eu volva te-la sorte de estar no lugar e hora axeitada para formar parte, sequera minúscula, dunha ilusión tan grande que non cabe no peito dos homes normais e solo no dos bos e xenerosos. Que non abundan.

En calquera caso, mentres a vida segue e nós con ela, quédanos a memoria. Grande cousa.


Zalo de Paramos. Marzo do 2011

3 comentarios:

  1. Querido mestre: é ben certo que non somos outra cousa que memoria, e esas lembranzas son as que nos sobreviven, as que fan que sigamos existindo para os que compartiron a nosa historia. Esa memoria levame a aquel primeiro día, cando me descubriches as terras do Coura, o comedeiro de San Pedro da Torre e o Arroz Malandro, e me legaches unha fórmula máxica que foi quen de ilusionarme durante estes case cinco anos. Foron moitos camiños compartidos, nunha sementeira de pegadas que ha de xerminar sempre as nosas lembranzas, e moitas as verbas espalladas, que grazas a ti estiveron limpas de contaminacións foráneas. Grazas, meu amigo, polo teu alento e pola túa paciencia.

    ResponderEliminar
  2. Está visto que o meu sinal de identidade e chegar tarde a todo.
    Levo moito tempo sen me conectar ao ciberespazo pero hoxe tiven un burato baleiro por onde se colou o tempo e con él as ganas de ver como lle van os camiños o señor das eivas o Gurú inda sen rastas dese grupo ecléctico que papa e camiña que son duas das tres cousas principias na vida, a saber: papar, camiñar e fod.. e que calquera médico no seu san exercer recomenda a cotío…
    Oi qué carallo! Xa me estou liando…
    Vouche o caso; e o caso é que adoitaba percorrer algún dos camiños eses coa imaxinación dende a tua literatura e coas imaxes físicas que é outro xeito de literatura, e… carallo, un obituario!. Pero quén morreu aquí o?
    Resulta que morre o chollo todo, e non de morte morrida senón de morte matada que inda é peor…
    Xa me fodeche (en sentido figurado, xa sabes, mariconadas las justas), eu que merquei botas novas, os palistroques eses para non cair, un jorro que o mesmo da para camiñar que para ir pescar e un pantalón deses todo cheo de remendos que din que son os tales para estes menesteres, e vas ti e matas o chollo de eivadinhos. Qué vou facer eu agora? Porque non sei se os chinos vanme voltar os cartos de todo isto “Chu Li no devuelve dinelo Chu li cambia pol tupelware o pol fideo chino mucho bueno…”
    O dito, sempre chego tarde ós vivos e agora tamén ós mortos.
    Foron moitos camiños amigo, seino porque seguinos en crónica e ata tiven tempo de estar presente con vós nunha pateada e media (a media só foi unha cervexa mentres lle metíades man e boca o malandro).
    Eivadinhos é unha aventura maravillosa abofé, e non sei se estou moi de acordo con iso de ser contenedores de memoria porque penso que non hai nada peor que desterrar a vida ao contenedor da memoria, porque iso é como o dos premios Nobel, danchos cinco minutos antes de que morras e unha vez morto que lle den polo cú a memoria.
    Estamos vivos e hai camiños, fame e mulleres fermosas así que a papar, camiñar e f….. e a memoria para os deudos, qué carallo!.
    Oes, qué tal unha pateada eivadinha de despedida, eu apúntome (me ponen los funerales)
    Unha grandísima aperta para ti, amigo na curta e salvable distancia, e para todos os bos e xenerosos que formades parte desa fermosa banda de eivados.

    ResponderEliminar
  3. .


    Belíssimas fotos.
    Um abraço.

    silvioafonso







    .

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores