E272 Ruta AQA (Covelo)




Sol, 9 de decembro de 2012


Había tempo que procuraba eu unha ocasión axeitada para facerme presente nesta nova xeira eivadinha. Eivadinha sin Z.

Presentouse nesta ponte da constitución así que decidín pórme en contacto co Anxo. Unha camiñada relaxada de tarde de domingo non me viría mal. Tampouco o reencontro nos camiños con xente do meu aprecio.

Logo de almorzar nese lugar que é historia viva de Puxeiros, o Gallardo, popularmente coñecido pol’A Romana, achegueime ao punto de encontro e atopei ao Anxo alí diante dun café. Algo mais tarde aparecéusenos o Xacobe en carne mortal e mais logo a Lorena. Os dous primeiros son antigos, que non vellos, compañeiros de carreiros cos que xa había tempo que non compartía pasos aínda si outras actividades non pateadoras. A outra érame descoñecida.

O Anxo propuxo, e obtivo o acordo xeral de Xacobe  e meu, ir ás partes de Maceira. Eles xa tiñan ido e quedáranlles ganas de volver para facer a ruta completa que non puideran rematar naquela ocasión. Por min, aínda está por chegar o día no que non compense camiñar polas beiras do Tea así que me pareceu mellor que ben. Así que, cando Lorena chegou,  introducímonos os catro no seu Saxo e tiramos millas cara as terras de Covelo. O Anxo quixo botar unha soneca no camiño pero non lle deixamos. Outra vez será.

Chegamos á praia fluvial de Maceira e a min viñéronme á memoria outras camiñadas  e outros tempos cando un feixe da xente, entre os que tamén estaba o Padín, invadimos aquel lugar baixo unha chuvia forte e persistente que nós desafiabamos. Non había chuvia nesta ocasión e o tempo estaba espléndido.

Á ruta puxéronlle o nome de AQA. Eu que sei. Non quero falar dos nomes das rutas senón danme as doce. O caso é que nos dispuxemos ao choio.

O comandante, que hoxe ía mesmo de comandante, -tocado cun kepis verde caqui cunha estrela vermella de cinco puntas na fronte- quería comezar pola parte que eles non tiñan feito pero dado que as marcas e a información non deron para iso optamos por ir polo camiño coñecido, por eles que non por min, coa esperanza de logo conseguir enxergar coa parte que descoñecían. E así fomos indo. Pegamos nun camiño verde como o da cantiga, paralelo ao Tea que bruaba cada vez mais fondo.

Ao pouco abandonamos o camiño para nos achegar ao río baixando por unha ribeira íngreme entre unha densa mata de arboredo autóctono. Ante nós a Poza do Anguieiro, onde o regueiro do Anguieiro colabora a aumentar o caudal do Tea. Unha poza, inmensa, coas augas limpas e transparentes. Pensei que tal vez noutros tempos xa estariamos metidos naquela auga que nos incitaba. Pero foi que non, acababamos practicamente de comezar a camiñada e os corpos aínda estaban fríos. Ou iso ou é que xa foron tempos os de bañarse en calquera situación se o lugar o requiría ou mesmo sen o requirir.

Se non fose porque os que amamos os camiños non precisamos de coartadas, o topar un lugar coma este xa compensa o esforzo dunha camiñada. Non hai ningunha outra maneira de achegarse aquí que non sexa andando. Nin outra mirada posible que a da impresión, mesmo do arroubo, permítaseme a sensiblería.

Desta vez todos eran fotógrafos, menos o que subscribe, así que o lugar debeu quedar convenientemente retratado.

Deixamos o lugar porque tiñamos as horas contadas xa que os días son curtos nesta época do ano e continuamos cara Redondo deixándonos conducir por unha unha levada antiga – as levadas son agasallos para os camiñantes-  que cruzaba a fraga ao longo. Alí decidimos facer un aire a Barciademera seguindo outra levada, outro agasallo. 

Chegamos a unha fermosa ponte de pedra sobre o río Caraño e decidimos que sería boa cousa comer naquel entorno bonito e logo achegarnos a tomar un café na praza de Barciademera.

O rumor da auga baixo a ponte, as pedras desgastadas, un home cun cabalo que se nos cruzou, facíanos recuar no tempo e imaxinar o ir e vir de centos e milleiros de xentes e bestas que terán deixado pegada nestas pedras. As mil historias que a ponte podería contar. Pero a ponte continuaba muda mentres nós dabamos conta das nosas viandas e os meus tres acompañantes fotografaban todo o que existía.

Aínda nos achegamos aos muíños de Portofurado que están alí ao lado e son unha serie de varios muíños que aproveitan a mesma auga. Estes de certo que tamén terían historias que contar se os muíños contaran historias.

Alí decidimos dar volta para Redondo e retomar a ruta pois non dispuñamos de moito tempo e o café debería agardar mellor ocasión.

Chegados de volta a Redondo demos cunha capela e unha escola enfeitados con estrelas de cinco puntas que facían xogo coa estrela representativa do poder popular que ornaba a gorra do noso comandante. Tamén podía ser a estrela da Texaco, como non tiña cor non sabemos.

Houbo foto de grupo nun palco pintado coas cores da bandeira galega e xa iniciámo-lo descenso até outro dos lugares que, como a Meca, hai que visitar ao menos unha vez na vida. Os Pasos de Lourido. Teño pasado por uns poucos pasos de poldras xa, pero así de repente creo que non lembro ningún mais bonito que este nin mellor conservado, e digo conservado, non restaurado.

Como manda o canon o leito do río estaba empedrado o que daba fe do paso de carros. Os esteos, coma dentes chantados no río, estaban desgastados de décadas de pasos, de alegrías e mágoas, de historias que os pes deixan marcadas nas pedras e que os nosos propios pes agora absorben.

Trasposto o río, unha costa beirada de valados cubertos de brión apartábanos do Tea  achegándonos a Lourido e recordábamos que a peste existe. Un bosque de eucaliptos tentaba asfixiar  o camiño. O chan cheo dos restos das cáscaras medio podres destes invasores deixaba ver nalgúns lugares os restos do empedrado e noutros unhas enxorreiras recentes tiña lavado a terra. O pequeno grupo continuaba xa co comandante un pouco eivado, como debe ser para facer honra ao nome do grupo.

Aínda fixemos unha última paradiña en Lourido para admirar as vistas do val do Tea e xa estaban a un tris de apagar a luz no mundo cando chegamos de volta á praia de Maceira.

Logo desta fermosa tarde de carreiros e muíños e levadas e conversas e pasos e regueiros e pontes e fragas aínda lle fomos tomar un café á reitoral de Fofe para que a xornada fose completa e logo o Saxo de Lorena devolveunos á Portela de Puxeiros. 

E así foi ou ao menos eu así o lembro este reencontro cos Eivadinhos nas marxes do Tea, nun lugar antigo coma o tempo, lendo unha vez mais ese libros que se leen cos pés que os camiños son.

 Até outra que nin se sabe cando nin a onde. Tampouco hai que sabelo todo.


Zalo de Paramos. Decembro do 2012


4 comentarios:

  1. Meu querido mestre e compañeiro de tantos carreiros e congostras: volver sementar pegadas e palabras contigo dánlle un novo pulo a esta modesta empresa, que máis alá de intencións móvese por afectos. Foi un verdadeiro pracer mesturar os meus pequenos pasos coas pegadas das túas botas de sete leguas, e que nos acompañaran tamén ese corazón grande de Xacobe, xunto con novos valores nos nosos camiños coma Lorena (e Fada, que non hai que esquecer). Non sei como nin cando, pero seguiremos por ti agardando...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Certo, esquecinme da fada na crónica. Agardo que non mo teña en conta.

      Eliminar
  2. Viciosillos, non sei qué buscábades exactamente neses máxicos montes pero atopáchedes ¿tal vez sen querelo? un bó exemplar de "Phallus impudicus" ben erecto e ameazante. Andade con coidado polos camiños e veredas que nunca se sabe qué che pode agardar detrás duns matoxos, un lobishome raiboso, unha muller barbuda ou unha verga escapando da luz... Calquera dia destes compartiremos pegadas e eivas ainda que sexa con resaca e sin durmir...

    ResponderEliminar
  3. Grazas Zalo, un pracer, verémonos noutra!

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores