E276 Mosteiro de Oia-Sabarís (Oia-Baiona)



1/1/2013



Xa viña un par de días cavilando na idea de saír a patear o primerio de ano. Quedaba só e me agoniaba  o escenario dun día estumballado no sofá ou abollando a espera da noite. Facía meses que non subía a Grova e mais ou menos iso é o que tiña en mente.

Vestinme de bonito para saír a noite de Fin de Ano, pero só serviu pra que me tomasen o pelo e que os zapatos lustrosos me machucaran os pés;  co medo a pasar frío me pasara no grosor dos calcetíns. Chegado a un punto xa non aguantaba os pés e tódalas cancións que pinchaban no Choco me parecían a mesma. Quizais soasen todas iguais pois o equipo de son non daba para mais, e as ondas amortecíanse nos corpos dos mortais que trataban de facer dunha noite vulgar a máis feliz do ano.  Ademais temía que unha rozadura ou bocha estragaran meus plans pedestres.

As 6h da mañá xa deixara á moza en Beade e ía camiño de Sabarís. Acendín a máquina de pensar e comecei a calcular as horas de sono precisas, a ruta, as horas de luz de que disporía, as forzas que me quedaban, …. iso me mantivo esperto a media hora que conducín ata casa. Descartara subir a Grova dende Bahíña, pois o recordo que tiña e que dende os incendios e as inundacións, os camiños quedaran estragados polo paso da maquinaria pesada,  o monte bastante arrasado, e intentaran domalos regatos con pedras e formigón. Faláranme do camiño portugués da costa e aínda que prometía bastante asfalto, me reconfortaría a brisa e a visión do mar batendo nas rochas.  

Entrei na casa e acendín o ordenador para pesquisar algo de información en internet. Saíndo de Oia tería que camiñar 18.5 km ata a Baiona e algo máis ata Sabarís. Parecía bastante pra despois dunha noite de troula, pero estaría localizable en caso de que me abandoasen os folgos. Ademais me convenceu que antes de Silleiro, se rompese a monotonía do litoral,  subindo  polo monte e pasando por detrás do faro para entrar a Baiona  polo barrio do Burgo. Alí empataría co Camiño Real e metería a directa para chegar a fonte do Pombal e  lavala cara xusto antes de entrar na casa.  Xa posto a argallar o pateo, collín a roupa pro día seguinte e deseguido tireime na cama anheloso de durmir.

Tiña o espertador para a 1 da tarde, pero as 12h abrín os ollos coma un moucho e erguinme dun brinco. Almorcei e pospuxen o xantar para hora da merenda cando regresase a casa. Tiña sobras da cea e daría boa conta dun bacallao con ameixas.

O windguru non daba chuvia polo que collín un simple chubasqueiro fino coma cortaventos, pois seguro que a beira do mar sopraría suficiente para meterme a friaxe no corpo. Primer erro,  pois a choiva que viría non sería suficiente para aparecer nos rexistros pero sí para mollar dabondo a un camiñante.

Tirei pro mosteiro de Oia e a medida que rodaba sobrepasaba  a distancia que o meu imaxinario fixera dos 18.5Km que dicía a ficha do camiño de Santiago . Estiven por afrouxar nas miñas pretensión, botar o coche cara a cuneta e arrincar dende calquera punto onde puidera deixalo aparcado.  Finalmente cheguei ó barrio do Arrabal, aparquei na beira dun camiño, e ante o estupor dun vello que coidaba dunha cabra, fixen a foto de rigor do mosteiro e tirei a andar dirección norte.

Aínda non levaba 10 minutos camiñando cando, chegando a Casa da Culpa,  sufrín a primeira chuvieira. Algún pecado cometera para que xusto ó chegar ó lugar onde os veciños de Pedornes pechaban ós rateiros, me caíra esta penitencia. Gardei a cámara e lamenteime de non poder retratar os restos deste antigo penal  rural. Na primeira hora o camiño foime levándome por carreiros e algúns tramos polo carril bici, pero o que viu despois se me fixo insufrible. Papei asfalto dende Mougás ata Punta Centinela que xunto coa a observación dos horrores do feísmo galego, se me fixo unha tortura. Dende galponadas ata casas con ameas e escudos heráldicos, e incluso unha finca con decoración de tapacubos de coche. Pode que algún día un dos temporais que azotan periódicamente Oia, faga xustiza e devolva a costa o seu esplendor orixinal. Levaba 10km e nuns 20 min acadaría o Faro de Silleiro. Posto que meus pés xa clamaban por pisar un pouco de terra, decidín revivir a fazaña Peñasco 3 – Sabarís 20, que me levara xunto a Panete dende Punta Centinela ata a miña casa. Daquela fixeramos xuntos algunhas pateadas para manter vivo o espírito dos Eivadiños namentres Anxo se recuperaba da caída en Monteferro.

Sabía que si acadaba o alto da serra, atoparía algunha pista que me levase cara a Baiona polo monte. Cheguei o restaurante que agora se facía chamar Mar 3 pero mantiña o blasón co helmo en sobrerrelieve. Non sei de onde saíu nesta zoa da costa tanta simboloxía medieval.

Crucei a estrada e tirei monte para arriba. Comecei a subir unha forte pendente e caíume a segunda chuvieira. Aínda por riba me trabucara nun cruce e a pista me levaba novamente cara ó sur. Desfixen o camiño e tomei desta vez a outra opción. Volvín a apretalo cu, cravar os bastóns e subir a trote cochinero. 

Cando cheguei arriba xa deixara de chover e un solciño me quentaba as costas mentras camiñaba. Me levantou o ánimo xa sentirme no monte, ver algunhas vacas e atopar as marcas do sendeiro das Greas. Deixeime levar polo recordo pois as pegadas de cando camiñara por estas pistas con Panete xa as levara o tempo. Algo variei pois desta vez fun dar un pouco mais abaixo de Chan da Lagoa.  Xa postos a improvisar segundo a marcha, decidín non baixar por San Cosme coma tantas veces fixera e tomei pola primeira pista que se me puxo diante. Ía ben encamiñado pois da dereita me chegaba o rumor do río Bahíña. Chegui ó embalse. E ainda que levaba unha boa sudada enriba, e me viría ben unha inmersión, agardaría pra bañarme naquela auga, pero regado pola ducha da casa. Tirei unha foto con refrexo, composición adeprendida do comandante, e costa para abaixo.

Chegue a Bahíña, subín polo camiño da escola vella cara a igrexa e unha vez máis esbozei un sorriso ó miralo palco “máis pequeno do mundo”. Malamente caben dous gaiteiros e un tamboril, pero seguro que deu pra bos bailes e mais dunha parella saíu amarrada pra sempre daquel adro.

Nese momento, xa me daba igual a terra, o asfalto ou a gravilla, así que preguntei a un veciño como ir pra Pontenovo. O home ben intencionado mandábame polo camiño mais bonito que é seguindo o curso do río, pero a mín xa só me valía a liña recta. Así que onde o home dixo que á  dereita eu collín pra esquerda. Como a sorte nunca falla os Eivadiños, atopei novamente as marcas das Greas. Xa estaba feito. Pouco mais adiante din co Camiño Real, e aínda que non tiña coroa nin séquito o seguiría pra chegar o meu castelo. Alí estaban outra vez as frechas amarelas, pero coma non viñera o apóstolo onda min, eu non pensaba ir abrazalo.

Xa sentía o arume do bacallao, que me fixo camiñar coma se levase as Chirucas de 7 leguas. Collín aire, subín as escaleiras e cando o exhalei xa estaba baixo o auga quente.

¡Feliz 2013!




2 comentarios:

  1. Meu Queridiño: Disfrutei sinceiramente desta túa crónica, que non desmerece para nada ás últimas publicadas nesta bitácora, a pesares da competencia que se inició neste novo ciclo Eivadiño. Agardo con impaciencia o reportaxe fotográfico, aínda que aquí non agardo sorpresas: deseguro será outro excelente resumen do teu ollo privilexiado. Lamento que non despediras ben o ano, e se algo teño que ver no asunto pido disculpas e cumprirei a penitencia que me impoñas... pero na próxima conta con nós, carallo, que xa sabes que aínda temos folgos para ir camiñar sen durmir, como nos vellos tempos. Unha aperta grande e agardo que este domingo volvamos sementar pegadas...

    ResponderEliminar
  2. A mellor das crónicas para comezar o ano. E a mellor das decisions para tomar despois dunha noite desas que as veces é mellor esquecer. Boa decisión secretario, ainda que o asfalto estragase os teus pes mais que os zapatos "de bonito". Fixéchesme lembrar as miñas andainas por eses lares xa esquecidos na memoria. Tamén desexo ver esas fotiños xa!. Biquiños para o home que bautizou este (agardemos) bendito 2013.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores